DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 03 de febreiro de 2010 Páx. 1.339

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2010 pola que se convocan tres cursos para a obtención do diploma de directivo da Xunta de Galicia.

Aprobado o Programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2010 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócanse tres cursos para a obtención do diploma de directivo de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitantes.

Serán requisitos necesarios para a realización dos cursos:

a) Estar na data da convocatoria en posesión do título de licenciado ou diplomado universitario.

b) Ser funcionario de carreira, ou persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, dos grupos A ou B, en situación de servizo activo ou de servizos especiais en calquera das administracións públicas existentes en Galicia.

c) Ter prestado un mínimo de tres anos de servizos na Administración pública ou de cinco anos no caso dos diplomados.

d) Ter acreditado o coñecemento de lingua galega a nivel de perfeccionamento mediante título oficial.

Dous terzos do total das prazas convocadas (50 prazas) quedarán reservadas para o persoal da Administración autonómica que estea comprendido no ámbito de aplicación do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, así como para o persoal comprendido no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, que ocupe postos de traballo de xestión sanitaria que non teñan carácter asistencial.

Ás prazas do terzo restante (25 prazas) poderá optar o seguinte persoal:

-O restante persoal comprendido no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

-O persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde.

-O persoal docente ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

-O persoal funcionario de calquera outra das restantes administracións públicas existentes en Galicia.

No suposto de que as prazas reservadas a calquera dos grupos de persoal non chegasen a cubrirse na súa totalidade, as sobrantes engadiranse ao outro grupo.

Segunda.-Criterios de selección.

A selección dos aspirantes será efectuada por unha comisión designada para este efecto, de conformidade co previsto no artigo 6 do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, e constará de dúas fases:

*1ª fase: valoración de méritos.

A puntuación máxima desta fase será de 7 puntos e aplicarase o seguinte baremo:

A. Por experiencia nun posto directivo no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia: 3,5 puntos.

As fraccións de ano traballado nun posto poderán acumularse ao tempo traballado noutro posto. As datas de referencia, para os efectos do cómputo do tempo, serán as que figuran na dilixencia de toma de posesión e cesamento. Esta experiencia deberá ser certificada polo responsable do servizo de persoal do que dependa o solicitante.

A puntuación por mes completo nun posto directivo será de 0,10 puntos.

B. Por experiencia nun posto directivo noutros ámbitos tales como o da empresa privada: 1 punto.

Esta experiencia acreditarase mediante a presentación dunha copia compulsada do contrato laboral subscrito ou dunha certificación do acordo de nomeamento expedido polo órgano competente segundo os seus estatutos, no caso de tratarse de sociedades.

A comisión de selección poderá considerar a experiencia en postos directivos noutras entidades asimilables á empresa privada, tales como as organizacións do terceiro sector ou a administración institucional, e valorará a relevancia da entidade en que prestou servizos así como a responsabilidade do posto ocupado.

A puntuación por mes completo nun posto directivo será de 0,05 puntos.

C. Pola posesión de cursos específicos para directivos impartidos por escolas ou institutos de Administración pública, nacionais ou estranxeiros, ou por entes privados: 0,75 puntos.

a) Por cursos de 80 a 150 horas: 0,50 puntos.

b) Por cursos de máis de 150 horas: 0,75 puntos.

Estes cursos deberán versar sobre algunha materia relacionada directamente co contido do curso obxecto desta convocatoria.

D. Pola posesión do título de doutor: 0,25 puntos.

E. Por publicacións de monografías ou artigos sobre temas relacionados coa dirección e xestión nas organizacións públicas: 0,75 puntos.

a) Por cada monografía: 0,50 puntos.

b) Por cada artigo: 0,15 puntos.

Só se valorarán as monografías ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN que estean debidamente acreditados.

F. Pola participación en proxectos de investigación competitivos, sendo estes recollidos nas convocatorias públicas de I+D+i da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e da Unión Europea: 0,25 puntos.

G. Por coñecementos de idiomas comunitarios debidamente acreditados: 0,50 puntos.

-Por certificado de aptitude de nivel avanzado dunha lingua comunitaria: 0,50 puntos.

-Por certificado de aptitude de nivel medio dunha lingua comunitaria: 0,25 puntos.

A valoración do certificado de aptitude de nivel avanzado dunha lingua exclúe a do certificado de nivel medio da mesma lingua. Só se valorarán os certificados de cursos de idiomas expedidos por institucións oficiais.

A comisión de selección, unha vez concluída a fase de baremación, publicará os resultados na páxina web (http://egap.xunta.es) e nos taboleiros de anuncios da EGAP, concederá un prazo de 3 días para presentar as reclamacións que se consideren oportunas. Pola súa vez, a mencionada comisión determinará a puntuación mínima requirida para acceder á segunda fase do proceso de selección.

*2ª fase: a entrevista.

A puntuación máxima será de 3 puntos. A comisión valorará as condicións intelectuais, as calidades humanas e profesionais e a capacidade de liderado e motivación dos aspirantes. Así mesmo, valorarase a defensa da memoria mencionada na base sétima da convocatoria e a súa adecuación aos requisitos do curso.

Terceira.-Características dos cursos.

Duración: 150 horas, divididas sen 88 horas presenciais, entre asistencia a contidos teóricos, seminarios, conferencias e 34 horas semipresenciais con sesións de traballo en equipo para o desenvolvemento dos proxectos (20 na aula e 14 a través da teleformación); ademais de 28 horas de traballo en equipo por conta do participante..

Lugar: os cursos desenvolveranse en varias sedes aínda que a principal será a propia EGAP, situada no Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela.

Datas: 1º curso: do 10 de marzo ao 11 de xuño de 2010 - 2º curso: do 11 de marzo ao 11 de xuño de 2010 - 3º curso: do 19 de setembro ao 3 de decembro de 2010.

Horarios: os xoves, das 16.00 ás 20.00 h e os venres das 8.00 ás 10.00 (teleformación) e/ou das 16.00 ás 20.00 h (coa excepción de dúas sesións de venres que terán lugar todo o día das 10.00 ás 19.30 h en sede distinta á EGAP).

Prazas: 25 en cada curso.

Contidos básicos: Dirección e xestión pública; análise e avaliación de políticas públicas; xestión de proxectos en organizacións públicas; organización e planificación estratéxica pública; marketing en entidades públicas; a xestión pública e a calidade nas organizacións públicas; os sistemas de información na Administración pública.

As clases completaranse con conferencias por conta de especialistas cualificados.

Obxectivos dos cursos:

1. Introducir os empregados públicos con responsabilidades directivas e semidirectivas nas técnicas de xestión e de habilidades directivas necesarias para liderar equipos de traballo de alta dirección pública, desenvolvendo as competencias directivas e semidirectivas innovadoras (análise, interpretación, participación, proxecto, grupo de traballo e marketing interno) e aprendendo a pór en marcha equipos de traballo integrados e cooperativos.

2. Facilitar espazos de aprendizaxe e de intercambio global de experiencias entre os participantes nos cursos, e entre estes e outros grupos directivos da Administración autonómica, da Administración xeral do Estado, e das administracións locais, cos que colaboren en proxectos intergobernamentais.

3. Resolver problemas estratéxicos de cada participante, orientando a aprendizaxe cara á innovación organizativa e a gobernanza multinivel en que están inseridas as diferentes organizacións públicas que compoñen a Xunta de Galicia.

4. Procurar unha cultura mixta de acción pública, é dicir, baseada no entendemento entre as diferentes administracións públicas (autonómica, local e universitaria) e que na súa vez non sexa allea ás iniciativas da sociedade civil que comparten actitudes privadas e públicas.

Metodoloxía, seguimento e avaliación:

1. Os cursos para a obtención do diploma de directivo articúlanse en torno a unha metodoloxía mixta na cal destaca a reflexión sobre problemas actuais das organizacións públicas, a resolución de casos prácticos, e a participación en actividades complementarias, que integrará os principios e valores da dirección pública con novos modelos de xestión estratéxica e de mellora continua aplicables ás organizacións públicas (habilidades, análise estratéxica, participación, intercambio, orientación ao cidadán e calidade). Esta metodoloxía de acción-investigación, de integración, desenvolvemento e aprendizaxe estará presente nas diferentes etapas dos cursos.

2. O ciclo de traballo dos cursos sitúase en catro tipos de espazos:

-Un espazo común de aprendizaxe integrado polas experiencias do grupo de traballo a través do desenvolvemento dun proxecto grupal e o debate en equipo sobre temas de relevancia públicas, que confire sentido a todas as actividades do programa e que incorpora as propostas dos participantes.

-Un espazo de políticas e ferramentas públicas, desde o cal se difunden aqueles coñecementos básicos para o desenvolvemento da actuación pública.

-Un espazo de competencias e habilidades directivas, ao xeito de seminarios de xestión e innovación.

-Un espazo de presente cara ao futuro no cal se mostren as tendencias de cambio ás que están sometidas as organizacións públicas, cun formato de conferencias e coa participación nun seminario de interese organizado pola EGAP..

3. Os módulos desenvolveranse seguindo unha metodoloxía mixta (blended-learning) presencial-distancia: os xoves pola tarde (presencial) e os venres pola mañá (teleformación) e pola tarde (presencial). Os alumnos poderán dispor dun soporte virtual e-reading (en liña), que lles permitirá acceder a documentos destinados á realización do proxecto, a través do cal poderán realizar unha lectura común e intercambiar os documentos en rede, o que facilitará a intercomunicación entre os participantes e os propios grupos de traballo dos que forman parte. Ao longo dos cursos estableceranse dúas sesións que se desenvolverán fóra das instalacións da EGAP seguindo a liña de formación fóra da aula.

4. A dinámica activa, flexible e altamente participativa desta edición do curso para a obtención do diploma de directivo da Xunta de Galicia implica unha clara corresponsabilidade por parte dos alumnos asistentes. Búscase así a participación activa nos contidos teóricos e prácticos (estudos de casos e dinámicas) dos módulos e a obtención dos bos resultados no proxecto final. Cada alumno ao finalizar os contidos teórico-prácticos presentará un proxecto final que deberá ser avaliado positivamente por un tribunal integrado por profesores participantes no programa e avaliadores externos.

5. Cada curso está destinado a un máximo de 25 alumnos seleccionados de acordo co procedemento e o baremo que se establece nesta convocatoria e de conformidade coa normativa reguladora para a obtención do diploma de directivo. Non obstante, os seminarios e as conferencias, así como algúns dos módulos que integran o programa, poderán ser cursados, independentemente do resto do curso, por candidatos ou interesados en xeral de acordo co que dispoñan as convocatorias específicas que para o efecto realice a EGAP.

Cuarta.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e a puntualidade a todas as sesións previstas dos cursos. A non asistencia a clase deberá ser xustificada debidamente polo interesado, sen prexuízo de que a ausencia a máis de 20 horas lectivas determine a cualificación de non apto no curso. No procedemento de asistencia prevese a participación activa nas sesións de teleformación, que terán lugar os venres das 8.00 ás 10.00 h ao longo do curso.

Quinta.-Proxecto final (formato semipresencial a través de aula EGAP e teleformación).

Ao remate dos cursos, cada un dos alumnos deberá presentar un proxecto final do curso enfocado cara á posta en práctica do aprendido no posto de traballo que cada un ocupa. Para iso ha de comprender o tema desde unha perspectiva global ou teórica e darlle unha aplicación concreta na súa función actual, con obxecto de producir unha mellora estratéxica substancial na súa forma e estilo de traballo directivo. Estes proxectos poderán deseñarse en grupos de 2, 3 ou 4 alumnos (como máximo), co obxecto de fomentar a posta en práctica de accións coordinadas de innovación.

Os proxectos serán apoiados por titores, que estarán dispoñibles en liña (internet) para a comunicación cos participantes e terán a obriga de atender persoalmente os seus tutelados durante, polo menos, dúas entrevistas.

O prazo de presentación dos proxectos será establecido pola dirección do curso e comunicarállelo aos alumnos antes da data de remate do mesmo.

Estes proxectos serán avaliados polos profesores de cada curso designados pola EGAP para tal efecto e serán obxecto dunha presentación pública por parte dos seus autores.

A realización deste curso implicará a cesión polos alumnos dos dereitos de uso e explotación dos traballos presentados a favor da EGAP.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP poderá modificar os contidos, duración, datas e horarios mencionados para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir no desenvolvemento de cada curso.

Sétima.-Instancias e prazo de presentación.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que, para tal efecto, figura na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es), dentro da epígrafe de Cursos directivos 2010.

Deberá achegar tamén unha memoria explicativa en que o solicitante manifeste cal é o seu interese no curso e en que especifique ademais os motivos que xustifican a conveniencia ou necesidade de realizalo para o desenvolvemento das funcións relacionadas co seu posto de traballo. A citada memoria, que deberá ter unha extensión mínima de 10 páxinas, presentarase mecanografada a dobre espazo e estruturarase nos seguintes puntos:

-Unha portada onde se identifique o título da memoria e o nome do candidato.

-Un corpo en que se definan de forma inequívoca os obxectivos que se desexan conseguir no curso, no caso de ser seleccionado; unha descrición do papel directivo que o candidato exerce na súa organización (dirección de equipos de traballo, xestión orzamentaria...); as achegas que o candidato estima que vai realizar ao curso e ao resto dos participantes e, por último, un problema organizativo de dirección ou xestión pública que a persoa interesada desexe presentar como reto no curso a través das súas diferentes actividades.

-Unhas conclusións nas cales se resuma brevemente o exposto, centrándose na xustificación da importancia que ten para o candidato a participación no curso de directivos en relación co seu posto de traballo.

-Bibliografía e/ou fontes de información, citándoas segundo o seguinte modelo: apelidos e nome do autor, ano de publicación, título do artigo (entrecomiñado) ou libro (cursiva), lugar de publicación, editorial, páxinas (só no caso artigos). Exemplo: Baena del Alcázar, M. (2000). Curso de Ciencia de la Administración, Madrid: Editorial Tecnos.

-Anexos: se o candidato o estima conveniente, documentos que proporcionen información relevante para xustificar os contidos expostos na memoria.

A non presentación desta memoria dará lugar á exclusión do candidato.

O prazo de presentación de instancias será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitava.-Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A relación de participantes admitidos para a realización dos cursos expoñerase na páxina web (http://egap.xunta.es) e nos taboleiros de anuncios da EGAP, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados co fin de que poidan obter o correspondente permiso de asistencia. O prazo para a presentación de alegacións será de 3 días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6º b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión de selección decidirá en cal de cada un dos cursos participarán os admitidos.

Novena.-Presentación de documentación.

Tras a publicación da lista de seleccionados, ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

-Certificado expedido polo responsable de persoal do organismo de que dependa o solicitante, en que se indique a situación profesional deste.

-Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa a orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Poderase pedir a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente documentados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

Décima.-Lista de espera e substitucións.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das súas primeiras vinte e catro horas lectivas.

Se unha persoa seleccionada causa baixa antes do comezo ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas do curso, deberá comunicarllo á EGAP para a súa substitución pola que lle corresponda segundo a orde de preferencia no proceso selectivo.

Décima primeira.-Expedición do diploma de directivo.

Finalizados os cursos, o seu director elevará a proposta dos aptos ao director da EGAP, que ditará a resolución definitiva e expedirá o diploma de directivo.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública