DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 03 de febreiro de 2010 Páx. 1.336

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de xaneiro de 2010 pola que se convocan cursos de linguaxe administrativa galega que terán lugar nos períodos e nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican.

O Estatuto de autonomía para Galicia establece que os poderes públicos de Galicia deberán garantir o uso normal e oficial do idioma galego, e potenciar o seu emprego. Neste sentido, o artigo 1 do Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dispón que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de promoción e o ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 59 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as escolas oficiais de idiomas teñen por obxecto capacitar o alumnado para o emprego axeitado dos idiomas fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, cunha organización en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. Nesta mesma lei, no punto 4º do artigo 60, prevese que, de acordo co que establezan as administracións educativas, as escolas oficiais de idiomas poderán impartir cursos para a actualización dos coñecementos de idiomas e para a formación do profesorado e doutros colectivos profesionais.

Por iso, no uso das funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican no anexo II.

Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro/marzo de 2010 e a segunda en outubro de 2010, en horario de mañá ou de tarde segundo a dispoñibilidade de aulas.

Artigo 2º.-Beneficiarios dos cursos.

Os cursos van dirixidos ao persoal das diferentes administracións públicas de Galicia que se encontren en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar. Exceptúase o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral.

No caso de non cubrirse as prazas ofertadas para cada curso, poderán solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de idade que posúan os certificados ou acreditacións equivalentes.

Artigo 3º.-Solicitudes e prazos.

As solicitudes (utilizando o modelo de instancia que figura como anexo I desta orde) presentaranse na propia escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso.

Os prazos para a presentación das solicitudes serán os seguintes:

-Para a quenda de febreiro/marzo a xuño: será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Para a quenda de outubro a xaneiro: do 1 ao 20 de setembro de 2010.

O alumnado que aspire a participar no curso medio de linguaxe administrativa engadiralle ao modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que ten superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega ou de perfeccionamento de lingua galega.

O alumnado que aspire a participar no curso superior de linguaxe administrativa engadiralle ao modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que ten superado ou validado o curso medio de linguaxe administrativa.

As listas de seleccionados para participar nos cursos, así como as súas datas de comezo faranse públicas tanto nos taboleiros de anuncios da escola oficial de idiomas en que terá lugar o curso como na súa páxina web.

Artigo 4º.-Asignación das prazas.

As prazas dos cursos asignaranse por rigorosa orde de entrada da solicitude de matrícula.

No caso de que non houbese suficiente matrícula deste alumnado para cubrir o curso, poderán optar as persoas que posúan os certificados ou acreditación equivalente referidos no artigo 3º.

Os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 25. No caso de que non alcalce o número mínimo, poderá decaer a súa realización. Neste caso, a escola oficial de idiomas comunicaralles aos aspirantes a suspensión deste.

Artigo 5º.-Características dos cursos: contidos e avaliación.

1. Os cursos axustaranse aos contidos sinalados na Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril), pola que se regulan os cursos de formación en lingua galega e as validacións correspondentes, e na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

2. Cada curso terá unha duración de 75 horas (60 horas lectivas, coa obrigada presenza de todo o alumnado, e 15 horas de tratamento individualizado, nas cales o alumnado poderá realizar actividades específicas de reforzo e/ou actividades prácticas complementarias).

3. Corresponderalle ao profesorado a programación destas horas, de acordo coas necesidades e o desenvolvemento do curso.

4. A cualificación do alumnado dos cursos de lingua galega deberá responder aos principios de avaliación continua, terá en conta o dominio oral e escrito no idioma galego, e tamén, entre outros elementos, o traballo diario na aula, os traballos teóricos e prácticos e a asistencia. En calquera caso, a cualificación final do alumnado expresarase nos termos de apto ou non apto.

5. Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse no referente á normativa e ao uso correcto do idioma, tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003.

6. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia, xustificada ou non, de cada un dos asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.

7. Ao remate de cada curso, aos asistentes que superen as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto. Este certificado será emitido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos gabinetes provinciais de Normalización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

8. Os cursos serán gratuítos para todos os participantes.

Artigo 6º.-Cursos que se ofertan.

Os cursos ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran na táboa anexa a esta orde, distribuídos en dous períodos: quenda de febreiro/marzo e quenda de outubro.

Artigo 7º.-Profesorado.

Estes cursos serán impartidos polo profesorado dos departamentos didácticos de lingua galega das escolas oficiais de idiomas que realizasen o correspondente curso de formación previo para a docencia en linguaxe administrativa galega.

O profesorado de cada curso será o responsable de programar e desenvolver os contidos sinalados na Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril), así como de avaliar o alumnado e levar os correspondentes rexistros de asistencia. Igualmente, o profesorado de cada curso será o responsable de elaborar a acta final en que figurará a relación de aptos e non aptos, que deberá ser remitida aos correspondentes gabinetes provinciais de Normalización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nun prazo non superior a 15 días desde o remate do curso, para proceder á expedición do certificado correspondente.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "02200D005P015.PDF"

Ver referencia pdf "02200D004P012.PDF"