DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 03 de febreiro de 2010 Páx. 1.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2010 pola que se convoca un curso sobre xuízos rápidos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre xuízos rápidos, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: xuízos rápidos.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

-Actualización no procedemento para o axuizamento rápido de determinados delitos.

-Coñecer as actuacións necesarias que debe desenvolver a policía local nas súas funcións como policía xudicial.

-Manexar formularios que permitan a concreción de atestados e dilixencias policiais para o seu traslado á autoridade xudicial.

Contido:

-Módulo I: actualización na normativa legal. Actuacións da policía local no procedemento para o axuizamento rápido de determinados delitos. Estudo da xurisprudencia aplicable.

-Módulo II: supostos prácticos: resolución de casos prácticos formulados ao alumnado. Utilización e manexo de formularios específicos.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

Persoal dos corpos de policía local de Galicia.

Prazas ofertadas:

27 prazas.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación:

O prazo para de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 19 de febreiro de 2010.

Para inscribirse os/as solicitantes cubrirán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, no punto Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non sendo admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala o/a solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello de que dependan, e enviala á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 22, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 23 de febreiro de 2010, a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios previstos no artigo 20 do Regulamento de réxime interior da Agasp (Orde do 4 de febreiro de 2009, DOG nº 30, do 12 de febreiro), en relación co artigo 45 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: das 16.00 ás 21.00 horas.

Data de comezo: 1 de marzo de 2010.

Data de remate: 4 de marzo de 2010.

Certificado de asistencia:

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a ela.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,300 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 28 de xaneiro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

Pública