DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 02 de febreiro de 2010 Páx. 1.264

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 454/2009, do 23 de decembro, polo que se modifican os estatutos da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aprobados polo Decreto 276/2001, do 27 de setembro.

En cumprimento do mandato recollido na disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, o Decreto 276/2001, do 27 de setembro, transformou as fundacións sanitarias constituídas pola Comunidade Autónoma galega en fundacións de titularidade e natureza pública.

A disposición adicional do dito decreto declara aprobados os estatutos das fundacións públicas Hospital da Barbanza, Hospital Virxe da Xunqueira, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Centro de Transfusión de Galicia, Hospital de Verín, Instituto Galego de Oftalmoloxía e Hospital Comarcal do Salnés, co contido que figura no seu anexo, unha vez adaptados ao novo réxime xurídico establecido pola Lei 5/2000.

O artigo 10 dos estatutos da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, regula a composición do seu padroado como órgano de goberno superior da fundación, que asume o seu control e representación. Este artigo prevé como vogais natos, que ocupan a praza en virtude do seu cargo, os directores xerais de cada división do Servizo Galego de Saúde e o director da fundación.

Coa finalidade de obter a representación no padroado de todos os representantes dos órganos superiores do Servizo Galego de Saúde, o propio padroado aprobou a modificación do dito artigo para incorporar como membro nato o/a xerente do Servizo Galego de Saúde e, ao tempo, adaptar a denominación dos cargos que o integran á nova estrutura organizativa, tanto da Consellería de Sanidade como do Servizo Galego de Saúde.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.- Modifícase a redacción do artigo 10 dos estatutos da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, recollidos no anexo do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10º.-Composición.

1. O Padroado é o órgano de goberno superior da fundación, que asume o seu control e representación.

2. O Padroado comporase dos seguintes membros:

a) Patróns natos: ocupan a praza en virtude do seu cargo e perderán a súa condición ao cesaren naquel. Son os seguintes:

-Presidente/a: o/a conselleiro/a de Sanidade ou a persoa que designe.

-Vogais natos:

-O/A xerente do Servizo Galego de Saúde.

-Os/As directores/as do Servizo Galego de Saúde.

-O/A director/a da fundación, que actuará como vogal con voz pero sen voto.

b) Patróns electivos: son designados por períodos de dous anos, e cesarán ao concluír o seu mandato se este non é prorrogado. Son os seguintes:

-Tres persoas designadas polo/a conselleiro/a de Sanidade.

-Tres persoas designadas polo/a presidente/a do Servizo Galego de Saúde.

c) Vicepresidente/a: será un membro do padroado elixido de entre eles.

d) Secretario/a: con voz pero sen voto, que será designado polo padroado entre o persoal que preste os seus servizos á fundación, á Consellería de Sanidade ou ao Servizo Galego de Saúde, e sexa titulado superior.

O/A secretario/a realizará a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias por orde do/a presidente/a.

Así mesmo, levantará acta das sesións do padroado e autorizaraas co visto e prace do/a presidente/a. As certificacións de acordos do padroado serán expedidas con estas mesmas sinaturas.

3. O/A conselleiro/a de Sanidade poderá nomear ata un máximo de tres persoas máis, que poderán asistir ás reunións do padroado e formarán parte del en calidade de vogais-asesores con dereito a voz e sen voto.

4. Os membros natos do padroado poderán designar un representante que actúe no seu nome.

5. A designación dos membros non natos do padroado farase procurando alcanzar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA