DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 2010 Páx. 1.070

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 21 de xaneiro de 2010 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca, e se convoca para o exercicio 2010 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

O 1 de xaneiro de 2007 entrou en vigor o Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca (FEP), que substitúe o Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP) e define o marco de apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro. Este regulamento establece a posibilidade de apoiar os investimentos no ámbito da transformación e comercialización dos produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

En cumprimento desta disposición, e dada a importancia social e o gran peso específico das industrias de transformación e comercialización dos produtos procedentes da pesca dentro no tecido empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse a Orde do 24 de abril de 2008 (DOG nº 86, do 6 de maio) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo, e se convocan para o exercicio 2008. Posteriormente publicouse a Orde do 12 de febreiro de 2009, que modificaba as bases reguladoras e particularizaba as axudas para o exercicio 2009.

A Orde do 12 de febreiro de 2009 establece no seu artigo 3 que as subvencións se concederán con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do Programa operativo do Fondo Europeo da Pesca (FEP) 2007-2013 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, en cada anualidade sucesiva ata o ano 2013 fixarase por unha orde complementaria o crédito anual existente.

Por outra banda, o 29 de febreiro de 2009 publicouse o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que entrou en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, é dicir, o día 29 de marzo de 2009.

A aplicación práctica da Orde do 12 de febreiro de 2009, así como a entrada en vigor do Decreto 11/2009, aconsellan a adaptación da orde á citada normativa así como a modificación de aspectos puntuais do seu articulado, que non afectan aspectos esenciais dela pero que pretenden achegar unha maior comprensión de cara ao potencial beneficiario e mesmo aos órganos xestores das axudas. Consecuentemente, para esta mellor comprensión e para facilitar a consulta e o manexo por parte dos interesados, publícase íntegro o contido das bases reguladoras, que substitúen as aprobadas pola orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 12 de febreiro de 2009.

O artigo 1º, 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ao exercicio orzamentario no cal se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os

requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3º, 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a modificación das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización dos produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, aprobadas por orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, do 12 de febreiro de 2009, e reguladas nos artigos 34º e 35º do Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

Artigo 2º.-Marco normativo.

Para o outorgamento e execución destas axudas observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde así como nas seguintes normas:

a) Regulamento 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, resto de disposicións comunitarias aplicables así como as disposicións básicas que o Estado dite en desenvolvemento ou transposición delas.

b) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

c) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

g) Se é o caso, normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001).

h) Normativa básica do Estado.

Artigo 3º.-Crédito orzamentario.

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do Programa operativo do Fondo Europeo da Pesca (FEP) 2007-2013 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En cada anualidade sucesiva ata o ano 2013 fixarase por unha orde complementaria o crédito anual existente.

3. Os importes fixados en cada convocatoria, así como as aplicacións ás cales se imputen, poderán ser ampliados con fondos incorporados e remanentes adicionais, así como procedentes de modificacións orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. As axudas estarán limitadas en todo caso ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

6. Para o ano 2010 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.771.1 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para 2010. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 30.000.000 euros distribuídos nas seguintes anualidades:

-Anualidade 2010: 11.000.000 euros.

-Anualidade 2011: 10.000.000 euros.

-Anualidade 2012: 9.000.000 euros.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de establecementos de transformación e/ou comercialización de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura xa existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, e aquelas que establezan nela novos centros.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

3. As axudas aos investimentos, de acordo co previsto no artigo 35 do Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao FEP, limitaranse ás microempresas, ás pequenas e medianas empresas e ás empresas non previstas pola definición de microempresa, pequena ou mediana empresa tal e como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOCE, serie L nº 124, do 20 de maio), con menos de 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

4. As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo a Recomendación da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros terase en conta o indicado na citada recomendación.

Artigo 5º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán.

a) Executar o proxecto subvencionado dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nesta orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor do mercado.

c) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

d) Destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o cal se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos, de acordo co previsto no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca. Durante este período, que se contará a partir da data contable do último pagamento, o beneficiario deberá solicitar autorización á Consellería do Mar se pretender o cambio de destino do ben subvencionado, alleamento, gravame ou substitución por outro ben que sirva en condicións análogas ao subvencionado.

e) No caso de que o proxecto implique a creación de postos de traballo, estes deberán crearse no prazo dos tres anos seguintes á finalización do investimento. Cada posto de traballo manterase durante un período mínimo de cinco anos.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que deberá efectuar o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

h) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser

obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos aos interesados.

i) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe de subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

j) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

k) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ao beneficiarios.

l) Comunicar á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

m) Darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo da Pesca (FEP), nos termos establecidos nos artigos 32 e 33 do Regulamento (CE) 498/2007, da Comisión.

n) Figurar inscritos no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias.

Artigo 6º.-Proxectos obxecto de subvención.

1. Poderán ser subvencionables de conformidade con esta orde os investimentos en activos fixos materiais novos para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, que teñan por obxecto un ou varios dos seguintes investimentos e actuacións:

a) A mellora das condicións de traballo;

b) A mellora e o seguimento das condicións hixiénicas e de saúde pública ou da calidade dos produtos;

c) A produción de produtos de alta calidade para mercados altamente especializados;

d) A redución do impacto negativo no ambiente;

e) Unha mellor utilización de especies pouco aproveitadas, subprodutos e residuos;

f) A produción ou comercialización de novos produtos, a aplicación de novas tecnoloxías ou o desenvolvemento de métodos innovadores de produción ou comercialización;

g) A comercialización de produtos procedentes esencialmente dos desembarques locais e da acuicultura.

2. En función dos resultados acadados e doutras circunstancias que así o aconsellen, para as seguintes convocatorias poderase excluír algunha das categorías incluídas no punto anterior.

Artigo 7º.-Gastos subvencionables.

a) Construción, ampliación, modernización ou acondicionamento de bens inmobles, sempre e cando estea xustificada a súa necesidade para a explotación de que se trate. Estes bens non deberán ter recibido nos últimos dez (10) anos ningunha subvención nacional ou comunitaria que poida comportar duplicidade da axuda.

b) Maquinaria, instalacións e equipamentos de primeiro uso.

c) Os gastos de proxecto técnico e dirección de obra ata un límite do 12 por cento do custo indicado no proxecto, sempre que a actuación a que se refira resulte seleccionada.

d) Instalacións telefónicas e fax, equipamentos e programas informáticos relacionados coas actividades de produción e de comercialización da empresa. Exclúense os equipamentos informáticos portátiles.

e) Elementos de transporte interno, sempre que formen parte integrante do proxecto que se presente.

No caso de investimentos consistentes en obras ou subministracións, será requisito imprescindible para a concesión da axuda que os servizos da consellería certifiquen o non inicio dos investimentos con anterioridade ao comezo da execución.

Artigo 8º.-Gastos non subvencionables.

Non se consideran subvencionables:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro imposto recuperable polo beneficiario.

b) A transferencia da propiedade dunha empresa.

c) Os investimentos relacionados con produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura destinados a ser utilizados e transformados para fins distintos do consumo humano, excepto os investimentos destinados exclusivamente ao tratamento, transformación e comercialización de refugallos de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura. Os investimentos dedicados á extracción de substancias nocivas para a saúde humana da fariña de peixe ou do aceite de peixe, poderán ser financiados polo Fondo Europeo da Pesca (FEP), incluso cando os produtos finais sexan destinados a ser utilizados e transformados para fins distintos do consumo humano.

d) Investimentos relativos ao comercio retallista.

e) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

f) Obras de ornamentación e equipamentos de recreo.

g) Mobiliario de oficina, de salas de conferencias e de catas.

h) A vivenda.

i) Palets e semellantes.

j) Contedores, gaiolas, cubetas, carros, bandexas, contedores de depuración. Estes investimentos serán subvencionables coa condición de que se trate dunha instalación nova ou dunha ampliación das instalacións existentes, de que sexan proporcionais ás instalacións e de que non sexan vendidos coa mercadoría.

k) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos. As substitucións de equipamentos e máquinas, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamientos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola súa tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento, e acheguen unha mellora substancial ben nos procesos de produción ou na creación de emprego.

l) Os gastos de aluguer de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Para seren subvencionables estes investimentos, deberá ser exercida a opción de compra unha vez finalizado o período do leasing. En todo caso, cómpre a achega dun compromiso de adquisición do ben xunto coa solicitude.

Outros custos relacionados co contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros non serán subvencionables. Os investimentos aprobados inicialmente como compra non poderán ser imputados como gastos de leasing ou viceversa, salvo que o dito cambio sexa solicitado e aprobado polo órgano concedente.

m) Adquisicións de bens e equipamentos de segundo uso.

n) Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

o) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9º.-Certificación de non inicio.

1. Como norma xeral, os investimentos ou gastos para os cales se solicita axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude de axuda, nin antes da realización da acta de comprobación previa por parte dos servizos da Consellería do Mar, en caso de investimentos materiais. A non realización de investimentos inmateriais demostrarase mediante a data da factura correspondente.

2. O non inicio acreditarase mediante certificación dos servizos da Consellería do Mar.

3. Se for necesario realizar os investimentos antes da apertura de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, e sempre que se xustifique debidamente, de forma excepcional poderá facerse unha certificación de non inicio inmediatamente antes de que comece a realización dos investimentos. Esta certificación solicitarase acompañada do proxecto, memoria descritiva dos aspectos técnicos e económicos do investimento, facturas pro forma ou catálogos que permitan facer unha valoración dos investimentos que se vaian realizar e relación destas, planos, proxecto visado, de ser o caso, e terá efectos na convocatoria inmediatamente seguinte. No caso de que a solicitude non seleccionada, a acta de comprobación poderá ter efecto tamén nas seguintes convocatorias sempre que o solicitante confirmase a súa solicitude de axuda.

4. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

Artigo 10º.-Tipo e contía das axudas.

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital.

2. A porcentaxe máxima de contribución pública das axudas será, de acordo co establecido no anexo II do Regulamento do Fondo Europeo da Pesca (FEP), igual ou menor ao 60% do total dos gastos subvencionables.

3. Respecto ás empresas que non teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas, segundo definición da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, e que teñan menos de 750 empregados ou un volume de negocios inferior a 200 millóns de euros, a contribución pública reducirase nun 30 %.

Artigo 11º.-Compatibilidade das axudas.

1. As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no Regulamento do Fondo Europeo da Pesca (FEP) para a contribución pública.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

3. De acordo co previsto nos artigos 5º.2 g) e 21º.3 g) destas bases reguladoras, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao órgano concedente a obtención de calquera outra subvención ou axuda e deberá presentar a resolución da súa concesión, de ser o caso.

Artigo 12º.-Prazos de solicitude e resolución.

1. Anualmente publicaranse os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2010 a 2013. Para a anualidade 2010, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Aquelas solicitudes que non poidan ser atendidas no período correspondente, poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, logo de confirmación polo solicitante e sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

3. A resolución emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de seis meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria anual. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución, posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria.

1. A solicitude e os seus anexos en formato electrónico poderanse cubrir a través da aplicación habilitada para iso, que figura na páxina web da Consellería do Mar http://webpesca.xunta.es. Así mesmo, a solicitude tamén se poderá cubrir en papel. Terán preferencia na tramitación os expedientes que sexan cubertos a través da citada aplicación.

Será requisito imprescindible para que a solicitude sexa efectiva a presentación desta e dos anexos referidos no punto 2 deste artigo impresa en papel, nos rexistros sinalados no punto 4.

2. A solicitude incluirá un exemplar orixinal ou copia debidamente compulsada, e tres copias simples da seguinte documentación:

-Anexo A1, de solicitude da axuda.

-Anexo A2, de declaracións do solicitante.

-Anexo A3, de relación de ofertas solicitadas e elixidas.

-Datos relacionados no anexo A4, así como documentación relacionada na epígrafe Outra documentación deste anexo. A documentación correspondente a proxectos e planos deberá ser presentada tamén en soporte informático.

-Anexo B3, de táboa de empregados e centros de traballo.

3. Non obstante o disposto no punto 1 deste artigo, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

-O anexo A1 de solicitude da axuda.

-A descrición detallada das actuacións que se van realizar co proxecto, indicando os obxectivos e a xustificación razoada dos investimentos e de cada unha das partidas.

-O orzamento de custos do proxecto, no cal se relacionarán todos os investimentos que se van realizar co seu correspondente importe sen IVE segundo o modelo do cadro A4-6 dos anexos.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta información, nestes casos resolución de inadmisión.

4. O lugar de presentación será o Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera dos departamentos territoriais da Consellería do Mar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A solicitude e os seus anexos en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería do Mar http://webpesca.xunta.es.

Artigo 14º.-Tramitación das solicitudes.

1. As delegación territoriais da Consellería do Mar analizarán os expedientes, requirirán a documentación necesaria, de ser o caso, e emitirán un informe relativo ao cumprimento dos requisitos da convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5º.2.h) resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

3. A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada no rexistro das delegacións territoriais da Xunta de Galicia a que corresponda a tramitación do expediente, salvo que no escrito de requirimento se sinale outra cousa. A documentación presentada nun rexistro distinto poderá non ser admitida se ten entrada no rexistro indicado no requirimento fóra do prazo inicial de dez (10) días conferido para a súa entrega.

4. Sen prexuízo do disposto no punto 2 deste artigo, o solicitante poderá ser requirido para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas que, de ser o caso, se produzan, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación, de acordo co establecido no artigo seguinte. Para estes efectos, os departamentos territoriais da Consellería do Mar elaborarán un informe á vista do cal o Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias da Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica analizará e clasificará os proxectos de acordo cos criterios fixados nas bases.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas que a motivan.

7. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita axuda.

Artigo 15º.-Comisión de avaliación.

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica que, de non considerar necesaria máis documentación, emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas, que será incorporado ao expediente.

2. A composición da comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: director/a xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica.

b) Vogais: subdirector/a xeral de Innovación Tecnolóxica, un funcionario adscrito á Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica designado polo presidente e os/as xefes/as do Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar de cada un dos departamentos territoriais. Un dos vogais actuará como secretario.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente.

4. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

5. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obteren a subvención, indicándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados no artigo 16º Desta orde. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

6. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

7. Establecerase unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito.

8. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará a correspondente resolución de concesión, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 16º.-Criterios de avaliación.

Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables. A comisión de avaliación poderá:

-Considerar como non viables proxectos ou actuacións presentados e, consecuentemente, propor a non concesión da subvención.

-Propor a non concesión da axuda cando o custo de adquisición proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, a comisión de avaliación poderá requirir a achega da valorización dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

-Establecer á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable, tanto por beneficiario como por actuación ou concepto elixible.

Na concesión das axudas terase en conta o grao de cumprimento das obrigas derivadas das axudas recibidas, se é o caso, en anteriores convocatorias, para os mesmos fins.

Os criterios de avaliación das solicitudes fixados nesta orde servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes e serán os que se relacionan a continuación.

1. Co fin da baremación das solicitudes, os expedientes que reúnan os requisitos da convocatoria agruparanse en dous grupos:

a) No grupo I incluiranse os proxectos que se van seleccionar en primeiro lugar, e serán aqueles presentados por micro e pequenas empresas.

b) No grupo II incluiranse os proxectos que se van seleccionar en segundo lugar, e corresponderán a aqueles presentados por medianas empresas e resto de empresas ata 750 empregados ou cun volume de negocios inferior a 200 millóns de euros.

2. Dentro de cada grupo iranse sumando ata un total de 100 puntos en función dos seguintes criterios:

2.1. Proxectos que teñan en conta a orixe da materia prima dos produtos transformados ou comercializados, como por exemplo:

a) Procedencia da materia prima de produtos amparados por certificacións independentes legalmente regulamentadas.

b) Produtos procedentes de capturas locais.

c) Produtos procedentes do marisqueo ou da acuicultura local.

d) Emprego de especies infrautilizadas.

Ata un máximo de 17 puntos.

2.2. Proxectos en que se prevexan a valorización da produción, a diversificación dos produtos ou a mellora da calidade, como por exemplo:

a) Produción ou comercialización de produtos de gama alta.

b) Produción ou comercialización de produtos de conveniencia, produtos que contribúan á conservación dos recursos ou do ambiente dunha forma especial, produtos clasificados como saudables e produtos destinados a fragmentos específicos de poboación.

c) Mellora da hixiene dos produtos, da transparencia do mercado ou da rastrexabilidade.

Ata un máximo de 20 puntos.

2.3. Grao de innovación na proposta, tanto no referente á produción e/ou comercialización dun produto novo como á utilización dun método de produción e/ou comercialización novo. Ata un máximo de 16 puntos.

2.4. Emprego, tanto mantemento dos niveis de emprego actual a medio prazo como creación de emprego. Ata un máximo de 18 puntos.

Como norma xeral, aqueles proxectos que destrúan emprego non serán obxecto de axuda. Estes proxectos, que serán obxecto de estudo específico, serán valorados pola comisión avaliadora sinalada no artigo 15º desta orde, o que poderá dar lugar á redución ou á non concesión da axuda de acordo coa valoración que se efectúe.

2.5. Redución do impacto negativo sobre o ambiente, como por exemplo:

a) Cambios de situación dunha empresa a un polígono industrial.

b) Aproveitamento e valorización de subprodutos e/ou residuos.

c) Aforro enerxético ou uso das enerxías renovables.

Ata un máximo de 22 puntos.

2.6. Outros que terá en conta a comisión de avaliación, como por exemplo a calidade técnica dos proxectos, a existencia dun plan de igualdade na empresa solicitante, de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (publicada no Diario Oficial de Galicia do 13 de abril de 2007) ou outros criterios similares. Ata un máximo de 7 puntos.

3. Independentemente desta clasificación:

3.1. Daráselles carácter prioritario aos investimentos dirixidos ao aumento do tamaño empresarial mediante fusións ou ampliacións empresariais e os que fomenten a reestruturación sectorial.

3.2. Os proxectos para creación de novas empresas serán considerados en último lugar, excepto que se demostre de forma adecuada que o proxecto é innovador e que ten viabilidade económica suficiente.

3.3. En caso de coincidencia na baremación, terán prioridade as empresas que nunca recibiron axudas á transformación e comercialización dos produtos da pesca.

3.4. As empresas que renunciasen a axudas nos últimos cinco anos serán consideradas en último lugar.

Artigo 17º.-Resolución e aceptación.

1. A resolución dos expedientes correspóndelle á conselleira do Mar, quen poderá delegar a dita competencia no director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 de euros por beneficiario, será necesaria a autorización do Consello da Xunta; esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. As resolucións serán notificadas ao solicitante, que terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

3. A resolución indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida. Así mesmo, indicará a anualización aprobada para a execución dos investimentos. O número máximo de anualidades non será superior a tres, o período límite de xustificación será ata o 31 de decembro da terceira anualidade e ningunha anualidade poderá ser posterior a 2013.

Artigo 18º.-Recursos.

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contenciosos-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

Todo isto sen prexuízo de que o interesado poida interpor calquera outro que considere pertinente.

Artigo 19º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, de ser o, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

2. Calquera modificación que supoña un cambio do beneficiario, dos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, así como ao prazo de execución, requirirá resolución expresa por parte da Consellería do Mar e deberá ser comunicada por escrito con anterioridade á súa realización e coa suficiente antelación antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. No escrito deixarase constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

Nos casos de modificacións que supoñan variacións do importe da axuda ou das diferentes partidas que compoñen o expediente deberán presentar coa solicitude un cadro A4-6 así como o anexo A3 onde se recollan os cambios e un plano de situación dos novos investimentos.

3. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no cal se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. Como norma xeral non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, excepto nos casos de sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueles outros casos en que, ao xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade e a subrogación do novo propietario na posición de solicitante ou beneficiario non desvirtúe a finalidade das axudas e que se cumpran todos os requisitos do punto 3 deste artigo.

En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

6. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60% do investimento inicialmente aprobado, nin aquelas que, no caso de axudas plurianuais, impliquen unha execución inferior ao 10% nalgunha das anualidades fixadas na resolución de concesión.

7. Non se admitirán modificacións que supoñan cambio de localización dos investimentos aprobados.

Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente.

Artigo 20º.-Prazos de execución.

1. Con carácter xeral e excepto que a resolución individual de concesión de axuda dispoña un prazo distinto, o prazo para a xustificación material e documental da finalización dos investimentos será ata o 31 de outubro do ano correspondente ao exercicio económico de que se trate.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación xustificativa, entenderase que renuncia á subvención. Neste caso a persoa titular da Consellería do Mar ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 21º.-Xustificación dos investimentos.

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico poderanse descargar na páxina web da Consellería do Mar http://webpesca.xunta.es. Considerarase gasto realizado aquel efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación fixado na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, de ser o caso.

2. A xustificación dos investimentos presentaranse no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou no de calquera dos departamentos territoriais da Consellería do Mar.

3. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación, da cal se presentará un exemplar orixinal ou copia compulsada e tres copias simples, excepto para os documentos da alínea b):

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído no anexo B1, no cal virán relacionados e clasificados os gastos e investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

b) Xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais detalladas o máximo posible. Destes documentos deberase presentar orixinal, copia compulsada e dúas copias simples. As facturas orixinais que, de ser o caso, se entreguen ao beneficiario serán marcadas cun selo no cal se indique o financiamento do FEP.

c) As facturas deberán estar acompañadas das certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Os certificados bancarios indicarán a factura ou facturas que soportan. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

d) En caso de construcións de edificacións e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto que acredite as características e o valor dos distintos conceptos comprendidos nel e que se realizarán e xustificarán durante o exercicio económico de que se trate, cos seus xustificantes de pagamento.

e) Anexo B2, onde se indicará a relación das diferenzas existentes entre os traballos solicitados e os realizados.

f) Informe do organismo laboral competente, documento coa relación nominal dos traballadores segundo o modelo do anexo B3 e/ou documentos TC segundo se estableza na resolución de concesión.

g) Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou concedidas, ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención. Deberase presentar a resolución da axuda, de ser o caso, segundo modelo do anexo A2 c).

h) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo de execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos, o beneficiario deberá presentar, como mínimo, as ofertas mencionadas no punto 3 da epígrafe Outra documentación do anexo A4.

i) Certificado bancario acreditativo da titularidade e identificación da conta para o pagamento da axuda, se é distinta da achegada no momento da solicitude.

j) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

k) Calquera outra que se indique na resolución de concesión.

4. No suposto de falta de xustificación documental ou material, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

5. Excepcionalmente, por causas xustificadas e debidamente motivadas, e sempre que non se prexudiquen terceiros, poderase conceder unha prórroga de oficio ou por instancia do beneficiario por resolución do órgano concedente, para que a xustificación tanto documental como material dos investimentos poida realizarse con posterioridade ao prazo de xustificación. No caso de que o prazo se prorrogue ao ano inmediatamente seguinte a aquel en que debería ter xustificados os investimentos, será imprescindible que o solicitante garanta o bo fin do investimento mediante aval, que deberá de ser presentado no prazo de quince (15) días a partir da notificación da concesión. O aval constituirase polo 110% do importe total da axuda pendente de percibir e terá unha vixencia mínima que comprenda os dous meses seguintes á data de xustificación final do investimento establecido na resolución da prórroga.

A prórroga deberá solicitarse por escrito coa suficiente antelación antes da data límite de xustificación dos investimentos establecida na resolución de concesión. Cando a prórroga solicitada implique ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

6. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipase ao calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

7. En caso de que o investimento for xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto, e que non supoña unha realización deficiente deste.

Artigo 22º.-Pagamento da subvención.

1. O pagamento dos proxectos e investimentos concedidos conforme a resolución e estas bases efectuarase unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención.

2. Será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Administración, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade.

3. No caso de axudas plurianuais, o pagamento das primeiras anualidades terá carácter de ingreso á conta, e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actuacións obxecto da axuda, de acordo coa solicitude formulada e logo de conformidade da Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica.

4. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o cobramento de cada unha das anualidades, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario do 110% da cantidade que hai que pagar e ata dous meses despois da data de xustificación final do investimento establecido na resolución.

5. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos ou os requirimentos recibidos, e no prazo conferido para iso, estará obrigado a proceder ao reintegro da axuda nos termos regulamentariamente establecidos.

Artigo 23º.-Garantías.

Os avais previstos nos artigos 21.5 e 22.4 desta orde serán depositados na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o previsto no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Artigo 24º.-Cesión ou transmisión das axudas.

1. A cesión ou transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde non terán validez cando non sexan previamente autorizadas polo órgano que as ditou, tal e como se di no artigo 5º, 2.d).

2. A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas, dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, deberá ser previamente posto en coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión deberá o novo propietario subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitente e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como non efectuar ningunha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006.

Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitente remitirá á Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica unha copia do documento público de transmisión.

3. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda.

Artigo 25º.-Verificación posterior ao pagamento da axuda.

Os servizos da Consellería do Mar realizarán os controis oportunos para verificaren que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 56 do Regulamento (CE) 1198/2006.

Artigo 26º.-Incumprimento e reintegro das axudas.

1. Se o beneficiario incumprir calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Serán causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), que o beneficiario infrinxa o dereito comunitario e, en especial, as normas da política pesqueira común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

Artigo 27º.-Infraccións e sancións.

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seranlles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 19 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28º.-Autorizacións do beneficiario.

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer público nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas así como ás sancións impostas consonte o regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. De acordo co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlles requiridos ao interesado.

Artigo 29º.-Publicidade.

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. De conformidade co establecido no artigo 13º, punto 4, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicions adicionais

Primeira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo), así como nas prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Delégase no director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Quedan sen efecto as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, aprobadas por Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 12 de febreiro de 2009. Non obstante, serán aplicables as súas disposicións aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2010.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar

Ver referencia pdf "01900D005P010.PDF"