DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 2010 Páx. 1.068

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de xaneiro de 2010 pola que se convocan cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se desenvolverán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no ano 2010.

O Estatuto de autonomía para Galicia establece que os poderes públicos de Galicia deberán garantir o uso normal e oficial do idioma galego e potenciar o seu emprego. Neste sentido, o artigo 1º do Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dispón que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 59 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as escolas oficiais de idiomas teñen por obxecto capacitar o alumnado para o emprego axeitado dos idiomas fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, cunha organización en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. Nesta mesma lei, no punto 4 do artigo 60, establécese que, de acordo co que establezan as administracións educativas, as escolas oficiais de idiomas poderán impartir cursos para a actualización dos coñecementos de idiomas e para a formación do profesorado e doutros colectivos profesionais.

Por iso, en uso das funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar, con carácter gratuíto, cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), nos niveis 1, 2, 3 e 4 para o ano 2010, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican no anexo II.

Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro e a segunda en outubro de 2010, en horario de mañá ou de tarde segundo a dispoñibilidade de aulas.

Artigo 2º.-Beneficiarios dos cursos.

Os cursos van dirixidos a todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou a aquelas que os cumpran no ano natural da convocatoria, que necesiten certificar a súa competencia da lingua galega.

Artigo 3º.-Solicitudes e prazos.

As solicitudes, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, poderanse presentar na propia escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso a partir do día seguinte ao da publicación desta orde e ata cinco días antes da data establecida por cada escola oficial de idiomas para o inicio do curso.

As listas de seleccionados para participar nos cursos, así como as datas de comezo destes, faranse públicas tanto nos taboleiros de anuncios da escola oficial de idiomas en que terá lugar o curso como na súa páxina web.

Artigo 4º.-Constitución de grupos.

Os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 25. No caso de que non se acade o número mínimo, decaerá a súa realización, agás autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. No caso de suspensión do curso, esta circunstancia será comunicada aos solicitantes.

Artigo 5º.-Características dos cursos: contidos e avaliación.

1. Os cursos axustaranse aos contidos sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

2. Cada curso terá unha duración de 60 horas lectivas, coa obrigada presenza de todo o alumnado.

3. Corresponderalle ao profesorado de galego da escola oficial de idiomas a realización da programación destas horas, de acordo coas necesidades e o desenvolvemento do curso.

4. Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no referente á normativa e ao uso correcto do idioma, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003, de conformidade coa disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística.

5. A realización do curso non dará dereito a ningún tipo de certificación, por tratarse dun curso preparatorio para as probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega Celga, cuxa xestión e expedición compete á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

6. Os cursos serán gratuítos para todos os participantes.

Artigo 6º.-Profesorado.

Estes cursos serán impartidos polo profesorado dos departamentos didácticos de lingua galega das escolas oficiais de idiomas que realizasen o correspondente curso de formación previo para a docencia dos cursos preparatorios de lingua galega (Celga).

O profesorado de cada curso será o responsable de programar e desenvolver os contidos sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "01900D004P008.PDF"