DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 2010 Páx. 1.067

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 4/2010, do 14 de xaneiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da seguridade viaria na estrada AC-552 no municipio de Coristanco. (Clave AC/07/236.06).

O 16 de abril de 2009 a Dirección Xeral de Obras Públicas resolveu aprobar o proxecto de construción de mellora da seguridade viaria na estrada AC-552 (clave AC/07/236.06).

Este proxecto AC/07/236.06 propón a mellora da seguridade viaria na estrada AC-552 no treito comprendido entre os p.k. 35+000 e 37+000.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución do proxecto de construción de mellora da seguridade viaria na estrada AC-552 (clave AC/07/236.06), vén motivada, polo tanto, pola súa incidencia na seguridade viaria, evitando riscos innecesarios para os veciños de Coristanco que utilizan esta vía para acceder aos servizos públicos mencionados así como ás súas vivendas, xa que a mellora consistirá esencialmente no acondicionamento de interseccións coa creación de carrís centrais de saída e incorporación, carrís laterais ou cuñas de aceleración e deceleración, para o cal será preciso ensanchar a plataforma nalgún treito.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día catorce de xaneiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para os efectos de expropiación no proxecto de construción de mellora da seguridade viaria na estrada AC-552 (clave AC/07/236.06).

Santiago de Compostela, catorce de xaneiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas