DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 28 de xaneiro de 2010 Páx. 969

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 20 de xaneiro de 2010 pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais.

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento de enerxía eólica en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, establece na súa disposición transitoria segunda, para aqueles plans eólicos empresariais que non teñan, no momento da entrada en vigor da lei, a potencia do seu plan eólico esgotada, xa sexa autorizada ou en tramitación, a previsión de realización dunha convocatoria anterior á orde de MW xeral que recolle a lei, que non estará sometida ao procedemento de selección de anteproxectos en competencia.

Así mesmo, a disposición transitoria segunda do Decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, establecía unha reserva de cota na primeira orde de selección de anteproxectos da dita norma, para os promotores que, sendo titulares dun plan eólico empresarial, non puidesen desenvolver, por motivos de planificación, a cifra de potencia prevista na resolución de aprobación daquel.

Deste xeito intentábase dar por finiquitados todos aqueles plans que, logo de esgotar a súa vixencia temporal, aínda non desenvolvesen a totalidade da potencia establecida neles por causas alleas á vontade dos seus titulares.

Non obstante, na resolución de selección do día 26 de decembro de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 22, do 2 de febreiro) non se produciu a efectiva adxudicación da potencia remanente á totalidade dos plans aos cales lles era de aplicación o precepto estabecido na mencionada disposición transitoria segunda, polo que a súa finalidade quedou incumprida.

Pola dita circunstancia, e para facer efectivos os dereitos dimanantes dos plans eólicos empresariais anteriormente nomeados, estes considéranse dentro do concepto de plan eólico empresarial non esgotado recollido no punto 2 da disposición transitoria segunda da Lei 8/2009, sendo así cualificados todos aqueles plans aos cales aínda non se lles adxudicase a totalidade da potencia recoñecida nas correspondentes resolucións de autorización, independentemente de que concluíse a súa vixencia temporal.

Así mesmo, ao non estar esta convocatoria, pola súas especiais características, sometida ao procedemento de selección de anteproxectos en competencia, non lle é de aplicación estrita o procedemento regulado no título IV, capítulo I da Lei 8/2009. Non obstante, determinados preceptos do dito capítulo deben ser tidos en conta, como poden ser a acreditación da capacidade económica en cada momento concreto, posto que pode experimentar variacións no tempo. Non sucede o mesmo coas capacidades legal e técnica, que se presupoñen desde o momento da autorización do plan.

Por outra banda, e aínda que a orde, polas especiais circunstancias referidas, non establece un procedemento en competencia entre as solicitudes, parece conveniente establecer unha comisión de valoración que verifique o cumprimento, por parte dos solicitantes, do requisito de capacidade económica, así como a presentación da documentación exixible no articulado desta orde.

Finalmente, tamén se lles dá a oportunidade aos titulares dos plans afectados por esta orde a renunciar á tramitación da potencia xa admitida a trámite debido a causas como poden ser a falta de evacuación ou os condicionantes ambientais, para proceder á súa nova tramitación e posterior instalación noutras áreas do seu plan.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto.

Mediante esta orde convócanse os promotores titulares de plans eólicos empresariais con potencia aínda por desenvolver, recollidos no anexo I desta orde, e interesados en rematar os seus plans para a presentación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de parques eólicos. Todas as novas solicitudes deben facerse dentro das áreas pertencentes a cada un dos plans eólicos empresariais.

Segundo.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. As solicitudes irán dirixidas á dirección xeral con competencias en materia de enerxía e presentaranse en calquera das oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, reguladas no Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG nº 121, do 24 de xuño), ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceiro.-Presentación de solicitudes.

Dentro do prazo sinalado no artigo anterior os titulares dos plans eólicos empresariais recollidos no anexo I interesados en esgotar a potencia do seu plan deberán presentar ante a dirección xeral con competencias en materia de enerxía a súa solicitude segundo o modelo que acompaña a esta orde, anexo III, xunto coa seguinte documentación, en formato PDF, en soporte dixital (CD, DVD), e no caso da planimetría recollida nos puntos 1.e, e 1.f esta tamén se achegará en papel:

1. Anteproxecto de cada instalación asinado por un técnico competente e visado polo colexio oficial, que recolla:

a. Memoria descritiva, obxecto e características principais da instalación, localización xeográfica do proxecto, área de investigación en que se sitúa, concellos afectados, coordenadas UTM da poligonal do parque, e posición dos aeroxeradores. Tendo en conta que a poligonal do parque en ningún caso poderá solaparse coas áreas de Rede Natura.

b. Potencia que se vai devenvolver, características dos aeroxeradores.

c. Orzamento da instalación.

d. Punto de conexión previsto.

e. Plano de situación a escala 1:50.000.

f. Planos de planta a escala 1:10.000 e 1:5.000 en que se reflicta a área afectada pola instalación e situación dos aeroxeradores, edificios e instalacións auxiliares, vías de acceso e canalizacións interiores do parque.

g. Memoria ambiental, que recolla unha previsión do adecuado cumprimento das condicións de protección do medio natural e a minimización do impacto ambiental.

2. Documentación xustificativa da capacidade económica do solicitante.

Para poder levar a cabo os investimentos previstos nas solicitudes que se presenten, deberase acreditar que se dispón de recursos económicos propios ou financiamento suficiente para levar a cabo polo menos o 50 por cento do investimento da instalación, incluída a súa liña de evacuación e conexión ata a rede de transporte ou distribución.

Cuarto.-Revisión da documentación.

Cando remate o prazo para a presentación de solicitudes, a documentación achegada será revisada para comprobar que cumpre coa normativa vixente e que en ningún caso se produce solapamento con áreas de especial protección ambiental recollidas na Rede Natura; a dirección xeral con competencias en materia de enerxía poderá solicitar a documentación complementaria ou as emendas das solicitudes presentadas, outorgando un prazo de dez días hábiles para que se poidan emendar as solicitudes que non reúnan os requisitos ou achegar a documentación complementaria solicitada.

Quinto.-Comisión de valoración.

1. Para a verificación do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo terceiro constitúese unha comisión de valoración formada por un presidente e seis vogais, un dos cales realizará a función de secretario.

2. A comisión, por proposta do seu presidente, poderá designar asesores para a correcta execución das súas funcións e que terán voz, pero non voto, nas decisións que se adopten.

3. A composición desta comisión de valoración será a seguinte:

a. Presidente: o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

b. Vogais:

i. Dous vogais representantes da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas designados polo seu director xeral.

ii. Dous vogais representantes do Inega designados polo seu director.

iii. Dous vogais representantes dos departamentos con competencias en urbanismo e medio ambiente.

Sexto.-Resolución.

Cando finalice o procedemento de revisión das solicitudes dos anteproxectos a dirección xeral con competencias en materia de enerxía ditará, no prazo dun mes, contado desde a finalización do prazo para a presentación de solicitudes, a resolución pola que se aprobe a lista de anteproxectos seleccionados, que deberá ser publicada no DOG e notificada aos interesados.

Sétimo.-Iniciación do procedemento de autorización.

No prazo de seis meses desde a notificación da resolución de selección, os titulares dos anteproxectos seleccionados deberán cumprir co establecido no artigo 36 da Lei 8/2009.

Disposición adicional

Única.-No suposto de que algún titular dun plan eólico empresarial queira desistir dunha parte da potencia que teña en tramitación por dificultades sobrevidas durante o procedemento de tramitación da autorización administrativa, poderá, ao abeiro desta orde e dentro do prazo recollido no artigo 2º, desistir expresamente da continuación da citada tramitación, segundo o modelo que se xunta no anexo II. A potencia obxecto de desistencia incrementarase á potencia consignada na táboa do anexo I, onde se recollen as potencias pendentes de admisión a trámite de cada un dos plans eólicos empresariais non esgotados.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2010.

P.D. (Orde 30-4-2009, DOG nº 87, do 6 de maio)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería de Economía

e Industria

Ver referencia pdf "01800D001P005.PDF"