DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 25 de xaneiro de 2010 Páx. 872

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 15 de xaneiro de 2010 pola que se aproba o modelo de declaración de alta, modificación e baixa do canon eólico creado pola Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, regula o aproveitamento eólico en Galicia e crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Tal canon, na súa calidade de prestación patrimonial de dereito público de natureza extrafiscal e real, ten como obxecto contribuír a regular na nosa comunidade autónoma o ambiente na súa consideración de ben protexido.

Consonte o artigo 13 da lei, son suxeitos pasivos do canon en calidade de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas ou entidades do artigo 35.4º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria que, baixo calquera título, leven a cabo a explotación dun parque eólico aínda que non sexan titulares dunha autorización administrativa.

Para a xestión do canon, o artigo 17 da mesma norma obriga os suxeitos pasivos á presentación das correspondentes declaracións de alta, modificación e baixa e dispón que tales declaracións deberán realizarse mediante os modelos que aprobe a Administración autonómica.

En virtude do anterior, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Apróbase o modelo de declaración da alta, modificación e baixa do canon eólico, que figura como anexo da presente orde e que consta de dous exemplares, un para a Administración e outro para o interesado.

Artigo 2º

1. Están obrigados a presentar o dito modelo ante o Instituto Enerxético de Galicia os suxeitos pasivos do canon eólico para os efectos de comunicar a alta, modificación e baixa ou desmantelamento das instalacións de parques eólicos suxeitas ao referido canon.

2. A declaración de alta, en que se consignarán os datos identificativos do suxeito pasivo e da instalación, deberá presentarse no prazo do mes seguinte ao de inicio do primeiro período impositivo ou data de formalización da acta de recepción da obra.

3. Cando varíe calquera dos datos recollidos na declaración de inicio a que se refire o punto anterior, o suxeito pasivo deberá comunicar mediante a correspondente declaración a modificación destes, no prazo dun mes dende o día seguinte á data desta.

4. No suposto de desmantelamento dun parque eólico o suxeito pasivo deberá presentar a correspondente declaración, comunicando a referida baixa no prazo dun mes dende a data en que este se produza.

Artigo 3º

Ao presentar a declaración de alta xuntarase como documentación complementaria a copia da acta de formalización da recepción da obra.

Coa declaración de modificación presentarase a documentación técnica e/ou administrativa acreditativa das modificacións declaradas.

Á declaración de baixa deberá xuntarse a copia da acta de peche das instalacións.

Artigo 4º

Os datos obtidos das declaracións a que se refire o artigo anterior incorporaranse ao rexistro de parques eólicos previsto no artigo 17.5º da Lei 8/2009.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

Ver referencia pdf "01500D003P013.PDF"