DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 22 de xaneiro de 2010 Páx. 817

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 19 de xaneiro de 2010 pola que se determina o importe do complemento autonómico transitorio do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Mediante o Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro (BOE do 17 de decembro), traspasáronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos que, dentro do territorio de Galicia, desempeñaba a Administración do Estado sobre o persoal ao servizo da Administración de xustiza.

O réxime retributivo do persoal ao servizo da Administración de xustiza está regulado no título VI do libro VI da Lei orgánica do poder xudicial (LOPX), que diferencia conceptos salariais de determinación estatal (retribucións básicas -soldo e trienios-, complemento xeral do posto e complemento de garda) e conceptos salariais de determinación autonómica. Son o complemento específico e a produtividade os conceptos que lles corresponde determinar ás comunidades autónomas con competencia.

Segundo o artigo 519.3º da LOPX, a contía individualizada do complemento específico fixaraa (...) o órgano competente da comunidade autónoma, tras negociación coas organizacións sindicais nos seus respectivos ámbitos, ao elaborar as relacións de postos de traballo. Ante a demora na aprobación das relacións de postos de traballo, e coa finalidade de suplir a ausencia do complemento específico, as comunidades autónomas con competencia foron aprobando complementos autonómicos de carácter transitorio. Así en Galicia, a través dos acordos do 29 de maio de 2006 e 31 de xullo de 2008, publicados respectivamente polas resolucións da Dirección Xeral de Xustiza do 31 de maio de 2006 (DOG número 108, do 7 de xuño) e do 8 de setembro de 2008 (DOG número 244, do 17 de decembro), aprobouse a implantación do complemento autonómico transitorio, que ten efectos desde o 1 de xaneiro de 2006. Como expresamente indica o acordo asinado o 31 de xullo de 2008, este complemento integrarase e consolidarase

como parte esencial do compoñente do complemento específico cando se aproben as correspondentes relacións de postos de traballo.

A vixencia do acordo coas organizacións sindicais finalizou o pasado 31 de decembro de 2009. En consecuencia, para evitar a minoración das condicións retributivas do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, con carácter de urxencia e sen prexuízo da negociación das relacións de postos de traballo precisas para a posta en marcha da nova oficina xudicial, cómpre darlle soporte xurídico á percepción do dito complemento durante 2010, con idéntica contía e réxime ca en 2009.

Por outra banda, da execución da sentenza do 17 de xullo de 2007, da Sección VII da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, recaída no recurso contencioso-administrativo número 164/2007, xorde un cambio do réxime retributivo deste persoal, cambio este que vén determinado pola entrada en vigor do Real decreto 1033/2007, do 20 de xullo, polo que se determinan os postos tipo das unidades que integran as oficinas xudiciais e outros servizos non xurisdicionais e as súas correspondentes valoracións, para efectos do complemento xeral de posto dos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza. E, como consecuencia, producirase a perda de determinadas retribucións recoñecidas ata o momento en artigos do Real decreto 1909/2000, que quedan derrogados. Isto provocará que o novo réxime retributivo comporte unha minoración das condicións remuneratorias do persoal de determinadas unidades, así como dos funcionarios do corpo de auxilio xudicial en determinados casos.

Establecer solucións transitorias para evitar estas consecuencias é a segunda finalidade desta orde, que para tal efecto substitúe percepcións salariais que quedaron sen soporte xurídico por percepcións amparadas no complemento autonómico transitorio.

Tendo en conta o anterior, e logo de seren oídas as organizacións sindicais con presenza na Mesa Sectorial de Negociación da Administración de Xustiza, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

O obxecto desta orde é determinar para o exercicio 2010 o importe do complemento autonómico transitorio que, en substitución do complemento específico de posto, se lles pagará mensualmente aos funcionarios ao servizo da Administración de xustiza.

Segundo.-Ámbito de aplicación.

1. O ámbito de aplicación desta orde comprende o persoal funcionario dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial en servizo activo que ocupen postos de traballo incluídos nos cadros de persoal dos centros de destino da Administración de xustiza en Galicia.

2. Así mesmo, comprende o persoal interino que desempeñe os ditos postos e mais o persoal que realice funcións de reforzo nos xulgados, tribunais, fiscalías e demais unidades da Administración de xustiza.

3. Os médicos forenses e mais o persoal destinado no Instituto de Medicina Legal para os que se establecerá o complemento específico, no que consolidarán o complemento autonómico transitorio que viñan percibindo ata o 31 de decembro de 2009, quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde.

Terceiro.-Contía do complemento autonómico transitorio.

Os funcionarios dos corpos de xestores e tramitadores procesuais e administrativos e de auxilio xudicial comprendidos no seu ámbito de aplicación percibirán, en concepto de complemento autonómico transitorio, a cantidade de 445 euros mensuais.

Cuarto.-Contía adicional en determinadas unidades.

1. En concepto de complemento autonómico transitorio asignaráselles mensualmente unha cantidade adicional de 20 euros por funcionario aos xestores, tramitadores e auxiliares destinados nos xulgados de violencia contra a muller da Coruña e Vigo e nos xulgados de instrución con competencia en materia de violencia de xénero de Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra.

2. En concepto de complemento autonómico transitorio, e para evitar o empeoramento das súas condicións retributivas por mor da aplicación do Real decreto 1033/2007, os funcionarios dos corpos de xestión procesual e administrativa e de auxilio xudicial integrados nos servizos comúns de notificacións e embargos percibirán mensualmente, como adicional á contía prevista no punto terceiro desta orde, 138,75 euros, e os do corpo de tramitación, 55,50 euros.

3. En concepto de complemento autonómico transitorio, e para evitar o empeoramento das súas condicións retributivas por mor da aplicación do Real decreto 1033/2007, os funcionarios integrados nos servizos comúns de apoio dos decanatos dos xulgados percibirán mensualmente, como adicional á contía prevista no punto terceiro desta orde, 97,13 euros.

Quinto.-Dereito á percepción.

1. O dereito á percepción económica do complemento autonómico transitorio será mensual, segundo o réxime previsto para o complemento específico, e deixará de percibirse nas situacións previstas legalmente respecto do complemento específico.

2. Se o período de desempeño do posto de traballo fose inferior ao mes ou o funcionario realizase unha xornada reducida con minoración de salario, a contía do complemento autonómico transitorio será proporcional ao período ou xornada efectivamente desempeñados.

Disposición transitoria

Primeira.-Consolidación como complemento específico.

O complemento autonómico transitorio integrarase e consolidarase como parte esencial do compoñente do complemento específico cando se aproben as correspondentes relacións de postos de traballo.

Segunda.-Percepción salarial que substitúe un concepto do complemento de destino regulado polo derrogado Real decreto 1909/2000.

1. Para os efectos previstos no artigo 20.1º b) do texto refundido de disposicións legais vixentes en materia do réxime especial da Seguridade Social do persoal ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2000, do 23 de xuño, as certificacións que os habilitados expidan co fin de que a Mutualidade Xeral Xudicial calcule o importe do 75% das retribucións complementarias farán constar expresamente que a percepción prevista no punto 2 do número 4º desta orde, substitúe a regulada no artigo 8.2º do Real decreto 1909/2000, do 24 de novembro, polo que se fixa o complemento de destino dos funcionarios dos corpos de médicos forenses (...), oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza (...), derrogado coa entrada en vigor do Real decreto 1033/2007.

2. Á dita percepción seranlle de aplicación as actualizacións previstas nas leis de orzamentos xerais do Estado para as retribucións complementarias do persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Disposición derradeira

Primeira.-Efectos económicos.

1. Esta orde terá efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2010.

2. A percepción do complemento autonómico transitorio manterase entrementres non se produzan os procesos de integración dos funcionarios nas relacións de postos de traballo aprobadas conforme o disposto na Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro.

Segunda.-Entrada en vigor.

Sen prexuízo do establecido na disposición derradeira anterior, esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza