DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 22 de xaneiro de 2010 Páx. 815

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural.

Na actualidade o medio rural, ao abeiro da recente aprobación do Decreto 83/2009, do 21 de abril, que fixou a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, abrangue materias tan diversas como son a agricultura e a gandería, o desenvolvemento rural, as industrias agrarias e forestais, os montes e a conservación da natureza.

Preténdese con este decreto regular dúas cuestións diferenciadas respecto á materia sancionadora no medio rural, que son a atribución competencial para o exercicio da potestade sancionadora e o procedemento sancionador.

Os factores determinantes da previsión competencial recollida neste decreto son tanto a necesidade de actualizar a regulación competencial nos procedementos sancionadores en materia de agricultura e gandería, como a de eliminar o baleiro competencial existente nos procedementos sancionadores nas materias de conservación da fauna silvestre nos parques zoolóxicos, do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e da biodiversidade.

No tocante á exixencia de actualización, cómpre facer referencia tanto ao Decreto 24/1984, do 23 de febreiro, polo que se regulan os órganos competentes para a imposición de sancións en materia de defensa do consumidor e a produción agroalimentaria, como ao Decreto 431/1996, do 29 de novembro, que regulou os órganos competentes para a imposición de sancións por infraccións cometidas en materia de medicamentos veterinarios, cuxas regulacións precisan dunha adecuación normativa.

Así mesmo, as previsións deste decreto son respectuosas coa vixente organización da Administración periférica da Comunidade Autónoma de Galicia, contida no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

Por outra banda, no que atinxe ao procedemento sancionador, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, regula, no seu artigo 134, dentro dos principios do procedemento sancionador, a exixencia do procedemento legal ou regulamentariamente establecido para o exercicio da potestade sancionadora.

No ámbito estatal esta previsión desenvolveuse mediante a aprobación do Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aprobou o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

O artigo 23 deste real decreto prevé a aplicación do procedemento simplificado nos casos en que o órgano competente para iniciar o procedemento considere que existen elementos de xuízo suficientes para cualificar a infracción como leve.

Non obstante o anterior, é preciso lembrar o carácter supletorio deste real decreto, ao abeiro do artigo 149.3º da Constitución española, e a competencia de que dispón a Administración das comunidades autónomas para establecer os seus propios procedementos para o exercicio da potestade sancionadora.

O carácter eminentemente técnico das materias propias do medio rural, que se reflicte na complexa e, en moitos casos, dilatada tramitación dos procedementos sancionadores, e a necesidade de reforzar a seguridade xurídica dos administrados, aconsella garantir que os procedementos sancionadores nas ditas materias, sexa cal sexa a cualificación da infracción, se tramiten polo procedemento establecido nos artigos 11 a 22 do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, excluíndo a aplicación do procedemento simplificado, regulado nos artigos 23 e 24 do dito real decreto, sen prexuízo do cumprimento e respecto ás peculiaridades procedementais reguladas pola norma substantiva sancionadora nas materias propias do medio rural.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é:

1. Regular os órganos competentes para a imposición de sancións en materia de agricultura, gandaría e conservación da natureza.

2. Establecer o procedemento sancionador aplicable en materias do medio rural.

Artigo 2º.-Órganos sancionadores en materia de viños.

Os órganos competentes para a imposición de sancións pola comisión de infraccións en materia de viños serán os seguintes:

a) A persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de agricultura para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.

b) A persoa titular da dirección xeral correspondente en materia de industrias agrarias da consellería competente en materia de agricultura para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellería competente en materia de agricultura para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

Artigo 3º.-Órganos sancionadores en materia de sanidade e produción animal.

Os órganos competentes para a imposición de sancións pola comisión de infraccións en materia de sanidade e produción animal serán os seguintes:

a) A persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de sanidade e produción animal para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de sanidade e produción animal para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellería competente en materia de sanidade e produción animal para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

Artigo 4º.-Órganos sancionadores en materia de medicamentos veterinarios.

Os órganos competentes para a imposición de sancións pola comisión de infraccións en materia de medicamentos veterinarios serán os seguintes:

a) A persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de medicamentos veterinarios para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de medicamentos veterinarios para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellería competente en materia de medicamentos veterinarios para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

Artigo 5º.-Órganos sancionadores en materia de sanidade e produción vexetal.

Os órganos competentes para a imposición de sancións pola comisión de infraccións en materia de sanidade e produción vexetal serán os seguintes:

a) A persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de sanidade e produción vexetal para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de sanidade e produción vexetal para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellería competente en materia de sanidade e produción vexetal para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

Artigo 6º.-Órganos sancionadores en materia de conservación da natureza.

Os órganos competentes para a imposición de sancións pola comisión de infraccións en materia de conservación da natureza serán os seguintes:

a) A persoa titular do departamento territorial da consellería competente en materia de conservación da natureza para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves e menos graves.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

Artigo 7º.-Procedemento sancionador.

Os procedementos sancionadores en materias do medio rural, xa sexan por infraccións leves, menos graves, graves ou moi graves, tramitaranse seguindo o procedemento establecido nos artigos 11 a 22 do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, sen prexuízo do cumprimento das peculiaridades procedementais reguladas por cada norma sancionadora substantiva.

Disposición transitoria

Única.-Aos procedementos en curso no momento da entrada en vigor deste decreto seralles de aplicación a normativa vixente no momento da súa iniciación.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogados o número dous do artigo único do Decreto 24/1984, do 23 de febreiro, polo que se regulan os órganos competentes para a imposición de sancións en materia de defensa do consumidor e a produción agroalimentaria; o Decreto 431/1996, do 29 de novembro, polo que se regulan os órganos competentes para a imposición de sancións por infraccións en materia de medicamentos veterinarios, e todas as normas de igual ou inferior rango que contradigan ou se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural