DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 21 de xaneiro de 2010 Páx. 764

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 14 de decembro de 2009 pola que se regulan os criterios para aplicar o concepto de modificación substancial valorada con criterio de reposición que recolle o artigo 4.3º do Real decreto 661/2007, do 25 de maio.

Na actualidade, moitas instalacións de coxeración da Comunidade Autónoma de Galicia están próximas a acadar o límite temporal indicado no artigo 44.1º do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial. Como consecuencia diso, ao aplicárselles a actualización das tarifas e primas correspondentes, a rendibilidade económica do seu funcionamento redúcese sensiblemente, o que pode provocar a parada definitiva de gran parte destas centrais de alto rendemento enerxético.

O Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e os posteriores decretos que desenvolven a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, incorporaron a posibilidade de que estas plantas de xeración poidan dispor dunha nova data de posta en servizo se realizan melloras substanciais nas súas instalacións. En concreto, o Real decreto 661/2007, do 25 de maio, no seu artigo 4, punto 3º, entende por modificación substancial dunha instalación preexistente as substitucións dos equipamentos principais como caldeiras, motores, turbinas hidráulicas, de vapor, eólicas ou de gas, alternadores ou transformadores, cando se acredite que o investimento da modificación parcial ou global que se realiza supera o 50 por cento do investimento total da planta, valorada con criterio de reposición. Ao anterior engádelle que a modificación substancial dará orixe a unha nova data de posta en servizo polos efectos do capítulo IV.

Para entender o criterio de reposición, aplicarase por analoxía a definición exposta no parágrafo segundo do artigo 5.2º do Real decreto1464/2007, do 2 de novembro, polo que se aproban as normas técnicas de valoración catastral dos bens inmobles de características especiais, para o cal se aplicarán as normas específicas de valoración dos inmobles de características especiais destinados á produción de enerxía eléctrica. Por analoxía tomarase como referencia a norma e os coeficientes correctores definidas nos artigos 8 e 9 deste Real decreto 1464/2007 e o cadro de coeficientes do valor das construcións singulares que figuran no anexo deste real decreto.

Neste sentido, o Goberno galego quere dar seguridade xurídica para que as instalacións de coxeración instaladas en Galicia que realicen unha modificación substancial das súas instalacións desfruten dunha nova data de posta en servizo, xa que contribúen á seguridade do abastecemento e permiten compatibilizar políticas enerxéticas con estratexias ambientais. Ademais, a maior parte destas instalacións están asociadas a procesos industriais e do sector servizos, o que permite reducir os seus custos enerxéticos e axudar as empresas en que están instaladas a mellorar a súa competitividade.

Para acadar esta meta, a Administración pública galega velará para que a renovación e mellora de equipamentos que dará lugar ás modificacións substanciais das instalacións de coxeración teña como obxectivo a mellora da eficiencia enerxética, o que permitirá consumir menos enerxía primaria para subministrar a mesma enerxía final.

A todo iso vai contribuír o desenvolvemento da infraestrutura gasista previsto no Plan sectorial enerxético de Galicia 2009-2014, que posibilitará a chegada desta fonte enerxética a novas vilas e comarcas e permitirá a substitución de gasóleo e fuel-óleo por gas natural en moitas destas instalacións.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.13º, outórgalle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva sobre as instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica, cando este transporte non saia do territorio de Galicia e o seu aproveitamento non afecte outra provincia ou comunidade autónoma, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1º.22 e 25 da Constitución española; no artigo 28 atribúelle a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de réxime mineiro e enerxético.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer os criterios que permitan desenvolver o concepto de modificación substancial que recolle o artigo 4.3º do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, dada a súa trascendencia no mantemento do réxime económico das instalacións de coxeración.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación ás instalacións de coxeración instaladas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Criterios de valoración.

1. Establécese como criterio de valoración o valor de reposición definido no artigo 5.2º do Real decreto1464/2007, do 2 de novembro, aplicando como norma a que por analoxía lles corresponde ás centrais térmicas definidas no artigo 8 deste decreto, para o que se terán en conta os coeficientes correctores do módulo do custo unitario definidos no artigo 9, así como o cadro de coeficientes do valor das construcións singulares que figuran no anexo do devandito Real decreto 1464/2007, sempre e cando se acredite que o investimento da modificación parcial ou global que se realiza supera o 50 por cento do investimento total da planta, valorada con criterio de reposición, tal e como se define no artigo 4, punto 3, do Real decreto 661/2007, do 25 de maio.

2. Para aplicar os criterios de valoración que servirán de base para a determinación do concepto de modificación substancial en instalacións de coxeración, deberase presentar un proxecto de execución asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial correspondente, en que se xustifique que a modificación substancial que se pretende levar a cabo, consistente na substitución de equipamentos e melloras propostas para a súa realización (en equipamentos susceptibles de reposición e mellora asociada a esta reposición da eficiencia enerxética) que superen o 50% do investimento total da planta, valorada esta con criterio de reposición. O proxecto de execución deberá incluír un orzamento detallado das subministracións e traballos que se vaian desenvolver. Calquera modificación do proxecto deberá ser comunicada ao órgano competente e dará lugar á revisión do recoñecemento da modificación substancial.

O proxecto previsto no parágrafo anterior incluirá un estudo enerxético de acordo coa memoria-resumo anual establecida no anexo IV do Real decreto 661/2007, que recolla a situación actual e a prevista despois da modificación substancial, incluíndo os valores acadados de rendemento eléctrico equivalente e de aforro de enerxía primaria.

3. A modificación substancial incluirá a substitución e melloras asociadas a ela dos principais equipos que impliquen melloras de rendemento ou aumento de potencia mantendo o rendemento. Considerarase como custos elixibles á hora de valorar o investimento total a mellora dalgúns dos seguintes equipamentos:

-Motores alternativos, turbinas de gas, turbinas de vapor.

-Caldeiras.

-Alternador.

-Sistemas de refrixeración e recuperación de calor.

-Renovación da instalación de cables eléctricos, armarios e equipos de control.

-Transformadores.

-Mellora do illamento para ruídos e vibracións.

-Melloras ambientais (substitución do combustible, tratamento do combustible, tratamento dos gases de escape o/ou outros efluentes).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2009.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria