DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 20 de xaneiro de 2010 Páx. 715

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2009 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Val de Navea.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Val de Navea, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. Jovita Sabín González, en representación da fundación, mediante solicitude do 14 de xullo de 2009, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Val de Navea foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o quince de maio de dous mil nove, ante o notario José Antonio Bollo de Miguel, co número de protocolo seiscentos cincuenta e cinco, por José Manuel Sabín Rodríguez, Emilio Martínez Blanco, Domiciano Sabín Rodríguez, Jovita Sabín González, José Luis Rodríguez Losada, Ubaldino Rodríguez Losada, María Luz Sabín Gómez, Miguel Ángel Fernández Blanco, Santiago Fernández Blanco, Ángela Sabín Rodríguez, o Grupo de Rehabilitación de la Fauna Autóctona y su Hábitat e a Asociación de Empresarios Comarca de Trives.

3. A Fundación Val de Navea ten por obxecto, segundo establece o artigo 2 dos estatutos, apoiar, profundizar, desenvolver e completar, dentro do perímetro xeográfico comprendido polos municipios de San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Teixeira, Manzaneda, Montederramo e Parada de Sil, os obxectivos concretos enumerados e explicados superficialmente no decreto da comunidade autónoma que atribúe ao lugar denominado Val do río Navea a condición de primeira paisaxe natural protexida de Galicia (Decreto 263/2008, do 13 de novembro, polo que se declara paisaxe protexida o Val do río Navea) e cuxa finalidade se resume nos seguintes contidos:

A conservación e potenciación dos diversos elementos naturais da paisaxe e, por tanto, das augas de interese local e comunitario, e da flora e fauna silvestres de igual interese; e isto, fomentando a creación dos correspondentes refuxios de fauna. A ordenación racional do referido espazo xeográfico e a súa conseguinte dotación de construcións e instalacións indispensables para os fins fundacionais, singulares, de uso social e plenamente harmónicas coa arquitectura tradicional e co ambiente, así como de vías de comunicación, áreas públicas e equipamentos de utilidade social recoñecida e respectuosos co referido medio e a adopción das seguintes medidas de promoción socioeconómicas: a) O impulso, extensión e difusión do coñecemento dos valores naturais daquel ámbito xeográfico e a execución de programas científicos, técnicos e educativos relacionados coa súa natureza; b) O fomento dunha economía agrogandeira, vitivinícola, piscícola, forestal, turístico-recreativa e de aproveitamento e

impulso das enerxías renovables; economía que, pola súa vez, velará pola consolidación e difusión dos valores alimenticios e gastronómicos da devandita zona e pola recuperación e promoción da artesanía propia de tal ámbito, e que se caracterizará, en esencia, por ser de uso público, de índole sustentable e respectuosa en todo co ambiente e cos cultivos, gandos, especies animais e variedades vexetais e arbóreas tradicionais; c) A conservación, reconstrución, rehabilitación e posta en valor dos lugares e edificacións de interese etnográfico e cultural de toda aquela zona xeográfica, e d) A promoción cinexética racional.

4. Na constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores, a súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación constan os extremos relativos á súa denominación e natureza (artigo 1); o seu enderezo San Xoán de Río, lugar de Mourás nº 35 (Ourense) (artigo 4); o seu obxecto e finalidade (artigo 2); as regras para aplicación das rendas ao obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios (artigos 28); e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 8 a 21).

6. O padroado inicial da fundación está formado por Emilio Martínez Blanco, como presidente; a Asociación de Empresarios Comarca de Trives, representada por Rubén Fernández Rodríguez, como vicepresidente primeiro; José Luis Rodríguez Losada, como secretario; José Manuel Sabín Rodríguez, como xerente; Domiciano Sabín Rodríguez, Jovita Sabín González, Ubaldino Rodríguez Losada, María Luz Sabín Gómez, Miguel Ángel Fernández Blanco, Santiago Fernández Blanco, Ángela Sabín Rodríguez e o Grupo de Rehabilitación de la Fauna Autóctona y su Hábitat, representado por Ernesto Carlos Álvarez Xusto.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural da Fundación Val de Navea, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 47 da citada lei e o artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais, procedendo á súa clasificación como de interese para a defensa do medio natural.

8. Á vista da citada proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 5 de novembro de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 30 de setembro de 2008) clasificouse como de interese para a defensa do medio natural, e adscribiuse á Consellería do Medio Rural para efectos do exercicio do protectorado sobre ela.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 7.2º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería do Medio Rural a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Val de Navea, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polos que se aproba o regulamento de Fundacións de Interese Galego e o Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural, da Fundación Val de Navea, polo que por todo isto,

RESOLVO:

1. Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Val de Navea.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural.

3. Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 12/2006, do 1 de decembro, e aos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundación de interese galego e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro nas prestacións dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, quede suxeita ao protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Esta resolución notificaráselles aos interesados, facéndolles saber que contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2009.

Jorge Atán Castro

Secretario xeral da Consellería do Medio Rural