DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 19 de xaneiro de 2010 Páx. 644

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

ACORDO do 21 de decembro de 2009, do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, polo que se aproba a normativa de mobilidade entre os campus de Santiago de Compostela e Lugo para persoal docente e investigador con vinculación permanente á Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, (BOE do 13 abril), mantén a estrutura da universidade española deseñada pola LRU, sobre a base de centros, encargados da organización das ensinanzas, e de departamentos, responsables de coordinar as ensinanzas dunha ou varias áreas de coñecemento nun ou en varios centros.

Así, está vixente o Regulamento regulador do réxime do profesorado universitario de 1985 (Real decreto 898/1985, do 30 de abril) que, no seu artigo 11, establece que o profesorado ten a obriga de impartir ensinanzas teóricas e prácticas en calquera centro da súa universidade e a ser adscrito a unha área de coñecemento e a un departamento como sinalan os nosos estatutos.

A Universidade de Santiago de Compostela conta con centros docentes distribuídos nos campus de Santiago de Compostela e Lugo. O profesorado está adscrito a unha área de coñecemento, a un departamento e a un campus, sen prexuízo da súa asignación a un centro docente, instituto universitario ou centro de investigación, de acordo coas características de creación da praza que ocupa.

O profesorado ten a posibilidade de impartir docencia en calquera centro docente da universidade, de acordo coa planificación docente do departamento, en coordinación cos centros, e a aprobación da Vicerreitoría con competencias na materia.

Con carácter xeral, existe un dereito e unha obriga do profesor adscrito a un campus a impartir docencia nel e a que non se lle encargue docencia noutro campus distinto mentres existan profesores da súa área de coñecemento adscritos a este último que non completen a súa dedicación docente.

A sociedade exixe á universidade o mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles, o que require acomodar a distribución do seu persoal ás necesidades docentes e investigadoras, definidas cos criterios vixentes en cada momento, dotándose da necesaria flexibilidade para adaptarse aos cambios que se vaian producindo no futuro. Actualmente, esta flexibilidade é especialmente necesaria para atender ás necesidades que teñen que ver coa adaptación da oferta docente ao espazo europeo de educación superior e coa conciliación da vida persoal, familiar e laboral, sen menoscabo da promoción profesional do profesorado.

Así pois, é necesario establecer un procedemento que regule, coas debidas garantías, a posibilidade de realizar actividades docentes nun campus distinto ao da adscrición do profesor ou mesmo cambiar a adscrición dun campus a outro.

En consecuencia, unha vez negociado cos representantes do persoal, o Consello de Goberno da USC, na súa sesión do 21 de decembro de 2009, acordou aprobar esta normativa.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Adscrición a un campus.

O PDI con vinculación permanente á Universidade de Santiago de Compostela está adscrito a unha única área de coñecemento, a un único departamento e a un único campus, sen prexuízo da súa asignación a un centro docente, instituto universitario ou centro de investigación de acordo coas características de creación da praza que ocupa.

Artigo 2º.-Dereitos e obrigas da adscrición a un campus.

1. Con carácter xeral, a adscrición a un campus implica o dereito e a obriga de desenvolver as actividades docentes e investigadoras nun ou en varios centros dese campus. Non obstante, a adscrición a un campus é compatible coa asignación de actividades docentes noutro campus, sempre que sexan autorizadas nos termos do capítulo II desta normativa.

2. Excepcionalmente poderase cambiar o campus de adscrición das prazas de profesorado, cando concorran as causas e consonte o procedemento que se regula no capítulo III desta normativa.

3. Agás causas de forza maior ou de concorrer situacións excepcionais sobrevidas, que requirirán o informe favorable da COAP, os cambios de adscrición entre campus e a asignación de actividades docentes nun campus distinto ao de adscrició só poderán facerse efectivas ao comezo de cada curso académico e sempre que a docencia encargada á área de coñecemento do solicitante no campus de orixe quede debidamente cuberta, conforme os prazos e requisitos establecidos na programación académica.

Artigo 3º.-Asignación temporal de actividades docentes noutro campus e cambios de adscrición.

1. En xeral, e coas únicas excepcións que se prevén nesta normativa, a asignación de actividades docentes en campus distinto ao de adscrición e os cambios de adscrición de campus, terá carácter voluntario e non xerarán dereito a compensacións económicas.

2. O disposto no artigo anterior entenderase sen prexuízo das facultades de remoción e reasignación de efectivos previstas na normativa reguladora da función pública, así como do previsto no artigo 40 do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores.

3. A Vicerreitoría, con competencias en materia de profesorado velará para que a asignación de docencia en campus distinto obedeza claramente a necesidades conxunturais evitando, en particular, o uso repetido desta figura para solucionar necesidades estruturais de profesorado.

Artigo 4º.-Capacidade docente, encargo docente e necesidades docentes.

1. Para a aplicación desta normativa para os efectos da asignación temporal de actividades docentes nun campus diferente ao de adscrición, a capacidade docente, o encargo docente e, polo tanto, as necesidades docentes dunha área de coñecemento nun campus serán avaliadas cos mesmos criterios que se establezan para a organización docente no curso académico correspondente.

2. Para os efectos da aplicación desta normativa no relativo aos cambios de adscrición de campus, a capacidade docente, o encargo docente e, polo tanto, as necesidades docentes dunha área de coñecemento nun campus serán os que resulten de aplicar os criterios vixentes en cada momento na universidade para o cálculo da estrutura do cadro de PDI, incluíndo a valoración equivalente das actividades de investigación e/ou xestión no caso de que estas se consideren para aos efectos do dito cálculo. Tamén se terán en conta os acordos existentes sobre reorganización ou implantación de titulacións que deban comezar a executarse nos seguintes cursos académicos.

Capítulo II

Asignación temporal de actividades docentes nun campus diferente ao de adscrición

Artigo 5º.-Motivos.

1. Con carácter excepcional, os departamentos, no marco da programación docente anual (PDA) e do plan de organización docente (POD), poderán asignar docencia ao seu profesorado en centros situados en campus diferentes ao de adscrición da súa praza nos termos recollidos nesta normativa, con base nos seguintes motivos:

-Cubrir temporalmente necesidades docentes conxunturais que non poidan ser asumidas polo profesorado existente nese campus.

-Contemplar situacións especiais de necesidade recollidas na disposición adicional primeira.

2. Así mesmo, a universidade poderá instar os departamentos a que efectúen propostas de reestruturación dos encargos docentes noutros campus, se esta non se produce por iniciativa destes ou cando se reciban alegacións, segundo o procedemento sinalado nesta normativa.

Artigo 6º.-Condicións.

1. A asignación de docencia nun campus distinto ao de adscrición non superará o 25% do encargo docente máximo que lle corresponda ao profesor, agás que se conte coa súa aceptación para superar esta porcentaxe podendo, nese caso, chegar ao 100% da súa capacidade.

2. Só en casos excepcionais, xustificados por necesidades do servizo e logo de informe da representación sindical do persoal, poderase asignar con carácter obrigatorio, a maioría ou toda a docencia dun profesor no campus distinto ao de adscrición.

3. As titorías deberán ser distribuídas nos dous campus de forma proporcional ás horas de clase impartidas. Co fin de reducir os desprazamentos, os centros, en coordinación cos departamentos, facilitarán a agrupación de horarios de clase e titorías, respectando sempre a normativa académica.

4. De acordo cos principios xerais desta normativa, o profesorado que deba impartir obrigatoriamente docencia nun campus diferente ao da súa adscrición terá dereito ás correspondentes indemnizacións por razóns de servizo, con cargo ao departamento, ás vicerreitorías que correspondan, ou outro órgano da USC, nos termos que, en cada caso, se establezan.

Artigo 7º.-Procedemento.

1. A asignación de docencia en campus distinto ao de adscrición deberá ser autorizada expresamente pola Vicerreitoría con competencias na materia. A proposta será aprobada polo Consello de Departamento e enviada á Vicerreitoría con anterioridade á proposta definitiva do Plan de Organización Docente, axuntando un informe razoado e, de ser o caso, un informe económico das indemnizacións que, eventualmente, procederían.

2. Cando o profesor afectado discrepe da proposta elevada polo departamento, poderá presentar as alegacións que estime oportunas ante a Vicerreitoría competente na materia, nun prazo de dez días naturais contados desde o seguinte ao de aprobación da proposta no Consello de Departamento.

3. A aprobación do Plan de Organización Docente por parte da Vicerreitoría leva implícita a autorización da asignación de docencia en campus distinto para todo o profesorado proposto polos departamentos nesas circunstancias, durante o tempo de impartición da docencia correspondente. A dita autorización caduca ao final de cada curso académico e non supón en ningún caso modificación da adscrición do profesorado ao campus de orixe. Tamén debe autorizar as indemnizacións por razóns do servizo que, de ser o caso, correspondan, coa indicación dos órganos responsables do pagamento.

Capítulo III

Cambio de adscrición de prazas a campus

Artigo 8º.-Motivos.

1. A universidade poderá autorizar cambios de adscrición a campus de prazas de profesorado por algún dos seguintes motivos:

i) Corrección de desequilibrios manifestos da ratio encargo /capacidade docente dunha área que sexa excedentaria, polo menos, nun dos campus.

ii) Intercambios simultáneos de adscrición de prazas a campus, que non alteren a ratio encargo/capacidade docente en ningún dos campus.

iii) Cambio de campus de adscrición con carácter previo á creación de prazas ou cobertura de vacantes da área en calquera dos campus.

2. A Universidade poderá instar aos departamentos a que efectúen propostas de cambios de adscrición, se esta non se produce por iniciativa destes ou cando se reciban alegacións, segundo o procedemento sinalado nesta normativa.

Artigo 9º.-Condicións.

1. En aplicación do artigo 8.1º, poderán realizarse cambios de adscrición para corrixir desequilibrios manifestos da ratio encargo/capacidade docente dunha área cando, ao abeiro da normativa vixente, concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a área sexa excedentaria nun campus e deficitaria no outro, ou ben excedentaria nos dous e existan desequilibrios manifestos na ratio encargo/capacidade docente da área nos dous campus.

b) Que no campus de orixe os profesores da área dispostos a cambiar a adscrición da praza teñan as condicións requiridas polas disposicións vixentes para impartir docencia nos centros do campus de destino.

c) Que, de levarse a cabo os cambios de adscrición, non se produzan déficits de capacidade-encargo en ningún dos campus que eran excedentarios, nin novos desequilibrios manifestos na ratio capacidade/encargo e que non se alteren de xeito significativo as ratios de profesores e categorías que ao respecto teña establecido a USC.

2. En aplicación do artigo 8.1º, poderán realizar intercambio simultáneo da súa adscrición dúas prazas de distintos campus, con vinculación permanente á universidade que sexan da mesma categoría e área de coñecemento.

Excepcionalmente, logo de negociación cos representantes do persoal, poderanse autorizar intercambios de adscrición a campus de prazas de distinta categoría, sempre que:

-Se asegure a cobertura das necesidades docentes nos dous campus.

-Se cumpran os requisitos legais para que os profesores poidan impartir o encargo docente da área nos distintos centros do novo campus de adscrición.

3. En aplicación do artigo 8.1, con carácter previo á creación dunha praza con vinculación permanente ou cobertura dunha vacante nun determinado campus, poderá cambiar de adscrición unha das prazas adscritas ao outro campus do mesmo departamento, da mesma área e da mesma ou similar categoría que a praza que se pretende crear ou cubrir. De aprobarse o cambio, a praza crearase no campus de orixe da praza que cambia de adscrición. O traslado do/a profesor/a non se fará efectivo ata despois de realizado o correspondente concurso da praza creada.

4. Só en casos excepcionais, motivados por necesidades docentes autorizarase o cambio de adscrición dunha praza cando sexa a única da súa área e da súa categoría ou similar adscrita ao campus de orixe, salvo que sexa creada outra praza con vinculación permanente de categoría igual ou superior.

Artigo 10º.-Requisitos dos solicitantes.

Os candidatos que desexen cambiar o campus de adscrición das súas prazas deberán reunir os seguintes requisitos mínimos:

1. Tres anos de servizos efectivos, con carácter de destino definitivo, nas prazas ás que figuren adscritos. Poderase admitir, en situacións excepcionais de necesidade ou urxencia, o cambio de adscrición cun mínimo dun ano na ocupación das súas prazas.

2. No caso de intercambio simultáneo de adscrición de prazas a campus, ademais dos requisitos establecidos no parágrafo anterior, os candidatos deberán cumprir os seguintes:

i) Que ambos profesores conten cun número de anos de servizo que non se diferencie en máis de dez.

ii) Que a ningún deles lle falte menos de dez anos para cumprir a idade de xubilación forzosa.

Artigo 11º.-Procedemento para o cambio de adscrición.

1. Os cambios de adscrición de prazas a campus serán aprobados seguindo o procedemento previsto para as modificacións da RPT do PDI, e terán efectos a partir do curso académico seguinte.

2. a) Con carácter xeral, o procedemento será iniciado pola Vicerreitoría con competencia en materia de profesorado coa apertura de prazo para formalizar solicitudes con incidencia na capacidade docente que anualmente se remite aos departamentos, de xeito que os cambios de adscrición sexan debatidos e, se é o caso, aprobados, nos órganos de goberno, ao mesmo tempo que o resto de modificacións da relación de postos de traballo do PDI.

b) Para os cambios de adscrición previos á creación dunha praza ou cobertura dunha vacante, que non poidan ser incluídos na convocatoria xeral, o procedemento será iniciado polo Departamento, tras o acordo do seu Consello para a solicitude da praza, e seguirá a mesma tramitación que se indica nos apartados seguintes deste artigo para o resto dos cambios de adscrición.

3. Con esta finalidade, os departamentos nos que se dea algunha das circunstancias indicadas no artigo 9 abrirán un período de dez días naturais no que os profesores poderán realizar a solicitude correspondente. Os departamentos deberán garantir a difusión da convocatoria a todos os seus membros.

4. Cando houbese máis dunha solicitude que cumpra os requisitos e non fose posible conceder á vez o cambio de adscrición de todas as prazas, o departamento elaborará a proposta consonte os criterios de antigüidade e prelación vixentes na USC.

5. A proposta de cambios de adscrición a campus, aprobada polo Consello de Departamento, elevarase mediante informe razoado á Vicerreitoría competente en temas de profesorado, acompañando, cando proceda, informes adicionais que avalen a reorganización prevista.

6. Cando algún dos solicitantes discrepe da proposta elevada polo departamento, poderá presentar as alegacións que estime oportunas ante a Vicerreitoría, nun prazo de dez días naturais contados desde o seguinte ao da aprobación da proposta en Consello de Departamento. As alegacións trasladaranse para informe ao departamento e incorporaranse ao expediente para os efectos do establecido no punto 1 deste artigo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Situacións especiais relacionadas coa violencia de xénero, dependencia ou conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Na asignación temporal de actividades docentes nun campus diferente do de adscrición e nos cambios de adscrición de prazas a campus, darase preferencia ás solicitudes motivadas por situacións especiais relacionadas coa violencia de xénero, consonte o establecido na lexislación vixente, e ás motivadas por outras situacións de especial protección que así sexan declaradas por norma legal ou acordo do Consello de Goberno no marco do Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidade entre Mulleres e Homes, co alcance que neles se determine.

Segunda.-Profesorado con vinculación permanente.

Para os efectos deste regulamento, considerarase profesorado con vinculación permanente á Universidade de Santiago de Compostela o profesorado pertencente aos corpos de Catedráticos de Universidade e catedráticos de Escola Universitaria, e aos corpos de titulares de universidade e titulares de Escola Universitaria así como os profesores contratados doutores e os profesores colaboradores con contrato indefinido.

Así mesmo, e sen prexuízo do disposto noutras normas legais, consideraranse equivalentes as prazas de profesorado titular de universidade e de profesorado contratado doutor.

Terceira.-Asignación de docencia nos departamentos tras os cambios de adscrición.

Cando sexa necesario acudir aos criterios de prelación e antigüidade para a asignación da docencia no departamento, os profesores que cambien de campus de adscrición terán menor preferencia entre os do mesmo grupo de prelación no novo campus. Esta disposición só terá efectos na asignación de docencia do curso académico no que se efectúa o cambio.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as normas da USC de rango igual ou inferior que se opoñan a esta normativa.

Disposición derradeira

Esta normativa entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2009.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela