DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 19 de xaneiro de 2010 Páx. 638

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 21 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a creación de banda deseñada galega durante o ano 2010 e se procede á súa convocatoria.

Debido á crecente importancia da banda deseñada no panorama cultural galego, e dada a inexistencia dun tecido editorial o suficientemente grande para soster os custos de produción das historias narradas dentro deste medio de expresión, xorde a necesidade de dar un apoio aos autores para fomentar a creación de obras extensas de cómic galego en calquera xénero, permitíndolles aos autores galegos abordar proxectos creativos ambiciosos que na actualidade o mercado non consegue promover. En último termo, preténdese favorecer con estas axudas a edición de historias longas de banda deseñada en galego.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2º que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, a que se axusta esta disposición.

Na súa virtude, no exercizo das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Primeiro.-Finalidade e obxecto.

1. Convócanse axudas para a creación de proxectos de banda deseñada galega. Os beneficiarios destas axudas deberán executar o proxecto no prazo de doce meses desde a data da comunicación da concesión da axuda.

2. As actividades obxecto de axuda serán as seguintes:

-Elaboración do guión do proxecto, gastos de ilustración e gastos de edición.

3. O procedemento para a concesión das axudas recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega.

E, supletoriamente:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

b) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo.-Imputación orzamentaria e contía.

A concesión das axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.432A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2010 tendo en conta que, en todo caso, o gasto proxectado se suxeitará á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución. O importe total do crédito destinado a esta convocatoria é de 30.000 euros, cun límite máximo de 6.000 euros por beneficiario.

Terceiro.-Requisitos dos beneficiarios.

1. Poderán optar a estas axudas aquelas persoas físicas que cumpran os requisitos do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con estudos rematados dalgunha das seguintes titulacións universitarias: Belas Artes, Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas, Xornalismo, Teoría da Literatura e Literatura Comparada, Filoloxía, graos en Estudos Lingüísticos e Literarios, Tradución e Interpretación e Deseño Téxtil e Moda. Así como as seguintes titulacións de FP: Comunicación, Imaxe e Son, Artes Gráficas, Deseño e Ilustración, Patronaxe e Moda.

2. A condición e desfrute desta axuda non supón unha relación laboral, contractual ou de calquera outro tipo entre o beneficiario e a Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

3. A percepción da axuda é incompatible co desfrute doutras axudas ou subvencións outorgadas co mesmo obxecto por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

4. Non poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2ºe 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarto.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

Os que se desexen acoller a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes contado a partir do dia seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante instancia dirixida á Consellería de Cultura e Turismo, segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde. A instancia poderá presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou documento análogo do solicitante.

b) Fotocopia do título que acrediten ter realizados algún dos estudos sinalados no artigo 3º desta orde.

c) Proxecto que se presenta á convocatoria de subvención. Cada persoa física só poderá presentar unha única solicitude de axuda e conterá un único proxecto. Deberá ser un proxecto para a creación dunha banda deseñada orixinal e inédita, tanto en Galicia como no exterior. Se a banda deseñada leva texto, deberá estar redactado en lingua galega. O número de páxinas de cada obra rematada terá un límite mínimo de 49 páxinas, a cor ou en branco e negro. Os formatos, os temas e as técnicas utilizadas son libres e déixanse á elección dos autores. Deberá presentarse como documentación:

-Título do proxecto e guión técnico completo escrito en lingua galega (aceptarase tamén o guión en storyboard).

-Un mínimo de seis páxinas rematadas do proxecto, rotuladas e a cor (en caso de incluíla a obra), impresas nun formato máximo DIN A3 (non orixinais).

-Ficha de personaxes (con imaxes rematadas destes).

-Sinopse argumental (dunha páxina como máximo).

d) Declaración xurada de non ser beneficiario doutra axuda para o mesmo proxecto, conforme o anexo II. A presentación da solicitude de concesión da axuda polo interesado comporta a autorización á Consellería de Cultura e Turismo para solicitar de oficio e de forma telemática as consultas de estar ao día nas obrigas tributarias e fiscais coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Esta consulta farase de oficio e de forma telemática. No caso de que para o órgano instrutor non resulte posible a obtención da información, poderá requirirlla directamente ao solicitante. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura poderá, en calquera momento, pedirlles ás persoas solicitantes que acheguen a documentación que consideren necesaria.

Quinto.-Enmenda das solicitudes.

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, considerarase que desistiu da súa solicitude, logo de que se dite a oportuna resolución de acordo co disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sexto.-Instrucción do procedemento e selección das solicitudes.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura a instrución do procedemento de concesión das axudas, e desenvolverá de oficio cantas actuacións sexan necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

Co obxecto de cumprir o principio de concorrencia competitiva, as solicitudes examinaraas unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esta comisión estará constituída polos seguintes membros:

a) Presidente: o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

b) Vogais: a subdirectora xeral de Difusión Cultural e Publicacións, a xefa do Servizo de Libro e Publicacións e tres autores profesionais de banda deseñada elixidos polo director xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

c) Un funcionario da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura que actuará como secretario.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, este poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto, designe o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

A comisión valorará os expedientes consonte os seguintes criterios:

a) Linguaxe, estilo e técnicas narrativas empregadas no proxecto, ata 10 puntos.

b) Traxectoria artística e experiencia do solicitante, ata 5 puntos, que se repartirán do seguinte xeito:

-Por publicacións individuais en banda deseñada: 1 punto.

-Por publicacións colectivas en banda deseñada: 0,5 puntos, ata o máximo de 5 puntos.

c) Estudos relativos ao obxecto da axuda: ata 3 puntos, que se repartirán do seguinte xeito:

-1 punto por licenciatura recollida no artigo 3 da orde.

-0,5 puntos por estudos de grao ou FP previstos no mesmo artigo, ata o máximo de 3 puntos.

d) Premios e recoñecementos recibidos en materia de banda deseñada e ilustración, ata 3 puntos, que se repartirán do seguinte xeito: 1 punto por cada premio acreditado en banda deseñada, ata o máximo de 3.

O informe que emita a comisión valorará a totalidade dos expedientes que cumpren os requisitos previstos nesta orde. Avaliadas as solicitudes, a comisión elaborará un informe en que se concrete o resultado da avaliación e posteriormente o órgano instrutor elevará o dito informe xunto coa proposta de resolución ao conselleiro de Cultura e Turismo.

No suposto de que algunha persoa non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe ao seguinte solicitante por orde de puntuación.

Sétimo.-Resolución.

O conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, ditará a resolución da concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Octavo.-Notificación e desestimación.

O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os nove meses, segundo establece o artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución expresa faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Noveno.-Aceptación, xustificación e pagamentos.

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase como tácitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á axuda concedida debidamente asinada polo beneficiario. De acordo ao artigo 65 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas axudas quedan exonerados da constitución de garantía.

2. Os beneficiarios da axuda quedarán obrigados a xustificar o proxecto antes do 30 de novembro de 2010, mediante a presentación da seguinte documentación:

-Memoria xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da axuda, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

-Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas que conterá orixinal, ou fotocopia compulsada, e dúas copias da seguinte documentación:

a) Relación clasificada dos gastos e investimemtos da actividade.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

-Certificación da titularidade da conta expedida pola entidade bancaria onde se debe realizar o pagamento da axuda.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

-Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo por portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

-Con carácter excepcional admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión recibín en metálico.

4. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, en todo momento, poderá requirir calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A actividade subvencionada con cargo a esta orde deberá contribuír á normalización da lingua galega. As accións de difusión, publicidade e comunicación da actividade subvencionada desenvolveranse en galego. Os beneficiarios das axudas quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal foron concedidos e a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

Os beneficiarios destas axudas farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada, sempre que sexan actividades con datas posteriores á recepción da comunicación da resolución que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura e Turismo-Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura-utilizando a imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

Os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

No momento da xustificación da execución total da axuda e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (conforme o anexo II).

Cando un beneficiario non poida executar o proxecto ou actividades deberá renunciar á axuda por escrito.

Décimo primeiro.-Reintegro da axuda e procedemento sancionador.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas percibidas cando concorran calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Décimo segundo.-Recursos.

Contra os actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpor recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpor, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura e Turismo.

Décimo terceiro.-Publicidade.

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario ao que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da axuda, ao abeiro do disposto no artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo cal a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento, para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios, creado polo artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2009.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

Ver referencia pdf "01100D008P014.PDF"