DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 19 de xaneiro de 2010 Páx. 635

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 14 de decembro de 2009 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello do Porriño (Pontevedra), no lugar de Torneiros.

O Concello do Porriño remite o proxecto da modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

I. Antecedentes.

I.1. O Concello do Porriño dispón vixente de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado o 26 de xuño de 2003, ao abeiro da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

I.2. No ámbito desta modificación puntual, está tamén vixente a modificación puntual do PXOU do Porriño en Torneiros (Genentech España, S.L.) con ordenación detallada, con AD o 11 de xullo de 2007, e recollida no PXOM vixente como OIPA-1, ordenanza 7b.

I.3. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible emitiu a decisión do 30 de xullo de 2008, pola que se resolve que non é necesario proceder á avaliación ambiental estratéxica.

I.4. A CPTOPT non emitiu informe previo á aprobación inicial, xa que, ao abeiro do artigo 93.4º da LOUG, o concello non o solicitou por ser innecesario.

I.5. A MP foi aprobada inicialmente polo Pleno o 1-12-2008. Sometida a información pública (xornais Atlántico e Faro de Vigo do 19 de setembro de 2008; e Diario Oficial de Galicia do 22 de decembro de 2008) segundo informe do secretario xeral do Concello do 5 de marzo de 2008, non houbo alegacións.

I.6. No expediente constan os seguintes informes municipais:

Previos á aprobación inicial: da arquitecta municipal, con datas do 25 de agosto e 15 de setembro de 2008 en sentido favorable; de secretaría, con data do 8 de outubro de 2008.

Previos á aprobación definitiva: da arquitecta municipal, con data do 10-11-2008; de secretaría con datas do 6-11-2008 e 5-3-2009 (sobre documentación achegada ao concello o 25-9-2009).

I.7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Pleno en sesión do 12-3-2008.

O Servizo de Urbanismo de Pontevedra requiriulle o 30 de abril e o 30 xuño de 2009 diversa documentación ao concello, sendo aprobada a emenda polo Pleno do 23 de xullo de 2009; por mor dun novo requirimento do 7-9-2009, o concello elabora un texto refundido que foi aprobado provisionalmente polo Pleno do 1 de outubro de 2009.

II. Consideracións e fundamentación.

a) Analizado o proxecto de modificación puntual de referencia e á vista da proposta elevada pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre formular as seguintes consideracións para os efectos da súa aprobación definitiva:

1. A finalidade da modificación puntual é establecer unha nova ordenanza de aplicación nun ámbito de solo urbano de uso industrial situado en Torneiros, de xeito que, sen incrementar a superficie edificable total do ámbito, se modifica a que teñen asignadas as parcelas edificables, traspasando edificabilidade entre dúas delas.

O ámbito ten 37.301,00 m2, que a MP divide en tres zonas, A, B e C. Estas zonas correspóndense con tres áreas en que son de aplicación dúas ordenanzas intercaladas. Nas zonas A -8.293 m2- e C 13.680 m2- é de aplicación a ordenanza 6, polo que a edificabilidade prevista (0,6 m2/m2) é 975,80 m2 e 8.208 m2, respectivamente. Á zona B -15.328 m2- élle de aplicación a ordenanza 7b, e correspóndese co ámbito de planeamento incorporado OIPA-1, en que se define unha parcela edificable de 3.950 m2 con edificabilidade de 3.525 m2.

Coa MP asígnaselle a nova ordenanza 6 bis a todo o ámbito, que establece edificabilidades máximas en cada zona, incrementando a superficie edificable na zona A (11.206 m2) en detrimento da zona C (1.977,80 m2). Na superficie edificable da zona B, e na edificabilidade total do ámbito 16.708,80 m2 non se producen cambios.

A ordenanza 6 bis, ademais, elimina os recuamentos de 10 m a aliñacións fixado pola ordenanza 6, mantén como excepción para a zona da OIPA-1 a altura dese planeamento incorporado e establece que a ocupación máxima se calcule sobre a superficie total das zonas A, B e C.

2. O ámbito da MP correspóndese coas instalacións de Lonza Biologics Porriño, S.L., que necesita ampliar a fábrica situada na zona A para a adecuación do proceso de fabricación desta industria farmacéutica ao sinalado polas directrices da Comisión Europea.

O Concello do Porriño considera de manifesto interese xeral a adecuación das instalacións existentes ás necesidades de fabricación e á normativa farmacéutica, co fin de asegurar a continuidade da actividade económica e o mantemento dos postos de traballo.

Eses fins económicos e sociais xustifican o cumprimento do art. 94.1º como outros fins públicos.

3. A nova ordenación incide sobre a vixente para a OIPA-1, modificando as aliñacións para ampliar o almacén, redistribuíndo as prazas de aparcadoiro; e reducindo a superficie destinada a vías obxecto de cesión, que se compensa na zona A pola continuación nesta zona da vía definida pola OIPA-1.

b) De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio, e Infraestruturas.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 5.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual do Concello do Porriño (Pontevedra) no lugar de Torneiros.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas