DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 19 de xaneiro de 2010 Páx. 633

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 24 de novembro de 2009 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 12 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Mugardos (A Coruña) no ámbito do solo urbano non consolidado P4-O Concello.

O Concello de Mugardos solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida en virtude do artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Mugardos dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente polo Concello Pleno o 19-10-1999, ao abeiro da Lei 1/1997, do solo de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 17-11-2008 informe previo á aprobación inicial da modificación, ao abeiro do disposto no artigo 85.1º da LOUG.

3. A modificación foi aprobada inicialmente polo Concello en Pleno do 10-12-2008 e sometida a información pública regulamentaria. Non foron presentadas alegacións, segundo o informe do 4-3-2009 incluído para o efecto no expediente.

4. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente decidiu o 14-8-2008 non someter a proposta a avaliación ambiental estratéxica.

5. No expediente figuran os seguintes informes sectoriais:

-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, do 22-12-2008, favorable, con indicación de que, no seu momento, se incorporará o cine Zárate ao catálogo municipal.

-Servizo de Arquitectura e Habitabilidade da Consellería de Vivenda e Solo, do 2-2-2009, con diversas observacións á proposta.

-Servizo de Planificación e Programación Hidrolóxica de Augas de Galicia, aclaración sobre as observacións ao documento de inicio de modificación, do 15-6-2009, en que se indica que non é necesario estudo hidrolóxico-hidráulico na área.

-Dirección Xeral de Infraestruturas desta consellería en materia de estradas, do 16-11-2009, favorable.

6. Constan os informes técnicos e xurídicos municipais, nos termos do artigo 85.4º da LOUG.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Pleno municipal do 27-3-2009.

8. O Concello remitiu, mediante escrito do 8-4-2009 (rexistro de saída número 1546 do 13-4-2009), expediente e proxecto de modificación, que tiveron entrada no rexistro do edificio administrativo da Xunta de Galicia na Coruña o 14-4-2009. O Servizo de Urbanismo requiriu o 14-5-2009 a emenda das deficiencias documentais observadas. O Concello remite nova documentación, que ten entrada na Xunta de Galicia o 17-9-2009.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con esta mesma data, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, do seguinte teor literal:

1. Ámbito e obxecto da modificación.

O ámbito da modificación é o polígono P4 de solo urbano non consolidado do PXOM vixente, cun aproveitamento tipo de 1,20 m2/m2 en B+3P; con reserva para praza de uso público (30% do sector) e aparcadoiro privado baixo ela; obrigando á conservación do edificio do Concello e do situado no seu lateral esquerdo, incluso o xardín. O sistema de actuación é por compensación.

1.2. A proposta ten por obxecto:

a) Redución do ámbito do polígono P4 de 6.000 m2 a 3.760 m2 e da intensidade de 1,20 m2/m2 a 0,85 m2/m2. Prevese a súa ordenación detallada mediante un Plan especial de reforma interior con aplicación da ordenanza CA-zona antiga, de integración da edificación residencial e das dotacións na trama histórica.

b) Recualificación do resto do ámbito actual do P-4 como sistema xeral de equipamentos públicos (1.414,86 m2) e sistema xeral de espazos libres públicos (700 m2) sobre parcelas de titularidade municipal e nas cales de atopa a Casa do Concello e o cine Zárate.

c) Incorporación dunha nova ordenanza de solo dotacional de equipamento para aparcadoiro público, ao abeiro dos artigos 47.8º e 54 g) da LOUG, relativo a todo lugar de titularidade pública destinado á estancia de vehículos de calquera clase. Tal ordenanza afectaría os lugares expresamente previstos no PXOM (o ámbito seleccionado no actual polígono P-4 queda definido graficamente nos planos da modificación puntual), e poderíase implantar, ademais, nos seguintes ámbitos:

-Baixo solos cualificados como sistema viario ou de espazos libres e zonas verdes, sempre que o uso establecido polo PXOM se manteña en superficie, non permitindo a eliminación ou traslado dos elementos físicos ou vexetais de interese.

-Nos espazos libres ou edificados das parcelas dotacionais públicas.

d) Así mesmo, en cumprimento do indicado no informe da Consellería de Vivenda e Solo, introdúcese un punto 5 no artigo 89 da normativa do plan xeral relativo ás condicións dos espazos exteriores de calidade.

2. Razóns de interese público.

As razóns invocadas (creación de novo solo dotacional público, con recuperación dun edificio de interese patrimonial, variación dos criterios de ordenación aplicables ao polígono P-4, de xeito que se garanta unha mellor integración no núcleo antigo de Mugardos con diminución de edificabilidade e creación dun aparcadoiro soterrado público) poden considerarse como fins públicos para fundamentar unha modificación do plan xeral para os efectos do artigo 94.1º da LOUG.

3. Adecuación á normativa de aplicación.

A modificación axústase ás prescricións legais de aplicación, logo de dar cumprimento ás observacións indicadas no informe previo á aprobación inicial do 17-11-2008 da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (observacións 2 e 3), así como aos informes sectoriais emitidos no procedemento.

II.2. A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións de planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4º da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 12 do PXOM de Mugardos, no ámbito do solo urbano non consolidado P4-O Concello.

Segundo.-Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas