DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 19 de xaneiro de 2010 Páx. 632

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 20 de novembro de 2009 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 19 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo (A Coruña) na avenida de Razo, en execución da sentenza 885/07 do Tribunal Superior de Xustiza.

O Concello de Carballo remite a modificación puntual referida para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Carballo dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente polo Concello pleno o 20-5-2003, ao abeiro da disposición transitoria 3ª da LOUG. O Plan foi anulado por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 1-5-2007, pendente de casación.

2. A modificación realízase en execución da sentenza 00885/2007, do 31-10-2007, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pola que se anula o acordo municipal plenario do 20-5-2003 de aprobación definitiva do PXOM, en canto á clasificación da totalidade dunha parcela como solo rústico de protección ordinaria; a sentenza declara que parte desta debe ter a clasificación de solo urbano consolidado.

3. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente decidiu o 2-1-2009 non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica.

4. A modificación proposta foi aprobada inicialmente polo concello pleno o 30-3-2009 e sometida a información pública nos termos sinalados no artigo 85.2º da LOUG. Non foron presentadas alegacións, segundo o certificado incluído para o efecto no expediente.

5. Consta no expediente informe favorable da Deputación Provincial da Coruña, en materia de estradas, do 26-6-2009.

6. Constan os informes técnicos e xurídicos municipais previstos no artigo 85.4º da LOUG.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Pleno municipal do 29-6-2009.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con esta mesma data, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo elevou un informe-proposta de resolución, en que se sinala:

1. Obxecto da modificación.

A modificación ten por obxecto a reclasificación e ordenación de parte dunha parcela situada na avenida de Razo, que pasa de solo rústico ordinario a solo urbano consolidado en cumprimento da sentenza 00885/2007, do 31-10-2007, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Aplícase nese ámbito a ordenanza 1 (zona residencial extensiva-vivenda unifamiliar) do PXOM e mantense polo demais o trazado e características da rede viaria pública prevista.

2. Razóns de interese público da modificación (artigo 94.1º da LOUG).

A modificación dá cumprimento a unha resolución xudicial firme, incorporando ao PXOM as prescricións necesarias para tales efectos.

3. Coherencia de fins expostos e o contido da modificación.

A aplicación ao ámbito da ordenanza 1 (residencial extensiva-vivenda unifamiliar) é congruente coas tipoloxías arquitectónicas do contorno, e resulta axustada, polo tanto, ao prescrito nos artigos 46.1º e 104 c) da LOUG.

II.2. A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións de planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4º da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 19 do PXOM de Carballo, na avenida de Razo, en execución de sentenza 885/07 do TSX.

2. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas