DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 2010 Páx. 597

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2010 pola que se convoca un curso básico de primeiros auxilios.

Dentro das actividades programadas para o ano 2010, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, dA Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso básico de primeiros auxilios, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: básico de primeiros auxilios.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20 horas.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: coñecer o significado da técnica asistencial, evidenciar dominio na práctica das técnicas de rescate e auxilio e coñecer a importancia de traumatismos, queimaduras, conxelacións, tratamento en caso de infarto, etc, e a súa gravidade, así como clarificar a actuación da policía neste tema.

Contido:

-Traumatismos craneoencefálicos e da columna.

-Traumatismos toraco-abdominais.

-Fracturas, escordaduras e contusións.

-Conxelación.

-Primeiros auxilios. Hemorraxias. Hemostasia. Feridas.

-O infarto. A anxina de peito, etc.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios: persoal dos corpos de policía local de Galicia e da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazas: 27 prazas.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo para a inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 9 de febreiro de 2010.

Para inscribirse os/as solicitantes formalizarán a solicitude de participación que se encontra na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es, na alínea Actividades formativas, cursos con inscrición aberta, non sendo admisibles outros modelos de solicitude, e remitirana telematicamente.

Esta mesma solicitude, unha vez remitida a través da web, deberán imprimila, asinala o/a solicitante e obter tamén a sinatura da autoridade do concello da que dependan, enviándoa á Academia Galega de Seguridade Pública, avenida da Cultura, s/n 36680 A Estrada, a través do fax 886 20 61 22, por correo postal ou segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 12 de febreiro de 2010 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no taboleiro de anuncios e no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios previstos no artigo 20 do Regulamento de réxime interior da Agasp (Orde do 4 de febreiro de 2009. DOG nº 30, do 12 de febreiro), en relación co artigo 45 do Decreto 246/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas, teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico no enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Horario: das 16.00 ás 21.00 horas.

Data de comezo: 22 de febreiro de 2010.

Data de remate: 25 de febreiro de 2010.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nesta.

5. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,300 puntos.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de marzo de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro de 2009).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 13 de xaneiro de 2010.

José Carlos García Bouzas

Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública