DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 2010 Páx. 511

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 451/2009, do 23 de decembro, polo que se modifica o Decreto 51/2008, do 6 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

A Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, creou a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, configurada como un organismo público de natureza consorcial, cuxa organización, composición e funcionamento se determinará mediante regulamento. O artigo 225 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, sinala que esta axencia se rexerá no non previsto nesta lei e nas normas que a desenvolven, nin na lexislación sobre réxime xurídico das administracións públicas, polos seus estatutos, que se aprobarán por decreto da Xunta de Galicia. Para tal efecto, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 213/2007, do 31 de outubro, polo que se aproban os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

O Decreto 51/2008, do 6 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, prevé as unidades administrativas e as funcións que corresponden a cada unha delas. Así, entre estas, recóllense os órganos directivos (o Consello Executivo e o/a director/a), a subdirección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e as seguintes unidades administrativas centrais, dependentes ben directamente do/a director/a ou ben da subdirección: Servizo de Administración e Xestión, Servizos de Inpección Urbanística, Servizo de Inspección do Litoral e Servizo Técnico, e finalmente os servizos provinciais. Non obstante, non se recolle nesta estrutura organizativa a previsión do artigo 21 dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, relativa á existencia dunha asesoría xurídica, baixo a dependencia funcional da Asesoría Xurídica Xeral.

O artigo 13 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, prevé non só a existencia dunha asesoría xurídica en cada unha das consellerías da comunidade autónoma, con nivel orgánico de subdirección xeral, dependente funcional e xerarquicamente da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e adscrita organicamente á secretaría xeral de cada consellería, senón tamén a existencia, igualmente con rango de subdirección xeral, dunha asesoría xurídica naqueles organismos nos que así se dispoña nas normas polas que se aproba a súa estrutura orgánica.

A complexidade das materias incluídas no ámbito competencial da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e o volume de expedientes administrativos e contencioso-administrativos derivados da súa actividade exixen un asesoramento xurídico permanente, que só pode ser prestado mediante a integración, na súa estrutura orgánica, dunha asesoría xurídica.

É polo exposto, que para materializar a existencia dunha asesoría xurídica na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e dar cumprimento ao artigo 21 dos seus estatutos, cómpre modificar o Decreto 51/2008, do 6 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, incluíndo expresamente unha asesoría xurídica na súa estrutura organizativa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de emitidos os informes das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e tres de decembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 51/2008, do 6 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Engádese un artigo 3.bis ao Decreto 51/2008, do 6 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, coa seguinte redacción:

«Artigo 3.bis.-Asesoría Xurídica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística contará cunha asesoría xurídica, con rango de subdirección xeral, dependente organicamente do/a director/a da axencia e funcional e xerarquicamente da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Esta asesoría xurídica rexerase polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, desenvolverá as funcións previstas no artigo 13.2º do referido decreto e contará co número de efectivos que se establezan na correspondente relación de postos de traballo».

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas