DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 2010 Páx. 508

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 449/2009, do 23 de decembro, polo que se modifica o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O 10 de xuño de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 112, o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Aínda que desde a aprobación e publicación do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, ten transcorrido un breve período de tempo, razóns organizativas, funcionais e de oportunidade aconsellan introducir algunhas modificacións nos seus preceptos co fin de facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa.

Neste sentido, un primeiro aspecto que se debe considerar reside nas funcións atribuídas á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. O artigo 12 Funcións e estrutura, atribúe á dita Secretaría Xeral exercer as funcións inherentes á dirección, planificación, impulso, xestión e coordinación das competencias que, en materia de urbanismo, ordenación do territorio, así como os informes na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre e no solo rústico que ten atribuídas a consellería. Este mesmo artigo 12, no seu punto 2.4, dispón que ao Servizo de Autorizacións e Informes Sectoriais, baixo a dependencia directa da persona titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, lle corresponden, entre outras, a función de preparación de informes e autorizacións que conforme a lexislación sectorial lle corresponde emitir ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

A necesidade dunha tramitación áxil e coordinada no outorgamento das pertinentes autorizacións administrativas en materia urbanística, aconsellan incluír entre as autorizacións de competencia desta Secretaría Xeral, as relativas ás autorizacións na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, atribuída ata a data á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Así mesmo, neste centro directivo créase o Servizo Xurídico-Administrativo pois a dita Secretaría Xeral precisa contar cunha unidade, con rango de servizo, que lle preste o apoio preciso no citado ámbito, dada a complexidade e especialidade da normativa urbanística e tendo en conta o carácter de legalidade que deben ter os informes relativos aos distintos instrumentos urbanísticos.

No ámbito da Dirección Xeral de Mobilidade, modifícase a denominación e funcións do Servizo de Estudos e Planificación Económica; e o Servizo de Xestión Económica pasa a depender directamente da persoa titular da dirección xeral.

Finalmente, unha última modificación a incorporar neste decreto residénciase na necesidade de reaxustar as funcións correspondentes aos servizos de contratación dos departamentos territoriais desta consellería, ao se configuraren como unidades de apoio das xefaturas territoriais, para o que se lles asigna expresamente competencias de apoio na xestión encomendada á Xefatura Territorial; en consecuencia co anterior, procédese á modificación da denominación das ditas unidades, que pasan a denominarse servizos de contratación e apoio administrativo.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de decembro dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Modifícase o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, nos seguintes termos:

1. Dáse nova redacción ao punto 1 do artigo 12 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, que queda redactado como segue:

«Artigo 12º.-Funcións e estrutura.

1. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo exercerá as funcións inherentes á dirección, planificación, impulso, xestión e coordinación das competencias que, en materia de urbanismo, ordenación do territorio, así como as autorizacións e os informes na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre e no solo rústico que ten atribuídas a consellería e, en particular, corresponderanlle: …».

2. A letra m) do artigo 12.1º pasará a ter a seguinte redacción:

«m) A emisión de informes preceptivos en materia de costas, nos supostos previstos polo artigo 24 do Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo- terrestre, así como o outorgamento de autorizacións administrativas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre segundo o establecido na Lei 22/1988, do 22 de xullo, de costas».

3. A letra c) do artigo 12.2º.4 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, queda redactada como segue:

«c) A preparación e elaboración das autorizacións administrativas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, segundo o establecido na Lei 22/1988, do 22 de xullo, de costas».

4. Engádese un punto 5 ao parágrafo 2 do artigo 12, co seguinte teor:

«2.5.- Servizo Xurídico-Administrativo.

Esta unidade, con nivel orgánico de servizo, estará igualmente baixo a dependencia directa da persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, correspondéndolle, entre outras, as seguintes funcións:

a) As encomendadas á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo no que atinxe á área xurídico-administrativa.

b) A elaboración de informes sobre os recursos interpostos contra resolucións ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo nas materias da súa competencia.

c) E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo».

5. Redáctase novamente o punto 2.1.2.2, Servizo de Estudos e Planificación Económica, do artigo 15, Funcións e Estrutura, modificando a súa denominación e funcións, nos seguintes termos:

«2.1.2.2. Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.

Correspóndelle as seguintes funcións:

a) Desenvolvemento e coordinación dos plans de actuación que, en materia de mobilidade, impulse a Dirección Xeral.

b) Implantación, coordinación e seguimento do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral».

6. O punto 2.3.2.2, Servizo de Xestión Económica, do artigo 15, Funcións e Estrutura, pasa a ser o punto 4 do parágrafo 2 do artigo 15 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, coa seguinte redacción:

«2.4. Servizo de Xestión Económica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) As funcións inherentes á xestión económica, así como as derivadas da preparación e tramitación dos expedientes de contratación.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral».

7. Modifícase o artigo 17.3º.2 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, que queda redactado da seguinte forma:

«3.2. Servizo de Contratación e Apoio Administrativo.

Desenvolverá as funcións propias da consellería en materia de contratación e aquel outras que se lle asignen dentro do referido ámbito competencial, e prestará apoio á Xefatura Territorial no desenvolvemento das competencias que ten atribuídas».

Disposición adicional

Única.-As funcións desenvolvidas polos servizos territoriais da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística en relación coa tramitación dos procedementos de autorización na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre serán realizadas polos servizos de urbanismo do correspondente departamento territorial.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas