DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2010 Páx. 474

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 7 de xaneiro de 2010 pola que se aproba o modelo de autoliquidación do canon eólico creado pola Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, regula o aproveitamento eólico en Galicia e crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Tal canon, na súa calidade de prestación patrimonial de dereito público de natureza extrafiscal e real, ten como obxecto contribuír a regular na nosa comunidade autónoma o ambiente na súa consideración de ben protexido. Son suxeitos pasivos do canon en calidade de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas ou entidades do artigo 35.4º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que, baixo calquera título, leven a cabo a explotación dun parque eólico aínda que non sexan titulares dunha autorización administrativa.

O artigo 15 da lei establece que a base impoñible para a determinación do canon eólico será a suma de aeroxeradores existentes en cada parque ao cal lle é de aplicación o referido canon.

O artigo 18.2º da mesma norma fai una habilitación normativa para que a consellería competente en materia de enerxía aprobe os modelos de autoliquidación.

En aplicación do precepto citado procede aprobar o modelo de autoliquidación co fin de que os suxeitos pasivos cumpran co establecido na referida norma e autoliquiden a prestación patrimonial que os obriga.

En virtude do anterior, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

De conformidade co establecido no artigo 18.2º da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, os suxeitos pasivos do canon eólico teñen a obriga de realizar por cada parque a autoliquidación do canon, determinando desta forma a débeda tributaria que corresponda, ingresando o seu importe no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á data de xeración.

As autoliquidacións presentaranse nas entidades colaboradoras que se sinalan no modelo anexo, e deberase posteriormente remitir ao Instituto Enerxético de Galicia o impreso correspondente á Administración co xustificante do pagamento realizado.

Artigo 2º

Apróbase o modelo de autoliquidación que figura como anexo a esta orde. Este modelo consta de tres exemplares, un para a Administración, outro como carta de pagamento e outro para a entidade financeira.

Artigo 3º

Feita a autoliquidación, o Instituto Enerxético de Galicia procederá a facer as comprobación oportunas co obxecto de constatar a realidade dos datos que figuran na autoliquidación, e poderá, igualmente, solicitar as aclaracións que fosen necesarias.

No caso de non coincidiren os datos achegados na autoliquidación cos que constan no Instituto Enerxético de Galicia, relativos aos parques eólicos ou se se aplicase incorrectamente o tipo de gravame, comunicarase esta circunstancia ao suxeito pasivo para que presente, se fose necesario, unha autoliquidación complementaria.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

Ver referencia pdf "00800D001P006.PDF"