DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2010 Páx. 448

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2009 pola que se resolve a convocatoria do ano 2009 das axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira.

Pola Orde do 27 de agosto de 2009 (DOG nº 175, do 7 de setembro) publicáronse as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción costeira e procedeuse á convocatoria para o ano 2009.

Na disposición transitoria da dita orde establecíase como data límite para que os grupos de acción costeira remitiran á Consellería do Mar a proposta de resolución definitiva o 6 de novembro de 2009.

Vencida esa data e dado que a maioría dos grupos de acción costeira se atopaban no proceso de selección de xerentes e persoal técnico, e non dispoñían polo tanto de persoal cualificado para realizar a fase de instrución, non puideron presentar as súas propostas, agás o GAC nº 6 Ría de Pontevedra que si o fixo pero con deficiencias na súa tramitación que impediron tela en consideración.

Polo tanto e en virtude da delegación realizada no artigo 15.2º da Orde do 27 de agosto de 2009,

RESOLVO:

Primeiro.-Declarar deserta a convocatoria de 2009.

Segundo.-Os promotores dos proxectos presentados nesta convocatoria que non foron atendidos poderán, se así o desexan, facer manifestación expresa de que se teñan en consideración na convocatoria de 2010 facendo, se é o caso, os axustes ou modificacións que estimen oportunos.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2009.

Susana Rodríguez Carballo

Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro