DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 2010 Páx. 375

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de decembro de 2009 pola que se regula, para o ano académico 2009-2010, a proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do sistema universitario de Galicia para o alumnado que estea en posesión do título de bacharel ou equivalente.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á comunidade autónoma competencia en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo. A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG), determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a de Santiago de Compostela, a da Coruña e a de Vigo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 38º que o acceso aos estudos universitarios exixirá, ademais da posesión do título de bacharel, a superación dunha proba que permita valorar, xunto coas cualificacións obtidas no bacharelato, a madurez académica, os coñecementos e a capacidade dos estudantes para seguiren con éxito as ensinanzas universitarias.

No número 3º do artigo 38 da Lei orgánica 2/2006 atribúeselle ao Goberno o establecemento das características básicas da proba de acceso, logo de consulta ás comunidades autónomas e informe previo do Consello de Coordinación Universitaria, hoxe Conferencia Xeral de Política Universitaria e Consello de Universidades, en virtude do disposto pola Lei 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades. As administracións educativas e as universidades organizarán a proba e deberán garantir a súa adecuación ao currículo do bacharelato, así como a coordinación entre as universidades e os centros que imparten bacharelato para a súa organización.

O Real decreto 1892/2008, do 14 de novembro, polo que se regulan as condicións para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e os procedementos de admisión ás universidades españolas, establece que a proba de acceso que terá en conta as modalidades do bacharelato e as vías que poidan seguir os estudantes versará sobre as materias de segundo de bacharelato e terá validez para o acceso ás distintas titulacións das universidades españolas.

A proba de acceso estrutúrase en dúas fases: unha fase xeral que ten por obxecto valorar a madurez e destrezas básicas do estudante, tendo a súa cualificación validez indefinida sempre que se supere a proba de acceso; e unha fase específica, de carácter voluntario, que permite mellorar a cualificación obtida na fase xeral e que ten por obxecto a avaliación dos coñecementos nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos vinculados á rama de coñecemento que se quere cursar. A validez dos coñecementos da fase específica non pode ser indefinida, polo que se considera que como máximo poida manterse para o acceso nos dous cursos académicos seguintes á superación da proba.

O Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, dispón no número 2º do artigo 17 que as administracións educativas organizarán a proba de acceso á universidade establecida na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a partir do ano académico 2009-2010.

En consecuencia procede regular mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao para o alumnado que estea en posesión do título de bacharel ou equivalente e para o ano académico 2009-2010.

En virtude do exposto, por proposta conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e facendo uso da autorización expresada na disposición derradeira sexta da Lei orgánica 2/2006, de educación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao ten por finalidade valorar, con carácter obxectivo, a madurez académica do estudante, así como os coñecementos e capacidades adquiridos no bacharelato e a súa capacidade para seguir con éxito as ensinanzas universitarias oficiais de grao.

2. A valoración a que se refire o número anterior expresarase cunha cualificación numérica, que permita a ordenación das solicitudes de admisión para a adxudicación das prazas ofertadas nos centros universitarios públicos.

Artigo 2º

1. Poderán presentarse á proba de acceso á universidade aqueles que estean en posesión do título de bacharel a que se refiren os artigos 37 e 50.2º da Lei orgánica 2/2006, de educación, ou título equivalente para estes efectos.

2. Os estudantes a que se refire o número anterior deberán realizar a proba de acceso na universidade pública ou distrito universitario ao cal estea adscrito, para os efectos indicados, o centro de educación secundaria en que obtivesen o título de bacharel previsto na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. No suposto de realizar a devandita proba en máis dunha universidade no mesmo curso académico, quedarán anuladas todas elas.

3. Anualmente realizaranse dúas convocatorias da proba de acceso á universidade: ordinaria e extraordinaria.

Artigo 3º

1. A proba de acceso, que se realizará en chamamento único por convocatoria, adecuarase ao currículo do bacharelato e versará sobre as materias establecidas para o segundo curso, ás cales se refiren os artigos 6 e 7 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que establece a ordenación e o currículo do bacharelato na comunidade autónoma de Galicia.

2. As administracións educativas e as universidades, a través da Comisión Organizadora, organizarán a proba de acceso á universidade e garantirán a adecuación desta ao currículo do bacharelato así como a coordinación entre as universidades e os centros que imparten bacharelato para a súa organización e realización.

Artigo 4º

1. A proba de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao estrutúrase en dúas fases denominadas respectivamente fase xeral e fase específica.

2. A fase xeral da proba ten por obxecto valorar a madurez e destrezas básicas que debe alcanzar o estudante ao finalizar o bacharelato para seguir as ensinanzas universitarias oficiais de grao, especialmente no que se refire á comprensión de mensaxes, o uso da linguaxe para analizar, relacionar, sintetizar e expresar ideas, a comprensión básica dunha lingua estranxeira e os coñecementos ou técnicas fundamentais dunha materia de modalidade.

3. A fase específica da proba, de carácter voluntario, ten por obxecto a avaliación dos coñecementos e a capacidade de razoamento nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos que se pretenden cursar e permite mellorar a cualificación obtida na fase xeral.

Artigo 5º

A fase xeral consta dos exercicios seguintes:

1. O primeiro exercicio consistirá nun comentario, por escrito, dun texto non especializado e de carácter informativo ou divulgativo, relacionado coas capacidades e contidos da materia de lingua castelá e literatura. O exercicio presentará dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha.

2. O segundo exercicio consistirá nun comentario, por escrito, dun texto non especializado e de carácter informativo ou divulgativo, relacionado coas capacidades e contidos da materia de lingua galega e literatura. O exercicio presentará dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha.

Estará exento da realización deste exercicio o alumnado con exención da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega e literatura nalgún dos dous cursos do bacharelato, así como o alumnado que non realizase ningún dos dous cursos do bacharelato en Galicia. A exención na proba de acceso á universidade do exercicio de lingua galega e literatura deberá ser solicitada polo alumnado no impreso de matrícula da proba de acceso.

3. O terceiro exercicio versará sobre as capacidades e contidos dunha das seguintes materias comúns do segundo curso do bacharelato: historia de España ou historia da filosofía. Consistirá na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecementos e capacidades que deban ser avaliados e cun formato de resposta que garantirá a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados. O exercicio presentará dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha.

O estudante indicará na solicitude de matrícula para a proba de acceso a materia común (historia de España ou historia da filosofía) da cal se examinará.

4. O cuarto exercicio será de lingua estranxeira e terá como obxectivo valorar a comprensión lectora e a expresión escrita. O exercicio presentará dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha. Na realización do exercicio non se poderá empregar o dicionario nin ningún outro material didáctico.

O estudante indicará na solicitude de matrícula para a proba de acceso a lingua estranxeira de que se examinará; poderá elixir entre alemán, francés, inglés, italiano ou portugués.

5. O quinto exercicio versará sobre os contidos dunha materia de modalidade do segundo curso do bacharelato. Consistirá na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecementos e capacidades que deban ser avaliados e cun formato de resposta que garanta a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados. O exercicio presentará dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha.

O estudante indicará na solicitude de matrícula para a proba de acceso a materia de modalidade da cal se examinará. Esta materia será unha das de modalidade establecidas para o segundo curso ás cales se fai referencia no artigo 7 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e terá que ser distinta das materias de modalidade elixidas para a fase específica.

6. Cada un dos exercicios desta fase terá unha duración máxima dunha hora e media. Deberá establecerse un intervalo mínimo de 45 minutos entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte.

7. Para a realización dos exercicios, os candidatos poderán empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os exercicios correspondentes a lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura e lingua estranxeira deberán realizarse nos seus respectivos idiomas.

Artigo 6º

1. Cada un dos exercicios da fase xeral cualificarase de 0 a 10 puntos, con dúas cifras decimais.

2. A cualificación da fase xeral será a media aritmética das cualificacións de todos os exercicios, expresada en forma numérica de 0 a 10 puntos, con tres cifras decimais, arredondada á milésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

Artigo 7º

1. Na fase específica cada estudante poderá examinarse dun máximo de tres materias de entre as de modalidade do segundo curso de bacharelato, que deberán ser distintas da materia de modalidade elixida para a fase xeral. Estas materias son as establecidas no artigo 7 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os exercicios de cada unha das materias elixidas polo estudante consistirán na resposta por escrito a unha serie de cuestións adecuadas ao tipo de coñecemento e capacidades que deban ser avaliadas e cun formato de resposta que garanta a aplicación dos criterios obxectivos de avaliación previamente aprobados. Os exercicios presentarán dúas opcións diferentes entre as cales o estudante deberá elixir unha.

3. A duración de cada un dos exercicios será dunha hora e media. Deberá establecerse un intervalo mínimo de 45 minutos entre o final dun exercicio e o comezo do seguinte.

4. O estudante indicará na solicitude de matrícula para a proba de acceso, as materias de modalidade das cales se examinará na fase específica e que, en todo caso, non poderán coincidir coa materia de modalidade escollida para a fase xeral.

Artigo 8º

1. Cada unha das materias das cales se examine o estudante na fase específica cualificarase de 0 a 10 puntos, con dúas cifras decimais. Considerarase superada a materia cando se obteña unha cualificación igual ou superior a cinco puntos.

Artigo 9º

1. O acceso á universidade española, tanto pública como privada, para cursar estudos universitarios oficiais de grao requirirá, con carácter xeral, a superación da proba de acceso.

2. Considerarase superada a proba de acceso á universidade cando o estudante obtivese unha nota igual ou superior a cinco puntos como resultado da media ponderada do 60 por cento da nota media do bacharelato e o 40 por cento da cualificación da fase xeral e sempre que obtivese un mínimo de catro puntos na cualificación da fase xeral.

3. A nota media do bacharelato expresarase con dúas cifras decimais, arredondada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior. Para o cálculo da nota media non se computará, para efectos de acceso á universidade, a cualificación obtida nas ensinanzas de relixión, de conformidade co disposto na disposición adicional 1ª do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º

1. Para a admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao en que se produza un procedemento de concorrencia competitiva, é dicir, en que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas ofertadas, as universidades públicas empregarán para a adxudicación das prazas a nota de admisión que corresponda, que se calculará coa seguinte fórmula e se expresará con tres cifras decimais, arredondada á milésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior.

No caso de empate na nota de admisión, para a adxudicación de prazas, terán opción preferente os estudantes que na fase xeral elixiran unha materia de modalidade vinculada á rama de coñecemento da ensinanza á que se solicite acceder.

Nota de admisión:

Nota de admisión = 0,6 * NMB + 0,4*CFX + a*M1 + b*M2

NMB=nota media do bacharelato.

CFX=cualificación da fase xeral.

M1, M2=as dúas mellores cualificacións das materias da fase específica.

a, b=parámetros de ponderación das materias da fase específica.

2. A nota de admisión incorporará as cualificacións das materias superadas da fase específica sempre que as ditas materias estean adscritas á rama do coñecemento do título no cal queiran ser admitidos, de acordo co disposto no anexo I da Orde EDU/1434/2009, do 29 de maio, pola que se actualizan os anexos do Real decreto 1892/2008, do 14 de novembro.

3. Os parámetros de ponderación (a ou b) das materias da fase específica serán os aprobados polas universidades de Galicia para o acceso ao curso académico 2010-2011 e recollidos no anexo desta orde.

Artigo 11º

1. Unha vez superada a proba de acceso á universidade, os estudantes poderán presentarse en sucesivas convocatorias para mellorar a cualificación da fase xeral. Tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria, sempre que esta sexa superior á anterior.

O alumnado que se presente para mellorar a cualificación da fase xeral deberá examinarse das mesmas materias.

2. A cualificación da fase xeral terá validez indefinida, sempre que se supere a proba de acceso á universidade.

3. Os estudantes poderán presentarse en sucesivas convocatorias para mellorar a cualificación de calquera das materias da fase específica. Tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria, sempre que esta sexa superior á anterior, e tendo en conta o período de validez de superación das materias de modalidade da fase específica establecido no número 5 deste artigo.

4. O alumnado que teña superada a proba de acceso á universidade nas sucesivas convocatorias da fase específica non poderá elixir a materia de modalidade obxecto de exame da fase xeral.

5. A cualificación das materias da fase específica terá validez para o acceso á universidade durante os dous cursos académicos seguintes á súa superación.

6. Nas sucesivas convocatorias, no caso de presentarse a mellorar a cualificación de calquera das fases, a proba de acceso realizarase na universidade pública ou distrito universitario ao cal estea adscrito, para os efectos indicados, o centro de educación secundaria no que obtivesen o título de bacharel ou na universidade ou distrito universitario ao cal estea adscrito o centro de educación secundaria máis próximo ao seu lugar de residencia.

Artigo 12º

1. Sobre a cualificación outorgada a cada materia despois da primeira corrección, cada estudante poderá presentar ante a presidencia do tribunal a solicitude dunha segunda corrección dos exercicios en que se considere incorrecta a aplicación dos criterios xerais de avaliación e específicos de corrección e cualificación aos cales se fai referencia no artigo 15º desta orde, ou a solicitude de reclamación ante a Comisión Organizadora, e quedará excluída neste caso a posibilidade de solicitar a segunda corrección.

O prazo de presentación destas solicitudes será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións.

2. Procedemento da reclamación:

Os exercicios sobre os que se presente a solicitude de reclamación serán revisados por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección, co obxecto de verificar que todas as cuestións foran avaliadas cunha correcta aplicación dos criterios xerais de avaliación e específicos de corrección, así como a comprobación de que non existan erros materiais no proceso de cálculo da cualificación final.

A cualificación definitiva da materia será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada despois da primeira corrección, agás nos casos de erros de suma, en que a cualificación será a que resulte correcta.

3. Procedemento da segunda corrección:

a) Os exercicios sobre os que se presente unha solicitude de segunda corrección serán corrixidos por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

A cualificación será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións. No suposto de que existise unha diferenza de dous ou máis puntos entre as dúas cualificacións, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección. A cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións. Este procedemento deberá efectuarse no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo de tres días establecido no número 1 deste artigo.

b) Sobre a cualificación outorgada despois do proceso de segunda corrección establecido no apartado a) poderase presentar reclamación ante a Comisión Organizadora, no prazo de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación da resolución da dobre corrección.

A cualificación definitiva da materia será a que resulte desta revisión, sempre que sexa superior á outorgada despois da segunda corrección.

4. As solicitudes de reclamación e segunda corrección poderán presentarse nos lugares de entrega e recollida de documentación (LERD) nos cales se entregase a solicitude de matrícula para a proba, empregando os impresos específicos contidos nos sobres de matrícula, ou mediante o procedemento telemático establecido pola Comisión Organizadora.

5. O estudante terá dereito a ver o exame corrixido despois da segunda corrección establecida no número 3 deste artigo, no prazo de cinco días e na data, lugar e hora que estableza a Comisión Organizadora da proba, sempre que se solicitase en tempo e forma.

6. Contra a resolución adoptada pola Comisión Organizadora, que porá fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación ante a propia comisión.

Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso potestativo de reposición.

Artigo 13º

1. A Comisión Organizadora garantirá que os estudantes que presenten algún tipo de discapacidade poidan realizar tanto a fase xeral como a fase específica nas debidas condicións de igualdade. A Comisión Organizadora poderá adoptar as seguintes medidas: adaptación de tempos, elaboración de modelos especiais de exame, posta á disposición do estudante dos medios materiais e humanos, asistencias, apoios e axudas técnicas que precise para a realización da proba de acceso, así como a garantía de accesibilidade á información e comunicación dos procesos e do recinto ou espazo físico onde esta se desenvolva.

2. En todo caso, a determinación destas medidas farase baseándose nas adaptacións curriculares cursadas no bacharelato.

3. O tribunal poderá requirir informes e a colaboración dos órganos técnicos competentes da Administración educativa, así como dos centros onde cursasen bacharelato os estudantes con discapacidade.

Artigo 14º

1. O alumnado formalizará a súa solicitude de matrícula para a proba de acceso nas datas e nos lugares que determine a Comisión Organizadora da proba.

2. O alumnado realizará os exercicios da proba de acceso á universidade nos lugares que determine a Comisión Organizadora da proba.

3. O alumnado entregará as solicitudes de matrícula para a proba de acceso na secretaría do centro en que superase o segundo curso do bacharelato e segundo o modelo facilitado pola Comisión Organizadora, indicando as materias elixidas para a realización da fase xeral e da fase específica, de acordo co disposto nos artigos 5º e 7º desta orde.

Así mesmo, o alumnado poderá solicitar a exención do exercicio de lingua galega e literatura previsto no número 2 do artigo 5º desta orde.

4. Os centros informatizarán os datos persoais, académicos e de matrícula para a proba de acceso do alumnado mencionado no número 3 deste artigo, nos prazos e segundo o procedemento que estableza a Comisión Organizadora.

5. O alumnado que desexe concorrer á proba de acceso deberá aboar as taxas correspondentes, de acordo co disposto no Decreto 358/2009, do 9 de xullo, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais na ensinanza universitaria para o curso 2009-2010. Estes trámites realizaranse no centro de educación secundaria en que o alumnado supere o bacharelato e nos prazos que determine a Comisión Organizadora da proba. Esta comisión facilitará aos centros de educación secundaria os impresos para o aboamento das taxas e a relación de entidades bancarias en que o alumnado deberá realizar o ingreso.

6. O alumnado que superase o bacharelato en convocatorias anteriores presentará a súa solicitude de matrícula para a proba de acceso no LERD que lle corresponda, segundo o disposto pola Comisión Organizadora. Este alumnado indicará na súa solicitude de matrícula para a proba de acceso os seus datos persoais e as materias elixidas para realización da fase xeral e da fase específica, de acordo co disposto nos artigos 5º e 7º desta orde.

Artigo 15º

1. O calendario da proba de acceso á universidade será fixado coordinadamente pola Comisión Organizadora, as universidades do sistema universitario de Galicia e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O exame de cada materia será único e determinado por sorteo público pola Comisión Organizadora a partir de, cando menos, seis propostas presentadas por cada director ou directora de grupo de traballo LOE da materia correspondente. Non haberá anulación da proba como primeira resolución, senón suspensión e/ou aprazamento dun determinado exercicio, sempre que se dese o caso.

3. Para efectos administrativos, e tendo en conta a localización dos centros de educación secundaria, establécense lugares de entrega e recollida de documentación (LERD) territorializados, onde se instrúan os expedientes e se executen os procedementos administrativos e informáticos a nivel de usuario (solicitante-centro de educación secundaria) que van asociados á xestión do alumnado no acceso (captura de datos, matrícula, solicitudes, etc.).

4. A captura de datos, tanto académicos como persoais, será responsabilidade da Comisión Organizadora a través das tres universidades, nos formatos para a xestión informática previamente acordados co servizo de apoio ao sistema universitario de Galicia. Os centros de educación secundaria facilitaranlle á Comisión Organizadora as actas e as certificacións das cualificacións de bacharelato, no soporte informático correspondente, cos datos persoais e académicos necesarios para o proceso, segundo as instrucións e dentro dos prazos establecidos pola Comisión Organizadora.

5. O deseño dos documentos correspondentes á solicitude de matrícula para a proba de acceso é competencia da Comisión Organizadora, tendo en conta as posibilidades informáticas do sistema.

6. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria porá á disposición das universidades unha aplicación informática para realizar a xestión da proba de acceso á universidade.

7. A custodia dos expedientes e das actas de cualificación do alumnado que participe na proba de acceso á universidade correspóndelle á universidade respectiva, segundo o LERD asignado a cada alumno ou alumna. Nas actas de cualificación deberán figurar os datos necesarios para a certificación e o traslado. Cada alumno ou alumna que desexe iniciar estudos noutro distrito presentará, para os efectos de traslado, a solicitude na universidade respectiva. Esta universidade será a encargada de tramitar o traslado, arquivar os datos correspondentes e comunicarllo á Comisión Organizadora.

Artigo 16º

1. As probas deberán axustarse aos currículos e á estrutura do bacharelato que se determinan no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Comisión Organizadora encargará a elaboración das probas aos directores e directoras dos grupos de traballo, que poderán contar coa colaboración de especialistas, e seralles de aplicación o disposto nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, referentes ao réxime de abstención e recusación.

3. As probas, elaboradas segundo os criterios que a Comisión Organizadora estableza, deberán incluír necesariamente os seus criterios xerais de corrección, especificando tanto o valor asignado a cada unha das partes como aqueloutras consideracións que poidan ser necesarias para realizar unha valoración obxectiva. Así mesmo, a Comisión Organizadora encargará aos directores e directoras dos grupos de traballo a elaboración dos criterios específicos de corrección que servirán de base para a avaliación dos exercicios e para a resolución das reclamacións das probas que solicite o alumnado.

Artigo 17º

1. A Comisión Organizadora da proba de acceso prevista no artigo 16 do Real decreto 1892/2008, do 14 de novembro, está integrada por representantes das tres universidades públicas de Galicia, da Administración educativa e do profesorado de bacharelato de centros públicos.

2. A proba de acceso á universidade organízase conxuntando os seguintes órganos e tarefas:

-Comisión Organizadora.

-Tribunal único para o sistema universitario de Galicia composto por comisións delegadas e comisións de avaliación.

-Grupos de traballo LOE das diferentes materias obxecto de exame.

-Diversificación dos puntos de captura de datos, para efectos administrativos, tendo en conta a localización dos centros de educación secundaria.

-Explotación informática dos datos de matrícula para a proba de acceso.

-Exames e calendario.

3. A Comisión Organizadora terá atribuídas, entre outras, as seguintes competencias:

a) Coordinación entre as universidades e os centros en que se imparta bacharelato, para os únicos efectos de organización e realización da proba.

b) Adopción das medidas necesarias para garantir o segredo do procedemento de elaboración e selección dos exercicios, así como o anonimato dos estudantes e dos centros durante o proceso de corrección dos exercicios.

c) Adopción das medidas necesarias para garantir que os estudantes poidan empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Definición dos criterios para a elaboración das propostas de exame.

e) Designación e constitución dos tribunais.

f) Convocatoria da proba.

g) Establecemento dos criterios xerais de avaliación dos exercicios.

h) Resolución das reclamacións.

i) Establecer os mecanismos de información axeitados.

4. Para adoptar os acordos das letras d) e g) a Comisión Organizadora contará co asesoramento do correspondente grupo de traballo de cada materia.

5. A Comisión Organizadora para todo o sistema estará constituída por tres profesores ou profesoras de universidade, cada un deles delegado ou delegada do reitor correspondente, e tres profesores ou profesoras de educación secundaria nomeados polo conselleiro de educación e ordenación universitaria.

6. Esta comisión ten competencias para resolver os asuntos comúns de organización, deseño, coordinación, elaboración e execución de directrices e procedementos xerais para o cumprimento do principio de distrito único, no ámbito das competencias que lle foron delegadas.

7. Ao inicio do curso académico de realización da proba de acceso á universidade a Comisión Organizadora fará públicos os criterios de organización, a estrutura básica dos exercicios, os criterios xerais de cualificación e os parámetros de ponderación das materias da fase específica.

8. Os protocolos dos exercicios incluirán necesariamente a ponderación de cada unha das cuestións na cualificación do exercicio. Para garantir a máxima obxectividade e equidade das cualificacións, aos devanditos protocolos xuntaranse os criterios específicos de avaliación e cualificación, que se farán públicos unha vez realizada a proba.

9. A Comisión Organizadora elaborará un informe anual da proba de acceso á universidade e elaborará as recomendacións para a mellora da proba. O devandito informe seralle remitido á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 18º

1. O tribunal único da proba de acceso será nomeado pola Comisión Organizadora para avaliar os coñecementos do alumnado, e estará constituído por:

-Un presidente, un secretario e, se é o caso, un vicepresidente.

-Comisións delegadas para actuaren en cada un dos centros nos que se realice a proba e que estarán territorializadas segundo o criterio de proximidade do alumnado. A Comisión Organizadora establecerá o número destas comisións, determinará a súa composición e funcións, así como a localización destas, tendo en conta a prioridade de utilización de centros universitarios.

-Comisións de avaliación de cada materia obxecto de exame na proba, presididas polos directores ou directoras dos grupos de traballo LOE e constituídas, así mesmo, por vogais especialistas da materia en número suficiente para o seu correcto funcionamento.

2. Para a constitución do tribunal único consideraranse os seguintes criterios:

a) O presidente e o secretario do tribunal único e os presidentes e secretarios das comisións delegadas serán nomeados pola Comisión Organizadora entre o persoal docente das universidades.

b) Os vogais das comisións delegadas serán nomeados pola Comisión Organizadora entre profesores especialistas das distintas materias obxecto de exame na proba de acceso á universidade.

c) Os vogais das comisións de avaliación serán nomeados pola Comisión Organizadora entre o persoal docente das universidades e o profesorado de educación secundaria que estea a impartir a materia obxecto de exame. Estes vogais corrixirán un número de exercicios non superior a douscentos.

d) Na designación dos vogais das distintas comisións procurarase unha composición equilibrada entre mulleres e homes, agás que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas. Así mesmo, deberase garantir para cada materia a participación de polo menos o 40 por cento de docentes de universidade e o 40 por cento de profesorado de educación secundaria que imparta bacharelato.

e) Os vogais integrantes das comisións delegadas e das comisións de avaliación serán designados entre o profesorado que o solicite ao presidente da Comisión Organizadora, dentro do prazo que esta determine.

3. Co obxecto de garantir a imparcialidade do proceso e tendo en conta o disposto nos artigos 28 e 29 da citada Lei 30/1992, o profesorado que forme parte das comisións delegadas e de avaliación non poderá examinar ou avaliar o alumnado do seu centro de procedencia. Un vogal proposto por cada centro e nomeado polo presidente da Comisión Organizadora incorporarase á comisión delegada correspondente como representante do centro.

4. Os criterios xerais de avaliación, aos cales se alude no artigo 15º número 2 desta orde, deberán ser coñecidos polos membros das comisións delegadas e polos alumnos e alumnas no momento da realización das probas. Os criterios específicos de corrección faranse públicos, unha vez realizadas estas, nos centros onde os alumnos e as alumnas finalizasen os seus estudos de bacharelato.

Artigo 19º

1. Constitúense grupos de traballo LOE das diferentes materias obxecto de exame na proba, coa finalidade de asesorar a Comisión Organizadora na definición dos criterios para a elaboración das propostas de exame e no establecemento dos criterios xerais de avaliación da proba.

2. A Comisión Organizadora, xunto coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, establecerá o número de grupos de traballo e nomeará os seus compoñentes.

3. Cada grupo de traballo estará composto polos seguintes especialistas na materia ou materias correspondentes:

-Un profesor ou profesora de universidade, que desempeñará a función de director ou directora do grupo, que poderá estar asistido por un subdirector ou subdirectora e serán nomeados ambos os dous pola Comisión Organizadora.

-Un membro da Inspección Educativa que será nomeado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

-Un representante da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

-Un máximo de catro profesores ou profesoras de educación secundaria que estean impartindo a materia no segundo curso do bacharelato e que serán nomeados conxuntamente pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e a Comisión Organizadora.

4. O director ou directora do grupo de traballo enviará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través da Comisión Organizadora, unha memoria final das actividades desenvolvidas polo grupo de traballo antes da data que sinale a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición adicional

Primeira.

1. Poderán realizar a proba de acceso regulada nos artigos 5º e 7º desta orde os estudantes que estean en posesión de calquera dos títulos ou certificados que se indican a continuación, correspondentes a plans de estudos de ordenacións educativas anteriores, ou a estudos estranxeiros homologados ou validados por eles:

a) Título de bacharelato correspondente á ordenación do sistema educativo regulada pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

b) Certificado acreditativo de ter superado o curso de orientación universitaria.

c) Certificado acreditativo de ter superado o curso preuniversitario.

d) Calquera outro título que o Ministerio de Educación declare equivalente, para estes efectos, ao título de bacharel regulado pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. Os estudantes que teñan cursado os estudos de bacharelato previstos na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, realizarán a proba de acceso na universidade ou distrito universitario ao cal estea adscrito, para os efectos indicados, o centro de educación secundaria en que superasen o segundo curso ou na universidade ou distrito universitario ao cal estea adscrito o instituto de educación secundaria máis próximo ao seu lugar de residencia.

3. Os estudantes de bacharelato unificado polivalente da Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación, realizarán a proba de acceso na universidade ou distrito universitario ao cal estea adscrito, para os efectos indicados, o centro de educación secundaria no que superasen o curso de orientación universitaria ou na universidade ou distrito universitario ao cal estea adscrito o instituto de educación secundaria máis próximo ao seu lugar de residencia.

4. Os estudantes de bacharelato cursado de acordo con plans de estudos anteriores aos da Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación, realizarán a proba de acceso na universidade ou distrito universitario ao cal estea adscrito o instituto de educación secundaria máis próximo ao seu lugar de residencia.

Segunda.-A nota de admisión dos estudantes que superasen a proba de acceso á universidade segundo normativas anteriores á establecida nesta orde será a cualificación definitiva da proba de acceso que obtivesen no seu momento. Non obstante o anterior, poderán presentarse á fase específica establecida no artigo 7º desta orde. Neste caso a nota de admisión a que se fai referencia no artigo 10º desta orde, obterase da seguinte fórmula:

Nota de admisión:

Nota de admisión = CDA + a*M1 + b*M2

CDA=cualificación definitiva da proba de acceso á universidade anterior á establecida nesta orde.

M1, M2=as dúas mellores cualificacións das materias da fase específica.

a, b=parámetros de ponderación das materias da fase específica.

Terceira.-O alumnado que estea en posesión do título de bacharel (LOXSE) e teña superada a materia de mecánica ou a materia de imaxe no segundo curso, poderá escoller calquera destas materias para a fase xeral ou para a fase específica, durante os cursos 2009-2010 e 2010-2011.

Disposición transitoria

Única.-Para esta convocatoria, as funcións da Comisión Organizadora a que se fai referencia no artigo 16 do Real decreto 1892/2008, do 14 de novembro, serán desempeñadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia, CIUG, coincidindo a presidencia da Comisión Organizadora e os seus membros coa presidencia e membros da CIUG. No caso de que algúns dos membros designados non puidesen desempeñar a súa función, a Administración autonómica designará a persoa ou persoas que os substitúan no seu labor dentro da Comisión Organizadora.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Secretaría Xeral de Universidades e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para que, dentro das súas respectivas competencias, diten as disposicións que sexan precisas para a execución do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e será aplicable para o curso académico 2009/2010.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2009.

Xesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "00600D002P007.PDF"