DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 2010 Páx. 374

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 446/2009, do 17 de decembro, polo que se modifica o Decreto 143/2008, do 3 de xullo, polo que se crea o Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública Galega.

O Decreto 143/2008, do 3 de xullo (DOG nº 138, do 17 de xullo) creou o Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública Galega, como órgano técnico, de asesoramento e participación coa finalidade de estudar e promover as iniciativas que se desenvolvan para acadar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade na Administración autonómica.

Este consello creouse adscrito á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por ser esta a competente en materia de función pública.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril (DOG nº 75, do 20 de abril), estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Así mesmo, o Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. E, en virtude do Decreto 307/2009, do 28 de maio (DOG nº 106, do 2 de xuño), estableceuse a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

Coa nova organización da Administración da Comunidade Autónoma, a Consellería de Facenda é a competente en materia de función pública e a Dirección Xeral da Función Pública intégrase neste departamento.

En consecuencia, é necesario modificar a composición deste consello asesor, para adaptalo á nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus departamentos.

Así mesmo, establécense uns prazos determinados para a realización dunhas tarefas polo consello asesor.

É por isto que, por proposta da conselleira de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do dezasete de decembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícanse os seguintes artigos e disposicións do Decreto 143/2008, do 3 de xullo, polo que se crea o Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública Galega.

Un.-Modifícase o artigo 2, que pasará a ter a seguinte redacción:

O Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública Galega estará composto por:

a) Presidente/a: a persoa titular da consellería competente en materia de función pública.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Función Pública.

c) Un secretario/a: o/a subdirector/a xeral de Provisión de Postos e Selección de Persoal (con voz e sen voto).

Actuarán como vogais os seguintes:

a) A persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

b) A persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Facenda.

c) A persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

d) A persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

e) A persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.

f) A persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar.

g) A persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural.

h) A persoa titular da Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal.

i) O/a subdirector/a xeral de Dependencia.

j) O/a subdirector/a xeral de Coordinación de Equipamentos e Servizos para Persoas Maiores e con Discapacidades.

k) O/a subdirector/a xeral de Promoción da Autonomía Persoal.

l) O/a subdirector/a xeral de Xestión, Programación e Ordenación do Persoal.

m) O/a subdirector/a xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais.

n) Unha persoa representante do departamento autonómico competente en materia de igualdade, con rango non inferior á Subdirección Xeral.

ñ) Un representante por cada unha das organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Negociación da Comunidade Autónoma.

o) Cinco representantes, un por cada grupo de discapacidade; física, intelectual, auditiva, visual e enfermidade mental, designados polo presidente/a por proposta de CERMI Galicia.

Cando a índole dos asuntos a tratar así o aconselle, poderán participar nas reunións do consello asesor, con voz e sen voto, as persoas expertas na materia que designe o/a presidente/a.

Dous.-Modifícase o punto e) do apartado relativo á materia de estudos e planificación do artigo 3, que pasará a ter a seguinte redacción:

e) Asesorar á consellería competente en materia de función pública en todas aquelas materias que afecten a incorporación das persoas con discapacidade á función pública.

Disposicións adicionais

Primeira.-No prazo de un ano desde a publicación desta modificación o consello asesor elevará á consellería competente en materia de función pública un borrador de decreto que conteña a regulación do acceso, promoción interna e provisión de postos de traballo de persoas con discapacidade no ámbito da Administración autonómica galega.

Segunda.-No prazo de un ano desde a publicación desta modificación o consello asesor iniciará as actuacións para a elaboración dun catálogo de tipos de postos de traballo incluídos no ámbito de aplicación delas, describindo as tarefas fundamentais propias das funcións dos mencionados postos e establecerán o perfil de exixencias e condicións mínimas de cada un deles tendo en conta as peculiaridades dos distintos grupos de discapacidade.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijoó

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda