DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 08 de xaneiro de 2010 Páx. 216

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2009 pola que se convocan as subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2010 ao abeiro do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, que regula o Programa de vivenda en aluguer.

O Decreto 48/2006, de 23 de febreiro, modificado polo Decreto 223/2006, do 23 de novembro, polo Decreto 63/2008, do 13 de marzo, polo Decreto 115/2008, do 29 de maio e polo Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se regula o Programa de vivenda en aluguer, constitúe o marco normativo actual das subvencións para o arrendamento e a rehabilitación de vivendas que se incorporen ao aluguer no marco do citado programa na nosa comunidade autónoma.

O seu artigo 3 dispón que as subvencións para o arrendamento e a rehabilitación de vivendas e posterior arrendamento se atenderán a través de convocatorias anuais que establecerán a contía máxima que se vai conceder dentro de cada exercicio e especificarán as aplicacións orzamentarias ás que se imputarán as devanditas subvencións.

A disposición derradeira primeira do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o Programa de vivenda en aluguer autorizaba a extinta Consellería de Vivenda e Solo para ditar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto. Actualmente, as devanditas competencias foron asumidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos decretos: 79/2009, do 19 de abril, 83/2009, do 22 de abril, e 317/2009, do 4 de xuño.

A competencia do presidente do IGVS, que resulta do artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia en relación co artigo 4 do citado Decreto 317/2009, do 4 de xuño, determina que a convocatoria anual se realice por medio de resolución en lugar de mediante orde.

En uso da referida autorización,

RESOLVO:

Artigo 1º.-Dispoñibilidade económica.

Para os efectos do disposto no artigo 3.2º do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, determínase:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2010 e 2011 onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as subvencións ao arrendamento do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, é a 07.90.451B.480.1.

2. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as subvencións para a rehabilitación de vivendas e posterior arrendamento do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, é a 07.90.451A.780.3.

3. O importe máximo das subvencións ao arrendamento que se poderán outorgar dentro do primeiro semestre do exercicio orzamentario de 2010 será de 4.725.267,12 euros, do cal como máximo se imputará ao primeiro semestre do exercicio 2010 3.628.187,87 euros, e ao do exercicio orzamentario 2011 a cantidade de 1.097.079,25 euros.

4. O importe máximo das subvencións para a rehabilitación de vivendas e posterior arrendamento que se poderán outorgar dentro do primeiro semestre do exercicio 2010 será de 500.000 euros.

5. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito axeitado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

6. O importe máximo destas subvencións poderá incrementarse en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo a estas aplicacións. De producirse incremento nas dotacións orzamentarias destinadas á concesión destas subvencións publicarase no Diario Oficial de Galicia o importe polo cal resultarán finalmente dotadas as aplicacións que as financian.

Artigo 2º.-Solicitudes de subvención ao arrendamento.

1. Asinado o contrato de arrendamento no marco do Programa de vivenda en aluguer, o inquilino poderá solicitar a subvención ao aluguer regulada no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro.

2. A citada solicitude de subvención para o arrendamento deberá formalizarse no modelo de solicitude que se recolle como anexo da presente resolución e dirixirse á área provincial do IGVS que corresponda.

3. As citadas solicitudes presentaranse nas oficinas de rexistro do IGVS de Santiago de Compostela ou preferentemente nas das súas áreas provinciais que sexan competentes a partir do 1 de xaneiro de 2010, entre os días 1 e 10 de cada mes, dentro do primeiro semestre do ano.

4. Os procedementos de concesión das subvencións terán lugar cada mes natural, de tal forma que antes do último día de cada mes se resolverán as solicitudes presentadas nos dez primeiros días do devandito mes.

5. A concesión da subvención producirá efectos desde o día da presentación da solicitude.

Artigo 3º.-Renovación da subvención.

A solicitude de novas subvencións ao arrendamento, unha vez esgotados os doce meses da que tiñan concedida, exixirá a presentación de toda a documentación requirida nos artigos 3 e 5 da Orde do 22 de xuño de 2006, pola que se que regula a xestión das vivendas, procedemento de adxudicación e concesión das subvencións no programa de vivenda no aluguer, que desenvolve o Decreto 48/2006. Esta documentación deberá ser presentada dentro dos dez primeiros días do mes anterior ao do vencemento da anterior subvención.

Artigo 4º.-Procedementos de concesión.

De conformidade co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o procedemento de xestión e concesión destas axudas, excepciónase esta convocatoria do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, e fíxanse para o primeiro semestre do exercicio 2010 procedementos mensuais de concesión de subvencións para o arrendamento. Por cada procedemento de concesión ditarase antes do último día do mes unha resolución que conterá o importe das subvencións que se concedan en cada mes, e non se poderán superar os seguintes importes:

Ver referencia pdf "00400D005P040.PDF"

Artigo 5º.-Solicitudes de subvención para a rehabilitación.

1. De conformidade co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o procedemento de xestión e concesión destas axudas, excepciónase esta convocatoria do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos.

2. As solicitudes de subvención para a rehabilitación reguladas no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, deberán formalizarse no modelo de solicitude que se recolle como anexo da presente resolución e dirixirse á área provincial do IGVS que corresponda.

3. As citadas solicitudes presentaranse nas oficinas de rexistro do IGVS de Santiago de Compostela ou nas das súas áreas provinciais que sexan competentes a partir do 1 de xaneiro de 2010, entre os días 1 e 15 de cada mes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Incorporadas ao programa un número de vivendas con obras de rehabilitación que poidan comprometer o crédito que sustenta a concesión das subvencións para a rehabilitación, denegarase a incorporación ao Programa das vivendas que precisen obras, en canto non se convoquen novas liñas de subvención para o devandito fin.

Segunda.-Para o caso de que unha nova programación de medidas ao fomento do aluguer, dirixidas a inquilinos e arrendadores coa mesma ou similar finalidade, deixara sen vixencia o actual Programa de vivenda en aluguer, os créditos previstos nesta resolución con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.90.451B.480.1 e 07.90.451A.780.3 poderán destinarse a financiar as referidas actuacións subvencionables, cando a normativa reguladora da nova programación así o prevexa.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO I

Ver referencia pdf "00400D005P040.PDF"

ANEXO II

Ver referencia pdf "00400D005P040.PDF"