DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 08 de xaneiro de 2010 Páx. 198

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2010 as axudas á recuperación do potencial forestal.

O Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no seu artigo 48 establece a recuperación do potencial forestal e implantación de medidas preventivas.

O Real decreto 2128/2004, do 29 de outubro, polo que se regula o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas, establece as normas de aplicación do devandito sistema e a súa utilización como instrumento de xestión no marco do sistema integrado de xestión e control e resto de réximes de axuda relacionados coa superficie da política agrícola común. Así mesmo, a Orde do 24 de xaneiro de 2005 (DOG nº 19, do 28 de xaneiro) da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural establece o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas en Galicia.

A Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 27.10º do Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva en materia de montes e aproveitamentos forestais.

A Consellería do Medio Rural, segundo o establecido no Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria é o organismo competente para a xestión destas axudas que teñen como obxectivo a recuperación das masas forestais danadas polo temporal Klaus.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia teñen por obxecto a regulación do réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lles corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes desta, así como tamén ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entidades dependentes delas.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais e a Orde de 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a restauración do potencial forestal de superficies forestais que foran afectadas polo temporal Klaus durante o ano 2009 e proceder á súa convocatoria para o ano 2010 en réxime de concorrencia competitiva.

2. O disposto nesta orde será de aplicación para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión:

a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.

b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.

c) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas, cando polo menos o 50% do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas expostas nesta orde, os propietarios privados, comunidades de montes e concellos con montes, así como as asociacións de propietarios e de comunidades de montes e mancomunidades de concellos, que sexan propietarios de terreos situados nos concellos relacionados no anexo I, e posúan masas danadas polo temporal Klaus e para as que se solicitara subvención para a saca e corta da madeira afectada ou se notificara o dano á Xunta de Galicia, por calquera medio que deixe constancia administrativa. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.

Ademais os beneficiarios deberán cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Actuacións obxecto de axuda e importes.

Os importes de subvención corresponderanse, como máximo, co 70% do valor máximo de investimento.

Importes de investimento por actuación:

1. Restauración de masas de coníferas (anexo II):

Plantación de especies do anexo II (coníferas) ou do anexo III (frondosas), excepto especies do xénero Eucalyptus.

O valor máximo do investimento por hectárea de actuación, que se calculará aplicando os módulos recollidos no anexo IV é de 1.853 €/ha no caso de plantación de especies do anexo II (coníferas) e 2.398 €/ha no caso de especies do anexo III (frondosas), e neste importe inclúese o tratamento da vexetación preexistente (roza ou fresado), a preparación do terreo, adquisición da planta, protección da planta mediante protectores, así como os de plantación propiamente dita, fertilización e labores inmediatamente posteriores a ela. Este importe máximo incrementarase en 618 €/ha cando se realice retirada de tocos arrancados polo temporal. No caso de plantación con especies do anexo III (frondosas) os tratamentos de preparación consistirán en subsolado sempre acompañado de aburatamento con retroescavadora ou aburatamento mecánico con riper modificado, agás no caso de subsolado cruzado, en cuxo caso non será obrigatorio o aburatado, ou nos casos nos que o subsolado non sexa recomendable.

2. Restauración de masas de eucalipto.

a) Plantación de especies do anexo II (coníferas) ou do anexo III (frondosas).

O valor máximo do investimento por hectárea de actuación, que se calculará aplicando os módulos recollidos no anexo IV é de 1.853 €/ha no caso de plantación de especies do anexo II (coníferas) e 2.398 €/ha no caso de especies do anexo III (frondosas) que non sexan do xénero Eucalyptus é 950 €/ha no caso de especies do xénero Eucalyptus, e neste importe inclúese o tratamento da vexetación preexistente (roza ou fresadura), a preparación do terreo, adquisición da planta, protección da planta mediante protectores, así como os de plantación propiamente dita, fertilización e labores inmediatamente posteriores a ela. Este importe máximo incrementarase en 618 €/ha cando se realice retirada de tocos arrancados polo temporal. No caso de plantación con especies do anexo III (frondosas) que non pertenzan ao xénero Eucalyptus, os tratamentos de preparación consistirán en subsolado sempre acompañado de aburatamento con retroescavadora ou aburatamento mecánico con riper modificado, agás no caso de

subsolado cruzado, en cuxo caso non será obrigatorio o aburatado, ou nos casos en que o subsolado non sexa recomendable.

b) Selección de abrochos de eucalipto e extracción ou eliminación de restos, ata acadar unha densidade final mínima de 600 abrochos/ha e máxima de 816 abrochos/ha, homoxeneamente distribuídos e mellor conformados, deixando un só abrocho por cepa: 633,92 €/ha.

As actuacións indicadas nos puntos 1 e 2 e as recollidas nos puntos 2a e 2.b non poderán solicitarse sobre unha mesma superficie.

En todos os casos coníferas e frondosas, a retirada de tocos só será subvencionable cando foran arrancados polo temporal e a súa presenza impida realizar a plantación, e cando a súa densidade sexa superior a 400 tocos/ha. O IVE non é subvencionable.

Artigo 4º.-Condicións técnicas dos investimentos.

1. Todos os documentos descritivos das actuacións teñen que incluír como cartografía planos sobre mapas oficiais, preferentemente a escala 1:5.000, ou, no seu defecto, escala 1:10.000. No caso de CMVMC deberase presentar a maiores planos a escala 1:25.000. En caso de agrupacións, incluirase nos planos unha referencia que permita coñecer cal é a superficie coa que participa cada membro da agrupación e, en calquera caso, ficha SIXPAC.

Nos planos presentados debería reflectirse indubidablemente onde se localizan os traballos de recuperación que se efectuarán na mesma parcela.

2. No caso de que os traballos solicitados no documento descritivo das actuacións se deban someter a avaliación de impacto ambiental, segundo o disposto na lexislación vixente, o solicitante deberá iniciar os trámites para a declaración de impacto ambiental.

3. A repoboación con especies do xénero Eucalyptus, ademais de estar condicionada a restauración de masas de eucalipto, só poderá realizarse en altitudes inferiores aos 300 metros sobre o nivel do mar.

4. Farase constar nos documentos descritivos das actuacións se a superficie de actuación comprende zonas de protección lateral do Camiño de Santiago e solicitaráselle de forma interna antes da aprobación da axuda, informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

5. Farase constar nos documentos descritivos das actuacións se na superficie de actuación existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e solicitaráselle de forma interna antes da aprobación da axuda, informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

6. Farase constar nos documentos descritivos das actuacións se a superficie de actuación se atopa dentro da Rede Natura 2000 e solicitarase de forma interna, antes da aprobación da axuda, informe do Servizo de Conservación da Natureza, en caso de que o dito informe sexa desfavorable non se admitirá a trámite a solicitude de axuda, agás no caso de que a superficie dispoña dun plan de xestión forestal aprobado e co informe favorable do departamento competente. Non se poderán realizar solicitudes de axuda sobre hábitats prioritarios.

7. Xunto coa solicitude de axuda presentarase un documento descritivo das actuacións que se levarán a cabo; cando a axuda solicitada sexa aprobada, presentarase un proxecto e copia, cos mesmos datos que o documento descritivo, asinado por enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal, debendo acreditar a titulación, e nomearase un director de obra, excepto no caso de solicitudes cunha superficie de actuación inferior ás 15 hectáreas que, xunto coa solicitude de axuda, poderán presentar o anexo XI e non será necesaria a presentación, cando a axuda sexa aprobada, nin do proxecto, nin o nomeamento do director de obra.

O documento descritivo das actuacións deberá conter como mínimo o seguinte:

-Estado legal do predio obxecto de solicitude de axuda: superficie, localización, estremas, accesos, etc.

-Descrición das actuacións que se levarán a cabo.

-Especies, densidade final, quenda da especie, etc.

-Cartografía: ficha SIXPAC.

-Indicación de se os terreos se atopan en Rede Natura 2000, en zonas de protección lateral do Camiño de Santiago ou se existen obxectos ou restos materiais que formen parte do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

-Orzamento.

A planimetría do proxecto, que se presentará no caso de aprobarse a solicitude de axuda, presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29, con referencia ao datum de traballo, en ficheiro DXF (nun CD), obtido a partir dun plano de escala mínima 1:10.000, e preferentemente 1:5.000. O ficheiro DXF deberá estar estruturado da seguinte maneira:

Ver referencia pdf "00400D004P022.PDF"

8. Nos terreos obxecto de subvención, unha vez aprobada a axuda, colocarase en lugar visible desde o acceso, como mínimo, un cartel identificativo, segundo o modelo indicado no anexo X.

9. Nos terreos obxecto de solicitude de axuda deberá cumprirse, en todo caso, o disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no Decreto 105/2006, do 22 de xuño, regula as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais e na Orde do 31 de xullo de 2007 pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal.

10. Os montes consorciados ou conveniados coa Administración non poden solicitar as axudas, dentro da superficie consorciada ou conveniada, aínda que aqueles montes para os cales se solicitase a rescisión do consorcio ou convenio con anterioridade á publicación desta orde, si que poderán ser obxecto de axuda. Neste caso, antes de propoñerse a aprobación da axuda deberan ter un informe do servizo provincial de montes correspondente.

11. En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución, soamente serán aprobables as axudas solicitadas en terreos nos cales o acordo de concentración parcelaria sexa firme. Non obstante, poderán aprobarse as axudas nos casos en que, non sendo firme o acordo, transcorresen seis meses desde a toma de posesión dos predios de substitución, logo de informe favorable do Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias.

12. Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas axudas.

13. No caso de existiren valores singulares de tipo xeolóxico, edáfico, botánico, faunístico, histórico, literario e paisaxístico delimitarase a súa localización e zona de influencia e excluiranse da superficie de actuación.

14. Nas superficies de actuación os beneficiarios comprométense a cumprir co establecido no Manual de boas prácticas na xestión forestal sustentable e na Orde do 31 de xullo de 2007, pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal en desenvolvemento do previsto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. A distancia mínima das árbores que se planten e a arista exterior de vías e camiños forestais non será inferior a 2 metros en ningún caso, e o beneficiario da axuda comprometerase a manter esta zona sen plantar.

15. A planta empregada deberá cumprir o Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución e supletoriamente os requisitos de procedencia e calidade exterior esixidos polo Real decreto 289/2003, e sanitarios regulados polo Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro.

16. Quedarán excluídas da subvención as especies do anexo II nas áreas de valgada, entendendo como tal aquela superficie ocupada polo contorno físico inmediato aos cursos permanentes de auga, desde estes ata unha distancia de 10 metros en sentido perpendicular a ambos os lados da marxe do leito fluvial. As especies que poden ser atendidas na subvención solicitada nestas áreas de valgada son as sinaladas cun asterisco no anexo III, coa excepción de especies do xénero Eucalyptus que tamén quedan excluídas de subvención.

Artigo 5º.-Prioridades.

Establécese a seguinte orde de prioridades:

1. Segundo o tipo de traballo solicitado:

Punto nº 1. Restauración de masas de coníferas danadas polo temporal Klaus:

-Plantación de coníferas do anexo II: 1 punto/hectárea.

-Cambio de especies de coníferas por especies do anexo III (frondosas) distintas ás do xénero Eucalyptus: 1,5 punto/hectárea.

Punto nº 2. Restauración de masas de eucalipto danadas polo temporal Klaus:

-Cambio de Eucalyptus sp. por especies doutros xéneros de frondosas do anexo III: 1 punto/hectárea.

-Cambio Eucalyptus sp. por especies de coníferas do anexo II: 0,50 puntos/hectárea.

-Plantación de especies do xénero Eucalyptus: 0,25 puntos/hectárea.

-Selección de abrochos de eucalipto e extracción ou eliminación de restos: 0,25 puntos/hectárea.

2. No caso de montes veciñais en man común que invistan o 15% ou máis dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais (2006, 2007 e 2008) en melloras do monte, aplicarase a puntuación maior dos tres puntos seguintes:

Investimentos dun 15% a un 30% dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais: 10 puntos.

Investimentos de máis dun 30% a un 50% dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais: 15 puntos.

Investimentos de máis dun 50% dos seus ingresos nos últimos tres exercicios fiscais: 20 puntos.

3. No caso de montes veciñais en man común que investisen nos últimos tres exercicios fiscais (2006, 2007 e 2008) un mínimo do 15% dos seus ingresos noutros investimentos, que non sexan no monte pero que vaian dedicados aos veciños ou teñan un fin social: 5 puntos.

4. No caso de montes veciñais en man común sen ingresos nos últimos tres exercicios fiscais (2006, 2007 e 2008): 10 puntos.

5. No caso de agrupacións de propietarios, pro indivisos ou comunidades de bens: 5 puntos por propietario agrupado.

6. No caso dunha agrupación de propietarios legalmente constituída: 10 puntos.

7. Monte con instrumento de xestión rexistrado: 10 puntos, (Orde do 12 de xuño de 1998 pola que se crea o Rexistro de Proxectos de Ordenación e Plans Técnicos de Xestión de Montes).

8. Monte veciñal en man común sen convenio ou consorcio: 5 puntos.

9. Montes de particulares ou veciñais en man común, con certificación forestal con sistema PEFC ou FSC: 5 puntos.

No caso de empate priorizarase por maior superficie de actuación, e de persistir o empate, de maior a menor valor das catro últimas cifras do DNI ou CIF do titular dos terreos.

No caso de que unha vez priorizados os expedientes solicitados non se cubra a totalidade do importe especificado nos distintos puntos, os importes sobrantes dos distintos puntos pasarán aos demais para facer fronte aos expedientes solicitados.

Artigo 6º.-Superficies forestais mínimas e máximas para solicitar axudas.

1. A superficie mínima para solicitar a axuda será de 1 hectárea de superficie afectada polo temporal en couto redondo. A continuidade superficial do couto redondo non se verá interrompida pola existencia de barreiras naturais ou artificiais.

Admitiranse máis dun couto redondo sempre e cando cada un deles supere a superficie mínima.

2. Non se fixa superficie máxima.

Artigo 7º.-Compromisos.

Os beneficiarios das axudas comprometeranse expresamente ao cumprimento das condicións previstas nesta orde.

1. Compromisos de mantemento e conservación:

a) O titular comprométese a manter a masa conforme as condicións de comprobación e a conservala durante cinco anos, contados a partir da data de comprobación final e proceder á devolución do diñeiro percibido e dos seus xuros legais, se o bosque é danado ou destruído por descoido, neglixencia, cambio de uso ou falta de coidados silvícolas por parte do solicitante.

b) No caso de agrupacións de propietarios:

A responsabilidade do bo fin da actuación será exixible a cada propietario membro da agrupación. Os integrantes da agrupación comprométense a levar unha xestión conxunta da masa durante cinco anos, contados a partir da data da comprobación final.

2. Se, unha vez efectuada a solicitude e antes da aprobación, o terreo fose obxecto dun incendio forestal, o beneficiario deberá comunicarllo inmediatamente por escrito ao Servizo de Montes, con obxecto de adecuar a memoria descritiva das actuacións á nova realidade física do terreo antes do inicio dos traballos.

3. O beneficiario comprométese, en todo momento, a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural nas materias relacionadas coa orde.

4. O persoal que executou os traballos deberá estar dado de alta no réxime xeral da Seguridade Social; poderase solicitar en calquera momento que se cumpre o dito requisito.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes das axudas deberán ser cubertas nos modelos formalizados para o efecto, segundo consta no anexo VII, facilitados polos órganos periféricos e centrais da Consellería do Medio Rural. Estas solicitudes presentaranse na forma prevista no artigo 38 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e irán dirixidas ao conselleiro do Medio Rural.

2. Os impresos de solicitude, total e correctamente cubertos, deberán ir necesariamente acompañados da documentación abaixo relacionada.

2.1. En xeral:

a) Fotocopia do DNI, NIF ou CIF do beneficiario.

b) Documento descritivo das actuacións ou anexo XI no caso de superficie de actuación inferior a 15 hectáreas.

c) Declaración do beneficiario da axuda do conxunto de todas as solicitudes percibidas, solicitadas ou autorizadas para o mesmo proxecto ou actividade que a axuda solicitada ao abeiro desta orde, ante as administracións públicas competentes ou doutros entes públicos. Anexo VIII.

d) Ficha SIXPAC das parcelas obxecto de solicitude de axuda e anexo VIII debidamente cuberto especificando os traballos que se van executar.

2.2. Para todo tipo de titulares de terreos, excepto comunidades de montes veciñais en man común:

-No caso de ser propietario dos terreos: fotocopia do título de propiedade ou declaración xurada ou baixo a súa responsabilidade do titular da propiedade. Na dita declaración faranse constar: nome, apelidos e DNI do propietario, nome dos predios, superficie e lindeiros obxecto dos traballos e a súa localización ou anexo VIII. No suposto de que o terreo sexa propiedade de varios copropietarios (pro indiviso), ademais presentarase documento privado en que se acredite o consentimento de todos os condóminos, a designación dun solicitante-representante, que todos os condóminos asumen todos os compromisos e obrigas desta orde e un documento en que conste a porcentaxe coa que participa cada condómino na solicitude de axuda. No caso de concentracións parcelarias sen títulos, presentarase unha declaración xurada de propiedade e solicitarase internamente un certificado do Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias.

2.3. Para comunidades de montes veciñais en man común:

-Certificado do acordo tomado en asemblea xeral, asinado polo secretario, conforme autorizan o presidente da comunidade a pedir axudas á Consellería do Medio Rural, para a execución das accións obxecto da solicitude.

2.4. Documentación complementaria.

a) Para agrupacións de propietarios particulares:

-Anexo VI desta orde debidamente cuberto, no cal deberán constar os traballos solicitados por cada un dos membros da agrupación, así como o número de unidades de obra e o orzamento. Este anexo non é necesario cubrilo de xeito individual, no caso de agrupacións legalmente constituídas.

-No caso de agrupacións legalmente constituídas: CIF e documento acreditativo da súa constitución, onde consten as persoas que forman parte da dita agrupación.

b) No caso de cooperativas agrarias: copia dos estatutos.

c) No caso de comunidades de bens: documentación acreditativa, nomeamento dun representante e compromiso de todos os membros da comunidade de bens de aceptar todos os compromisos e obrigas desta orde.

d) No caso das entidades locais: certificado do secretario municipal conforme se informou a comisión de goberno da solicitude de axuda.

e) No caso doutras entidades xurídicas: copia dos estatutos ou escrituras de constitución e acreditación da persoa física que as representa.

2.5. Documentación adicional.

a) Montes veciñais en man común que invistan como mínimo o 15 % dos seus ingresos en melloras do monte ou noutros investimentos que vaian dedicados aos veciños, teñan un fin social nos últimos tres exercicios fiscais (2006, 2007 e 2008) ou non teñan ingresos: anexo IX debidamente cuberto.

Artigo 9º.-Prazos.

1. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

2. Soamente poderá presentarse unha solicitude por titular para os terreos que se atopen nun mesmo concello, excepto no caso de que un titular teña terreos en dúas ou máis agrupacións forestais. No caso contrario, procederase de oficio a arquivar sen máis trámite as solicitudes presentadas con posterioridade á primeira. Deberá empregarse un impreso de solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos.

3. Os traballos obxecto de solicitude de axuda non se poderán iniciar antes da aprobación da axuda.

Artigo 10º.-Tramitación.

1. Unha vez presentada a solicitude revisarase a súa documentación e no caso de que conteña defectos ou omisións, o requirimento de erros da solicitude, por tratarse dun acto integrante dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, farase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Montes. Os servizos provinciais de montes proporanlle á Dirección Xeral Montes como órgano xestor, a aprobación das solicitudes presentadas que cumpran todos os requisitos desta orde; a Subdirección Xeral de Recursos Forestais valorará as solicitudes de axuda, segundo os criterios de prioridade establecidos no artigo 5º e emitirá un informe ao director xeral de Montes que formulará proposta de resolución de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ao conselleiro do Medio Rural. O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva, axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso de non recaer resolución expresa no prazo indicado, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, a notificación realizarase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios e na páxina web da Consellería do Medio Rural. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresarán, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, órgano administrativo ou xudicial ante o que deben presentarse e prazo para interpoñelos.

6. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 11º.-Execución e xustificación.

1. Na resolución indicarase o prazo para a execución dos traballos que, con carácter xeral, non será inferior a dous meses e máximo dun ano.

2. Nun prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución de aprobación deberase presentar o correspondente proxecto e copia, e o nomeamento do director de obra segundo o indicado no artigo 4º desta orde.

a) En cumprimento do disposto no artigo 29 punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dentro do dito prazo dun mes, cando o importe do investimento supere os 30.000 euros o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas a diferentes provedores e presentalas xunto co proxecto. A elección entre as ofertas presentadas, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis favorable.

b) Para os efectos do disposto no artigo 29 punto 2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e dado que existen módulos para cada unidade de obra que supoñen que, en ningún caso, o custo de execución dos traballos subvencionados poida ser superior ao valor de mercado, considérase gasto realizado o que foi efectivamente comprobado por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural.

c) O beneficiario poderá subcontratar total ou parcialmente a actividade subvencionada, conforme ao previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O beneficiario poderá subcontratar con terceiros o 100% do importe de investimento da actividade subvencionada.

Os contratistas quedarán obrigados só fronte ao beneficiario que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Consellería do Medio Rural.

3. Dous funcionarios da Consellería do Medio Rural realizarán unha inspección no campo, para verificar as superficies, comprobar os datos da solicitude e comprobar a viabilidade dos traballos. Esta inspección poderase realizar antes da resolución de aprobación.

4. A axuda definitiva será a resultante da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, un deles distinto dos que realizaron a inspección en campo.

Coa comprobación final poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, no caso de que se realizase un menor número de unidades de obra das aprobadas.

No caso de que o importe xustificado polo beneficiario coa notificación de remate dos traballos, supere en máis dun 3% o importe da comprobación final realizada por dous funcionarios da Consellería do Medio Rural, reducirase a maiores a axuda para percibir resultante da comprobación final na diferenza entre ambos os importes. Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe xustificado.

Poderán admitirse certificacións parciais, por petición por escrito do solicitante, para importes de certificación superiores a 12.020,24 euros.

5. As prórrogas serán solicitadas motivadamente e cun mes de antelación ao remate do prazo para a execución dos traballos. Terán unha duración máxima de seis meses e serán propostas polos servizos de Montes, ao director xeral de Montes, quen elevará proposta ao conselleiro do Medio Rural que resolverá.

6. Xunto coa notificación de remate dos traballos achegarase a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes extremos:

-Acreditación sobre o número de unidades físicas executadas, no caso de solicitudes cunha superficie de actuación inferior a 15 hectáreas a acreditación deberá estar asinada por un enxeñeiro de montes ou enxeñeiro técnico forestal.

-Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os prezos das unidades de obra previstos no anexo IV.

-Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

c) Documentación da planta empregada de todas as especies incluídas no anexo I e XII Real decreto 289/2003: pasaporte fitosanitario, etiquetas e documentos do provedor consonte os modelos especificados no anexo IX do Real decreto 289/2003, cos requisitos de calidade exterior exixidos vixésimo oitavo do Decreto 220/2007.

d) Certificado final de obra emitido polo director de obra, excepto no caso de superficie inferior a 15 hectáreas, no cal figure unha relación valorada dos traballos executados.

e) Certificación bancaria a nome do titular do terreo; no caso de agrupacións nesta conta deberán ser titulares conxuntos todos os titulares que formen parte da agrupación, excepto agrupacións legalmente constituídas. Nas agrupacións permítese a sinatura mancomunada da conta bancaria nun membro da agrupación.

Artigo 12º.-Revogacións.

1. A axuda poderá revogarse, total ou parcialmente, se se dá algún dos seguintes supostos:

En xeral:

a) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destinar as axudas a fins distintos aos sinalados na solicitude.

b) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

e) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na Lei 14/2006.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables rexistrais ou de conservación de documentos, cando signifique a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade remitidas de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, segundo o establecido nesta orde, na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

E, en particular:

j) Execución de menos do 80% das accións previstas sen autorización previa ou causa xustificada de forza maior.

k) Incumprimento dos prazos para realizar os traballos subvencionados fixados na notificación de aprobación do expediente, ou se é o caso, da prórroga concedida.

l) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.

m) Incumprimento do ditado en calquera dos artigos desta orde que impliquen obrigas por parte do beneficiario.

n) Non presentar nun prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución de aprobación, o proxecto, unha copia deste, e o nomeamento do director de obra, segundo o especificado no artigo 4º.

Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de demora xerados desde o seu pagamento, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de axuda de que se trate quedará excluído da axuda do Feader e recuperaranse todos os importes que fosen aboados polo dito expediente. Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda para a medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.

2. Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa relación de prioridades e coa orde establecida.

3. Naqueles supostos nos cales o importe das subvencións recibidas polo beneficiario excedan os custos da actividade, procederase a solicitar a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade.

Artigo 13º.-Controis.

1. A Consellería do Medio Rural realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e as instancias de control comunitarias.

3. É de aplicación o disposto no título II do Regulamento 1975 (CE) 1975/2006, do 7 de decembro de 2006, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, relativo ás normas de xestión e control.

Artigo 14º.-Financiamento.

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2010, no momento da resolución.

As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios dos anos 2010 e 2011, con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

-Ano 2010: 800.000 euros.

1. Con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.713.B. 770.0.

-Ano 2011: 800.000 euros.

1. Con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.713.B. 770.0.

Estes importes poderán ser incrementados con fondos comunitarios, do Estado ou da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez aprobada a correspondente modificación orzamentaria.

A Consellería do Medio Rural publicará a ampliación do crédito nos mesmos medios que a presente convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 15º.-Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Alteración de condicións.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17º.-Obrigas.

1. O beneficiario da axuda e o solicitante está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O solicitante e o beneficiario están obrigados a realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

3. No caso de achado casual de obxectos e restos materiais que posúan valores que son propios do patrimonio cultural galego, o descubridor deberá comunicarllo inmediatamente á Consellería de Cultura e Turismo de conformidade coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia.

4. As actuacións na zona lateral de protección do Camiño de Santiago seranlles comunicadas polo solicitante á Consellería de Cultura e Turismo, co obxecto de contar coa súa autorización previa, de conformidade coa Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago.

Artigo 18º.-Medidas informativas e publicitarias.

Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa na cal figurará unha descrición do proxecto así como a bandeira europea e o lema Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais.

Artigo 19º.-Comprobacións.

1. O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de control que deba efectuar a entidade concedente e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario, mentres non exista resolución favorable á petición.

3. A Dirección Xeral de Montes, como órgano xestor, antes de levar a cabo a valoración das solicitudes de axuda comprobará que os beneficiarios cumpren coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, nas agrupacións de propietarios todos os membros cumprirán as ditas obrigas, excepto no caso de agrupacións legalmente constituídas. No caso de concesión da axuda, esta comprobación tamén se levará a cabo antes de cada pagamento.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas concedidas nesta orde son incompatibles coas axudas para o cesamento anticipado da actividade agraria e con calquera outro réxime de axuda comunitaria.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes para ditar todas as disposicións complementarias co obxecto de executar esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

-Provincia da Coruña.

Abegondo.

Ames.

Aranga.

Ares.

Arteixo.

Arzúa.

Bergondo.

Betanzos.

Boimorto.

Brión.

Cabana de Bergantiños.

Cabanas.

Camariñas.

Cambre.

Capela (A).

Carballo.

Cariño.

Carnota.

Carral.

Cedeira.

Cee.

Cerceda.

Cerdido.

Cesuras

Coirós.

Corcubión.

Coristanco.

Coruña (A).

Culleredo.

Curtis.

Dumbría.

Fene.

Ferrol.

Fisterra.

Frades.

Irixoa.

Laracha (A).

Laxe.

Lousame.

Malpica de Bergantiños.

Mañón.

Mazaricos.

Melide.

Miño.

Moeche.

Monfero.

Mugardos.

Muros.

Muxía.

Narón.

Neda.

Noia.

Ordes.

Oroso.

Ortigueira.

Outes.

Oza dos Ríos.

Paderne.

Pino (O).

Ponteceso.

Pontedeume.

Pontes de García Rodríguez (As).

Rois.

Sada.

San Sadurniño.

Santa Comba.

Santiago de Compostela.

Santiso.

Sobrado.

Somozas (As).

Teo.

Toques.

Tordoia.

Touro.

Trazo.

Val do Dubra.

Valdoviño.

Vilarmaior.

Vilasantar.

Vimianzo.

Zas.

-Provincia de Lugo.

Abadín.

Alfoz.

Baleira.

Baralla.

Barreiros.

Becerreá.

Begonte.

Burela.

Carballedo.

Castro de Rei.

Castroverde.

Cervantes.

Cervo.

Chantada.

Corgo (O).

Cospeito.

Folgoso do Courel.

Fonsagrada (A).

Foz.

Friol.

Guitiriz.

Incio (O).

Láncara.

Lourenzá.

Lugo.

Mondoñedo.

Muras.

Navia de Suarna.

Negueira de Muñiz.

Nogais (As).

Ourol.

Pastoriza (A).

Pedrafita do Cebreiro.

Pobra de Brollón (A).

Pol.

Pontenova (A).

Quiroga.

Ribadeo.

Riotorto.

Samos.

Trabada.

Triacastela.

Valadouro (O).

Vicedo (O).

Vilalba.

Viveiro.

Xermade.

Xove.

-Provincia de Ourense.

Avión.

Barco de Valdeorras (O).

Carballeda de Valdeorras.

Castrelo do Val.

Cenlle.

Laza.

Peroxa (A).

Piñor.

Riós.

Rubiá.

San Amaro.

San Cristovo de Cea.

Veiga (A).

Vilamarín.

Vilamartín de Valdeorras.

Vilardevós.

-Provincia de Pontevedra.

Agolada.

Baiona.

Dozón.

Forcarei.

Guarda (A).

Oia.

Rodeiro.

Rosal (O).

Tomiño.

Ver referencia pdf "00400D004P022.PDF"

ANEXO VIII

Ver referencia pdf "00400D004P022.PDF"

ANEXO IX

Ver referencia pdf "00400D004P022.PDF"

ANEXO XI

Ver referencia pdf "00400D004P022.PDF"