DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 08 de xaneiro de 2010 Páx. 181

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2009, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os novos certificados de profesionalidade asociados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, establece no artigo 5.5º c) que en todos e cada un dos módulos formativos que conformen os novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 se determinarán os criterios de acceso dos alumnos, que asegurarán que estes contan coas competencias clave suficientes para cursar con aproveitamento a formación.

Estas competencias clave pódense demostrar ou acreditar:

1. Estando en posesión de determinadas titulacións ou acreditacións oficiais de formación básica.

2. Superando as probas específicas que demostren o seu dominio.

3. Realizando a formación específica para a súa adquisición dentro do ámbito da formación profesional para o emprego.

Para regular o procedemento de probas na Comunidades Autónoma de Galicia aprobouse a Orde do 26 de novembro que regula as probas de avaliación en competencias clave para acceder aos cursos dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego, que establece no artigo 6 que a Dirección Xeral de Formación e Colocación a través do Instituto Galego das Cualificacións realizará polo menos unha convocatoria anual de probas.

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é a convocatoria para o ano 2010 das probas de avaliación en competencias clave para o acceso aos cursos dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade e efectos das probas de avaliación en competencias clave.

1. As probas de avaliación en competencias clave teñen como finalidade que as persoas que non cumpran os requisitos de acceso directo aos certificados de profesionalidade, poidan demostrar que posúen os coñecementos e as capacidades básicos que se requiren para cursar con aproveitamento estes certificados.

2. A superación destas probas de avaliación permitirá acceder á formación en todos os módulos formativos que requiran esas competencias clave como criterio de acceso.

Artigo 3º.-Competencias clave que se convocan para o ano 2010.

1. Convócanse probas nos dous niveis, 2 e 3, nas seguintes competencias clave:

-Comunicación en lingua galega.

-Comunicación en lingua castelá.

-Comunicación en linguas estranxeiras (inglés).

-Competencia matemática.

-Competencias en ciencia.

-Competencia en tecnoloxía.

-Competencia dixital.

-Competencias sociais (xeografía).

-Competencias sociais (historia).

2. As persoas poderán inscribirse en cantas competencias clave estean interesadas, sempre que reúnan os requisitos do artigo 4º desta resolución.

3. Os contidos de cada competencia clave, para cada nivel de cualificación, así como exemplos de probas pódense encontrar na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, http://traballoebenestar.xunta.es/.

Artigo 4º.-Requisitos das persoas aspirantes.

De conformidade co disposto no artigo 4 da Orde do 26 de novembro, pola que se regulan as probas de avaliación en competencias clave, poderán acceder a estas probas:

a) Maiores de dezaseis anos, que desexen cursar un certificado de profesionalidade de nivel 2 ou 3 de cualificación.

b) Non estar en posesión de titulacións ou certificacións oficiais de formación básica, que se indican no anexo 1.

c) Non estar a cursar unha acción formativa, aprobada pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, conducente á obtención da mesma competencia clave para a que se convoca a correspondente proba de avaliación na data de finalización do prazo de presentación da solicitude de inscrición.

Artigo 5º.-Solicitude para participar nas probas de avaliación en competencias clave.

1. A participación nestas probas deberá formalizarse presentando solicitude dirixida ao Instituto Galego das Cualificacións.

A devandita solicitude presentarase xuntando o modelo que figura no anexo 2 (de acordo co recollido no artigo 8 da Orde do 26 de novembro de 2009) e o modelo complementario recollido no anexo 2.1 que figuran nesta resolución.

2. A solicitude poderá presentarse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 29 de xaneiro de 2010, no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, así como por calquera das formas establecidas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Cada aspirante presentará unha única solicitude de inscrición en que indicará a/s competencia/s clave en que queira inscribirse.

4. Os candidatos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% deberán indicalo expresamente na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecido polo órgano competente, e poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización das probas.

Artigo 6º.-Documentación.

As persoas aspirantes deberán xuntar á súa solicitude de inscrición:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, ou número de identificación de estranxeiro ou do pasaporte. A presentación da fotocopia do DNI ou NIE non será precisa se o solicitante dá o seu consentimento para que se consulten os datos relativos aos citados documentos, de conformidade co previsto na Orde do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia.

b) Certificado acreditativo de discapacidade en vigor, para as persoas aspirantes con algunha discapacidade que soliciten algún tipo de adaptación posible de tempo e medios para a realización da proba. Non será necesario presentalo no suposto de discapacidades recoñecidas polo órgano competente desta comunidade autónoma.

Artigo 7º.-Relación provisional e definitiva de persoas inscritas admitidas e excluídas.

1. A relación provisional das persoas inscritas nas probas que fosen admitidas e, se é o caso, as excluídas, con indicación das causas de exclusión, será publicada polo Instituto Galego das Cualificacións, no taboleiro de anuncios do centro onde se vai realizar a proba e na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/, segundo se indica no calendario da convocatoria que figura no anexo 3.

2. De conformidade co disposto no artigo 13.2º da Orde do 26 de novembro de 2009 pola que se regulan as probas de avaliación en competencias clave, as persoas inscritas poderán formular contra esta relación provisional de admitidos e excluídos as oportunas alegacións, que se dirixirán ao Instituto Galego das Cualificacións no prazo de 3 días hábiles.

3. A relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas será publicada nos mesmos lugares indicados no punto 1, segundo se indica no calendario da convocatoria que figura no anexo 3.

4. Coa publicación da relación definitiva de aspirantes que van participar nas probas de avaliación en competencias clave publicarase tamén o centro en que cada aspirante deberá realizar as probas.

Artigo 8º.-Realización das probas de avaliación en competencias clave.

1. As probas de avaliación en competencias clave celebraranse nas datas indicadas no calendario da convocatoria que se inclúe no anexo 3, que deberá ser exposto no taboleiro de anuncios dos centros en que se realicen as probas e na páxina web http://traballoebenestar.xunta.es/.

2. As persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte e de materiais de escritura.

3. O candidato realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas en que se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora. A realización de cada unha das probas de avaliación seguirá a orde e o horario que se indica no anexo 3 desta resolución.

Artigo 9º.-Comisións de avaliación.

1. O/a director/a xeral de Formación e Colocación, por proposta do/a director/a do Instituto Galego das Cualificacións, nomeará as comisións de avaliación que se requiran para a aplicación, avaliación e cualificación das probas de avaliación, cuxo número e sedes son os que figuran no anexo 4.

2. De acordo co previsto no artigo 7.3º da Orde do 26 de novembro de 2009 pola que se regulan as probas de avaliación en competencias clave, á vista do número de persoas aspirantes, poderanse ampliar os centros en que se levarán a cabo as probas, así como o número de comisións de avaliación. Así mesmo poderanse incorporar ás comisións de avaliación o número de vixiantes e correctores que se considere preciso. Tamén poderán agruparse nun determinado centro aspirantes que solicitasen a realización das probas en centros distintos cando o número de inscricións así o aconselle.

3. De conformidade co disposto no artigo 10.5º da Orde do 26 de novembro de 2009 pola que se regulan as probas de avaliación en competencias clave, no caso de nomear correctores/as, estes formarán parte das comisións de avaliación para a realización das probas.

Artigo 10º.-Calificación das probas.

1. Cada unha das competencias clave a que se presente cada aspirante cualificarase en termos de apto/non apto.

2. Para a determinación da cualificación final dos candidatos, as comisións de avaliación realizarán unha sesión de avaliación, que se tera lugar no prazo máximo de 15 días naturais desde a realización da avaliación polos aspirantes.

3. A Comisión de Avaliación elaborará a acta da sesión de avaliación e cubrirá a acta de cualificación, en que reflectirá a cualificación obtida polas persoas aspirantes en cada unha das competencias clave en que efectuase a súa inscrición. A acta da sesión de avaliación e a acta de cualificación deberán ser asinadas por todas as persoas que integren a Comisión de Avaliación.

4. Os resultados das probas de avaliación estarán accesibles para cada candidato de forma confidencial, desde a páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, a partir do día seguinte da realización da sesión de avaliación.

Artigo 11º.-Reclamación contra as cualificacións.

1. Contra a cualificación obtida poderá presentarse reclamación dirixida ao presidente ou presidenta da comisión, no prazo de 3 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións, no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar, así como por calquera das formas establecidas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A Comisión de Avaliación resolverá todas as reclamacións presentadas, para o cal se reunirá en sesión extraordinaria da cal redactará unha acta que deberá ser asinada pola totalidade de integrantes da comisión, e comunicaraas aos interesados.

3. De conformidade co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, contra a resolución da reclamación poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes ante o/a director/a xeral de Formación e Colocación. A resolución do recurso de alzada porá fin á vía administrativa.

Artigo 12º.-Acreditación da proba de avaliación.

1. O/a director/a xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e Benestar expedirá ás persoas que realizasen as probas de avaliación en competencias clave a correspondente acreditación, de acordo co modelo que figura no anexo 3 da Orde do 26 de novembro de 2009 pola que se regulan as probas de avaliación en competencias clave para acceder aos cursos dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A acreditación dará acceso a calquera curso de certificado de profesionalidade que inclúa esas competencias clave como criterios de acceso aos módulos, nas condicións de admisión que se determinen.

3. Os interesados poderán recoller esta acreditación no centro onde realizaron as probas.

Disposición adicional

Única.-Información e orientación sobre as probas de competencias clave.

Todos os interesados poderán obter información e orientación sobre as probas en competencias clave nos seguintes puntos de información:

-O Instituto Galego de Cualificacións.

-A Dirección Xeral de Formación e Colocación.

-Os departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

-As oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

-Os centros propios da Consellería de Traballo e Benestar.

Así mesmo, na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar poderán encontrar información permanentemente actualizada sobre as probas en competencias clave.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para ditar as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2009.

Ana Mª Díaz López

Directora xeral de Formación e Colocación

Ver referencia pdf "00400D002P005.PDF"