DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 07 de xaneiro de 2010 Páx. 142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción, e se convocan no ano 2010.

A gandaría baseada nas nosas razas autóctonas foi tradicionalmente fonte dunha incalculable riqueza desde diversos puntos de vista, tanto económicos, como sociais e ambientais. Hoxe en día, debemos destacar tamén a importancia da conservación destas razas polo recurso xenético que supoñen e o seu papel fundamental na conservación de ecosistemas e pastos.

Trátase tamén dunha ferramenta útil para a fixación da poboación no medio rural, incrementando a calidade, a competitividade e o valor engadido dos produtos.

Por este motivo establécense axudas dirixidas ás asociacións de criadores das razas gandeiras autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción, que desenvolvan actuacións destinadas ao fomento destas razas.

As actividades subvencionables por esta orde enmárcanse no disposto nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 (2006/C 319/01), no Regulamento 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DOUE L 358/3, do 16 de decembro), sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado e das axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas, e o establecido no Real decreto 1366/2007, do 19 de outubro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento das razas autóctonas españolas de protección especial en perigo de extinción.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da orde.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural para o fomento das razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción na Comunidade Autónoma de Galicia, tramitadas a través do procedemento de concorrencia competitiva, e convocalas para o ano 2010.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse ás axudas descritas nesta orde as organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas de protección especial en perigo de extinción que cumpran os requisitos seguintes:

a) Desenvolver a súa actividade e estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Acreditar que os gandeiros que as integran concentran un mínimo do 60% do censo de reprodutoras da/s raza/s en perigo de extinción.

d) Estar oficialmente recoñecidas para a xestión do libro ou libros xenealóxicos da raza ou razas en perigo de extinción pola Comunidade Autónoma de Galicia e garantir nos estatutos a participación democrática dos seus membros e ausencia de trato discriminatorio para os criadores.

e) As entidades solicitantes deberán cumprir co disposto no anexo I do Regulamento (CE) 364/2004 da Comisión do 25 de febreiro de 2004, polo que se modifica o Regulamento (CE) núm. 70/2001 con vistas a ampliar o alcance das axudas de investigación e desenvolvemento (DOUE L núm. 63, do 28 de febreiro de 2004) relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas, e que se recolle no anexo III de esta orde.

f) As entidades solicitantes deberán cumprir os requisitos exixidos nos artigos 13.2º e 13.3º da Lei 38/2003, xeral de subvencións e, se é o caso, o recollido nos artigos 10.2º e 10.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Gastos subvencionables.

1. Poderán ser subvencionadas as seguintes actuacións:

a) Realización de estudos e estatísticas sobre os aspectos etnolóxicos, zootécnicos e produtivos das especies, así como sobre a súa caracterización morfolóxica e reprodutiva.

b) Educación, formación e divulgación de coñecementos científicos en materia zootécnica.

c) Organización de certames gandeiros e participación neles.

d) Creación ou mantemento de libros xenealóxicos.

2. As actividades do parágrafo a) do punto anterior deberán estar realizadas por centros de investigación ou desenvolvemento e asinadas por un responsable destes.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. A contía total da subvención, que se destinará a financiar os custos que ocasione a realización das actuacións previstas no artigo 4º, non poderá superar un máximo de 60.000 euros por raza e anualidade.

2. O custo subvencionable poderá alcanzar o 100% do investimento.

3. En todo caso, o importe total percibido por un mesmo beneficiario resultante da suma das letras a), b) e c) do artigo 4.1 non poderá exceder os 100.000 euros ao longo de tres exercicios fiscais.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazos de presentación.

1. As solicitudes presentaranse nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

2. Á solicitude de axuda, segundo o modelo do anexo I, deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do código de identificación fiscal.

b) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante.

c) Copia cotexada dos estatutos que permita verificar que carece de ánimo de lucro e que se garante a participación democrática dos seus membros.

d) Acreditación da representatividade do solicitante.

e) Certificado orixinal da entidade financeira sobre a titularidade da conta en que se solicita o ingreso do importe da axuda.

f) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, mediante o modelo de declaración que figura no anexo II.

g) Memoria pormenorizada do programa de actuación que se pretende desenvolver (en soporte informático e impresa en papel), obxectivos e prazo de execución.

h) Avaliación económica dos investimentos que se van realizar (en soporte informático e impresa en papel).

i) Acreditación de que os gandeiros que a integran dispoñen dun mínimo do 60% das reprodutoras da raza ou razas en perigo de extinción.

j) Acreditación de que se dispoñen dos medios técnicos e de persoal axeitados para a realización das actividades subvencionadas e descrición deles.

k) Acreditación do acordo da Xunta Directiva de aprobación da realización das actuacións obxecto de subvención.

l) Acreditación ou certificación da acta de reunión da Xunta Directiva, pola que se acorda a exixencia, a todos os socios ou integrantes, do cumprimento das normas mínimas en materia sanitaria, identificación, alimentación, medio natural, hixiene e benestar dos animais, de conformidade coa normativa comunitaria, nacional e autonómica.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. Se a documentación achegada for incompleta ou non reunir os requisitos establecidos, requirirase o responsable para que no prazo de dez días hábiles, desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falla ou xunte os documentos preceptivos, con advertencia de que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Autorización.

A presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado implicará a autorización á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Artigo 7º.-Criterios de adxudicación.

Na concesión de axudas previstas nesta orde terán prioridade as solicitudes das entidades de segundo grao que agrupen as asociacións de criadores de animais de razas puras en perigo de extinción. De todos os xeitos, estableceranse os seguintes criterios de valoración para todos os solicitantes:

1. Atendendo á capacidade da organización ou asociación de criadores para desenvolver as actuacións que se van financiar, dispoñendo dos medios técnicos e persoais, en cada unha das razas, ata 3 puntos.

2. Entidade solicitante, para cada unha das razas, que agrupe o maior número de explotacións sobre as que se desenvolven programas de actuación suxeitos a subvención, ata 3 puntos.

3. Entidade solicitante, para cada unha das razas, que agrupe o maior número de censo en UGM sobre as que se desenvolven programas de actuación suxeitos a subvención, ata 3 puntos.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución do expediente correspóndelle ao conselleiro do Medio Rural, por proposta do director xeral de Produción Agropecuaria.

2. A baremación das solicitudes, segundo os criterios do artigo 8, efectuarase por un órgano colexiado constituído para o efecto, formado por: presidente o subdirector/a xeral de Gandaría; vogal o/a xefe/a de servizo de Planificación Gandeira, e secretario o/a xefe/a de servizo de Producións Gandeiras, que emitirá o informe correspondente. Á vista deste informe, o director xeral de Produción Agropecuaria elevará proposta de resolución ao conselleiro do Medio Rural.

3. O prazo máximo para resolver e notificar o procedemento será de nove meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. A falla de notificación no dito prazo poderase entender desestimatoria da petición de axuda.

4. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación.

Artigo 9º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

1. Xunto coa solicitude inicial, os peticionarios das axudas presentarán unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións ou entes públicos, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, segundo o modelo do anexo II desta orde.

2. En calquera caso, coas xustificacións, e se houbese modificación da declaración anterior, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 10º.-Control da execución dos programas.

O control da execución dos programas levarao a cabo a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitará toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11º.-Modificación das axudas.

1. As subvencións as que se refire esta orde consideraranse subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, cando exista concorrencia doutras axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

2. O pagamento da subvención realizarase con xustificación previa, polo beneficiario, da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para que se concedeu, nos termos establecidos nesta orde.

3. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falla de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Reintegro da axuda e obriga de facilitar información.

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida xunto cos xuros de demora xerados desde o seu pagamento nos supostos de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos casos establecidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Así mesmo, ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 13º.-Infraccións e sancións.

No tocante a infraccións e sancións, será de aplicación o título IV, infraccións e sancións administrativas en materia de subvención, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 14º.-Réxime de incompatibilidades.

1. As axudas previstas nesta orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada beneficiario supere o custo de toda a actividade que se vaia desenvolver para o período de que se trate, dará lugar á redución que corresponda no importe das subvencións reguladas nesta orde, ata axustarse a ese límite.

Se aínda así a suma de subvencións supón unha intensidade da axuda superior ás porcentaxes máximas establecidas no artigo 5 ou na normativa estatal ou comunitaria aplicable, reducirase ata o citado límite.

Artigo 15º.-Xustificacións.

1. As xustificacións técnicas e económicas da realización do programa deberán presentarse antes do 15 de novembro, preferentemente no rexistro da consellería, das súas delegacións provinciais ou nas oficinas agrarias comarcais. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cando se trate de xustificacións de gastos en nóminas de persoal contratado polas entidades solicitantes para desenvolver as actuacións subvencionables poderanse presentar ata o 15 de decembro, mediante a súa entrega á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2. Dentro da xustificación técnica presentarase unha memoria pormenorizada do programa de actuación desenvolvido (en soporte informático e impresa en papel) con relación dos obxectivos acadados.

3. Transcorrido o prazo sen que o/a beneficiario/a presentase a documentación solicitada poderase entender a perda do dereito ao cobramento.

4. Con carácter xeral, os gastos xustificaranse mediante factura ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa (p.e: escritura pública de adquisición de inmoble, contratos, libros contables etc.), entendendo por tal calquera documento presentado para xustificar que a contabilidade reflicte a imaxe fiel da realidade.

As facturas presentaranse en orixinal, e marcaranse cun selo indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Requisitos das facturas:

As facturas deben reunir os requisitos establecidos nos artigos 6 e seguintes do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación (BOE do 29 de novembro), entre os que cómpre destacar os seguintes:

-Data de expedición da factura, que deberá estar comprendida dentro dos prazos de execución do proxecto ou actividade que figuren no instrumento regulador da axuda.

-Número de factura.

-Datos identificativos do provedor (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF/CIF e domicilio).

-Datos identificativos do destinatario do ben e/ou servizo, que deberá coincidir co beneficiario da axuda.

-Descrición das operacións que se documentan. De ser o caso, data en que se teña recibido un pagamento anticipado, sempre que se trate dunha data distinta á da expedición da factura.

-IVE: tipo impositivo aplicado e cota tributaria resultante debendo, de ser o caso, especificar por separado as partes da base impoñible que estean exentas ou non suxeitas, ou aquelas suxeitas a distintos tipos impositivos. Con carácter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura, salvo que se trate dunha entidade non suxeita, exenta de IVE ou suxeita á regra de por rata; nestes casos, deberá xuntarse a documentación xustificativa desta circunstancia (declaración de non suxeición ou exención de IVE emitida pola AEAT e, no caso de aplicación da regra de pro rata, o modelo 390 de Declaración resumo anual IVE correspondente ao último exercicio en que figure a porcentaxe de dedución ou pro rata).

Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

Documentos xustificativos do pagamento das facturas.

Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na presente orde de axudas.

Documentos exixidos para xustificar o pagamento de facturas:

Realizarase mediante a achega de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a continuación:

-Como regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (extractos ou certificacións bancarias) debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario. No xustificante de pagamento constará o número da factura obxecto de pago, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

-Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pago do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberase xuntar unha relación delas.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, así como acompañarse unha relación de todos os documentos de pago e importes acreditativos do pago desa factura.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín do provedor.

No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse as fotocopias dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

5. De acordo co artigo 28, apartado 6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

6. De acordo co artigo 29, punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 16º.-Financiamento.

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010:

Aplicación 13.02.713-C.771.4 dotada para esta finalidade cun importe máximo de 10.000 euros.

2. Poderán concederse subvencións por importe superior á contía total máxima fixada na convocatoria, sempre dentro dos límites establecidos pola presente convocatoria e demais lexislación aplicable, sen que previamente se realice unha nova convocatoria, no suposto de que se incremente o importe do crédito orzamentario dispoñible como consecuencia dunha xeración, unha ampliación ou unha incorporación de crédito.

3. A concesión da axuda someterase á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

4. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia cos que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "00300D005P022.PDF"

Anexo III

Contido anexo I do Regulamento (CE) 364/2004 da Comisión do 25 de febreiro de 2004

Definición de microempresas, pequenas e medianas empresas adoptada pola comisión

Artigo1º.-Empresa.

Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Artigo 2º.-Os efectivos e límites financeiros que definen as categorías de empresas.

1. A categoría de microempresas e pequenas e medianas empresas (pemes) está constituída polas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Na categoría das peme, defínese unha pequena empresa como unha empresa que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

3. Na categoría das peme, defínese unha microempresa como unha empresa que ocupa a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Artigo 3º.-Tipos de empresas considerados para o cálculo dos efectivos e os importes financeiros.

1. É unha «empresa autónoma» a que non pode cualificarse nin como empresa asociada para efectos do punto 2, nin como empresa vinculada para os efectos do punto 3.

2. Son «empresas asociadas» todas as empresas ás que non se pode cualificar como empresas vinculadas para os efectos do punto 3 e entre as cales existe a relación seguinte: unha empresa (empresa participante) posúe, por si soa ou conxuntamente cunha ou máis empresas vinculadas para os efectos da definición do punto 3, o 25% ou máis do capital ou dos dereitos de voto doutra empresa (empresa participada).

Unha empresa pode, non obstante, recibir a cualificación de autónoma, sen empresas asociadas, aínda que se acade ou se supere o límite máximo do 25%, cando estean presentes as categorías de investidores seguintes, e a condición de que entre estes, individual ou conxuntamente, e a empresa en cuestión non existan os vínculos descritos no punto 3:

a) Sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco, persoas físicas ou grupos de persoas físicas que realicen unha actividade regular de investimento en capital risco (investidores providenciais, business angels) e invistan fondos propios en empresas sen cotización bolsista, desde que o investimento de devandito business angels na mesma empresa non supere 1.250.000 euros.

b) Universidades ou centros de investigación sen fins lucrativos.

c) Investidores institucionais, incluídos os fondos de desenvolvemento rexional.

d) Autoridades locais autónomas cun orzamento anual de menos de 10 millóns de euros e unha poboación inferior a 5.000 habitantes.

3. Son «empresas vinculadas» as empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato realizado con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo realizado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.

Hai presunción de que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no segundo parágrafo do punto 2 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas ou de asociados.

As empresas que manteñan calquera das relacións previstas no parágrafo primeiro a través doutra ou outras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2, consideraranse tamén vinculadas.

Consideraranse tamén empresas vinculadas as que manteñan algunha das devanditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as devanditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos.

Considerarase «mercado contiguo» o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

1. A excepción dos casos citados no segundo parágrafo do punto 2, unha empresa non pode ser considerada como peme, se o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto están controlados, directa ou indirectamente, por un ou máis organismos públicos ou colectividades públicas.

2. As empresas poden efectuar unha declaración relativa á súa cualificación como empresa autónoma, asociada ou vinculada, así como aos datos relativos aos límites máximos enunciados no artigo 2. Pode efectuarse esta declaración aínda que o capital estea distribuído de tal forma que non se poida determinar con precisión quen o posúe, se a empresa declara con presunción lexítima e fiable que o 25% ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou non o detén conxuntamente con empresas vinculadas entre elas ou a través de persoas físicas ou dun grupo de persoas físicas. Tales declaracións non eximen dos controis e verificacións previstos polas normativas nacionais ou comunitarias.

Artigo 4º.-Datos que hai que ter en conta para calcular os efectivos, os importes financeiros e o período de referencia.

1. Os datos seleccionados para o cálculo do persoal e os importes financeiros son os correspondentes ao último exercicio contable fechado, e calcúlanse sobre unha base anual. Tense en conta a partir da data en que se pechan as contas. O total de volume de negocios calcularase sen o imposto sobre o valor engadido (IVE) nin tributos indirectos.

2. Cando unha empresa, na data de peche das contas, constate que se superaron nun sentido ou noutro, e sobre unha base anual, os límites máximos de efectivos ou os límites máximos financeiros enunciados no artigo 2, esta circunstancia só lle fará adquirir ou perder a calidade de media ou pequena empresa, ou de microempresa, se esta superación se produce en dous exercicios consecutivos.

3. En empresas de nova creación que non pecharon aínda as súas contas utilizaranse datos baseados en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

Artigo 5º.-Os efectivos.

Os efectivos corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA), é dicir, ao número de persoas que traballan na empresa en cuestión ou por conta de devandita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate .O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, cóntanse como fraccións de UTA. Nos efectivos contabilízanse as categorías seguintes:

a) Asalariados.

b) Persoas que traballan para a empresa, que teñan con ela un vínculo de subordinación e estean asimiladas a asalariados de acordo co dereito nacional.

c) Propietarios que dirixen a súa empresa.

d) Socios que exerzan unha actividade regular na empresa e gocen de vantaxes financeiras por parte da empresa.

Os aprendices ou alumnos de formación profesional con contrato de aprendizaxe ou formación profesional non se contabilizarán dentro dos efectivos. Non se contabilíza a duración dos permisos de maternidade ou dos permisos parentais.

Artigo 6º.-Determinación dos datos da empresa.

1. No caso de empresas autónomas, os datos, incluídos os efectivos, determinaranse unicamente sobre a base das contas da devandita empresa.

2. Os datos, incluídos os efectivos, dunha empresa con empresas asociadas ou vinculadas, determinaranse sobre a base das contas e de máis datos da empresa, ou ben, se existen, sobre bases das contas consolidadas da empresa, ou das contas consolidadas nas cales a empresa estea incluída por consolidación.

Aos datos previstos no primeiro parágrafo deberanse agregar os datos das posibles empresas asociadas coa empresa en cuestión, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a esta. A agregación será proporcional á porcentaxe de participación no capital ou nos dereitos de voto ( á máis elevada destas dúas porcentaxes) En caso de participacións cruzadas, aplicarase a porcentaxe máis elevada.

Aos datos recollidos no primeiro e segundo parágrafo engadirase o 100% dos datos das empresas que poidan estar directa ou indirectamente vinculadas á empresa en cuestión e que non sexan incluídas nas contas por consolidación.

3. Para aplicar o punto 2, os datos das empresas asociadas coa empresa en cuestión deben proceder das contas consolidadas, se existen, e dos demais datos, aos cales haberá que engadir o 100% dos datos das empresas vinculadas a estas empresas asociadas, agás se os seus datos xa se incluísen por consolidación.

Para aplicar o devandito punto 2, os datos das empresas vinculadas á empresa en cuestión han de proceder das súas contas consolidadas, se existen, e dos demais datos. A estes deberase de agregar proporcionalmente os datos das empresas que poidan estar asociadas a estas empresas vinculadas, situadas en posición inmediatamente anterior ou posterior a estas, agás se se incluísen xa nas contas consolidadas nunha proporción polo menos equivalente á porcentaxe definida no segundo guión do punto 2.

4. Cando nas contas consolidadas non consten os efectivos dunha empresa dada, calcularase incorporando de maneira proporcional os datos relativos ás empresas coas cales a empresa estea asociada, e engadindo os relativos ás empresas coas que estea vinculada».