DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 07 de xaneiro de 2010 Páx. 133

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2009 de desistencia dos procedementos de parques eólicos en tramitación instruídos ao abeiro da Orde do 6 de marzo de 2008.

Antecedentes de feito.

En aplicación do Decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regulaba o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, ditouse a Orde do 6 de marzo de 2008, pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megawatts para tramitar no período 2008-2012 e se abría o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de parques eólicos.

Ao amparo da orde iniciouse o procedemento para o outorgamento das referidas autorizacións de parques eólicos.

Pola resolución da Consellería de Economía e Industria do 7 de agosto de 2009 (DOG nº 159, do 14 de agosto), e polos motivos que constan nela, acordouse suspender a tramitación do procedemento para o outorgamento de autorizacións de parques eólicos ao abeiro do Decreto 242/2007 e da súa orde de aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A disposición transitoria primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (DOG nº 252, do 29 de decembro), textualmente indica:

«1. As xustificadas razóns que motivan esta norma son causas necesarias e suficientes de interese público que determinan a desistencia dos procedementos da autorización de parques eólicos en tramitación instruídos ao abeiro da Orde do 6 de marzo de 2008.

2. En aplicación do previsto no anterior parágrafo, a persoa titular da consellería competente en materia de enerxía, no prazo do mes seguinte á entrada en vigor da lei, ditará resolución e acordará expresa e unilateralmente a desistencia e, en consecuencia, a finalización do procedemento e dos trámites instruídos ao abeiro da Orde do 6 de marzo de 2008».

Segundo.-O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 117, do 17 de xuño) sinala que a Consellería de Economía e Industria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de enerxía.

Como consecuencia do exposto, en cumprimento do precepto legal transcrito,

RESOLVO:

Primeiro.-Desestir dos procedementos de autorización de parques eólicos en tramitación instruídos ao abeiro da Orde do 6 de marzo de 2008, dándoos por finalizados.

Segundo.-De conformidade co artigo 74.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, declárase extinguida a eficacia da medida provisional de suspensión do procedemento de autorizacións de parques eólicos acordada mediante Resolución do 7 de agosto de 2009.

Terceiro.-Respecto das indemnizacións que se é o caso deriven da desistencia aplicarase o disposto no parágrafo 4 da disposición transitoria primeira da Lei 8/2009.

Cuarto.-Notificar a resolución os operadores económicos e demais interesados que participasen no referido procedemento e proceder á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde a mesma data, sen prexuízo daqueles outros recursos que os interesados estimen oportuno.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2009.

P.D. (Artigo 1 a) Orde 30-4-2009,

DOG nº 87, do 6 de maio)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería de Economía

e Industria