DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 07 de xaneiro de 2010 Páx. 126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 29 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndenlle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

Esta orde estará sometida ao regulado no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia (AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2010 en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das subvencións as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou ter solicitada a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Teñan dependencia do seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

c) Aquelas que, recibindo subvencións en anos anteriores, xustificasen o seu investimento e liquidación, segundo o disposto nos artigos aplicables na da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e concordantes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Deben expresar o seu consentimento á Administración concedente para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas, que de principio se incorpora xa ao modelo de solicitude de subvención e se describe no artigo 9º desta orde.

e) Non ter sido condenados por sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pago algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Cumpran o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo á que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 400.000 €, con cargo á partida orzamentaria 2010.05.05.211A.481.1 e 5.000 € con cargo á partida orzamentaria 2010.05.05.211A.460.0, correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do 15 de outubro de 2009, acordándose a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

As dotacións orzamentarias indicadas poderán incrementarse, se fose procedente, con fondos comunitarios, do Estado ou da comunidade autónoma. Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30.2º a) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, a concesión das subvencións estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Nos casos de renuncia dos solicitantes ou anulación ou minoración por menor xustificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderanlles ser adxudicadas a outros solicitantes de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 7º desta orde. Tamén poderán aplicarse para as aprobacións derivadas da resolución de recursos do mesmo ou anteriores anos.

Os incrementos das dotacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior poderán empregarse para incrementar as contías das subvencións concedidas ou o número das subvencións aprobadas, sempre que se solicitasen no período indicado no artigo 5º, sen necesidade de abrir un novo período de solicitudes.

Artigo 4º.-Destino das subvencións.

As subvencións poderán ser utilizadas en:

1. Equipamento e vestimenta persoal. Os equipamentos deberán estar homologados para poder ser utilizados e a vestimenta persoal debe realizarse de acordo co disposto na Resolución do 14 de febreiro de 1994, da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, pola que se ditan normas para o uso da vestimenta e se homologa o uniforme de protección civil na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 4 de marzo).

2. Equipamentos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible (incluído material de caixa de urxencias sanitaria).

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou aluguer da súa base e medios de intervención, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

5. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

6. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

7. Equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que en ambos os casos se trate de elementos funxibles.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 2º que queiran acollerse a esta orde deberán presentar a solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no anexo I, no rexistro das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida á persoa titular da xefatura territorial, presentarase dentro do prazo dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Xunto coa solicitude presentarán a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2009 e previsión de actividades que realizarán en 2010 (en soporte papel ou informático, preferentemente no segundo).

b) Xustificante orixinal da entidade bancaria, co número de conta que teña aberta esa agrupación, en caso de non ter solicitado a subvención no ano 2009 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

c) Fotocopia compulsada do NIF ou CIF da AVPC, no caso de non ter solicitado a subvención no ano 2009 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

d) Certificado da compañía aseguradora en que conste o número de voluntarios asegurados. No caso de que o sexan todos de forma non nominativa, deberá indicarse esta circunstancia na correspondente póliza, aínda que tamén poderá xustificarse cun certificado da compañía aseguradora.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios para esas finalidades, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 9º desta orde. A expresión deste consentimento incorpórase no modelo de solicitude, coa sinatura desta.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e concederáselles un prazo de dez días para emendar os erros e omisións. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas xefaturas territoriais, os titulares destas xefaturas territoriais remitirana á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 5º.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue e formada polos cinco titulares das delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e actuará como secretario un funcionario da citada dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase por concorrencia competitiva, segundo a cantidade dispoñible, entre todas as solicitudes seguindo os criterios técnicos que serán valorados tendo en conta a graduación que en cada caso se indica:

1. O número de voluntarios asegurados da agrupación e o número total de voluntarios inscritos, ata 15 puntos.

2. O índice de calidade na resposta sustentado polo número de mobilizacións das AVPC desde o CAE 112 Galicia, o tempo de resposta e o número de voluntarios destacados na mobilización, ata 35 puntos.

3. A existencia de riscos especialmente graves no concello, de acordo cos mapas e análise de riscos establecidos no Platerga e demais plans de protección civil, ata 20 puntos.

4. O número de horas de formación impartidas ou homologadas pola Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada ou a Escola Nacional de Protección Civil e outros organismos públicos habilitados para tal efecto, dos voluntarios da agrupación no ano 2009, ata 10 puntos.

5. Existencia dun terminal remoto conectado con Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, que fora utilizado, ata 18 puntos. Para estes efectos, entenderase que o terminal remoto foi utilizado cando se fixeran polo menos dez anotacións nel ao ser mobilizada a agrupación polo CAE112Galicia, segundo información deste centro, durante o ano 2009. Estes 18 puntos asignaranse de xeito proporcional ao número de anotacións.

6. O compromiso de utilización da lingua galega en todas as actividades educativas de prevención e nas publicacións e información sobre medidas de autoprotección dirixidas á poboación en xeral, ata 2 puntos. Este compromiso acreditarase mediante a declaración-compromiso incluída na solicitude.

A subvención concedida será proporcional á puntuación acadada segundo os criterios indicados nos parágrafos anteriores. En todo caso, cada subvención individual será sempre inferior a 18.000 euros.

O órgano que concede as subvencións asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde segundo a listaxe que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta, e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada pola persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9º.-Publicación e rexistro.

De conformidade co disposto nos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas ao amparo desta orde; e incluirá igualmente as referidas subvencións e as sancións que como consecuencia delas se puideran impoñer, nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 10º.-Deberes dos beneficiarios.

As persoas beneficiarias das subvencións deberán cumprir as obrigas sinaladas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, as seguintes:

a) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicarlles por escrito ás xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a súa aceptación ou renuncia no prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedinte, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro que puideran realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará calquera información que lle sexa requirida no exercicio desas actuacións. En especial, deberán facilitar a información que lles sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicar ao órgano concedente a modificación das circunstancias que desen lugar á concesión da subvención, en canto se coñeza ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Achegar os documentos xustificativos tal e como se prevé no artigo 12º.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera caso, este período non será inferior a 5 anos.

Artigo 11º.-Anticipos.

Para as subvencións solicitadas, poderá aboarse un anticipo de ata 75% da subvención, nos casos en que o gasto exixa pagamentos inmediatos. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario, no propio impreso de solicitude da axuda.

Indicarase na solicitude a cantidade de anticipo solicitada. Unha vez aprobada a axuda, se a cantidade solicitada como anticipo é superior ao 75%, concederase, de ser o caso, o máximo do 75% da cantidade aprobada. En caso contrario, poderase conceder a cantidade solicitada como anticipo.

No trámite indicado no artigo 5º.1, a persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza fará a proposta de concesión ou denegación do devandito anticipo á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá motivadamente.

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

As agrupacións ás que se lles aprobasen as subvencións segundo o artigo 7º desta orde disporán ata o 15 de setembro de 2010 para achegar as facturas e xustificantes de pagamento correspondentes aos gastos aprobados, conformadas polo presidente da agrupación. Ademais dos documentos anteriores deberán achegar un certificado do presidente de cada agrupación no que se indique se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade, segundo o modelo do anexo III. Estas directrices afectan a todos os peticionarios, independentemente que solicitasen anticipos ou non, e para todos os gastos, incluídos os realizados con cargo ás cantidades anticipadas.

Terá a consideración de gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, determinado neste artigo e a través dos documentos aquí indicados.

Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Poderán admitirse os documentos xustificativos por gastos efectuados, de acordo co artigo 3º desta orde, entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 15 de setembro de 2010.

Consideraranse xustificantes de pagamento válidos unicamente os seguintes:

-Extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo presidente da agrupación.

-Para aquelas compras realizadas en metálico, de ata 1.000 euros por factura, será suficiente a factura orixinal ou compulsada en que figure «pagado» xunto coa sinatura e o número de DNI da persoa encargada da empresa subministradora.

-Documentos de liquidación de gastos de desprazamento e manutención en operativos de protección civil, na que figure tanto a conformidade do presidente da agrupación como o «recibín» do voluntario perceptor desta compensación.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

Estas subvenciones son compatibles coa percepción doutras subvencións, ingresos, ou recursos para a mesma finalidade. Porén, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvenciones, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15º.-Reintegro das subvencións.

No caso de incumprimento do deber de xustificación, de destinar a subvención a unha finalidade distinta para a que foi concedida, ou se a agrupación non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das subvencións percibidas e dos xuros xerados, seguirase para isto o procedemento establecido no artigo 77 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

Tamén se seguirá este procedemento naqueles casos en que a xustificación da subvención sexa inferior ao anticipo concedido.

Disposicións adicional

Única.-Esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 e ao disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa en materia de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "00300D001P006.PDF"