DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 05 de xaneiro de 2010 Páx. 30

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 10/2009, do 30 de decembro, de modificación do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia.

Exposición de motivos

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30.I.5, indica que, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, lle corresponde á Comunidade Autónoma galega, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1, 11 e 13 da Constitución, a competencia exclusiva en materia de caixas de aforros. Nesta modificación lexislativa preténdese afondar no exercicio e no reforzamento destas competencias estatutarias, considerando a especial natureza xurídica deste tipo de entidades, á vez mercantís e fundacionais. As caixas de aforros son entidades financeiras pero de indisoluble natureza fundacional. Deste xeito, a súa vertente social vese irremediablemente unida á súa actividade financeira, polo que precisa da súa eficiencia e da súa solvencia.

A crise financeira actual está a deixar sentir a súa pegada no financiamento do tecido empresarial vinculado aos sectores produtivos estratéxicos da nosa economía. As caixas de aforros, alén do seu carácter de entidades que se dedican aos servizos financeiros, teñen unha vocación social e unha vinculación co territorio no que se asentan, debido á súa natureza fundacional, e son un instrumento fundamental no financiamento da economía galega. Esta función ha servir para contribuír a mellorar o nivel socioeconómico de Galicia, que devén máis necesaria nunha situación como a actual de recesión económica e de dificultades financeiras.

En termos xerais, as modificacións introducidas nesta lei pretenden afondar tanto na modernización da representación territorial, institucional e privada coma na eficacia no seu funcionamento e cumprimento de funcións. Incídese decisivamente na independencia e despolitización destas entidades e restrínxeselles o acceso a cargos electos, altos cargos e similares.

De cara a unha maior transparencia e seguridade xurídica, dótase de carácter constitutivo o rexistro de altos cargos, que deixa de ter un carácter simplemente informativo.

Respectando a actual natureza xurídica e a tradicional vinculación territorial das caixas, esta modificación lexislativa pretende adaptar a representación dos órganos de goberno á realidade territorial actual, considerando o ámbito das entidades e a representatividade das súas institucións. Deste xeito dáselle entrada na representación ao Parlamento de Galicia e modifícase o sistema de elección das entidades representativas de intereses sociais.

Avánzase na despolitización destas entidades e establécese a incompatibilidade dos cargos electos e altos cargos para acceder a postos nos órganos de goberno. Ao tempo, búscase a especial cualificación das persoas que accedan en representación pública ou representativa.

Enuméranse as diferentes comisións delegadas do consello de administración e increméntase a periodicidade mínima de reunións da comisión de control.

Establécense as causas de incompatibilidade e o cesamento dos conselleiros xerais e o xeito de acceso ao consello de administración e á comisión de control.

Aclárase a autorización dos sistemas institucionais de protección, figura creada con posterioridade á anterior lei, aínda que estaba implicitamente prevista no artigo 35.3 do noso texto refundido.

Trátase, en suma, de modernizar os órganos de goberno, dotándoos de maior independencia e autonomía e recollendo a pluralidade e realidade social e política actual.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de modificación do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia.

Artigo 1º.-Modificacións no título I do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia.

Modifícanse os artigos que seguidamente se relacionan do título I do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia:

Un.-O artigo 2 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 2º.-Concepto de caixa de aforros.

Entenderase por caixa de aforros, para os efectos deste texto refundido, a entidade financeira de carácter social, de natureza fundacional e sen finalidade lucrativa que, baixo o protectorado público exercido polo Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellaría competente en materia de política financeira, se dedica á actividade financeira e á prestación de servizos conexos, destinando parte dos seus excedentes a accións sociais e contribuíndo a un maior desenvolvemento socioeconómico de Galicia».

Dous.-O artigo 5 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 5º.-Acción de goberno.

A acción do Goberno da comunidade autónoma, no marco das bases e da ordenación da actividade económica xeral e da política monetaria do Estado, levarase a cabo baixo os seguintes principios:

a) Velar pola independencia das caixas de aforros e defender a súa natureza fundacional, prestixio e estabilidade.

b) Vixiar o cumprimento por parte das caixas de aforros da súa función económico-social, de acordo cunha adecuada política de administración e de investimento do aforro privado.

c) Procurar a estabilidade económica e financeira das caixas de aforros así como a total transparencia dos mercados onde operan, e crear os mecanismos oportunos para que os clientes das caixas dispoñan de toda a información necesaria.

d) Establecer mecanismos de cobertura e protección dos clientes.

e) Estimular todas as accións lexítimas das institucións de aforro encamiñadas a mellorar o nivel socioeconómico de Galicia.

f) Garantir os principios de democratización, transparencia e eficacia na configuración, elección e no funcionamento dos órganos de goberno das caixas de aforros.

g) Fomentar a cooperación das caixas de aforros galegas.

h) Velar para que exista unha organización administrativa e contable e uns procedementos de control internos axeitados».

Artigo 2º.-Modificacións no título II do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia.

Modifícanse os artigos que seguidamente se relacionan do título II do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia:

Un.-O artigo 6 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 6º.-Principios xerais de actuación das caixas de aforros.

1. As caixas de aforros teñen un dobre carácter: social e fundacional, pola súa finalidade e aplicación de excedentes, e de entidade financeira, por razón da súa actividade.

2. As caixas de aforros garantirán unha xestión eficaz dos recursos que lles son confiados, para o que asegurarán a súa estabilidade, o coidado permanente da súa solvencia e a aplicación do excedente económico aos fins previstos neste texto refundido.

3. Os órganos de goberno da caixas de aforros actuarán con dilixencia, lealdade e confidencialidade».

Dous.-O artigo 7 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 7º.-Organización democrática.

1. A estrutura e a composición dos órganos de goberno das caixas de aforros serán democráticas.

2. Os membros dos órganos de goberno das caixas de aforros coidarán dos intereses fundacionais da caixa, dos dos seus depositantes e dos do territorio onde estas desenvolvan a súa actividade, con plena independencia de calquera outro interese que lles puidese afectar.

3. Así mesmo, garantirán a transparencia e eficacia nas actividades que desenvolvan, para o que favorecerán a participación dos impositores e clientes nos asuntos de interese para as caixas de aforros, difundirán dun xeito constante información obxectiva sobre a súa situación e promoverán o emprego das novas tecnoloxías da información».

Tres.-O artigo 15 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 15º.-Situación de déficit patrimonial.

Cando os recursos propios dunha caixa resultasen insuficientes para garantir a solvencia da entidade, deberán producirse:

a) Novas achegas dos fundadores, suficientes para cubrir o déficit patrimonial existente.

b) A incorporación de persoas ou entidades públicas ou privadas que, con idéntica consideración xurídica que a dos fundadores, acheguen en concepto de ampliación do fondo fundacional os recursos suficientes para cubrir o déficit existente.

c) Calquera outra medida prevista na normativa básica do Estado, logo de autorización dos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coa normativa vixente».

Catro.-Engádenselle ao artigo 18 as alíneas 4 bis e 5 bis coa seguinte redacción:

«4 bis. O órgano competente para acordar a emisión de cotas participativas é a asemblea xeral. O acordo de emisión debe ser autorizado pola consellaría competente en materia de política financeira».

«5 bis. A caixa de aforros levará un rexistro de cotapartícipes».

Cinco.-O artigo 23 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 23º.-Rexistro de órganos de goberno e de altos cargos.

1. Na consellaría competente en materia de política financeira existirá un rexistro público no que se deberán inscribir os nomeamentos, reeleccións e cesamentos dos membros dos órganos de goberno e dos directores xerais das caixas de aforros con domicilio social en Galicia.

2. O contido e o acceso ao rexistro dos órganos de goberno e de altos cargos das caixas de aforros galegas desenvolverase regulamentariamente. En todo caso, a inscrición neste rexistro ten carácter constitutivo, de xeito que os nomeamentos, reeleccións e cesamentos non terán eficacia vinculante e executiva ata a comunicación á entidade da inscrición daqueles.

3. O prazo para a inscrición e notificación á entidade será dun mes a partir da entrada na consellaría competente en materia de política financeira da solicitude de inscrición, solicitude que deberá remitirse nun prazo máximo de dez días desde o acordo, xunto coa documentación xustificativa do nomeamento, da reelección ou do cesamento. O silencio administrativo terá carácter positivo.

4. As altas e baixas deste rexistro seranlle notificadas ao Banco de España. Poderá emitirse certificación por instancia de calquera persoa que xustifique o seu interese».

Seis.-O artigo 24 pasa a formar parte da sección primeira do capítulo III do título II, e queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 24º.-Funcionamento dos órganos de goberno.

1. Correspóndelle ao presidente de cada órgano de goberno, ademais da representación do órgano:

a) Ordenar a convocatoria das sesións e fixar a orde do día, tendo en conta, se é o caso, as peticións formuladas polos demais membros do órgano, segundo o procedemento e os prazos que se prevexan nos estatutos.

b) Presidir as sesións, moderar os debates, suspendelos por causas xustificadas e dirimir co seu voto os empates.

c) Asinar as actas e as certificacións dos acordos do órgano.

2. Correspóndelle ao secretario de cada órgano de goberno:

a) Efectuar a convocatoria das sesións por orde do seu presidente e citar os membros do órgano coa antelación que se sinale nos estatutos, así como remitirlles a documentación necesaria para a análise dos asuntos que figuren na orde do día.

b) Realizar as comunicacións do órgano cos seus membros e coas administracións públicas ás que teña que remitir a documentación.

c) Redactar e autorizar as actas das sesións e expedir as certificacións dos acordos adoptados.

3. A convocatoria e a remisión da información que deban analizar os membros dos órganos de goberno poderá realizarse por medios informáticos sempre que garantan a confidencialidade e impidan a súa difusión pública.

4. Calquera membro dun órgano de goberno poderá solicitar copia das actas dos acordos adoptados polo dito órgano, e deberá serlle remitida nun prazo máximo de dez días. O contido destas actas estará suxeito ao deber de confidencialidade.

5. Os membros dos órganos de goberno das caixas de aforros estarán obrigados a gardar secredo respecto das informacións e confidencias que coñezan no exercicio das súas funcións.

6. As deliberacións dos órganos de goberno serán secretas, agás que o propio órgano acorde expresamente a posibilidade de difusión.

7. Os estatutos das caixas de aforros regularán a forma na que haberán de facerse públicos os acordos dos seus órganos de goberno.

Porén, os órganos de goberno poderán restrinxir a difusión dos seus acordos durante o tempo e na medida na que resulte necesario para a súa actividade.

8. A violación do deber de segredo constitúe xusta causa de cesamento das previstas neste texto refundido, sen prexuízo das responsabilidades que puidesen proceder».

Sete.-O artigo 25 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 25º.-Asemblea xeral.

1. A asemblea xeral é o órgano supremo de goberno e de decisión das caixas de aforros, e consta de 160 membros, que teñen a denominación de conselleiros xerais.

2. Os sectores representados na asemblea xeral e as porcentaxes de representación son os seguintes:

a) A comunidade autónoma a través do Parlamento de Galicia: co 20%.

b) Corporacións locais en cuxo termo teña oficinas a entidade: co 20%.

c) As entidades representativas de intereses colectivos: co 10%. Dentro desta porcentaxe, o 25% será para as entidades representativas das confederacións de empresarios de Galicia, outro 25% para as organizacións sindicais máis representativas de Galicia, outro 25% para as restantes entidades con representación no Consello Económico e Social de Galicia, non mencionadas anteriormente, que non teñan a consideración de administración institucional ou corporativa, e o outro 25% para as asociacións e institucións de carácter benéfico ou social de recoñecido prestixio e representatividade no ámbito territorial de actuación da caixa de aforros, designadas por orde da consellaría competente en materia de política financeira, logo de consultadas as entidades.

d) Empregados da caixa de aforros: co 10%. Os representantes dos empregados terán as mesmas garantías que as establecidas no Estatuto dos traballadores para os representantes legais dos traballadores.

e) Entidades fundadoras: ata o 10% na proporción que figure nos estatutos de cada caixa. No caso de non existir entidades fundadoras, ou non acadar o 10%, a súa representación atribuiráselles á Comunidade Autónoma de Galicia e ás corporacións locais a partes iguais.

f) Impositores: co 30%.

A representación das administracións públicas e das entidades e corporacións de dereito público nos órganos de goberno, incluída a que corresponda ás entidades fundadoras cando estas teñan a mesma natureza, non poderá superar no seu conxunto o 50% do total dos dereitos de voto en cada un de tales órganos tendo que estar representadas todas as entidades e corporacións.

No caso de que por motivo do número de membros da asemblea xeral o número de representantes non sexa número enteiro, procederase a efectuar o redondeo por defecto e atribuiranse os restos de xeito proporcional ao decimal máis alto. No caso de haber dous grupos co mesmo decimal, a preferencia determinarase segundo a orde da letra establecida neste texto refundido. No caso de que, por aplicación do redondeo, a representación pública puidera superar o 50% do órgano, o grupo ou os grupos que o fixesen superar cederán a orde aos seguintes non públicos. Idéntico criterio seguirase nos restantes órganos do goberno.

3. A designación dos representantes de cada sector deberá realizarse tendo en conta as seguintes normas:

a) A representación do Parlamento de Galicia corresponderá á persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, elixidas polo Pleno da Cámara, e respectarase a proporcionalidade dos grupos parlamentarios desta.

b) A representación das corporación locais corresponderalles a persoas nomeadas polo pleno da corporación por maioría, na proporción que resulte da composición desta. No caso de que sexa un o que haxa que elixir, serao por maioría absoluta.

c) A representación dos impositores e das corporacións municipais deberá gardar proporción coa distribución dos depósitos captados en cada comunidade autónoma. Para tal efecto, o número de membros do sector asignarase por comunidades autónomas en función do volume de depósitos que supoñan as oficinas.

d) Os representantes dos empregados serán elixidos polos propios empregados da caixa de aforros de xeito proporcional aos votos obtidos nas listas presentadas. A elección realizarase por votación persoal e secreta de todo o persoal que teña, no momento da votación, unha antigüidade mínima de dous anos no cadro de persoal da caixa de aforros.

e) As entidades fundadoras dunha caixa de aforros non poderán estar representadas nos órganos de goberno de ningunha outra caixa que opere total ou parcialmente no mesmo territorio.

f) Os representantes dos impositores serán elixidos mediante sorteo público, notarial, directo e aleatorio, e manterán a proporción coa distribución de recursos alleos captados en cada comunidade autónoma. No sorteo extraerase, ademais, un número de suplentes que duplique o de titulares.

g) Os empregados da caixa de aforros poderán acceder aos órganos de goberno exclusivamente en representación dos empregados e, de xeito extraordinario, en representación das entidades locais.

h) As persoas nomeadas en representación das corporacións locais, do Parlamento de Galicia, das entidades fundadoras e das entidades representativas de intereses colectivos deberán ter os coñecementos ou a experiencia en materia económica, financeira ou xurídica que lles permitan adoptar as decisións que afecten a entidade, con coñecemento dos seus posibles efectos e das responsabilidades que asuman. Así mesmo, non poderá recaer en persoas que exerzan un cargo por mandato representativo nin en persoas incluídas no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, nin no persoal eventual ou directivo das corporacións locais».

Oito.-O artigo 26 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 26º.-Requisitos dos conselleiros xerais.

1. Os conselleiros xerais deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ser persoa física con residencia habitual na zona de actividade da caixa de aforros.

b) Ser maior de idade e non estar incapacitado.

c) Os representantes dos impositores deberán ter a condición de depositantes con dous anos de antigüidade, como mínimo, no momento da súa elección, así como un saldo medio en conta no semestre precedente non inferior a 500 euros. Este importe poderá ser revisado periodicamente pola consellaría competente en materia de política financeira tendo en conta a evolución do índice de prezos ao consumo.

d) Estar ao corrente no cumprimento das obrigas que tivese contraídas coa caixa de aforros, por si mesmo ou en representación doutras persoas ou entidades.

e) Non estar incurso nas causas de inelixibilidade ou incompatibilidade que se recollen neste texto refundido.

f) Non ter cumpridos os 70 anos.

A perda de calquera dos requisitos anteriores, incluído o cumprimento da idade prevista no punto f), será considerada causa de cesamento por supor a perda dos requisitos exixidos para o desempeño do cargo, conforme o previsto no artigo 30º deste texto refundido.

2. Idénticas condicións exixiranse para representar a caixa de aforros tanto en sociedades participadas, fundacións ou outros entes, como para ocupar postos nos órganos de goberno en fundacións, entes ou sociedades dependentes da caixa de aforros».

Nove.-O artigo 28 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 28º.-Incompatibilidades.

Os membros dos órganos de goberno non poderán estar vinculados á caixa de aforros ou a empresas participadas por esta en máis dun 20% directa ou indirectamente, ou nas que exerza unha posición de dominio, por contratos de obra, servizos, subministracións, traballos retribuídos ou postos en órganos de goberno durante o período no que exerzan esta condición e nos dous anos seguintes ao seu cesamento, agás a relación laboral cando a condición de conselleiro xeral recaia nun empregado da caixa de aforros».

Dez.-O artigo 31 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 31º.-Funcións da asemblea xeral.

Correspóndenlle á asemblea xeral as seguintes funcións:

a) Nomear os vogais do consello de administración e da comisión de control entre os membros da propia asemblea xeral.

b) Apreciar as causas de separación dos membros dos órganos de goberno antes do cumprimento do seu mandato, así como acordar a súa separación.

c) Aprobar e modificar os estatutos e os regulamentos dos órganos de goberno.

d) Aprobar a fusión, liquidación e disolución da caixa de aforros, así como os contratos de aseguramento e garantía con outras entidades financeiras, as delegacións de competencias noutros consellos ou entidades e os sistemas institucionais de protección ou figuras análogas.

e) Definir as liñas xerais do plan de actuación da caixa de aforros, ás cales deberán someter a súa actuación o consello de administración, a comisión de control e os órganos directivos da caixa de aforros.

f) Autorizar a emisión de obrigas subordinadas, participacións preferentes, cotas participativas e calquera outro instrumento financeiro computable como recursos propios.

g) Aprobar, se é o caso, a xestión do consello de administración, así como as contas anuais, o informe de xestión e acordar a distribución dos excedentes.

h) Nomear ou revogar os auditores de contas propostos polo consello de administración.

i) Autorizar a creación de novas obras sociais, así como aprobar a liquidación da obra social realizada no exercicio anterior e aprobar os orzamentos para o ano vixente.

j) Ratificar os acordos do consello de administración polo que se nomee o director xeral.

k) Aprobar, por proposta do consello de administración, o código de conduta e responsabilidade social corporativa da caixa de aforros.

l) Calquera outro asunto que sexa sometido á súa consideración polos órganos facultados para o efecto».

Once.-O artigo 32 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 32º.-Convocatoria e realización da asemblea xeral.

1. A asemblea xeral, ordinaria ou extraordinaria, será convocada polo consello de administración cunha antelación mínima de quince días e máxima dun mes. Indicarase a data, o lugar, a hora e a orde do día, así como a data, o lugar e a hora da reunión en segunda convocatoria, e deberá publicarse cunha antelación mínima de quince días no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial del Estado e nos xornais de maior circulación na zona de actuación da caixa de aforros, así como no sitio web institucional.

2. Cunha antelación mínima de quince días, a caixa deberá remitirlles a cada un dos conselleiros xerais a documentación xustificativa dos asuntos que figuren na orde do día. No caso da asemblea xeral ordinaria, entre a documentación remitida deberán figurar as contas anuais e o informe de xestión, a proposta de distribución de excedentes, o informe anual da comisión de control e o informe de auditoría.

3. Para a súa válida constitución en primeira convocatoria a asemblea xeral precisará da asistencia da maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será precisa a asistencia de máis dun terzo dos conselleiros xerais, agás nos supostos nos que se debata a emisión de cotas participativas, a separación de membros dos órganos de goberno, a aprobación ou modificación dos estatutos e dos regulamentos ou a liquidación ou disolución da caixa de aforros, en cuxo caso requirirase a asistencia da maioría dos seus membros.

4. Os acordos tomaranse por maioría simple de votos dos concorrentes, agás nos casos sinalados na alínea anterior, nos que será necesario o voto favorable de dous terzos dos concorrentes.

5. Cada conselleiro xeral ten dereito a un voto, e a quen presida a reunión outorgaráselle voto de calidade. En ningún caso se admitirá a asistencia á asemblea xeral mediante representación, nin a delegación do voto.

6. Presidirá a sesión o presidente do consello de administración e actuará como secretario quen ocupe o cargo de secretario do consello de administración. En caso de ausencia do presidente, será suplido polo vicepresidente e, en defecto deste, polo vogal do consello de administración de máis idade, mentres que no caso de ausencia do secretario será substituído polo vicesecretario e, en defecto deste, polo vogal do consello de administración de menor idade.

7. Asistirá á sesión, con voz e sen voto, o director xeral da entidade.

8. Os acordos adoptados obrigan a todos os conselleiros xerais, incluídos os ausentes e os disidentes, e deberán constar en acta, que poderá ser aprobada ao final da reunión pola propia asemblea, ou polo presidente e dous interventores, designados nela, nun prazo máximo de quince días. A acta terá forza executiva a partir da data da súa aprobación e deberá ser remitida no prazo máximo de quince días á consellaría competente en materia de política financeira».

Doce.-A alínea 2 do artigo 34 queda redactada nos seguintes termos:

«2. A asemblea xeral extraordinaria será convocada polo consello de administración cando o estime conveniente para os intereses sociais, cando o solicite un terzo dos membros da asemblea xeral ou cando o solicite a comisión de control, sempre que neste último caso se trate de materias de competencia desta. A petición debe concretar a orde do día da sesión e nesta só poderá tratarse o obxecto para o que foi expresamente convocada, e a convocatoria debe realizarse nun prazo máximo de quince días desde a presentación da petición sen que poidan mediar máis de vinte días entre a data da convocatoria e a sinalada para a realización da asemblea».

Trece.-O artigo 35 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 35º.-Funcións do consello de administración.

1. O consello de administración é o órgano de administración e xestión ordinaria da entidade, así como da obra social da caixa de aforros, sen máis limitacións que as expresamente reservadas á asemblea xeral e á comisión de control, e poderá delegar as súas facultades en comisións delegadas, entre as que será obrigatoria unha comisión delegada das obras sociais. Así mesmo, constituirá no seu seo unha comisión de retribucións e unha comisión de investimentos.

2. A concesión de créditos, avais e garantías da caixa de aforros aos vogais do consello de administración, aos membros das comisións de control, retribucións e investimentos, ao director xeral ou aos seus cónxuxes ou parellas de feito, ascendentes, descendentes, así como ás sociedades nas que as persoas mencionadas teñan participación que, illada ou conxuntamente, sexa maioritaria, posúan unha posición de dominio ou desempeñen cargos de alta representación, directivo ou asimilado, e o alleamento á caixa de aforros de bens ou valores da súa propiedade ou emitidos por tales entidades deberán ser aprobados polo consello de administración da caixa de aforros e deberanlle ser comunicados á consellaría competente en materia de política financeira para que preste autorización expresa.

3. O consello de administración poderá delegar algunha ou algunhas das súas facultades de xestión nos órganos de goberno das entidades que constitúan e articulen alianzas entre caixas de aforros ou os creados para o efecto no seo da Confederación Española de Caixas de Aforros, coa finalidade de reducir os custos operativos das entidades que a integren, para aumentar a eficiencia sen poñer en perigo a competencia nos mercados nacionais ou para participar con volume suficiente nos mercados internacionais de capital. Esta delegación manterase en vigor durante o período da alianza ou mentres as entidades non acorden a súa modificación mediante o procedemento que previamente establecesen para o efecto. Esta delegación non se estenderá ao deber de vixilancia das actividades delegadas nin ás facultades que respecto delas teña a comisión de control.

Os acordos de delegación requirirán a autorización previa da consellaría competente en materia de política financeira, para os efectos de garantir que non impliquen menoscabo da independencia da caixa de aforros ou perigo para a súa estabilidade económico-financeira.

No caso de sistemas institucionais de protección, previstos pola normativa de recursos propios, ou figura análoga que se puidese crear, a necesaria autorización previa da consellaría competente en materia de política financeira considerará, entre outras, adicionalmente ao previsto no parágrafo anterior, as consecuencias que puidesen derivarse da operación para o cumprimento da finalidade financeira e social da entidade en Galicia. Unha vez en funcionamento, será obrigatoria a remisión á citada consellaría da mesma información consolidada ou agregada que deba remitírselle ao Banco de España».

Catorce.-Modifícanse a alínea 1 e os parágrafos segundo e terceiro da alínea 2 do artigo 36 no seguinte sentido:

«1. O número de vogais do consello de administración será de 25».

«No previsto na letra b) do citado artigo 25º garantirase como mínimo a presenza no consello de administración de dúas entidades».

«No previsto na letra c) do xa citado artigo 25º garantirase igualmente a presenza no consello de administración de polo menos un representante das entidades non fundadoras. Igualmente, o persoal fixo do cadro da caixa de aforros contará cun representante como mínimo. No caso de que por motivo do número de membros do consello de administración o número de representantes non sexa número enteiro, procederase a efectuar o redondeo por defecto, e atribuiránselle os restos de xeito proporcional ao decimal máis alto. No caso de haber dous grupos co mesmo decimal, a preferencia determinarase segundo a orde da letra establecida nesta lei. No caso de que, por aplicación do redondeo, a representación pública puidese superar o 50% do órgano, o grupo ou os grupos que o fixesen superar cederán a orde aos seguintes non públicos».

Quince.-O artigo 37 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 37º.-Nomeamento, causas de inelixibilidade e incompatibilidades.

1. Os vogais do consello de administración serán nomeados pola asemblea xeral de entre os membros de cada sector de representación e por proposta dos conselleiros do respectivo sector que representen cando menos un 15% do total dese sector.

Se por algún dos grupos se formulasen varias propostas, estas serán sometidas previamente a votación entre os conselleiros xerais do grupo, e atribuiranse os postos no consello de administración que a ese grupo lle corresponda en proporción ao número de votos obtidos por cada candidatura proposta.

2. Os vogais do consello de administración estarán afectados polas mesmas causas de inelixibilidade e cesamento que as establecidas para os conselleiros xerais.

Os estatutos da entidade fixarán a idade máxima que poderán ter para o desempeño do cargo, sen que poida ser esta idade superior aos 70 anos. Cumprida esta, será causa inmediata de cesamento e serán substituídos polos seus suplentes.

3. Coa excepción do Parlamento de Galicia, ningunha entidade poderá ter máis dun representante no consello de administración dunha caixa de aforros nin poderá estar representada simultaneamente no consello de administración e na comisión de control da mesma caixa de aforros.

Adicionalmente e coa excepción do Parlamento de Galicia, ningunha persoa ou entidade poderá formar parte nin estar representada no consello de administración ou na comisión de control de máis dunha caixa de aforros.

4. No caso de cesamento ou revogación dun membro do consello de administración antes de finalizar o seu mandato, será substituído durante o período restante polo seu suplente. Para estes efectos, por cada grupo de representación será nomeado un suplente por cada titular. No caso de vacante por non existir suplente, esta vacante cubrirase na primeira asemblea que se realice».

Dezaseis.-O artigo 40 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 40º.-Sesións do consello de administración.

1. O consello de administración reunirase todas as veces que sexa necesario para a boa marcha da entidade, e como mínimo unha vez ao mes. Tamén deberá reunirse cando o solicite un terzo dos vogais do consello de administración. Para a súa válida constitución é precisa a asistencia da maioría dos seus membros.

2. A convocatoria corresponderalle ao presidente, quen determinará os asuntos que deben figurar na orde do día. Cando a convocatoria sexa por petición dun terzo dos vogais do consello, a orde do día recollerá as cuestións expostas polos solicitantes.

3. No caso de ausencia do presidente será suplido polo vicepresidente e, en defecto deste, polo vogal do consello de administración de máis idade, mentres que no caso de ausencia do secretario será substituído polo vicesecretario e, en defecto deste, polo vogal do consello de administración de menor idade.

4. Os acordos adoptaranse por maioría dos conselleiros asistentes, agás nos casos nos que os estatutos esixan outra maioría. O presidente terá voto de calidade.

5. Ás reunións do consello de administración asistirá con voz e sen voto o director xeral, agás para a toma de decisións que o afecten».

Dezasete.-Modificase o artigo 41, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 41º.-Comisións do consello de administración.

1. Ademais das comisións obrigatorias, que se regulan nas seguintes alíneas deste artigo, o consello de administración poderá delegar as súas facultades nunha comisión delegada, agás as relativas á elevación de propostas á asemblea xeral ou cando se trate de facultades especialmente delegadas no consello, salvo que fose expresamente autorizado para iso.

2. A comisión delegada das obras sociais estará formada por tres membros do consello de administración e terá a función de aprobar con carácter previo as actuacións da obra social que non teñan que ser autorizadas polo consello de administración ou pola asemblea xeral. Así mesmo, nos meses de abril, xullo, outubro e xaneiro analizará a execución da obra social no trimestre anterior, e no mes de xaneiro aprobará un informe que elevará ao consello de administración e á comisión de control sobre a execución da obra social no exercicio anterior.

3. A comisión de retribucións estará formada por tres membros do consello de administración e terá a función de informar o consello sobre a política xeral de retribucións e incentivos para os membros do consello e, especialmente, para o persoal directivo da entidade.

4. A comisión de investimentos estará formada por tres membros do consello de administración e terá a función de informar o consello sobre os investimentos e desinvestimentos de carácter estratéxico e estable que efectúe a caixa de aforros, xa sexa directamente ou a través de entidades do seu mesmo grupo, así como sobre a viabilidade financeira dos citados investimentos e a súa adecuación aos orzamentos e plans estratéxicos da entidade. Os membros da comisión serán designados atendendo á súa capacidade técnica e experiencia profesional.

A comisión de investimentos deberá elaborar un informe anual para a súa elevación ao consello de administración, no que deberá incluírse un resumo dos investimentos e desinvestimentos realizados no ano, así como unha relación dos informes emitidos e do seu sentido.

Enténdense como estratéxicos os investimentos e desinvestimentos de participacións significativas en sociedades ou a participación en proxectos empresariais con presenza na xestión ou nos seus órganos de goberno.

5. Todas as comisións delegadas designaraas o consello de administración de entre os seus vogais. Ningún vogal do consello de administración poderá pertencer a máis dunha das comisións previstas nas alíneas 2, 3 e 4 deste artigo».

Dezaoito.-O artigo 43 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 43º.-Comisión de control: composición e reunións.

1. A comisión de control contará cun mínimo de seis e un máximo de dez membros con voz e voto, entre os cales necesariamente deberá atoparse un representante de cada un dos sectores de representación. A comisión nomeará entre os seus membros con voz e voto un presidente e un secretario.

2. Asistirá ás reunións da comisión de control, con voz e sen voto, un representante da consellaría competente en materia de política financeira, elixido entre persoas con capacidade e preparación técnica adecuada. Poderá asistir ás reunións da comisión de control, cando sexa expresamente convocado, o director xeral da entidade, con voz e sen voto.

3. A comisión de control reunirase coa mesma frecuencia quea o consello de administración. A convocatoria corresponderalle ao presidente, quen determinará os asuntos que deben figurar na orde do día. Tamén deberá reunirse cando o solicite un terzo dos membros da comisión, en cuxo caso a orde do día recollerá as cuestións expostas polos solicitantes. Para a súa válida constitución é precisa a asistencia da maioría dos seus membros con voz e voto.

4. Os membros da comisión de control e o representante da consellaría competente en materia de política financeira poderán solicitar do secretario do consello de administración e do director xeral cantos antecedentes e informacións consideren necesarios para a discusión dos asuntos incluídos na orde do día da sesión.

5. Na primeira semana de cada mes, o secretario do consello de administración deberá remitirlles a cada un dos membros da comisión de control, así como ao representante da consellaría competente en materia de política financeira, unha relación dos acordos adoptados polo consello de administración e por todas e cada unha das súas comisións delegadas no mes anterior.

6. No caso de cesamento ou revogación dun membro da comisión de control antes do remate do seu mandato, será substituído durante o período restante polo seu suplente. Para estes efectos, por cada grupo de representación será nomeado un suplente por cada titular.

7. Os membros da comisión de control non poderán formar parte nin ocupar ningún cargo nas fundacións que para a xestión da súa obra social poidan constituír as caixas de aforros nin naqueloutras das que, sendo constituídas por outras persoas físicas ou xurídicas, poidan participar as caixas de aforros».

Dezanove.-Modifícase o artigo 45, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 45º.-O director xeral.

1. O director xeral será nomeado por maioría absoluta polo consello de administración entre persoas con capacidade, preparación técnica e experiencia suficiente para realizar as funcións do cargo, e que non concorra nelas ningunha das circunstancias previstas no artigo 27 deste texto refundido. Este nomeamento deberá ser ratificado pola asemblea xeral e comunicado á consellaría competente en materia de política financeira, con carácter previo á súa toma de posesión.

2. O director xeral cesará por xubilación ou por alcanzar a idade de 70 anos, e poderá ser removido do seu cargo:

a) Por acordo de separación adoptado por maioría absoluta do consello de administración, que deberá ser ratificado pola asemblea xeral e comunicado á consellaría competente en materia de política financeira con carácter previo á súa efectividade.

b) En virtude de expediente disciplinario instruído pola consellaría competente en materia de política financeira, por propia iniciativa ou por proposta do Banco de España.

3. O director xeral realizará as funcións que lle atribúan os estatutos da entidade e as que lle delegue expresamente o consello de administración, ben con carácter xenérico, ben con carácter especial, e en particular dirixirá a actuación dos órganos executivos da caixa e desempeñará a dirección superior do persoal».

Vinte.-A letra d) da alínea 2 do artigo 51 queda redactada nos seguintes termos:

«d) A xustificación económica do proxecto de fusión, na cal se incluirá unha memoria detallada na que se acrediten os requisitos previstos no artigo 54º deste texto refundido, a organización resultante, o programa estratéxico da nova entidade que subscribirán os administradores das entidades participantes no proceso de fusión e as posibles consecuencias da fusión sobre o emprego».

Vinte e un.-O artigo 54 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 54º.-Autorización das fusións.

1. As fusións das caixas de aforros deberán ser autorizadas polo Consello da Xunta de Galicia, oído o Parlamento de Galicia, logo da solicitude conxunta das entidades que pretenden a súa fusión.

A fusión dunha caixa de aforros galega con outra que teña o seu domicilio social fóra de Galicia deberá ser autorizada conxuntamente polos órganos competentes das comunidades autónomas afectadas e determinarase, no acto autorizatorio, a proporción que lles corresponderá ás administracións públicas, ás entidades e ás corporacións de dereito público de cada comunidade nos órganos de goberno da caixa de aforros resultante da fusión.

Para conceder a autorización valorarase que o domicilio social da caixa resultante da fusión se fixe en Galicia e que se manteña unha axeitada presenza territorial das oficinas en Galicia.

2. Para conceder a autorización serán requisitos indispensables, entre outros:

a) Que a entidade absorbida ou as que desexen fusionarse non estean en liquidación.

b) Que non derive prexuízo para as garantías dos impositores ou acredores das caixas de aforros que pretendan integrarse.

3. Regulamentariamente determinaranse os requisitos, as condicións e o procedemento que se deberán cumprir no proceso de fusión».

Artigo 3º.-Modificacións no título III do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia.

Modifícanse os artigos que seguidamente se relacionan do título III do Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia:

Un.-O artigo 59 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 59º.-Actividade financeira.

1. As caixas de aforros, no marco dos principios xerais recollidos no artigo 6º deste texto refundido, desenvolverán a súa actividade financeira con absoluta liberdade, independencia e respecto ás leis.

2. A Xunta de Galicia coidará da transparencia dos mercados e da solvencia das entidades e establecerá os medios necesarios de protección aos clientes».

Dous.-O artigo 61 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 61º.-Aspectos fundacionais.

A Xunta de Galicia realizará un labor de orientación en materia de acción social, e indicará as principais necesidades e prioridades, sen prexuízo da liberdade da caixa de aforros en canto á elección dos destinos concretos do gasto».

Tres.-O artigo 65 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 65º.-Autorización de determinados investimentos.

A consellaría competente en materia de política financeira establecerá, en función dos recursos propios ou totais da caixa de aforros ou en relación cunha cantidade ou porcentaxe determinada, a necesidade de autorización previa para os investimentos, directos ou indirectos, en calquera clase de activos -materiais, inmateriais, monetarios ou financeiros-, así como para a concentración de riscos, de xeito directo ou indirecto, nunha persoa ou grupo, sen prexuízo da normativa básica aplicable».

Catro.-O artigo 74 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 74º.-Dotacións das obras sociais.

1. De acordo coa súa finalidade e natureza fundacional, as caixas de aforros con domicilio social en Galicia destinarán a totalidade dos seus excedentes que non teñan que aplicar a reservas por mandato legal á dotación de reservas voluntarias, a fondos imputables aos copartícipes e á creación e ao mantemento de obras sociais.

2. No caso de que as caixas encabecen un grupo consolidable de entidades de crédito, o excedente de referencia será o que resulte dos estados contables consolidados.

3. Correspóndelle á consellaría competente en materia de política financeira autorizar os acordos aprobados pola asemblea xeral das caixas de aforros con domicilio social en Galicia relativos á determinación dos excedentes e á súa distribución consonte a normativa aplicable, así como os relativos aos orzamentos para o exercicio en curso, ás novas obras sociais e á liquidación do exercicio anterior.

4. A consellaría competente en materia de política financeira poderá, mediante convenio, acordar anualmente coas caixas de aforros galegas a porcentaxe dos seus excedentes que dedicarán a obras sociais. No caso de que os sinalados convenios non sexan asinados antes do 31 de marzo de cada exercicio, a dita porcentaxe poderá ser establecida por orde da consellaría competente en materia de caixas de aforros, logo da audiencia das entidades afectadas.

Nos devanditos convenios estableceranse as principais necesidades que deben cubrirse con carácter prioritario, sen prexuízo da liberdade de cada caixa en canto á elección dos destinos concretos do gasto».

Cinco.-O artigo 75 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 75º.-Destino da acción social.

1. As obras sociais deberán respectar os principios de universalidade, publicidade e respecto da competencia, e deberán dirixirse de xeito directo a actuacións relativas á mellora do tecido produtivo galego, ao desenvolvemento tecnolóxico e á investigación, á formación profesional e empresarial e á actividade emprendedora, ao fomento do emprego e á educación en todos os niveis, á sanidade pública, aos servizos de asistencia social, á integración de colectivos marxinais e con menores niveis de ingresos, á cultura e ao deporte base, especialmente nas áreas xeográficas de actuación da caixa, sen que en ningún caso poida reverter á caixa a través das súas actividades de carácter financeiro.

Será preciso o informe favorable previo da consellaría competente en materia de política financeira para a realización de calquera obra social, propia ou en colaboración, cando o importe que se vaia financiar pola caixa no exercicio vixente e nos dous seguintes sexa superior a 500.000 euros.

2. Para identificar aqueles proxectos concretos que puidesen constituír os destinos da obra social das caixas de aforros tomaranse como referencia os estudos e as análises existentes sobre a realidade socioeconómica de Galicia e aqueloutros que as propias caixas de aforros poidan realizar con especial referencia ao territorio que constitúe a súa zona de influencia. En calquera caso deberanse ter en conta tamén aqueles proxectos que potencien os sinais de identidade de cada caixa de aforros.

3. As caixas de aforros que, sen ter a súa sede social en Galicia, conten con oficinas na comunidade galega deben efectuar investimentos ou gastos en obra social en Galicia, e destinar para tal efecto como mínimo a parte do seu orzamento anual da obra social proporcional aos recursos captados en Galicia respecto do total da entidade. A consellaría competente en materia de política financeira velará por que os destinos da acción social destas caixas de aforros se adapten ás necesidades galegas.

4. Anualmente as caixas de aforros avaliarán en que medida os proxectos realizados contribuíron a mellorar a situación económico-social de Galicia.

5. Á acción social non xestionada directamente polas caixas de aforros seranlle aplicables os mesmos principios e criterios que á xestionada directamente».

Disposicións adicionais

Primeira.-Fomento do uso da lingua galega na actividade das caixas de aforros.

1. As caixas de aforros, de acordo coa súa vocación social, favorecerán no seu ámbito a normalización progresiva do uso da lingua galega e promoverán o seu uso, tanto nas comunicacións escritas coma orais.

2. As caixas de aforros galegas e as que operen en Galicia deberán ofrecerlles aos seus clientes, no ámbito da comunidade autónoma, a posibilidade de formalizar contratos e recibir as comunicacións periódicas que deban realizarlles en galego.

Segunda.-Substitución de referencias á Consellería de Economía e Facenda.

As referencias á Consellería de Economía e Facenda contidas no Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba o texto refundido das leis 7/1985, do 17 de xullo, e 4/1996, do 31 de maio, de caixas de aforros de Galicia, entenderanse realizadas á consellaría competente en materia de política financeira.

Disposición transitorias

Primeira.-Adaptación dos órganos de goberno.

1. Sen prexuízo do previsto no artigo 30 do texto refundido da lexislación de caixas de aforros de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, dados os cambios porcentuais e sectoriais que se introducen, no prazo máximo de dous meses desde a entrada en vigor desta lei as caixas de aforros con domicilio social en Galicia deberán proceder a renovar a totalidade dos seus órganos de goberno, adaptándoos ás disposicións que se conteñen nesta lei.

2. Se algún dos membros dos novos órganos de goberno desempeñase algún cargo con anterioridade, para o cómputo total do seu mandato deberá terse en conta o tempo que desempeñase o cargo con anterioridade.

3. Se a caixa de aforros tivese comezado algún proceso de renovación dos seus órganos de goberno no momento da entrada en vigor desta lei, suspenderao co fin de comezar uns novos procesos que se adecuen ao previsto nesta lei.

4. Mentres non se produza a constitución dos novos órganos de goberno, a administración, o control e a representación das caixas de aforros seguirán atribuídos aos actuais órganos de goberno, os cales deberán adoptar os acordos necesarios para a debida execución e cumprimento das normas contidas nesta lei.

Segunda.-Normas para a primeira renovación dos órganos de goberno.

1. A asemblea xeral constará de 160 membros, coa seguinte distribución por sectores:

a) Parlamento de Galicia: 32 membros.

b) Corporacións locais en cuxo termo teña oficinas a entidade: 32 membros.

c) As entidades representativas de intereses colectivos: 16 membros.

d) Empregados da caixa de aforros: 16 membros.

e) Entidades fundadoras: 16 membros.

f) Impositores: 48 membros.

No caso de non existir entidades fundadoras, a representación do Parlamento de Galicia e das corporacións locais será respectivamente de 40 membros.

2. Os conselleiros xerais serán designados nun prazo máximo de corenta días naturais desde a entrada en vigor desta lei do seguinte xeito:

a) Parlamento de Galicia: 32 membros, ou 40 no caso de non haber fundadores, nomeados polo Pleno por proposta dos grupos parlamentarios, na proporción da composición do Parlamento de Galicia.

b) Corporacións locais: 32 membros, ou 40 no caso de non haber fundadores. Asignaranse por comunidades autónomas en función dos depósitos captados nesa comunidade respecto dos depósitos totais da entidade. Dous terzos dos representantes de cada comunidade autónoma asignaranse en proporción ao volume de depósitos que supoñan as oficinas situadas no concello sobre o volume de depósitos na comunidade autónoma. O terzo restante asignarase por sorteo entre as corporacións restantes. No caso de producirse decimais, procederase a efectuar o redondeo por defecto e atribuiránselle os restos de xeito proporcional ao decimal máis alto.

c) Entidades representativas de intereses colectivos: catro membros serán nomeados polas confederacións de empresarios de Galicia, catro polas organizacións sindicais máis representativas de Galicia, outros catro polas restantes entidades con representación no Consello Económico e Social de Galicia, non mencionadas anteriormente, que non teñan a consideración de administración institucional ou corporativa e outros catro polas entidades determinadas por orde da consellaría competente en materia de política financeira de entre as asociacións e institucións de carácter económico, social ou cultural de recoñecido prestixio no ámbito territorial de actuación da caixa de aforros, logo de consultadas as caixas de aforros.

d) Empregados da caixa de aforros: 16 membros elixidos mediante sufraxio de entre todo o persoal con máis de dous anos de antigüidade, sen considerar os grupos laborais nin a distribución por categorías.

e) Entidades fundadoras: 16 membros, na mesma proporción que figuren nos estatutos da entidade.

f) Impositores: os 48 membros distribuiranse por comunidades autónomas en función dos depósitos captados nesa comunidade autónoma respecto dos depósitos totais da entidade, para o que se procederá a un sorteo notarial directo no que se designarán os 48 titulares e 96 suplentes.

3. Malia o establecido anteriormente, e para garantir a continuidade dos órganos de goberno evitando cambios radicais na súa composición en favor da eficacia, procederase do seguinte xeito:

a) A designación da cota de empregados á que se fai referencia na letra d) da alínea anterior producirase un ano despois da data de constitución da asemblea xeral, e continuarán ata esa data os representantes en exercicio do cargo no momento da entrada en vigor desta lei.

b) En relación coa elección dos membros da asemblea xeral en representación dos impositores aos que fai referencia a letra f) da alínea anterior, procederase do seguinte xeito:

-Unha vez excluídos aqueles que non reúnan os requisitos para pertencer á asemblea xeral, realizarase un sorteo notarial para a designación de entre eles de 24 membros, que se incorporarán á nova asemblea e permanecerán nela durante un período dun ano.

-Os restantes 24 membros serán designados polo procedemento que se sinala na letra f) da alínea anterior.

c) Así mesmo, os actuais representantes dos traballadores nos consellos de administración das caixas de aforros manteranse neles un ano, sen prexuízo dos membros adicionais que puideran incorporarse por incrementarse o número total de membros do consello de administración que lle correspondan a ese sector. O mesmo seralle aplicable á metade dos membros dos consellos de administración elixidos polo sector dos impositores, sempre e cando cumpran os requisitos para pertencer á asemblea xeral.

4. A asemblea xeral deberá reunirse con carácter extraordinario no prazo máximo de dous meses desde a entrada en vigor desta lei co fin de nomear os novos membros do consello de administración e da comisión de control, segundo as normas recollidas nesta lei.

Terceira.-Adaptación de estatutos e regulamento dos órganos de goberno.

No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, as caixas de aforros con domicilio social en Galicia deberán modificar os seus estatutos e regulamentos dos órganos de goberno para a súa adaptación ás disposicións que nela se conteñen.

Cuarta.-Autorización da non aplicación do artigo 26.1.f) do texto refundido da lexislación de caixas de aforros de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo.

Malia o disposto no artigo 26.2 do texto refundido da lexislación de caixas de aforros de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, e para os efectos de representar a entidade en fundacións dependentes, a consellaría competente en materia de política financeira poderá autorizar, logo de petición razoada da entidade, a excepción da aplicación do requisito do artigo 26.1.f) do citado texto refundido para persoas que ocupasen postos nos órganos de goberno no momento da entrada en vigor desta lei e que non continuasen nestes tras a renovación efectuada.

Quinta.-Excepción na aplicación da incompatibilidade prevista no artigo 28 do texto refundido da lexislación de caixas de aforros de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo.

Aos membros dos órganos de goberno que no momento de entrada en vigor desta lei viñesen desempeñando postos nos órganos de sociedades participadas pola caixa de aforros en máis dun 20% directa ou indirectamente, ou nas que exerza unha posición de dominio, non lles será aplicable a incompatibilidade establecida no artigo 28 do texto refundido da lexislación de caixas de aforros de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2005, do 10 de marzo, aínda logo de producida a renovación prevista na disposición transitoria segunda desta lei.

Disposición derrogatoria

Única.-Fican derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento regulamentario.

A Xunta de Galicia e a consellaría competente en materia de política financeira, no ámbito das súas respectivas competencias, ditarán as normas que requiran o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Segunda.-Autorización para a elaboración dun texto refundido.

Autorízase á Xunta de Galicia para que no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei aprobe un decreto lexislativo no que se refundan nun único texto as sucesivas modificacións en materia de caixas de aforros producidas desde a Lei 7/1985, do 17 de xullo.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente