DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 04 de xaneiro de 2010 Páx. 8

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2009, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se establece o uso da CIE-9-MC, 7ª edición en castelán, para a codificación diagnóstica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos (CMBDH) é unha colección de parte dos datos de que dispoñen os establecementos sanitarios con réxime de internamento sobre cada paciente atendido, e que se recollen no momento da alta, do informe clínico e/ou historia correspondente. O informe de alta hospitalaria é o documento básico de información para o paciente hospitalizado e para os profesionais dos distintos niveis asistenciais.

Respecto á utilidade do CMBDH, como é ben coñecido, resulta un elemento fundamental na información a nivel asistencial, de xestión do propio hospital, de planificación, epidemiolóxico e de investigación.

Son requisitos imprescindibles para a operabilidade do conxunto mínimo básico de datos a exhaustividade e a normalización dos criterios de codificación, que implican codificación centralizada, persoal especificado con formación homoxénea e a utilización dun sistema de clasificación axeitado.

O sistema de clasificación máis utilizado internacionalmente é a Clasificación Internacional de Enfermidades, 9ª revisión, modificación clínica (CIE-9-MC), que sofre modificacións periódicas para adaptarse aos cambios e avances das ciencias biomédicas.

O conxunto mínimo básico de datos de alta hospitalaria regúlase en Galicia por orde da Consellería de Sanidade do 7 de abril de 1993 (Diario Oficial de Galicia número 77, do 26 de abril).

A Resolución do 16 xullo de 2004, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, establece o uso da CIE-9-MC, 4ª edición en castelán, reactualizada para a codificación diagnóstica en Galicia (Diario Oficial de Galicia número 145, do 28 de xullo), a Resolución do 13 de decembro de 2006, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, establece o uso da CIE-9-MC, 5ª edición en castelán, para a codificación diagnóstica en Galicia (Diario Oficial de Galicia número 10, do 15 de xaneiro de 2007) e a Resolución do 3 de decembro de 2007, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, establece o uso da CIE-9-MC, 6ª edición en castelán, para a codificación diagnóstica en Galicia (Diario Oficial de Galicia número 246, do 21 de decembro) aluden ao conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos (CMBDH).

Na Comunidade Autónoma de Galicia realízase o esforzo de transformar o histórico de CMBDH autonómico á última edición da CIE que estea en vigor, co fin de permitir a explotación de series temporais de grande importancia tanto para a planificación como para a xestión.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire a disposición derradeira primeira da orde da Consellería de Sanidade do 7 de abril de 1993,

RESOLVO:

Primeiro.-Todos os centros sanitarios galegos con réxime de internamento quedan obrigados a utilizar, para a elaboración do conxunto mínimo básico de datos (CMBDH) á que se refire a orde da Consellería de Sanidade do 7 de abril de 1993, a Clasificación Internacional de Enfermidades, 9ª revisión, modificación clínica (CIE-9-MC) na súa sétima edición en castelán, nas altas producidas a partir do día 1 de xaneiro de 2010.

Segundo.-O histórico do CMBDH autonómico transformarase á CIE-9-MC, 7ª edición en castelán, por parte da Subdirección Xeral de Análise, Avaliación Asistencial e Atención ao Paciente da Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

Terceiro.-Esta resolución substitúe a do 3 de decembro de 2007, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, que establecía o uso da CIE-9-MC, 6ª edición en castelán, para a codificación diagnóstica en Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2009.

Rocío Mosquera Álvarez

Xerente do Servizo Galego de Saúde