DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 04 de xaneiro de 2010 Páx. 7

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 23 de decembro de 2009 pola que se modifican determinados artigos da Orde do 21 de outubro de 2009 pola que se convoca concurso de selección dunha entidade aseguradora que ofreza un seguro de indemnización diaria en caso de paralización e perda da produción por condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia, así como as axudas para a súa subscrición.

O día 30 de outubro de 2009 produciu efectos o capítulo I da Orde do 21 de outubro de 2009 pola que se convoca concurso de selección dunha entidade aseguradora que ofreza un seguro de indemnización diaria en caso de paralización e perda da produción por condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia, así como as axudas para a súa subscrición, e abriuse o prazo de 15 días hábiles para que as entidades aseguradoras interesadas poidan presentar as súas ofertas.

Unha vez rematado o plazo de licitación e seleccionada aquela entidade aseguradora que ofreza as mellores condicións, procederase a ditar resolución de adxudicación, publicación da resolución en que se selecciona a entidade aseguradora e sinatura do convenio de colaboración.

Por razóns de cumprimento de prazos ante a proximidade da finalización do exercicio económico corrente, e dado que hai datas establecidas que farán imposible a realización, por parte da entidade aseguradora seleccionada, tanto dos trámites administrativos preceptivos, como dos de difusión, divulgación e promoción do seguro obxecto da orde publicada, é preciso modificar determinados artigos que afectan os prazos de execución así como a dotación orzamentaria que se fará con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2010.

Por todo o exposto e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-A modificación dos artigos 3, 13, 17 e 23 da Orde do 21 de outubro de 2009 pola que se convoca concurso de selección dunha entidade aseguradora que ofreza un seguro de indemnización diaria en caso de paralización e perda da produción por condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia, así como as axudas para a súa subscrición.

1. Modifícase o parágrafo segundo da condición quinta do artigo 3.-Condicións que debe cumprir a entidade aseguradora, que queda redactado como segue:

«O importe correspondente á axuda concedida pola Xunta de Galicia aos tomadores farase efectivo dunha soa vez, de acordo cos termos que se establecen no capítulo II desta orde. A entidade aseguradora informará, para isto, das pólizas subscritas, na forma e tempo que se acorde no convenio de colaboración».

2. Modifícase o artigo 13.-Dotación orzamentaria, quedando a redacción como segue:

«As axudas concederanse con cargo aos créditos previstos na aplicación orzamentaria 14 03 722A 770 0 proxecto 201001020, consignados no proxecto da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 por importe de 300.000 euros. Esta orde tramítase de acordo co disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre tramitación anticipada de gastos, modificada polas ordes do 27-11-2000 e 25-10-2001, polo que a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficente nos orzamentos desta consellería para o ano 2010.

O importe consignado na convocatoria poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar a un novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa na orde que se publique para o efecto».

3. Modifícase o artigo 17.-Órganos de xestión, quedando a redacción como segue:

«As entidades colaboradoras da Administración comprobarán a situación de cada un dos solicitantes das axudas e asinante do seguro ao abeiro do disposto nesta orde, revisarán as solicitudes no momento da súa presentación e entregarán na Consellería do Mar, no prazo máximo de 20 días desde o seguinte ao da finalización de presentación de solicitudes de axuda á subscrición do seguro sinalado no artigo 15 desta orde, unha relación ordenada dos solicitantes, á que xuntarán os expedientes individuais».

4. Modifícase o artigo 23.-Xustificación e pagamento, quedando a redacción como segue:

«Para proceder ao pagamento, a entidade aseguradora remitirá á Consellería do Mar a listaxe dos tomadores con certificación dos seguros subscritos, importe da prima, pagamentos realizados polos beneficiarios e importe da axuda. Aos anteriores documentos uniranse as correspondentes certificacións de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e de non ter débedas pendentes, por ningún concepto, coa Administración da comunidade autónoma e, se é o caso, sempre que se dea algún dos casos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, que aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

A axuda da Consellería do Mar aboarase dunha soa vez á entidade aseguradora e na contía que corresponda segundo os seguros asinados, mediante transferencia».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2009.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar