DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 30 de decembro de 2009 Páx. 19.812

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2009, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a modificación dos ámbitos en determinados corpos, escalas, grupos e categorías reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, e polo Decreto 89/1997, do 10 de abril.

A Dirección Xeral da Función Pública, mediante Resolución do 11 de novembro de 2003 (DOG nº 224, do 18 de novembro), Resolución do 30 de xuño de 1999 (DOG nº 129, do 7 de xullo), Resolución do 17 de novembro de 2003 (DOG nº 228, do 24 de novembro), Resolución do 30 de xaneiro de 2007 (DOG do 2 de febreiro) e Resolución do 31 de marzo de 2009 (DOG do 13 de abril) acordou a apertura do prazo de presentación de instancias para a elaboración das listas para o nomeamento de persoal interino e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia. As citadas resolucións establecían os ámbitos territoriais para a cobertura de postos de traballo nas distintas listas.

A Comisión Permanente Central, unha vez estudadas diversas solicitudes de cambio dos ámbitos, acordou, na súa xuntanza do 17 de decembro de 2009, propoñer a modificación destes en determinadas listas para facilitar unha mellor conciliación da vida laboral e familiar e a Dirección Xeral da Función Pública

RESOLVE:

Primeiro.-A modificación dos ámbitos para as listas correspondentes aos corpos, escalas, grupos e categorías segundo se indica no anexo I.

Segundo.-Os integrantes das listas que se recollen no anexo I deberán presentar instancia de modificación de ámbitos indicando na súa solicitude un mínimo dun ámbito e un máximo de tres. Os códigos dos ámbitos están recollidos no anexo II.

O cambio de ámbitos nas demais listas efectuarase, como todos os anos, segundo o recollido no artigo 7 do Decreto 37/2006.

Terceiro.-O prazo para a presentación das instancias de cambio de ámbitos será o mes de xaneiro tal e como se recolle no artigo 7 do Decreto 37/2006.

Cuarto.-O modelo de solicitude de cambio de ámbitos soamente estará á disposición dos interesados a partir do 1 de xaneiro de 2010 na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), na epígrafe de listas de contratación temporal.

Quinto.-A presentación das solicitudes de cambio de ámbitos é obrigatoria para todos os integrantes das listas que se enumeran no anexo I, tanto para aqueles que estean nas listas como para aqueles que presentaron instancia no período comprendido entre o 1 de marzo e o 15 de xullo de 2009 ou que foron obxecto de adaptación ao Decreto 37/2006.

No suposto de que algún dos integrantes das citadas listas non presenten a solicitude de modificación de ámbitos, no prazo recollido no punto terceiro, quedarán definitivamente excluídos por non figurar en ningún dos ámbitos existentes para a correspondente lista, unha vez que se fagan públicas as listas definitivas no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-As modificacións de ámbitos para as listas recollidas no anexo I terán efectos a partir do día seguinte ao da publicación da lista definitiva de modificación de ámbitos.

Sétimo.-Contra esta resolución e de conformidade co disposto nos artigos 107.1º e 114 ao 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2009.

José María Barreiro Díaz

Director xeral da Función Pública

Ver referencia pdf "25300D003P112.PDF"