DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 29 de decembro de 2009 Páx. 19.598

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 21 de decembro de 2009 pola que se regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013.

Por decisións da Comisión Europea do 30 de novembro de 2007 e do 18 de decembro de 2007 adóptanse os programas operativos de intervención comunitaria do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo Social Europeo, no marco do obxectivo converxencia, para a Comunidade Autónoma de Galicia 2007-2013 (CCI 2007ES161PO005 e CCI 2007ES051PO004, respectivamente).

O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Fondo Social Europeo financian actuacións enmarcadas nos obxectivos definidos no Marco estratéxico nacional de referencia 2007-2013, no ámbito dos distintos eixes que constitúen as prioridades da Comunidade Autónoma de Galicia neste período. A importancia da contía destes investimentos e a súa transcendencia para a economía galega fan necesario regular os mecanismos que garantan a súa utilización de acordo cos requisitos exixidos na súa normativa específica, e que esta se realice con criterios de eficiencia e eficacia.

Por unha parte a experiencia acumulada nos anteriores períodos de programación, e por outra as novas exixencias aos beneficiarios de fondos europeos para o período 2007-2013 contidas no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, do Fondo Social Europeo e do Fondo de Cohesión, e no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006, aconsellan regular determinadas cuestións relativas á xestión dos programas operativos, tanto polo que se refire á súa execución como ao seguimento, control e avaliación, e deste xeito contribuír a lograr os obxectivos dun maior crecemento económico, do emprego e a cohesión social, nun marco de desenvolvemento sustentable, harmónico e respectuoso coa igualdade entre homes e mulleres.

O Decreto 307/2009, do 28 de maio de 2009, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, no seu artigo 22 atribúelle á Dirección Xeral de Planificación e Fondos as competencias da coordinación e o pulo de actuacións da Administración autonómica en materias relacionadas coas políticas rexionais e sectoriais da UE.

A autoridade de xestión do Programa Operativo Feder de Galicia 2007-2013 correspóndelle á Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía e Facenda, e no propio programa operativo establécese, de acordo co artigo 59.2º do Regulamento (CE) 1083/2006, que a Dirección Xeral de Planificación e Fondos da actual Consellería de Facenda é designada organismo intermedio da autoridade de xestión.

Como consecuencia, deléganse determinadas competencias de responsabilidade da autoridade de xestión no organismo intermedio.

Pola súa parte, no Fondo Social Europeo designouse autoridade de xestión a unidade de xestión da unidade administradora do Fondo Social Europeo, e establecen o programa operativo que a Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Planificación e Fondos) estará encargada de executar determinadas actividades.

Con carácter previo, e con base nas funcións que ten atribuídas a Comisión de Coordinación de Fondos Comunitarios, creada polo Decreto 184/2007, do 13 de setembro, o texto foi sometido á consideración dos seus membros na súa reunión do 13 de novembro.

Para cumprir coas exixencias das funcións que foron delegadas no organismo intermedio é necesario aprobar esta orde, na cal se fixan as normas que permitirán garantir unha xestión financeira eficiente, na execución dos gastos cofinanciados polos programas operativos Feder Galicia 2007-2013 e FSE Galicia 2007-2013.

O capítulo I establece o obxecto e a finalidade da orde, as definicións que se consideran necesarias e o ámbito de aplicación. No capítulo II descríben o procedemento para a selección de operacións e a competencia para a súa aprobación.

O capítulo III recolle os procedementos de verificación das operacións, tanto de carácter administrativo como sobre o terreo, o seu alcance, así como o rexistro da información. O procedemento de verificacións permitirá garantir a elixibilidade e a adecuación do gasto declarado á Comisión Europea.

O capítulo IV regula a tramitación dos certificados de gastos e solicitudes de reembolso. Por último, os capítulos V, VI e VII refírense, respectivamente, ás cuestións relativas ao seguimento e ao control dos programas operativos, á súa avaliación e ás obrigas de información e publicidade, con especial referencia á publicación das listas de beneficiarios que resulta innovadora neste período de programación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

Esta orde ten por obxecto establecer as normas de xestión, seguimento e control das operacións cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), en aplicación do Programa Operativo Feder de Galicia 2007-2013, e co Fondo Social Europeo, en aplicación do Programa Operativo FSE de Galicia 2007-2013, de acordo coas exixencias previstas:

a) No Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e se derroga o Regulamento (CE) 1260/1999, do 21 de xuño de 1999, e nos regulamentos (CE) 1341/2008, (CE) 85/2009 e (CE) 284/2009 que o modifican.

b) No Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, que fixa as normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 e no Regulamento (CE) 846/2009 que o modifica.

c) No Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se crea o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e se derroga o Regulamento (CE) 1783/1999, do 12 de xullo, así como no Regulamento (CE) 397/2009 que o modifica.

d) No Regulamento (CE) 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1784/1999, e no Regulamento (CE) 396/2009 que o modifica.

e) Na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión.

f) Na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013 e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica.

g) Naquelas normas que se diten en desenvolvemento das anteriores ou as complementen.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde, os seguintes termos defínense segundo figura a continuación:

1. Autoridade de xestión: autoridade pública, nacional, rexional ou local, ou un organismo público ou privado, designado polo Estado membro para xestionar o programa operativo.

2. Autoridade de certificación: autoridade ou organismo público, nacional, rexional ou local, designado polo Estado membro co fin de certificar as declaracións de gastos e as solicitudes de pagamento antes do seu envío á comisión.

3. Organismo intermedio: todo organismo ou servizo, de carácter público ou privado, que actúe baixo a responsabilidade dunha autoridade de xestión ou de certificación, ou que desempeñe competencias en nome de tal autoridade en relación cos beneficiarios que executen actuacións cofinanciadas.

4. Beneficiario: todo operador, organismo ou empresa, de carácter público ou privado, responsable de iniciar ou de iniciar e executar as operacións. No ámbito dos réximes de axuda a que se refire o artigo 87 do Tratado, entenderase por beneficiario toda empresa pública ou privada que leve a cabo un proxecto particular e reciba axuda pública.

5. Eixe prioritario: cada unha das prioridades da estratexia dun programa operativo que comprenda un grupo de operacións relacionadas entre si, e no cal os obxectivos sexan cuantificables.

6. Categoría de gasto: medio polo cal se leva á práctica de forma plurianual un eixe prioritario e que permite financiar operacións.

7. Gasto subvencionable: gastos realizados durante o período de subvencionabilidade e no territorio subvencionable, susceptibles de ser cofinanciados pola Intervención e sometidos á normativa nacional e comunitaria de aplicación.

8. Operación: todo proxecto ou grupo de proxectos seleccionados pola autoridade de xestión dun programa operativo ou baixo a súa responsabilidade, conforme os criterios establecidos polo comité de seguimento, executado por un ou varios beneficiarios e que permita alcanzar os obxectivos do eixe prioritario a que se refira.

9. Órgano xestor: centro directivo, organismo, ente, axencia ou entidade pública encargado de acometer as operacións e, para os réximes de axudas, os organismos públicos da Comunidade Autónoma encargados de concedelas.

10. Organismo colaborador: centro directivo, organismo, ente, axencia ou entidade pública, dependente da Xunta de Galicia, ao cal se lle atribúe a realización de determinadas funcións polo organismo intermedio en relación coas disposicións dos programas operativos.

11. Pista de auditoría: conxunto de documentos e rexistros que permitan conciliar os importes agregados certificados á comisión cos rexistros contables detallados e os documentos acreditativos do gasto; verificar a aplicación dos criterios de selección así como o pagamento da contribución pública ao beneficiario, e que conteñan as especificacións técnicas, plan de financiamento e os documentos relativos á aprobación da concesión ou da contratación pública, informes de situación, informes de verificación e auditorías levadas a cabo.

12. Comité de seguimento: órgano colexiado encargado de asegurar a eficacia e a calidade na execución dos programas operativos.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación material.

Este orde será aplicable a todas as actuacións cofinanciadas polo Feder ou o FSE cuxa execución sexa competencia da Comunidade Autónoma de Galicia en aplicación dos programas operativos do Feder e do FSE de Galicia 2007-2013.

Artigo 4º.-Ámbito de aplicación subxectivo.

Esta orde será de aplicación a todos os suxeitos integrantes do sector público autonómico definido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e demais entes, organismos, axencias ou entidades que interveñan na xestión e execución dos programas operativos Feder ou FSE, ou que desenvolvan actuacións susceptibles de ser incluídas neles, así como aos beneficiarios das operacións.

Artigo 5º.-Oganismo intermedio e organismos colaboradores.

1. De acordo co disposto nos programas operativos Feder e FSE de Galicia 2007-2013, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a Dirección Xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda está designada organismo intermedio da autoridade de xestión.

2. A Dirección Xeral de Planificación e Fondos poderá contar co apoio de organismos colaboradores, dos integrados no sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de determinadas funcións no desenvolvemento dos programas operativos. A colaboración recollerase por escrito, e quedarán perfectamente identificadas as tarefas obxecto de apoio.

3. Os organismos colaboradores e os beneficiarios dos programas operativos terán a obriga de prestar a asistencia e colaboración que o organismo intermedio requira para o cumprimento das funcións que teñan asignadas como tales, nos termos previstos nos acordos de atribución de funcións.

Capítulo II

Aprobación de operacións

Artigo 6º.-Selección e proposta de aprobación de operacións.

1. Correspóndelles aos órganos xestores propoñer a aprobación das operacións que serán obxecto de cofinanciamento garantindo que se cumpren os criterios establecidos no comité de seguimento conforme determina o artigo 65 a) do Regulamento (CE) 1083/2006.

2. Con carácter previo á proposta de aprobación das operacións, os órganos xestores aseguraranse de que estas se seleccionan conforme as condicións de aplicación do programa operativo, que se axustan á normativa aplicable na materia e que as condicións específicas relativas aos bens entregados ou servizos prestados se adecuan aos criterios establecidos no programa operativo. Así mesmo, garantirase a conservación da información financeira e doutro tipo cuxa comunicación sexa requirida.

3. No ámbito dos réximes de axuda a que se refire o artigo 87 do Tratado, as operacións deberán cumprir a normativa vixente no momento de concesión das axudas. En todo caso, os beneficiarios serán informados de que a aceptación do financiamento implica a súa inclusión na lista a que se refire o artigo 7.2º d) do Regulamento (CE) 1828/2006.

4. O organismo intermedio establecerá os procedementos necesarios para garantir o adecuado cumprimento das obrigas establecidas para a selección, execución, seguimento e control das operacións seleccionadas, así como para asegurar a correcta realización do gasto público.

Artigo 7º.-Competencia para a aprobación de operacións.

1. Correspóndelle ao organismo intermedio a aprobación das operacións que se van executar en aplicación dos programas operativos.

2. O organismo intermedio, unha vez recibida a proposta da alta das operacións por parte dos órganos xestores, decidirá sobre a súa aprobación ou non e a súa inclusión nos programas operativos en función de:

a) A adecuación da operación co eixe e categoría do gasto en que se pretenda incluír.

b) A compatibilidade coas normas de subvencionabilidade aprobadas pola autoridade de xestión, sen prexuízo da responsabilidade do beneficiario no cumprimento delas.

c) O cumprimento dos criterios de selección aprobados no comité de seguimento.

Capítulo III

Verificación das operacións

Artigo 8º.-Disposicións xerais.

1. O organismo intermedio e os organismos colaboradores comprobarán que se levou a cabo a entrega dos bens ou a prestación dos servizos obxecto de cofinanciamento, que se efectuou realmente o gasto declarado polos beneficiarios en relación coas operacións, e que este cumpre as normas comunitarias, nacionais e autonómicas aplicables na materia.

As verificacións sobre o terreo de operacións concretas poderanse realizar por mostraxe, de acordo coas normas de aplicación que adopte a comisión.

2. As verificacións que se efectúen conforme o punto anterior abordarán os aspectos administrativo, financeiro, técnico e físico das operacións, segundo corresponda.

A través das verificacións comprobarase que o gasto declarado é real, que os bens se entregaron ou os servizos se prestaron de conformidade coa decisión aprobatoria, que as solicitudes de reembolso do beneficiario son correctas e que as operacións e os gastos cumpren as normas comunitarias e nacionais. As verificacións incluirán procedementos para evitar o dobre financiamento do gasto con outros réximes comunitarios ou nacionais e con outros períodos de programación.

3. As verificacións incluirán os procedementos seguintes:

a) Verificacións administrativas de todas as solicitudes de reembolso dos beneficiarios, que efectuarán os organismos colaboradores.

b) Verificacións administrativas de control de calidade nos organismos colaboradores.

c) Verificacións sobre o terreo de operacións concretas mediante mostraxe.

Artigo 9º.-Verificacións administrativas.

1. Correspóndelle ao organismo intermedio garantir a regularidade do 100% do gasto que se vai certificar. Para tal efecto, o organismo intermedio poderá compartir a realización das tarefas que resulten necesarias cos organismos colaboradores.

2. Os organismos colaboradores e os beneficiarios terán a obriga de prestar a asistencia e colaboración que o organismo intermedio requira, de conformidade co disposto no artigo 5º.3 desta orde.

3. As verificacións administrativas incluirán, como mínimo, a comprobación do cumprimento das normas comunitarias, nacionais e autonómicas sobre os seguintes aspectos:

a) A subvencionabilidade do gasto.

b) O procedemento de contratación pública.

c) As axudas de Estado e a competencia.

d) Protección do ambiente.

e) Igualdade de oportunidades e non-discriminación.

f) Información e publicidade.

g) Pista de auditoría e separación contable adecuada.

4. Para o desenvolvemento destas tarefas de verificación, o organismo intermedio contará coas correspondentes listas de comprobación cubertas polos organismos colaboradores e aprobadas pola autoridade de xestión, nas cales se indicará, en todo caso, a relación dos documentos que determine o organismo intermedio, xa sexa de procedementos de contratación, convenios, réxime de axudas ou outro tipo de procedemento de execución do gasto público.

5. Os organismos colaboradores, que estarán obrigados a establecer procedementos propios de xestión e control na execución das operacións incluídas nos programas operativos, deberanlle proporcionar ao organismo intermedio, por escrito, o seu desenvolvemento cunha asignación clara e definida de competencias.

Artigo 10º.-Verificacións administrativas de control de calidade nos organismos colaboradores.

O organismo intermedio realizará as comprobacións necesarias para garantir que as verificacións administrativas realizadas polos organismos colaboradores comprenden os aspectos indicados no artigo anterior, e que reflicten a realidade da tramitación e xestión dos expedientes que integran as operacións.

Para tal fin, correspóndelle ao organismo intermedio realizar o seguimento dos mecanismos de xestión e control que poñan en marcha os organismos colaboradores, para o cal poderá requirir canta información adicional sexa necesaria.

As comprobacións consistirán nunha verificación por mostraxe das operacións executadas polos organismos colaboradores con anterioridade a cada certificación de gastos.

Artigo 11º.-Verificacións sobre o terreo mediante mostraxe.

1. Correspóndelle ao organismo intermedio realizar as verificacións sobre o terreo mediante mostraxe.

2. As verificacións sobre o terreo mediante mostraxe, que serán levadas a cabo sobre a base dunha mostra cuxo método de selección estará determinado na descrición do sistema de xestión e control do propio organismo intermedio, recaerán sobre operacións concretas que son obxecto da verificación administrativa a que se refiren os artigos anteriores.

3. As verificacións sobre o terreo mediante mostraxe terán o seguinte alcance:

a) Verificar a execución física e a entrega dos bens e servizos.

b) Comprobar que as características técnicas dos bens ou servizos declarados se corresponden coa operación aprobada.

c) Comprobar que os obxectivos da operación se cumpriron ou se están a cumprir.

d) Comprobar que o grao de avance das obras, subministracións e prestación de servizos se axusta aos niveis de gasto declarado e aos indicadores do programa, e, en xeral, que as accións cofinanciadas se desenvolven correctamente.

e) Comprobar que as normas nacionais e comunitarias en materia de publicidade foron respectadas.

f) Calquera comprobación que, de ser o caso, se considere necesaria para completar a verificación administrativa, antes de emitir os resultados do control.

4. Os resultados das verificacións referidas neste artigo terán o seu reflexo no correspondente informe, cuxas conclusións e recomendacións terán carácter vinculante para os seus destinatarios.

Artigo 12º.-Rexistro de verificacións.

Para o adecuado seguimento das verificacións, tanto administrativas como sobre o terreo, o sistema informático do organismo intermedio contará cun rexistro onde se inclúan todos os resultados dos informes derivados delas e figurará, como mínimo: o tipo de verificación, a data, o importe verificado, as incidencias detectadas e as medidas correctoras tomadas para o efecto, así como aqueloutros datos da operación que, co fin de garantir un eficaz seguimento das diferentes verificacións, sexan relevantes.

Capítulo IV

Declaración de gastos e solicitude de reembolso

Artigo 13º.-Información relativa ao gasto que se vai certificar.

1. Correspóndelles ás autoridades de xestión poñer á disposición das autoridades de certificación toda a información relacionada co gasto obxecto de certificación. Para tal fin, o organismo intermedio asegurarase de que as autoridades de xestión dos programas operativos dispoñan de toda a información e documentación que, a propósito do gasto obxecto de certificación, xulgue necesaria.

2. Co fin de garantir o efectivo cumprimento do disposto no punto anterior, o organismo intermedio, de acordo coa periodicidade que estableza, solicitará dos órganos xestores dos programas operativos toda a información financeira e física, referida a indicadores, que se considere necesaria.

Artigo 14º.-Sistema informático de seguimento.

1. Correspóndelle ao organismo intermedio garantir a dispoñibilidade dun sistema informático de rexistro e almacenamento de datos contables relacionados con cada unha das operacións e transaccións asociadas ás operacións, que permita:

a) Certificar a exactitude das declaracións de gasto, baseada en xustificantes verificables.

b) Certificar a conformidade do gasto declarado coas normas nacionais e comunitarias aplicables na materia, así como a adecuación aos criterios aplicables ao programa, en cumprimento do establecido nas disposicións nacionais e comunitarias.

c) Velar, para os efectos da certificación, pola xestión dos procedementos e as verificacións levadas a cabo en relación cos gastos incluídos nelas.

2. Os órganos xestores participantes na xestión dos programas operativos terán acceso ao sistema informático de seguimento, que será compatible co sistema de información económico-financeiro Xumco2 da Xunta de Galicia, co fin de permitirlles a inclusión dos documentos contables correspondentes aos gastos cofinanciados baixo cuxa responsabilidade se executen.

3. O sistema informático de seguimento, que será compatible cos sistemas informáticos nacionais de seguimento utilizados polas autoridades de xestión, deberá incluír todos os datos que sexan precisos, tanto financeiros coma físicos, para a elaboración dos informes anuais, avaliacións e verificacións, garantindo en todo momento a pista de auditoría conforme determina o artigo 15 do Regulamento (CE) 1828/2006.

4. Correspóndelle ao organismo intermedio establecer aqueles mecanismos que posibiliten, de forma segura, o intercambio electrónico de todos os datos relativos aos programas operativos que se deban realizar cos beneficiarios cuxa xestión orzamentaria e contable non estea integrada no sistema económico financeiro Xumco2 da Xunta de Galicia.

Artigo 15º.-Certificación de gastos e solicitude de reembolso.

1. Para os efectos da elaboración da correspondente declaración de gastos por parte do organismo intermedio, os órganos xestores e os organismos colaboradores subministrarán á aplicación informática de seguimento do dito organismo toda a información necesaria, tanto de carácter financeiro como físico, de cada unha das transaccións ligadas ao gasto declarado das operacións cuxa responsabilidade teñan.

2. Sen prexuízo das funcións que en materia de comprobación deba realizar o organismo intermedio, os organismos colaboradores responsables de executar as transaccións ligadas ao gasto declarado das operacións deberán subministrar á aplicación informática de seguimento aquela información relativa ás correspondentes listas de comprobación que, no ámbito dos programas operativos, resulten aplicables a estas.

3. Finalmente, o organismo intermedio expedirá a correspondente certificación e solicitude de reembolso, que englobará tanto os gastos coma os reintegros existentes no período a que se refira.

4. Os órganos xestores, os organismos colaboradores, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e, de ser o caso, as intervencións delegadas, comunicaranlle ao organismo intermedio, no momento en que se detecte, calquera incidencia que se observe na xestión dos gastos cofinanciados, así como os importes recuperables dos pagamentos de axuda comunitaria que xa fosen realizados, con indicación do ano de incoación do expediente de reintegro, procedemento adoptado para este e estado de tramitación.

Artigo 16º.-Fluxos financeiros.

1. Unha vez recibida a comunicación por parte das autoridades de certificación relativa á transferencia de fondos europeos, o organismo intermedio dará traslado da dita información á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro que, pola súa vez, lle notificará ao organismo intermedio o ingreso efectivo dos fondos no momento en que se produza.

2. Deste xeito, o organismo intermedio comunicaralles á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e á Dirección Xeral de Orzamentos a transferencia dos fondos europeos citando, polo menos, a solicitude de reembolso a que corresponde e a anualidade do programa operativo a que se refira para os efectos da súa correcta contabilización.

Capítulo V

Seguimento e control

Artigo 17º.-Comité de seguimento.

1. O comité de seguimento a que se refire o artigo 2 desta orde será o órgano colexiado encargado de asegurar a eficacia e a calidade na execución dos programas operativos.

2. O comité de seguimento aproba o seu propio regulamento interno.

3. O organismo intermedio, xunto coa autoridade de xestión, copresidirá os comités de seguimento dos programas operativos e terá, ademais, a condición de membro permanente deles.

4. Correspóndelles aos comités de seguimento a aprobación dos informes de execución anuais e final.

5. Os órganos xestores, así como os beneficiarios, participarán nos comités de seguimento na forma que o regulamento interno lles atribúa.

Artigo 18º.-Informes anuais e final.

1. Correspóndelles ás autoridades de xestión dos programas operativos a elaboración dos informes de execución anuais e do informe final.

2. O organismo intermedio elaborará e remitiralles ás autoridades de xestión a súa contribución aos informes de execución anuais e ao informe final.

3. Para os efectos do disposto no punto anterior, o organismo intermedio solicitaralles a todos os órganos xestores a información que se requira para a elaboración dos ditos informes, parte da cal poderán subministrar por medio da aplicación informática de seguimento.

Artigo 19º.-Dispoñibilidade dos documentos.

O organismo intermedio e os órganos xestores establecerán procedementos que garantan que todos os documentos xustificativos relacionados cos gastos certificados, as verificacións e, de ser o caso, as auditorías correspondentes se manteñen á disposición das autoridades dos programas operativos, da Comisión e do Tribunal de Contas durante un período de tres anos a partir do peche do programa, ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, de acordo con disposto no artigo 90 do Regulamento (CE) 1083/2006. Isto sen prexuízo das obrigas de conservación da documentación impostas por outros regulamentos comunitarios para os efectos de control de actuacións específicas.

Artigo 20º.-Tratamento das irregularidades.

1. Correspóndelle ao organismo intermedio garantir a inmediata corrección das irregularidades e incidencias detectadas como consecuencia dos controis económico-financeiros do gasto público realizados polos órganos competentes, e deberalles comunicar con posterioridade tal circunstancia ás autoridades de xestión e aos organismos de auditoría correspondentes.

2. Nos casos en que se detectase unha irregularidade nos gastos xa certificados en declaracións anteriores, procederase á súa descertificación.

Artigo 21º.-Coordinación das visitas de control.

O organismo intermedio coordinará e atenderá as visitas de control que os representantes dos órganos nacionais ou comunitarios con competencias en materia de control económico-financeiro do gasto público realicen ao propio organismo intermedio, ou a cualquera dos órganos xestores aos cales resulta de aplicación esta orde.

Capítulo VI

Avaliación

Artigo 22º.-Contribución ás avaliacións dos programas operativos.

1. O organismo intermedio contribuirá, de acordo co establecido no artigo 48º.3 do Regulamento (CE) 1083/2006, ás avaliacións vinculadas ao seguimento dos programas operativos, en especial cando o dito seguimento revele unha desviación significativa respecto dos obxectivos fixados nun principio, e cando se presenten propostas para a revisión dos programas, de acordo coa Guía metodolóxica das avaliacións operativas dos programas operativos Feder e Fondo de Cohesión 2007-2013 e a Guía xeral de avaliación do Marco estratéxico nacional de referencia 2007-2013.

2. O organismo intermedio contribuirá ao seguimento estratéxico do Marco estratéxico nacional de referencia 2007-2013, de acordo coa Guía de elementos comúns a Feder, FSE e Fondo de Cohesión para o seguimento estratéxico do MENR 2007-2013.

3. As avaliacións que se desenvolvan no ámbito da información e publicidade poraas en marcha o organismo intermedio de acordo coa Guía metodolóxica de seguimento e avaliación dos plans de comunicación dos programas operativos Feder, Fondo de Cohesión e FSE 2007-2013.

4. Para o efectivo cumprimento das obrigas recollidas neste artigo, o organismo intermedio solicitaralles aos órganos xestores dos programas operativos canta información sexa necesaria.

Capítulo VII

Información e publicidade

Artigo 23º.-Información e publicidade.

1. O organismo intermedio é o encargado da elaboración, seguimento e avaliación dos plans de comunicación correspondentes aos programas operativos Feder e FSE de Galicia 2007-2013.

2. A execución das medidas de información e publicidade recaerá sobre a autoridade de xestión, o organismo intermedio e os órganos xestores, segundo a natureza de cada medida. Os xestores e beneficiarios das intervencións levarán a cabo accións de información e publicidade no marco das operacións concretas.

3. Os órganos xestores e os beneficiarios dos programas operativos están obrigados a cumprir todas as disposicións que, en materia de información e publicidade, se establecen no Regulamento (CE) 1828/2006, no Regulamento (CE) 846/2009 que o modifica, nos plans de comunicación correspondentes aos programas operativos Feder e FSE de Galicia 2007-2013, e na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 en Galicia.

Artigo 24º.-Publicación da lista de beneficiarios.

1. De acordo co establecido no artigo 7.2º d) do Regulamento (CE) 1828/2006, as autoridades de xestión dos programas operativos, en colaboración co organismo intermedio dos programas, garantirán a publicación da lista de beneficiarios, os nomes das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada ás operacións.

2. Para o efectivo cumprimento desta obriga, e cando así sexa necesario, os órganos xestores e, de ser o caso, os beneficiarios, subministrarán a información que lles sexa requirida polo organismo intermedio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Fondos para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2009.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda