DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 28 de decembro de 2009 Páx. 19.537

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 7/2009, do 22 de decembro, de modificación da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia.

Exposición de motivos.

Conforme o artigo 30.I.4º do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1º.11 e 13 da Constitución española.

A aprobación da Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior da Unión Europea, establece un novo marco normativo co obxectivo de acadar un auténtico mercado interior de servizos no que tanto os prestadores como os destinatarios dos servizos se beneficien das liberdades fundamentais que consagran os artigos 43 e 49 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea: a liberdade de establecemento e a liberdade de prestación de servizos.

Por isto a directiva pretende a simplificación administrativa, a eliminación dos obstáculos nas actividades de servizos e a promoción, por unha parte, da confianza recíproca entre os estados membros da Unión Europea e, por outra, da confianza dos prestadores e dos consumidores no mercado interior.

A directiva sinala un prazo de transposición que remata o día 28 de decembro de 2009, e correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no devandito artigo 30.I.4º do Estatuto de autonomía de Galicia, a súa transposición dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da competencia atribuída ao Estado polos artigos 38, 131 e 149.1º.11 e 13 da Constitución española.

Para os efectos de adaptar o ordenamento xurídico galego en materia de comercio interior aos preceptos da Directiva 2006/123/CE cómpre adecuar os mandatos recollidos na Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, que resultan afectados por aquela, polo que resulta inescusable e inaprazable unha modificación do devandito texto legal con carácter previo á data límite do 28 de decembro de 2009.

Esta lei de modificación da Lei 10/1988, do 20 de xullo, ten como obxectivo fundamental transpoñer parcialmente en prazo os principios recollidos na Directiva 2006/123/CE e adecuar a normativa comercial en materia de autorizacións para a implantación de establecementos comerciais aos seus preceptos. Para acadar este obxectivo, modifícanse os capítulos II e III do título II, relativo á actividade comercial.

De acordo co establecido na devandita Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, con carácter xeral, a instalación de establecementos comerciais non estará suxeita a réxime de autorización. Non obstante, as autoridades competentes poderán establecer un réxime de autorización administrativa para a instalación de establecementos comerciais unicamente cando estea xustificado por razóns imperiosas de interese xeral amparadas pola normativa europea e conforme os requisitos e procedementos que deberán xustificarse de acordo co principio de proporcionalidade. Os requisitos que se establezan para o outorgamento destas autorizacións haberán de atender conxuntamente a criterios baseados en razóns imperiosas de interese xeral relacionadas coa distribución comercial, como son a protección do medio ambiente e do espazo urbano, a ordenación do territorio e a conservación do patrimonio histórico-artístico.

A Comunidade Autónoma de Galicia considera imprescindible a protección dos espazos urbanos históricos e evitar o proceso de despoboamento dos núcleos urbanos e o traslado da vida urbana á periferia, co correspondente aumento de desprazamentos e saturacións viarias.

Por outra banda, resulta necesaria unha protección do medio ambiente no ámbito da actividade comercial que garanta a sustentabilidade do medio no que se desenvolven.

Así mesmo, é importante a dotación de instalacións sociais que aseguren unha mellora da calidade de vida dos cidadáns.

Polo que respecta á protección do patrimonio histórico-artístico de Galicia, a lexislación vixente, aplicable en todo caso sen prexuízo do disposto nesta lei, garante a súa conservación.

A necesidade de preservar o interese xeral sinalado nos anteriores parágrafos motiva o establecemento, por parte da Comunidade Autónoma de Galicia, dun réxime de autorización comercial para casos determinados e con carácter excepcional.

No establecemento do devandito réxime, a Comunidade Autónoma galega respecta a autonomía local dos concellos e recoñece a súa competencia para a ordenación urbanística e social do correspondente territorio. Por isto esta lei unicamente prevé a actuación autonómica en supostos de carácter supramunicipal nos que os intereses afectados superan o ámbito local.

Deste xeito, tendo en consideración os estudos da doutrina científica, esta lei identifica os supostos que teñen incidencia supramunicipal, segundo a información técnica dispoñible sobre o impacto urbanístico e medioambiental dos distintos tipos de establecementos comerciais. En concreto, a lei sinala como tales a instalación, a ampliación e o traslado dos establecementos comerciais proxectados en actuacións de transformación urbanística en solo urbano non consolidado ou en solo urbanizable cuxa superficie útil de exposición e venda ao público sexa superior a 2.500 m2.

Só nestes casos de incidencia supramunicipal será precisa a obtención de autorización comercial autonómica.

Como sinala o novo artigo 7 da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, o sometemento á autorización autonómica da instalación destes establecementos comerciais de incidencia supramunicipal ten como finalidade garantir a axeitada integración territorial destes a través da súa planificación e da execución previa das infraestruturas e das dotacións necesarias, a súa compatibilidade desde o punto de vista da protección do medio ambiente e a accesibilidade dos cidadáns a estes equipamentos en condicións que permitan a existencia dunha oferta comercial diversificada e suficiente.

Por outra banda, e por motivos de simplificación administrativa requiridos pola devandita directiva, o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica integrarase no procedemento para o outorgamento da licenza municipal de actividade.

O réxime de autorización previsto nesta lei garante a proporcionalidade e a non discriminación entre empresas, con independencia da súa nacionalidade, procedencia, características ou do seu formato.

Por último, cómpre sinalar que unicamente se establecen como excepcións ao réxime de autorización comercial autonómica supostos nos que non se produce, segundo reiterada doutrina, a incidencia supramunicipal antes sinalada: os establecementos individuais dedicados á exposición e á venda de automóbiles, de embarcacións e outros vehículos, de maquinaria industrial ou agrícola, de materiais para a construción e artigos de saneamento, que requiran un grande espazo físico, así como os mercados municipais e os denominados centros comerciais abertos, estes últimos situados xa con carácter xeral nos solos urbanos das vilas e cidades.

Esta lei dítase desde o pleno respecto ao sistema constitucional de repartición competencial, tendo en conta as competencias do Estado establecidas no artigo 149.1º e as asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia no artigo 30.I.4º do seu Estatuto de autonomía.

O texto do anteproxecto de lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de modificación da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia.

Artigo único.-Modificación da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia

Un.-Elimínase a rúbrica «Capítulo II, Da apertura de establecementos comerciais e requisitos para o exercicio da actividade comercial» do título II, Da actividade comercial.

Dous.-Elimínase a rúbrica «Capítulo III, Da Comisión Consultiva de Distribución e Ordenación Comercial» do título II, Da actividade comercial.

Tres.-Introdúcese un novo capítulo II do título II, «Da apertura de establecementos comerciais», que terá a seguinte redacción:

«Capítulo II

Da apertura de establecementos comerciais

Artigo 6º.-Apertura de establecementos comerciais

1. Para a apertura dun establecemento comercial será requisito imprescindible a obtención da licenza municipal de apertura ou de actividade, e, se é o caso, nos supostos previstos nesta lei, autorización comercial da Comunidade Autónoma.

2. As licenzas de apertura ou de actividade dos establecementos comerciais serán concedidas polos concellos, de acordo coa normativa vixente en materia de urbanismo, seguranza, salubridade e protección do medio ambiente.

Artigo 7º.-Actividades suxeitas á autorización comercial autonómica.

1. O sometemento á autorización comercial autonómica da instalación de establecementos comerciais ten como finalidade garantir a axeitada integración territorial do establecemento comercial a través da súa planificación urbanística e da execución previa das infraestruturas e dotacións necesarias, a súa compatibilidade desde o punto de vista da protección do medio ambiente e a accesibilidade dos cidadáns a estes equipamentos en condicións adecuadas.

Atendendo á dita finalidade, unicamente precisará autorización comercial autonómica a instalación, a ampliación e o traslado dos establecementos comerciais individuais ou colectivos que, destinándose ao comercio retallista de calquera clase de artigos, teñan unha incidencia ambiental, territorial, urbanística e no sistema viario que transcenda o concello no que se localicen, pola súa magnitude, importancia e polas súas características.

2. Para estes efectos, enténdese que unicamente teñen incidencia supramunicipal, e polo tanto están suxeitos á autorización comercial autonómica, a instalación, a ampliación e o traslado dos establecementos comerciais, proxectados en actuacións de transformación urbanística en solo urbano non consolidado ou en solo urbanizable, cuxa superficie útil de exposición e venda ao público sexa superior a 2.500 m2, polo impacto territorial, urbanístico, viario e medioambiental xerado.

3. Non precisan de autorización comercial autonómica:

a) Os establecementos individuais dedicados á exposición e á venda de automóbiles, de embarcacións e outros vehículos, de maquinaria industrial ou agrícola, de materiais para a construción e artigos de saneamento, que requiran un grande espazo físico.

b) Os mercados municipais e os denominados centros comerciais abertos.

4. Serán nulas de pleno dereito as licenzas municipais de edificación e uso do solo e de actividade outorgadas para a instalación, a ampliación ou o traslado de establecementos comerciais que, precisando autorización comercial autonómica de acordo co establecido nesta lei, fosen outorgadas sen ela.

Artigo 7º bis.-Procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica.

1. A autorización comercial autonómica será concedida mediante resolución da persoa titular da consellaría competente en materia de comercio interior con carácter previo á obtención das correspondentes licenzas municipais, así como ás de calquera outra entidade ou administración que sexan exixibles, de ser o caso.

2. A concesión da autorización comercial autonómica estará fundamentada nos seguintes criterios de interese xeral, cuxo cumprimento estará debidamente xustificado no proxecto:

a) A adecuación da nova implantación aos instrumentos de ordenación do territorio que, se é o caso, resulten de aplicación.

b) A viabilidade urbanística, tendo en conta a plena concordancia do establecemento proxectado coas determinacións establecidas no planeamento xeral e nos instrumentos de desenvolvemento e xestión urbanística e no resto de normas de competencia municipal.

c) O axeitado cumprimento da normativa reguladora en materia de accesibilidade, circulación e mobilidade contidas no proxecto e a previsión de mellora das infraestruturas que permitan a fluidez do tráfico rodado xerado pola implantación comercial no suposto de que as existentes non resulten axeitadas.

d) A dotación de polo menos unha praza de aparcadoiro por cada 20 m2 de superficie útil de exposición e venda ao público. Así mesmo, deberase prever a reserva de prazas para persoas discapacitadas nos termos que establece a normativa vixente.

e) O establecemento de liñas de transporte colectivo que desconxestionen o tráfico rodado e permitan acceder en axeitadas condicións de regularidade e intensidade á implantación comercial cando as existentes non resulten suficientes.

f) A viabilidade e legalidade ambiental do proxecto con cumprimento da normativa vixente en materia medioambiental, que preverá a adopción de medidas positivas de protección ambiental que reduzan a contaminación acústica, a emisión de gases de efecto invernadoiro e a produción de residuos, a súa xestión mediante procedementos de valorización, preferentemente mediante reciclaxe e reutilización, e a utilización da auga, da enerxía, das materias primas e doutros recursos de maneira eficiente. Este criterio acreditarase do xeito establecido na letra b) da alínea 3 deste artigo.

g) A materialización no establecemento pretendido de instalacións e medidas de conciliación da vida familiar e laboral, tales como a creación de gardarías, ludotecas ou salas de lactación.

3. Completada a documentación, o órgano instrutor recadará os seguintes informes:

a) Informe da consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo sobre o cumprimento do criterio establecido na letra a) da alínea anterior.

b) Informe da consellaría competente en materia de medio ambiente sobre o cumprimento do criterio establecido na letra f) da alínea anterior.

Se se trata dun proxecto sometido á avaliación de impacto ambiental, avaliación de efectos ambientais, avaliación de incidencia ambiental ou a outras figuras de avaliación ambiental, os procedementos correspondentes quedarán integrados no procedemento de outorgamento da autorización comercial. Durante a tramitación destes, enténdese suspendido o procedemento para resolver a autorización comercial.

c) Informe da consellaría competente en materia de transporte sobre a existencia ou a suficiencia do transporte interurbano previsto no criterio establecido na letra e) da alínea anterior.

d) Informe do concello en cuxo territorio se pretenda localizar o establecemento comercial, que deberá pronunciarse sobre o cumprimento dos criterios establecidos nas letras b), c), d) e e) da alínea anterior, ademais do cumprimento de todas as normas que habilitan a apertura do establecemento.

e) Informe do Tribunal Galego de Defensa da Competencia, que non poderá versar sobre aspectos económicos.

4. Transcorridos dous meses desde que se teña constancia da recepción da petición de cada informe sen que existise pronunciamento expreso para o efecto, poderase proseguir coas actuacións.

5. Emitidos os anteriores informes, o expediente remitirase á Comisión Consultiva prevista no artigo 9 desta lei co obxecto de que efectúe proposta de resolución. A Comisión Consultiva poderá neste trámite solicitar ampliación ou aclaracións dos informes emitidos.

6. O prazo para resolver o procedemento de autorización comercial autonómica será de seis meses desde que teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación a documentación completa, incluído o xustificante de aboamento das correspondentes taxas. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que recaese resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo.

7. Regulamentariamente establecerase o procedemento de concesión da autorización comercial autonómica prevista nesta lei.

Artigo 7º ter.-Simplificación administrativa e integración de procedementos.

O procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica integrarase no procedemento para o outorgamento da licenza municipal de actividade. Para estes efectos, unha vez outorgada a autorización comercial pola Administración autonómica, o concello ditará unha única resolución sobre as licenzas municipais do xeito previsto no artigo 196.2º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Artigo 7º quater.-Vixencia da autorización comercial autonómica.

1. A vixencia da autorización comercial autonómica terá carácter indefinido.

2. Sen prexuízo do disposto na alínea anterior, a autorización concedida caducará no caso de que o proxecto de instalación do establecemento comercial autorizado non se realizase na súa totalidade no prazo que prevexa a resolución única municipal prevista no artigo 7 ter e nas prórrogas que, se é o caso, sexan concedidas, que lles serán comunicadas á consellaría competente en materia de comercio».

Catro.-Modifícase o capítulo III do título II, que terá a seguinte redacción:

«Capítulo III

Da Comisión Consultiva

Artigo 9º.-Comisión Consultiva.

1. Créase a Comisión Consultiva como órgano consultivo, asesor e de colaboración coa Administración pública galega na ordenación da actividade comercial.

2. A Comisión Consultiva adscríbese á consellaría competente en materia de comercio sen participar da súa estrutura, pero integrándose nela.

3. A Comisión Consultiva terá a seguinte composición:

a) Presidencia. Titular da consellaría competente en materia de comercio.

b) Vicepresidencia. Titular da dirección xeral competente en materia de comercio.

c) Vogais:

-Dúas persoas representantes da consellaría competente en materia de comercio.

-Unha persoa representante da consellaría competente en materia de ordenación do territorio.

-Unha persoa representante da consellaría competente en materia de traballo.

-Unha persoa representante designada polo Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

-Unha persoa representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Unha persoa representante designada polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

-Dúas persoas expertas de recoñecido prestixio designadas libremente polo titular da consellaría competente en materia de comercio, que terán voz pero non voto.

d) Secretaría. Unha persoa funcionaria da dirección xeral competente en materia de comercio, que actuará como tal con voz mais sen voto.

4. As vogais e os vogais da Comisión Consultiva que non o sexan por razón do seu cargo serán nomeados pola persoa titular da consellaría competente en materia de comercio por proposta dos órganos, das entidades ou das organizacións ás que se refire o parágrafo anterior. Esta proposta deberá realizarse por escrito, no prazo dun mes a partir da recepción do requirimento que a citada consellaría efectúe para tal efecto.

5. A composición e organización da Comisión Consultiva rexerase polo principio de paridade e tratará de garantir unha representación proporcionada entre homes e mulleres. Regulamentariamente establecerase o réxime de funcionamento e organización da Comisión Consultiva».

Disposición adicional

O procedemento de concesión de autorización comercial autonómica de implantación, ampliación e traslado dun establecemento comercial dará lugar ao pagamento dunha taxa por este concepto, de conformidade coa normativa reguladora.

Disposición derrogatoria

1. Queda derrogado o Decreto 341/1996, do 13 de setembro, polo que se crea a Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais e se regula a implantación de grandes establecementos comerciais na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira

Primeira.-Modificación do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Modifícase o punto 51 do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que pasará a ter a seguinte redacción:

«51. Autorización comercial autonómica para a instalación, a ampliación e o traslado de establecementos comerciais.

Por metro cadrado de superficie útil para exposición e venda ao público: 3,69€».

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente