DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 24 de decembro de 2009 Páx. 19.443

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 439/2009, do 11 de decembro, polo que se modifica o Decreto 374/2009, do 6 de agosto, polo que se aproban os prezos públicos pola utilización dos comedores escolares nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O tempo transcorrido desde a entrada en vigor do Decreto 374/2009, do 6 de agosto, polo que se aproban os prezos públicos pola utilización dos comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, permitiu detectar disfuncións que, mediante a esta modificación, se pretenden corrixir.

Efectivamente, nos momentos actuais resulta necesario precisar que o pagamento dos prezos públicos pola utilización do comedor escolar terá lugar no mes seguinte ao da prestación do servizo e se corresponderá co número real de días que en cada mes se fixese uso do comedor escolar.

Así mesmo, para facilitar á comunidade educativa a súa integración no novo sistema de pagamento de prezos públicos de comedores escolares, é conveniente detallar no posible o procedemento e os medios requiridos para tal fin.

Polo exposto, en virtude das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do once de decembro do dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 374/2009, do 6 de agosto, polo que se aproban os prezos públicos pola utilización dos comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do modo que a continuación se expón:

Primeiro.-O artigo 5º-Procedemento de pagamento terá a seguinte redacción:

1. Durante o curso escolar o pagamento mensual dos prezos públicos pola utilización do comedor escolar producirase nos cinco primeiros días do mes seguinte ao da prestación do servizo.

O importe que se deberá pagar resultará de multiplicar o prezo que corresponda polo número efectivo de días de uso do comedor escolar cada mes. Neste sentido, deberán ser comunicados aos correspondentes centros de ensino os días en que non se vaia facer uso do comedor escolar coa antelación que se determine nas instrucións que se diten ao respecto.

2. Os pagamentos dos correspondentes prezos públicos efectuaranse mediante os modelos de liquidación facilitados aos obrigados ao pagamento polos centros docentes públicos non universitarios que conten con comedor escolar xestionado directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os centros poderán asistir aos suxeitos obrigados mediante a confección dos referidos modelos, que estes asinarán en proba de conformidade, tras a verificación da súa idoneidade.

Os datos, importes ou cualificacións contidos nos modelos confeccionados polo centro docente non vincularán a Administración no exercicio das actuacións de comprobación ou investigación que se poidan desenvolver con posterioridade.

3. Os ingresos das sumas que correspondan faranse efectivos en calquera das entidades de depósito autorizadas pola consellería competente en materia de facenda para actuar na xestión recadatoria de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, na forma e polos medios previstos na normativa xeral de recadación.

Igualmente, poderase utilizar a oficina virtual tributaria para realizar os pagamentos de xeito telemático, de acordo coas instrucións que se diten para o efecto.

4. Os suxeitos obrigados conservarán os xustificantes do pagamento para o interesado, presentando nos centros docentes os xustificantes de pagamento para a Administración debidamente validados polas entidades de depósito, para os efectos de complementar as posteriores comprobacións que deba efectuar o órgano xestor do prezo público.

5. Durante o curso escolar, os incumprimentos no pagamento dos prezos públicos de cada mes impedirán a utilización ao mes seguinte do comedor escolar, mentres non se proceda á oportuna regularización dos pagamentos.

No caso de que se producise un ingreso superior ao debido nalgún dos períodos de liquidación mensuais, poderase proceder, no marco establecido pola Lei xeral tributaria, a normalizar a devandita situación mediante a súa dedución nos seguintes períodos mensuais do mesmo curso escolar.

Segundo.-Engádese á disposición transitoria única, que agora pasa a ser disposición transitoria primeira, unha disposición transitoria segunda, coa redacción que segue:

«A suma total que para cada suxeito obrigado importan os pagamentos non satisfeitos dos prezos públicos pola utilización dos comedores escolares durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro do curso escolar 2009-2010, será fraccionada en seis cotas iguais, cada unha das cales se liquidará e ingresará de xeito complementario coas liquidacións ordinarias dos prezos públicos dos meses de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio e xuño do curso escolar 2009-2010, de acordo co procedemento descrito nesta norma».

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria