DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 22 de decembro de 2009 Páx. 19.336

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2009, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se dá publicidade á decisión do xurado designado para o outorgamento do premio institucional Chano Piñeiro do ano 2009.

Por Resolución do 25 de novembro de 2009, da Secretaría Xeral de Medios, convócase o premio institucional Chano Piñeiro no ámbito da promoción do sector audiovisual correspondente ao ano 2009 e apróbanse as súas bases.

Por resolución da mesma secretaría, do 4 decembro de 2009, designáronse os vogais do xurado encargado do outorgamento do dito premio, regulado na base cuarta da Resolución do 25 de novembro de 2009.

O 14 de decembro, logo de convocatoria, reúnese o xurado do premio para analizar e valorar as propostas de candidatos, así como para outorgar o premio.

A base quinta, punto terceiro, da mencionada Resolución do 25 de novembro de 2009, dispón que a resolución pola que se outorgue o galardón publicarase inmediatamente no Diario Oficial de Galicia e notificarase oportunamente. Na súa virtude,

RESOLVO:

Dar publicidade ao acordo do xurado designado para outorgar o premio Chano Piñeiro 2009, de acordo co seguinte teor:

Reunido o día 14 de decembro de 2009 o xurado designado para outorgar o premio institucional Chano Piñeiro no ámbito da promoción do sector audiovisual correspondente ao ano 2009, unha vez analizadas e valoradas as propostas de candidatos presentadas, acorda por unanimidade:

Primeiro.-Conceder ex aequo o premio Chano Piñeiro na súa cuarta edición correspondente ao ano 2009:

Á actriz María Bouzas, pola súa dilatada e versátil traxectoria no teatro, a televisión e o cine galegos ao longo de vinte anos, contribuíndo igualmente á integración da muller no oficio da dramatización, ao tempo que se convertía nunha referencia para o obxectivo dun audiovisual propio.

Ao director e realizador Xavier Villaverde de longa traxectoria profesional comezada nos albores do cine galego dos anos setenta ata o tempo presente, para experimentar con fortuna noutros soportes e formatos, sendo o único dos directores en activo desde que hai vinte anos estreou a súa primeira longametraxe.

Segundo.-Conceder, con carácter honorífico, o premio Chano Piñeiro a dous persoeiros xa ausentes entre nós pero sempre na memoria de todos os galegos vinculados co medio audiovisual.

A Carlos Velo Cobelas con motivo do centenario do seu nacemento por ter sido un referente no desenvolvemento histórico do xénero documental, ponte entre a cultura galega e mexicana, en máis de medio século de traxectoria profesional.

A José Luis Cabo Villaverde, finado no ano presente e vinculado a múltiples facetas das artes visuais, que ademais fora director do Centro Galego de Artes da Imaxe, institución que axudou a prestixiar.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2009.

Alfonso Cabaleiro Durán

Secretario xeral de Medios