DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 21 de decembro de 2009 Páx. 19.266

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 10 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2010, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ás organizacións de produtores pesqueiros no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, previstas nos artigos 37 n), do Regulamento (CE) 1198/2006, 9 e 12 do Regulamento (CE) 104/2000 e 9 do Regulamento (CE) 744/2008 e se establece o procedemento para a súa concesión.

O Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, define para o seu período de programación 2007-2013, o marco de apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro.

O artigo 37, letra n), do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, establece que o FEP poderá apoiar medidas de interese público que se apliquen co apoio activo dos propios operadores ou de organizacións que actúen en nome dos produtores ou doutras organizacións recoñecidas polo Estado membro que teñan por obxecto, en particular, crear organizacións de produtores recoñecidas en virtude do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, reestruturalas e aplicar os seus plans de mellora da calidade.

Estas axudas concederanse por un período máximo de tres anos a partir da data de recoñecemento ou da data da decisión sobre a reestruturación da organización de produtores, e será decrecente ao longo deses tres anos, a teor do que establece o parágrafo segundo do citado artigo 37 do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006.

Pola súa vez, o Regulamento (CE) 498/2007, da Comisión, do 26 de marzo, dispón no seu artigo 15, número 2º, que a axuda prevista no artigo 37, parágrafo primeiro, letra n), do Regulamento (CE) 1198/2006, poderá concederse para o seguinte:

a) A creación de organizacións de produtores co obxecto de facilitar o establecemento e o funcionamento administrativo das organizacións de produtores recoñecidas despois do 1 de xaneiro de 2007 en virtude do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999.

b) A aplicación de plans das organizacións de produtores que fosen recoñecidas especificamente en virtude do artigo 12 do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, co obxecto de facilitar a aplicación dos seus plans de mellora da calidade dos seus produtos, ou

c) A reestruturación de organizacións de produtores co obxecto de incrementar a súa eficacia de acordo cos requisitos do mercado.

Para o cálculo destas axudas é de aplicación o Regulamento (CE) 1985/2006, da Comisión, do 22 de decembro, polo que se establece o método de cálculo das axudas outorgadas polos Estados membros ás organizacións de produtores do sector da pesca e a acuicultura.

O artigo 104, número 2º, do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, dispón que as referencias aos regulamentos que derroga, entre eles o 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro de 1999, se entenderán feitas a este regulamento.

O artigo 10 do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común dos mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura establece que, sen prexuízo das axudas que lles poidan ser concedidas para fomentar a súa constitución e facilitar o seu funcionamento, en virtude da letra b) do apartado 1º do artigo 15 do Regulamento (CE) 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro, os Estados membros poderán conceder ás organizacións de produtores, por un período limitado (cinco anos), unha indemnización destinada a compensar os custos derivados das obrigas que se lles asignen en virtude do artigo 9.

O Regulamento (CE) 744/2008, do Consello, do 24 de xullo, polo que se establece unha acción específica temporal para promover a reestruturación das frotas pesqueiras da Comunidade Europea afectadas pola crise económica dispón no seu artigo 9, punto 3º, que o FEP poderá contribuír, ata a campaña 2010, ao financiamento de compensacións ás organizacións de produtores que xa non teñan dereito a axudas en virtude do artigo 10, punto 1º, parágrafos segundo e terceiro, do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, para compensar os custos derivados das obrigas impostas a estas conforme ao artigo 9 dese regulamento, e suxeito ás condicións previstas no artigo 10º, puntos 2, 3 e 4, deste.

A Consellería do Mar, á vista do novo marco normativo e como consecuencia do incremento paulatino e continuado do prezo dos combustibles empregados pola frota pesqueira con porto base en Galicia, considera necesario arbitrar un mecanismo que permita adoptar medidas de adaptación da frota pesqueira e das súas organizacións ás novas condicións sociais e económicas con garantías de sustentabilidade.

Co fin de garantir este obxectivo, por medio desta orde establécense as bases reguladoras para a concesión de axudas ás organizacións de produtores pesqueiros, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, previsto no artigo 37, letra n), do Regulamento (CE) 1198/2006, no artigo 9 do Regulamento (CE) 104/ 2000 e no artigo 9 do Regulamento (CE) 744/2008 e establécese a convocatoria e o procedemento para a súa concesión.

Por todo antes dito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2010, das subvencións destinadas ás organizacións de produtores pesqueiros de ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, previstas no artigo 37, letra n), do Regulamento (CE) 1198/2006, no artigo 15 do Regulamento (CE) 498/2007, no artigo 9 do Regulamento (CE) 104/2000 e no artigo 9, punto 3º do Regulamento (CE) 744/2008, cuxos gastos tiveron lugar nas campañas 2007-2008-2009 e regúlase o procedemento para a súa concesión.

Artigo 2º.-Marco normativo.

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

b) Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, e disposicións de desenvolvemento.

c) Regulamento 498/2007, da Comisión, do 26 de marzo de 2007, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

d) Regulamento 744/2008, do Consello, do 24 de xullo de 2008, polo que se establece unha acción específica temporal para promover a reestruturación das frotas pesqueiras da Unión Europea afectadas pola crise económica.

e) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

i) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

j) Se é o caso, normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (orde da Consellaría de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998).

Artigo 3º.-Crédito orzamentario.

1. Para o ano 2010, as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.770.1 (proxecto 2007 00564) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2010.

2. O importe máximo das subvencións que se concedan no ano 2010 ascenderá a cincocentos mil euros (500.000 €).

3. Os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función da dispoñibilidade orzamentaria sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. A achega comunitaria, con cargo ao Fondo Europeo da Pesca (FEP), efectuarase de acordo cos límites recollidos no anexo II do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

5. Tanto a concesión da axuda como o pagamento desta estará condicionada pola dispoñibilidade existente na aplicación orzamentaria correspondente dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, así como aos fondos comunitarios que se asignen para este tipo de axudas.

6. No caso de que as solicitudes presentadas excedan da contía máxima dispoñible, as axudas minoraranse a pro rata.

7. A tramitación desta orde acóllese á Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, polo que queda supeditado á efectiva existencia de crédito nos orzamentos xerais de 2010.

Artigo 4º.-Requisitos dos beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde as organizacións de produtores pesqueiros inscritas no rexistro xeral da Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira, ao abeiro do artigo 12 do Real decreto 724/2003 polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura e as súas asociacións, así como do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro, cuxo ámbito exclusivo de actuación sería no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2º e 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5º.-Requisitos específicos segundo o tipo de axuda.

a) Pola creación das organizacións de produtores pesqueiros co obxecto de que facilite o seu establecemento e funcionamento administrativo.

1. Ter sido recoñecidas despois do 1 de xaneiro de 2007.

b) Por ser recoñecidas especificamente en virtude do artigo 12 do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e a acuicultura, co obxecto de facilitar a aplicación dos seus plans de mellora da calidade dos seus produtos.

1. Ter o recoñecemento específico é condición necesaria para acollerse á axuda financeira segundo a letra b) do punto 1º do artigo 15 do Regulamento (CE) 2792/1999.

2. Que presentasen un plan de mellora da calidade de conformidade co establecido no artigo 12.2º do Regulamento (CE) 104/2000 e que este recibise a aprobación das autoridades nacionais competentes.

c) Pola súa reestruturación para dotalas dunha nova organización que faga máis eficaz a súa actividade e máis rendible.

1. Presentar un proxecto de reestruturación.

d) Para obter unha indemnización destinada a compensar os custos derivados das obrigas que se lles asignen en virtude do artigo 9 do Regulamento (CE) 104/2000.

1. Presentación do programa operativo de campaña de pesca a que se refire o artigo 9 do Reglamento (CE) 104/2000.

e) Para obter unha axuda excepcional e temporal ata a campaña 2010, regulada no Regulamento (CE) 744/2008, do Consello, para compensar os custos derivados das obrigas impostas a estas conforme o artigo 9 dese regulamento, e suxeito ás condicións previstas no artigo 10, puntos 2º, 3º e 4º do Regulamento (CE) 104/2000.

1. Presentación do programa operativo de campaña de pesca a que se refire o artigo 9 do Reglamento (CE) 104/2000.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ao formalizar a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Ter realizado as actividades para as cales se conceda subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión, e no proxecto que lles sirva de base.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

d) Comunicarlle ao órgano concedente se obtivo outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación ás subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma galega, da Administración Xeral do Estado e da Unión Europea.

f) Facer constar expresamente a participación financeira do FEP en todas as actividades de difusión ou promoción relacionadas coa actividade subvencionada.

g) Destinar os bens destinatarios da subvención ao fin concreto para o que se concedeu durante un período mínimo de cinco anos, para o caso de bens que se inscriban nun rexistro público, e de dous anos, nos demais casos.

h) Deberán conservar durante un período de catro anos os documentos acreditativos do cumprimento do obxecto da subvención e os xustificantes dos gastos subvencionados, nos termos que establece o artigo 87 do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

4. Os seleccionados para a concesión destas axudas adquiren os compromisos establecido nos artigos 29, 30 e 31 do Regulamento (CE) 498/2007, do 26 de marzo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

5. A Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños asegurarase de que todos os documentos xustificativos relacionados coa subvención concedida e coas auditorías estean dispoñibles durante un período de catro anos nos termos que establece o artigo 87 do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

Artigo 7º.-Proxectos obxecto de subvención.

1. Poderán ser obxecto de subvención de conformidade con esta orde as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia para a realización das seguintes actuacións:

a) Pola creación das organizacións de produtores pesqueiros co obxecto de que facilite o seu establecemento e funcionamento administrativo.

b) Por seren recoñecidas especificamente en virtude do artigo 12 do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e a acuicultura, co obxecto de facilitar a aplicación dos seus plans de mellora da calidade dos seus produtos.

c) Pola súa reestruturación para dotalas dunha nova organización que faga máis eficaz a súa actividade e máis rendible, adecuando a súa produción ás exixencias do mercado e contribuíndo ao cumprimento dos obxectivos da política pesqueira común.

d) Para obter unha indemnización destinada a compensar os custos derivados das obrigas que se lles asignen en virtude do artigo 9 do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro, polo que se establece a organización común dos mercados no sector dos produtos de pesca e da acuicultura.

e) Para obter unha axuda excepcional e temporal ata a campaña 2010, regulada no Regulamento (CE) 744/2008, do Consello, do 24 de xullo, polo que se establece unha acción específica temporal para promover a reestruturación das frotas pesqueiras da Comunidade Europea afectadas pola crise económica, ás organizacións de produtores que xa non teñan dereito a axudas en virtude do artigo 10, punto 1º, parágrafos segundo e terceiro, do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro, para compensar os custos derivados das obrigas impostas a estas conforme o artigo 9 dese regulamento, e suxeito ás condicións previstas no artigo 10, puntos 2º, 3º e 4º deste.

2. As axudas previstas na letras a), b) e c) do punto anterior concederanse por un período máximo de tres anos a partir da data de recoñecemento ou da data da decisión sobre a reestruturación da organización de produtores, e será decrecente ao longo deses tres anos, a teor do que establece o parágrafo segundo do citado artigo 37 do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

3. As axudas previstas na letra d) do punto anterior poderanse conceder durante os cinco anos seguintes ao ano no cal obtivesen o recoñecemento.

4. As axudas previstas na letra e) do punto anterior poderanse conceder desde o 31 de xullo de 2008 ata o 31 de decembro de 2010, de conformidade co establecido nos artigos 20.2º e 5º do Regulamento 744/2008.

Artigo 8º.-Incompatibilidades.

1. Estas subvencións son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 9º.-Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, conforme o modelo que se xunta no anexo I, e presentaranse no Rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano ou no de calquera das xefaturas territoriais da Consellería do Mar, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes irán acompañadas dos seguintes documentos:

a) Todos aqueles documentos contables ou comerciais que teñan a consideración de factura e que acrediten que os gastos, considerados no Regulamento (CE) 1985/2006, da Comisión, do 22 de decembro, polo que se establece o método de cálculo das axudas outorgadas polos Estados membros ás organizacións de produtores do sector da pesca e a acuicultura, para os cales se solicita a axuda, foron realizados e efectivamente pagados.

b) Declaración, segundo se sinala nos anexos II e III, do representante da organización de produtores pesqueiros de que esta:

1º Cumpre todos os requisitos indicados nos artigos 8 e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, necesario para obter a condición de beneficiario e, en particular, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias do Estado e coa Comunidade Autónoma de Galicia e fronte á Seguridade Social.

2º Non ter recibido nin solicitado outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3º Non é debedora, por resolución, de procedencia de reintegro.

c) Fotocopia compulsada do CIF.

d) Os documentos acreditativos para cada tipo de axuda segundo se sinala no artigo 5º desta orde Requisitos específicos segundo o tipo de axuda.

3. As solicitudes poderán presentarse por medio de representante, nos termos establecidos no artigo 32 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo de presentación das solicitudes das axudas convocadas nesta orde será dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Emenda de solicitudes.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta orde, a Subdirección Xeral de Xestión dos Recursos Mariños requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, indicándolle que, de non o facer, considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Instrución e resolución.

1. O órgano competente para a instrución do procedemento será a Subdirección Xeral de Xestión dos Recursos Mariños.

2. A valoración e exame das solicitudes levaraa a cabo unha comisión de valoración, constituída polos seguintes membros:

-Presidente: o subdirector xeral de Xestión dos Recursos Mariños

-Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, unha persoa da Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica e unha persoa da Secretaría Xeral da Consellería do Mar.

Un dos vogais da comisión actuará como secretario. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe o seu presidente. A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente. A comisión de valoración comprobará o cumprimento dos requisitos de cada unha das axudas reguladas por esta orde de acordo cos regulamentos da Unión Europea que as regula, examinará as solicitudes presentadas e informará o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, que elaborará a proposta de resolución e a elevará ao órgano competente para resolver.

A proposta deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda e a súa contía.

3. A resolución das solicitudes correspóndelle á conselleira do Mar, a cal poderá delegar a devandita competencia no director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de 9 meses contados dende a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

5. Exclúese a fixación dunha orde de prelación entre as solicitudes presentadas ao estimarse que todas elas gozan de idéntica prioridade.

6. A Consellería do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeción a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención.

Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial (http://www.webpesca.xunta.es) a relación de beneficiarios e os importes das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e e a súa publicación na citada páxina web.

7. Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a conselleira do Mar, non prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, por silencio administrativo negativo, segundo sexa o caso, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, por silencio administrativo negativo, segundo ou caso. Todo isto sen prexuízo de que o interesado poida interpor calquera outro que considere pertinente.

Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento coma ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente, e sempre deberá ser posta en coñecemento deste con anterioridade á súa realización.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións outorgadas coa mesma finalidade por outras administracións ou entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

No prazo de de 10 días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención. De non facelo entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 12º.-Determinación da contía da axuda.

1. O importe da axudas previstas no artigo 7º.1, letras a) e c) desta orde para a creación e reestruturación de organizacións de produtores deberá situarse dentro dos límites seguintes, durante o primeiro, o segundo e o terceiro ano, respectivamente:

a) O 3, o 2 e o 1% do valor da produción comercializada pola organización de produtores.

b) O 60, o 40 e o 20% dos gastos de xestión da organización de produtores.

2. As organizacións de produtores poderán recibir tamén unha axuda, prevista no artigo 7º.1, letra b), desta orde, durante os tres anos seguintes da data do recoñecemento específico co fin de facilitar a execución do seu plan de mellora da calidade. A axuda non excederá durante o primeiro, o segundo e o terceiro ano, o 60, o 50 e o 40% respectivamente dos gastos dedicados pola organización á execución do plan.

3. As axudas consideradas no artigo 7º.1, letra d) desta orde, determinaranse segundo establece o artigo 10, punto 2º do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro.

4. As axudas previstas no artigo 7º.1, letra e) desta orde que teñen carácter excepcional e período limitado (ata a campaña 2010) determinaranse segundo establece o artigo 10, punto 2º do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro.

Artigo 13º.-Método de cálculo da axuda.

1. Para a determinación da contía das axudas previstas no artigo 7º.1, letras a), b) e c) desta orde farase segundo o disposto no Regulamento (CE) 1985/2006, da Comisión, do 22 de decembro, polo que se establece o método de cálculo das axudas outorgadas polos Estados membros ás organizacións de produtores do sector da pesca e a acuicultura.

2. O método de cálculo das axudas consideradas no artigo 7º.1, letras d) e e), desta orde será o que establece o anexo VII do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro, para a quinta campaña de presentación dos programas operativos.

Artigo 14º.-Incumprimento e reintegro.

No suposto de que o beneficiario non cumprise integramente a actividade obxecto de subvención, só percibirá a parte proporcional da axuda que corresponda á actividade realizada.

Serán causas de reintegro as establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Pagamento.

O pagamento da axuda realizarao a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.

Para o cobramento da subvención concedida, as organizacións de produtores pesqueiros deberán presentar certificación da conta bancaria a nome da entidade beneficiaria, en que conste o número de conta en que se ingresará o importe da axuda.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2º (marco normativo) e tamén as prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda..-Delégase no director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños a resolución destas axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2009.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar

Ver referencia pdf "24700D005P010.PDF"