DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 21 de decembro de 2009 Páx. 19.262

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2009, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se declara de interese galego a Fundación Cum Laude e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Cum Laude, e con base nos seguintes:

Feitos.

Primeiro.-Ángeles Rodríguez Baliño, presidenta do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A Fundación Cum Laude foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 13 de agosto de 2009 ante o notario Fernando Martínez-Gil Fluxá, con número de protocolo mil cincocentos trinta e oito, por Ángeles Rodríguez Baliño e José Manuel Quintáns Vázquez.

Terceiro.-Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto destinar e afectar un patrimonio á promoción e realización, sen ánimo de lucro, de actividades socioeducativas e culturais conforme os principios de desenvolvemento social solidario.

Cuarto.-Na constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Quinto.-Nos estatutos da fundación constan os extremos relativos á súa denominación e natureza (artigo 1); o seu enderezo en Ourense, rúa Fonte dos Caños nº 16 (artigo 4); o seu obxecto e fins (artigo 6); as regras para a aplicación dos recursos ao obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios (artigos 8 e 9); e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 10 a 25).

Sexto.-O padroado inicial da fundación está formado por Ángeles Rodríguez Baliño como presidenta: José Manuel Quintáns Vázquez como secretario e Águeda Quintáns Rodríguez como tesoureira.

Sétimo.-A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Cum Laude, dado o seu obxecto e finalidade. Segundo establecen o artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego e o artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais, procedendo á súa clasificación como de interese educativo.

Oitavo.-Á vista da citada proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 16 de novembro de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 25 de novembro) clasificouse como de interese educativo a Fundación Cum Laude e adscribiuse á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio do protectorado sobre ela.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 7.2º do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Cum Laude, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, da Fundación Cum Laude, polo que, por todo isto:

RESOLVO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Cum Laude.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro.-Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 12/2006, do 1 de decembro, e ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundación de interese galego, e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, quede suxeita ao protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2009.

José Luis Vázquez Fernández

Secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria