DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 14 de decembro de 2009 Páx. 18.873

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia en aplicación do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE.

As letras a) e c) do artigo 87 do Tratado constitúen a base para a autorización das axudas estatais de finalidade rexional, destinadas a impulsar o crecemento económico de determinadas rexións menos favorecidas co fin de paliar as disparidades rexionais e contribuír á cohesión económica, social e territorial da Unión Europea.

No novo período de programación, os criterios que aplica a comisión á hora de avaliar a compatibilidade das axudas de Estado de finalidade rexional encóntranse nas Directrices sobre as axudas de Estado de finalidade rexional, para o período 2007-2013 (2006/C 54/08), que incorporan como novidade a inclusión dentro do seu ámbito de aplicación das industrias de transformación e comercialización de produtos agrarios a fin de harmonizar o seu réxime co das empresas non agrarias.

En aplicación destas directrices, a Comisión Europea aprobou, pola Decisión do 20 de decembro de 2006, o novo mapa de axudas rexionais para o Estado Español no período 2007-2013 (Axuda de Estado N626/06); Galicia é unha das rexións que pode optar ás axudas rexionais en virtude da excepción contida no artigo 87, número 3, letra a), do Tratado CE.

A fin de axilizar o procedemento de autorización das axudas de finalidade rexional e facendo uso da habilitación que lle concede o Regulamento (CE) do Consello nº 994/1998, a Comisión europea aprobou o Regulamento (CE) nº 1628/2006 da Comisión, do 24 de outubro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas rexionais ao investimento (DOUE L 302, do 1 de novembro de 2006), que exime da obriga de notificar os réximes de axuda de finalidade rexional que cumpran todas as condicións previstas no dito regulamento.

En 2008 a comisión levou a cabo un proceso de simplificación dos regulamentos de exención coa aprobación do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, xeral de exención por categorías (DOUE L 214/3, do 9 de agosto de 2008), que recolle nunha única norma as disposicións que ata entón estaban dispersas en diversos regulamentos de exención; entre eles, o Regulamento (CE) nº 1628/2006, que resulta expresamente derrogado. Este cambio da normativa comunitaria fai necesario levar a cabo a elaboración dunha norma que se adapte ás condicións e requisitos exixidos polo Regulamento (CE) nº 800/2008 no que se refire ás axudas rexionais ao investimento e ao emprego a conceder en Galicia no período 2007-2013.

Este decreto ten, así mesmo, o seu fundamento normativo, no artigo 14 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) que establece que sen prexuízo de que o Consello da Xunta de Galicia determine os criterios básicos, os órganos concedentes establecerán con carácter previo á disposición dos créditos as bases reguladoras aplicables á concesión.

Este decreto ten por obxecto establecer, con alcance multisectorial, á luz da nova regulación existente, un marco xurídico que outorgue cobertura, para os efectos de exención de notificación de axudas de estado á Comisión Europea, dos distintos réximes de axuda de carácter produtivo para o fomento de investimento e emprego que se aproben nos distintos sectores da economía no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia polos diversos departamentos, entes e demais organismos dependentes da Administración autonómica galega, no ámbito das súas respectivas competencias. O anterior enténdese sen prexuízo da conveniencia ou necesidade de desenvolver outro instrumento normativo de contido máis amplo que ampare os réximes de axudas que conteñan outras categorías de axuda distintas ao investimento rexional ou outros tipos de incentivos distintos do investimento inicial ligado á creación de emprego que constitúe o obxecto deste decreto.

O alcance multisectorial da norma e o seu carácter plurianual, que cubrirá o período 2007-2013, fai necesario o seu desenvolvemento a través das convocatorias das diferentes axudas nel previstas, que poderán adquirir a forma de ordes de consellería ou de resolucións doutros órganos convocantes e respectarán, ademais da normativa básica estatal e a autonómica en materia de subvencións, a regulación contida no decreto e limitaranse basicamente a fixar os aspectos que figuran no artigo 12º, número 4, deste decreto. Tendo en conta que esas bases regularán aspectos adxectivos, sen modificar as características básicas e finalidade das axudas previstas no decreto, estas enténdense amparadas nel.

A iniciativa normativa da Consellería de Facenda xustifícase pola súa competencia sobre a coordinación das actuacións autonómicas en que se utilicen fondos de procedencia comunitaria, cos que se levan a cabo en boa parte as medidas de fomento da actividade económica de Galicia, todo no contexto do Marco estratéxico de converxencia económica de Galicia, que pon a énfase no aumento da competitividade económica e empresarial, a incorporación ás novas tecnoloxías e á sociedade da información e na creación de emprego de calidade.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de decembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

1. Este decreto ten por finalidade regular o réxime xurídico das axudas a proxectos xeradores de investimento e emprego que conceda a Administración da Xunta de Galicia e os organismos ou entidades vinculadas ou dependentes desta, coa finalidade de promover o desenvolvemento económico mediante o fomento do investimento e o emprego nos distintos sectores da actividade económica en Galicia, coas limitacións establecidas no número 2 e 3.

2. Quedarán excluídas do ámbito de aplicación desta disposición as axudas que se concedan:

a) Ás actividades de produción primaria dos produtos agrarios;

b) Ás actividades de transformación e comercialización de produtos agrarios cando o importe da axuda se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade de tales produtos mercados aos produtores primarios ou comercializados polas empresas, ou cando a axuda dependa de que se repercuta total ou parcialmente sobre os agricultores;

c) Ás actividades nos sectores da pesca e da acuicultura, regulamentados polo Regulamento (CE) nº 104/2000;

d) No sector da industria siderúrxica e no sector de fibras sintéticas conforme a definición que recollen o anexo I e II, respectivamente, das Directrices comunitarias sobre as axudas de estado de finalidade rexional para o período 2007-2013;

e) No sector do carbón e do aceiro;

f) No sector da construción naval;

g) Ás actividades relacionadas coa exportación, concretamente as axudas directamente vinculadas ás cantidades exportadas, as axudas ao establecemento e funcionamento dunha rede de distribución ou as axudas a outros gastos correntes vinculados á actividade exportadora;

h) Á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

3. Este decreto non se aplicará ás axudas ad hoc -axudas individuais que non se conceden sobre a base dun réxime de axudas- ás grandes empresas coa excepción prevista no artigo 12º.3 deste decreto en concordancia co disposto no artigo 13º.1 do Regulamento (CE) 800/2008.

4. As axudas para o financiamento rexional ao investimento e ao emprego ligado ao investimento que non cumpran as condicións establecidas por este decreto poderán ser declaradas compatibles cos artigos 87 e seguintes do Tratado CE, sempre que respecten o trámite de notificación ou procedemento de comunicación que a normativa comunitaria estableza en cada momento.

Artigo 2º.-Empresas beneficiarias.

1. As axudas previstas nesta disposición irán destinadas ás empresas que realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia proxectos de investimento subvencionables conforme o previsto neste decreto. No caso en que o beneficiario sexa unha pequena ou mediana empresa, atenderase á definición de peme establecida no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión.

2. Non poderán ser empresas beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común, nin as empresas en crise. Non se considerarán empresas en crise as pemes con menos de tres anos de antigüidade durante ese período, salvo supostos de quebra ou insolvencia.

Artigo 3º.-Proxectos de investimento e emprego subvencionables.

1. Son subvencionables os proxectos de investimento e emprego que se refiran a:

a) Creación dun novo establecemento.

b) Ampliación dun establecemento existente.

c) Diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais.

d) Transformación esencial no proceso global de produción dun establecemento existente.

2. Para que os proxectos de investimento e emprego poidan recibir axuda, terán que cumprir as seguintes condiciones:

a) Os proxectos teñen que ser viables desde o punto de vista técnico, económico, financeiro e medioambiental.

b) O proxecto non poderá comezar a súa execución mentres a empresa beneficiaria non tiver presentado unha solicitude de axuda. Si o beneficiario é unha grande empresa, ademais do anterior terá que presentar, para a súa verificación polo organismo concedente, a documentación que xustifique que grazas á axuda se producirá algunha das seguintes circunstancias en relación ao proxecto: un aumento substancial do seu tamaño, do seu ámbito de aplicación, do importe investido pola empresa beneficiaria ou do ritmo de execución do proxecto, ou que o proxecto non se podería ter desenvolvido na rexión asistida a non ser pola axuda.

3. Cando a axuda se calcule baseándose nos custos de investimento material ou inmaterial, ou nos custos de compra se se trata dunha adquisición, a empresa beneficiaria deberá achegar para o investimento unha contribución financeira mínima do 25% dos custos subvencionables, ben con recursos propios ben con financiamento externo, exento de calquera tipo de axuda pública. As normas específicas e as convocatorias de cada axuda poderán fixar unha porcentaxe máis alta para casos particulares.

4. Cando a axuda se calcule con base nos custos salariais, os postos de traballo deberán ser creados directamente polo proxecto de investimento, e terán que cumprirse as seguintes condicións:

a) A solicitude de axuda debe presentarse antes de que se realice a contratación.

b) A creación de emprego debe supor un aumento neto do número de unidades de traballo ao ano (UTA) empregadas directamente nos establecementos obxecto de investimento en comparación coa media dos doce meses anteriores.

c) Os postos de traballo deberán crearse nun prazo de tres anos desde a finalización do proxecto de investimento a que están vinculados.

d) Cando a axuda se calcule con base nos custos salariais, a empresa beneficiaria da axuda terá a obriga de manter os postos de traballo durante un período mínimo de cincos anos desde a primeira ocupación do posto, agás no caso de pemes, que poderá ser de tres anos.

5. Nas normas específicas ou nas convocatorias de cada axuda poderanse establecer os sectores de actividade concretos que serán subvencionables. En todo caso, teranse en conta as limitacións previstas nas directrices comunitarias para sectores sensibles, particularmente as previstas para o transporte e outros que puidera establecer a Unión Europea.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables.

1. Nos proxectos de investimento e emprego incluídos no ámbito de aplicación deste decreto serán subvencionables os conceptos que se especifiquen nas correspondentes normas de desenvolvemento, dentro dos límites que se establecen a seguir:

a) Os activos materiais, novos ou de primeiro uso, relativos a terreos, edificios, instalacións, maquinaria e equipamento, excepto os medios e equipamentos de transporte, no sector do transporte. En todo caso, consideraranse subvencionables os seguintes conceptos:

1º Adquisición de terreos necesarios para a implantación do proxecto.

2º Traídas e conexións de servizos, urbanización e obras exteriores vinculadas ao proxecto.

3º Edificación de obra civil en oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos e outras obras vinculadas ao proxecto.

4º Custos de adquisición de establecementos adquiridos a terceiros en condicións de mercado.

5º Bens de equipamento necesarios para o proxecto, tales como maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionada, elementos e equipamentos de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e de prevención de riscos laborais e, en xeral, outros bens de equipamentos ligados ao proxecto. No sector do transporte non serán subvencionables os medios e equipamentos de transporte.

6º Planificación e enxeñaría do proxecto e dirección facultativa dos traballos.

b) Os activos inmateriais relativos á transferencia de tecnoloxía, como a adquisición de dereitos de patentes, licenzas de explotación, know-how ou coñecementos técnicos non patentados, que terán que reunir os seguintes requisitos:

1º Serán explotados exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda.

2º Consideraranse elementos do activo amortizables.

3º Serán adquiridos a un terceiro nas condicións de mercado.

4º Figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento da empresa beneficiaria da axuda durante un período mínimo de cinco anos, ou de tres anos no caso das pemes.

5º No caso de empresas que non teñan a condición de peme, só serán subvencionables os custos de activos inmateriais ata un límite do 50% dos custos de investimento subvencionables do proxecto.

c) Nos proxectos de creación de emprego ligado ao investimento, serán subvencionables os custos salariais estimados, durante un período de dous anos, das persoas contratadas directamente para o proxecto, entendendo por custo salarial o salario bruto, antes de deducir os impostos, as cotizacións sociais obrigatorias e, se for o caso, os gastos por coidados infantil e parental.

2. Nos investimentos que se efectúen mediante fórmulas de pagamento aprazado ou de arrendamento financeiro (leasing), só serán subvencionables se se inclúe a obriga de adquirir o activo ao termo do contrato de arrendamento e, en todo caso, dentro do prazo previsto para a execución do proxecto. No caso de leasing de terreos e edificios, o leasing ten que manterse durante un mínimo de cinco anos dende a finalización do proxecto, e polo menos tres anos no caso das pemes.

3. Excepcionalmente, no caso de pemes e da adquisición de activos directamente vinculados a un establecemento que pechase ou que tería pechado de non procederse á súa adquisición, poderán subvencionarse os gastos de adquisición de maquinaria e bens usados, sempre que se adquiran en condicións de mercado e previa a dedución de axudas que o transmisor puidese ter recibido para a súa adquisición.

Artigo 5º.-Modalidades de axuda.

1. As modalidades de axuda que poden outorgarse son as seguintes:

a) Subvencións a fondo perdido.

b) Bonificacións de tipos de xuro.

c) Axudas incluídas en préstamos, sempre que o importe da axuda se calcule sobre a base dos tipos de xuro vixentes no mercado no momento de concesión da axuda.

d) Axudas incluídas en réximes de garantía, sempre que cumpran as condicións previstas no artigo 5, letra c) do Regulamento (CE) nº 800/2008.

e) Axudas en forma de anticipos reembolsables.

2. Estas axudas deberán ser de carácter transparente, de modo que sexa posible calcular previamente con exactitude o equivalente de subvención bruto como porcentaxe dos gastos subvencionables sen necesidade de efectuar unha avaliación do risco. En todo caso, as axudas concedidas en calquera das formas indicadas no número 1 non poderán superar os limiares aplicables consonte o anexo deste decreto.

Artigo 6º.-Intensidade e contía das axudas.

1. As axudas ao investimento rexional calcularanse como porcentaxe, ben en función dos custos de activos de investimento material e inmaterial derivados dun proxecto de investimento inicial, ben en función dos custos salariais estimados, calculados durante dous anos, correspondentes aos postos de traballo creados directamente polo dito proxecto de investimento, ou a unha combinación de ambos, sempre que a axuda non supere a cantidade máis favorable resultante da aplicación dun dos dous métodos de cálculo.

2. Para os efectos do cálculo da intensidade da axuda, todas as cifras empregadas serán brutas, e dicir, antes de calquera dedución en concepto de fiscalidade ou calquera outra carga. Cando se conceda unha axuda en calquera forma distinta da subvención, o importe da axuda será o equivalente bruto da subvención.

3. A intensidade do conxunto das axudas concedidas a un mesmo proxecto de investimento non poderá superar, nos termos de equivalente de subvención bruto, as porcentaxes máximas previstas no anexo deste decreto.

4. As axudas a grandes proxectos de investimento non poderán superar o límite máximo de axuda derivado da aplicación das regras recollidas na letra C do anexo deste decreto, sen prexuízo das disposicións específicas para o sector da transformación e comercialización de produtos agrarios segundo o número 9º do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión.

5. A contía das subvencións gardará relación, en todo caso, co volume do investimento, os postos de traballo creados ou mantidos e a concorrencia de axudas públicas no mesmo proxecto.

Artigo 7º.-Criterios de priorización na concesión das axudas.

1. Segundo a clase de axuda poderán utilizarse, ademais de calquera outro previsto na convocatoria de acordo cos ordenamentos comunitario e interno, os seguintes criterios de priorización:

a) A localización da actividade en:

1º Zonas desfavorecidas afectadas polo abandono da poboación.

2º Núcleos encravados en espazos de economía tradicionalmente rural que constitúan un centro de actividade para a súa contorna.

3º Provincias de menor renda per cápita de Galicia.

4º Zonas onde existan producións de materias primas, bens de equipamento ou industrias complementarias ou similares e exista unha tradición de fabricación na actividade de que se trate.

5º Zonas en que a localización teña un interese estratéxico como consecuencia da explotación e aproveitamento dos factores de produción.

b) Polas características dos proxectos:

1º Primeiro establecemento, ampliación ou traslado.

2º Porcentaxe de valor engadido ou incremento da produtividade.

3º Adaptación e mellora ambiental e loita contra o cambio climático.

4º A incorporación de tecnoloxía avanzada.

5º O carácter dinamizador do proxecto para a economía da zona.

6º O carácter innovador ou emprendedor do proxecto e a capacidade de arrastre da iniciativa empresarial no seu contorno.

7º Utilización de materias primas autóctonas, respectando o previsto no artigo 1.2.b do Regulamento (CE) nº 800/2008, en relación coa obriga de notificación de determinadas axudas.

8º O tamaño da empresa e o proxecto.

9º Creación e mantemento de emprego en relación co investimento proxectado.

10º A existencia de iniciativas de cooperación entre empresas.

11º Incorporación de medidas comprometidas coa efectividade do principio de igualdade de oportunidades no emprego, de conformidade co previsto nas leis estatais e autonómicas en materia de igualdade.

2. Para a concesión das axudas poderán establecerse nas normas específicas de desenvolvemento deste decreto preferencias ou prioridades en razón da actividade económica, do territorio e de criterios socioeconómicos.

Artigo 8º.-Obrigas das empresas beneficiarias.

As empresas beneficiarias das axudas previstas neste decreto, ademais de cumpriren o previsto nas normas específicas en materia de subvencións e nas correspondentes convocatorias, terán as seguintes obrigas:

a) Manter os investimentos obxecto da axuda polo menos durante os cinco anos seguintes, ou tres no caso de pemes, unha vez finalizado o investimento. Non obstante, admitirase a substitución de instalacións ou equipamentos que quedasen obsoletos debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña durante o dito prazo.

b) Cando a axuda se calcule con base nos custos salariais, manter os postos de traballo durante un período mínimo de cincos anos desde a primeira ocupación do posto, salvo no caso de peme, que poderá ser de tres anos.

c) Someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.

Artigo 9º.-Incumprimentos das empresas beneficiarias.

Os incumprimentos das obrigas polas empresas beneficiarias darán lugar ao reintegro ou redución da axuda, conforme o previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a normativa de desenvolvemento, como normativa de aplicación supletoria para as axudas cofinanciadas total ou parcialmente con fondos comunitarios.

Artigo 10º.-Xestión e concesión das axudas.

1. A tramitación das axudas convocadas de conformidade coas condicións deste decreto, así como a súa concesión, realizarase por cada consellería, organismo autónomo ou entidades de dereito público da Xunta de Galicia, dentro do ámbito das súas competencias e conforme as dispoñibilidades orzamentarias.

2. As normas específicas e as correspondentes convocatorias ditadas ao abeiro deste decreto determinarán os procedementos para garantir o cumprimento das condicións exixidas nel.

Artigo 11º.-Rexistro de axudas.

Todas as axudas previstas neste decreto se inscribirán no Rexistro de Axudas e Subvencións regulado polo Decreto 132/2006, do 21 de xullo, rexistrándose os datos conforme o establecido nas súas normas reguladoras.

Artigo 12º.-Compatibilidade con outras axudas.

1. As axudas poderán ser compatibles con outras para a mesma finalidade sempre que o conxunto de todas as concedidas para os mesmos elementos subvencionables non superen os límites máximos de axuda establecidos no anexo do decreto.

2. As axudas previstas neste decreto non se poderán acumular con axudas declaradas de minimis relativas aos mesmos gastos subvencionables se a contía resultante supera os límites establecidos no anexo do decreto.

3. Cando unha axuda das previstas neste decreto sexa complementada con outra axuda ad hoc das previstas no segundo parágrafo do número 1 do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 800/2008, esta última non poderá superar o límite máximo do 50% da axuda total que vaia concederse ao investimento.

4. As disposicións que regulen cada axuda ou as correspondentes convocatorias expresarán, de acordo cos puntos anteriores, os créditos orzamentarios que en cada caso se reserven para cada tipo de axuda, as condiciones e requisitos específicos que, dentro dos límites fixados neste decreto resulten aplicables a cada caso, os posibles incumprimentos e os procedementos de reintegro da axuda. Así mesmo, expresarán os límites máximos de axuda para cada proxecto, a posible compatibilidade con outras axudas e os mecanismos que permitan o coñecemento das axudas solicitadas e concedidas para o mesmo proxecto co fin de garantir que se respectan os límites e criterios de compatibilidade exixibles.

5. Nos supostos de axudas que teñan cofinanciamento dalgún fondo comunitario, deberán respectarse as normas comunitarias específicas reguladoras dos ditos fondos.

Artigo 13º.-Seguimento e control.

Corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia velar pola adecuada aplicación das previsións deste decreto, e pode realizar as inspeccións e comprobacións e recadar as informacións que se consideren oportunas.

Artigo 14º.-Notificacións e comunicacións á Comisión Europea.

1. Cando a axuda rexional proposta para un gran proxecto de investimento, considerado illadamente ou en concorrencia con outra para o mesmo proxecto, supere o importe de 22,5 millóns de euros, será preceptiva a súa notificación previa á Comisión Europea para que esta a autorice.

2. Sempre que se conceda unha axuda a un gran proxecto de investimento, será preceptiva a comunicación á Comisión Europea da información contida no anexo II do Regulamento (CE) nº 800/2008.

3. As axudas ao investimento no sector da transformación e comercialización de produtos agrarios con gastos subvencionables superiores a 25 millóns de euros, ou nas cales o importe real da axuda supere os 12 millóns de euros, teñen que notificarse individualmente á Comisión Europea para a súa autorización.

Disposición adicional

Serán de aplicación ás axudas amparadas neste decreto as definicións e, en xeral, todas as condicións para as axudas rexionais establecidas no Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor deste decreto quedará derrogado o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de facenda para modificar as intensidades de axuda que figuran no anexo a fin de adaptalas ás modificacións que poida levar a cabo pola Comisión Europea.

Segunda.-Sen prexuízo das competencias das consellerías, organismos e entes públicos da Xunta de Galicia para realizaren as convocatorias específicas de axudas, facultase o conselleiro competente en materia de facenda para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

ANEXO

Porcentaxes máximas das axudas

A) Regra xeral.

O límite básico de intensidade de axuda, en termos de equivalente de subvención bruto, establecido para a Comunidade Autónoma de Galicia no Mapa de axudas rexionais 2007-2013 (Axuda de Estado N626/06), aprobado pola Comisión Europea o 20 de decembro de 2006 e publicado no Diario Oficial de la Unión Europea o 17 de febreiro de 2007 (2007/C 35/03), é do 30%.

Tal e como establece o citado Mapa, esta porcentaxe poderá incrementarase en vinte puntos porcentuais cando se trate de pequenas empresas, e en dez puntos porcentuais para as axudas concedidas a medianas empresas. Estes suplementos non son aplicables no sector do transporte nin aos grandes proxectos de investimento.

B) Axudas ao investimento no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas.

De acordo co disposto no artigo 13, número 9, do Regulamento (CE) nº 800/2008, a intensidade de axuda máxima para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrícolas poderán acadar o 50% no caso de pemes.

C) Grandes proxectos de investimento.

Sen prexuízo do establecido para o sector da transformación e comercialización de produtos agrarios sobre a intensidade máxima de axuda a pemes na letra B do anexo e, en relación á notificación de axudas, no número 3 do artigo 14 deste decreto, os proxectos en que os gastos subvencionables superen os 50 millóns de euros estarán suxeitos a un límite máximo de axuda axustado á baixa mediante a aplicación dunha porcentaxe, consonte o seguinte baremo:

Ver referencia pdf "24200D001P005.PDF"

Polo tanto, o límite máximo de axuda para un gran proxecto de investimento en Galicia, calcúlarase segundo a seguinte fórmula:

Importe máximo de axuda = 30% (50+0,50xB+0,34xC).

Onde:

-B é o tramo de gasto subvencionable comprendido entre 50 e 100 millóns de €.

-C é o tramo de gasto subvencionable superior a 100 millóns de €.