DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 11 de decembro de 2009 Páx. 18.831

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de novembro de 2009 pola que se aproban as bases e se convocan axudas complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario de mobilidade Erasmus e de Suíza, para estudantes universitarios que participan nesta acción no curso 2009/2010.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988, transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo, DOG do 8 de abril.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes, que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

En aplicación do anterior e sendo conscientes da importancia da mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, considera conveniente realizar unha convocatoria de axudas de mobilidade universitaria primando a excelencia no rendemento académico que complemente o financiamento das axudas achegadas pola Unión Europea no marco do Programa de aprendizaxe permanente.

Cómpre subliñar que estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral e de mobilidade para estudantes universitarios convocadas polo Ministerio de Educación e coas axudas que para este fin destina a Unión Europea no marco do Programa de aprendizaxe permanente. Como accións complementarias que son cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter estatal e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do Ministerio de Educación.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, axudas complementarias ao programa comunitario de mobilidade Erasmus e Suíza, destinadas aos estudantes seleccionados polas universidades do sistema universitario de Galicia ou polos centros asociados da UNED en Galicia que participan no citado programa de mobilidade universitaria durante o curso 2009/2010.

Artigo 2º.-Orzamento e dotación económica.

As accións derivadas desta convocatoria ascenden a un total de 1.100.000 euros. Non obstante, esta contía, que pode ser incrementada no caso de producirse remanente doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou programas do mesmo servizo, financiaranse con fondos propios da comunidade autónoma e con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.422C.480.0 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e presentado no Parlamento de Galicia para a súa aprobación, na cal existe crédito axeitado e suficiente, tramitándose conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) e do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro) pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, quedando condicionada a

adxudicación definitiva á existencia de crédito na aplicación orzamentaria 09.04.422C.480.0 dos orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2010.

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2009-2010.

Artigo 4º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser cidadán da Comunidade Europea ou estranxeiro non comunitario con residencia legalizada no Estado.

b) Estar matriculado no curso 2009-2010 en calquera das universidades públicas do sistema universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED nesta comunidade autónoma para realizar estudos universitarios oficiais conducentes aos títulos universitarios de graduado, licenciado, arquitecto, enxeñeiro, diplomado, mestre, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

c) Participar no programa de mobilidade universitaria con autorización da universidade de orixe e ser beneficiario da axuda achegada pola Unión Europea no marco do Programa de aprendizaxe permanente para participar na acción de mobilidade para estudos dentro do Programa Erasmus ou do Goberno de Suíza. A duración mínima da estadía deberá ser de tres meses, e a máxima que se computará para efectos de concesión de bolsa de nove meses.

d) Non ter gozado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

Artigo 5º.-Compatibilidade.

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas e subvencións concedidadas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza e entidade que as conceda.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo ED417A que se publica como anexo I a esta orde, asinada polo/a solicitante ou persoa que o/a representa, presentaranse no rexistro xeral da Xunta de Galicia, dirixidas á Secretaría Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, BOE do 14 de xaneiro, para a presentación de instancias.

Tamén poderán presentarse en calquera dos rexistros oficias das universidades do sistema universitario de Galicia, de conformidade coa Resolución do 25 de xuño de 2007, DOG do 3 de xullo, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, polo que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

Se a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes servizos de mensaxeira privados.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 7º.-Documentación que hai que presentar.

A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación académica completa, ou copia compulsada desta, na que se fará constar a nota media simple do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no DOG o día 23 de marzo de 2005 por resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005.

Os alumnos que estean cursando estudos de 2º ciclo (licenciado, arquitecto, enxeñeiro) por accederen desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar ademais a certificación académica deste.

b) Declaración responsable na que o solicitante indique se ten ou non solicitada ou concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade perante as administracións públicas ou outros entes públicos. Con este documento entenderase cumprido o requisito exixido no artigo 11º desta orde.

c) Documento facilitado pola entidade bancaria na que desexa lle sexa aboado o importe da axuda na que conste que é titular ou cotitular, o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco ou caixa, a oficina e o díxito de control.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. Unha vez comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais, e nos vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas, sinalando as causas de exclusión. Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: www.edu .xunta.es/.

2. As listas provisionais de admitidos e excluídos por documentación serán expostas o día 22 de febreiro de 2010. Os interesados disporán dun prazo comprendido desde o día 23 de febrero ao 5 de marzo de 2010, ambos os dous incluídos, para presentar ante a Secretaría Xeral de Universidades reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente, logo da resolución de arquivos nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Criterios de distribución das axudas.

1. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17 punto 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Todos os solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado, recibirán unha axuda económica uniforme en función da súa permanencia no programa, que se distribuirá do seguinte modo:

Un trimestre: 150 euros.

Un semestre: 300 euros.

Curso completo: 450 euros.

As universidades do sistema universitario de Galicia e os centros asociados da UNED, como entidades colaboradoras, enviarán á Secretaría Xeral de Universidades listaxes completas dos estudantes bolseiros do Programa Erasmus ou do Goberno de Suíza, indicando nome e apelidos do estudante, número do DNI, NIE, pasaporte ou tarxeta de estranxería, país de destino e duración da estadía: trimestre, semestre ou curso completo.

3. Unha vez distribuída pola comisión avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible adxudicarao tendo en conta a prioridade outorgada pola prelación da nota media simple do expediente académico obtida para cada solicitante -calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades do SUG- asignando a contía que corresponde a cada beneficiario en función dos tramos establecidos pola súa nota media simple:

Expediente académico Contía

De 3,50 a 4 2.000 euros

De 3 a 3,49 1.700 euros

De 2,50 a 2,99 1.300 euros

De 2 a 2,49 1.000 euros

De 1,50 a 1,99 500 euros

De 1 a 1,49 200 euros

De 0,50 a 1 100 euros

Menor de 0,50 50 euros

4. A dotación económica asignada a cada beneficiario non poderá superar os 2.450 euros.

Artigo 10º.-Comisión avaliadora.

1. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidenta: a subdirectora xeral de Universidades.

Vogais:

O membro do equipo de goberno da Universidade de Santiago de Compostela responsable da materia.

O membro do equipo de goberno da Universidade da Coruña responsable da materia.

O membro do equipo de goberno da Universidade da Vigo responsable da materia.

O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 11º.-Resolución.

1. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a resolución correspondente. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23, punto 4º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no dito prazo.

3. Os solicitantes excluídos poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Pagamento.

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada a declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas: tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución para mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación de solicitude de concesión da axuda comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a publicidade dos datos nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1º K) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo beneficiario, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Consellerio de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "24100D003P007.PDF"