DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 09 de decembro de 2009 Páx. 18.682

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 430/2009, do 19 de novembro, polo que se regula a composición, organización e funcionamento da Comisión de Xogo de Galicia.

A Comisión de Xogo de Galicia está regulada nos artigos 25 e 26 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia e polo Decreto 192/1988, do 21 de xullo, polo que se regula a súa composición, organización e funcionamento.

As modificacións introducidas nas estruturas orgánicas dos departamentos da Xunta de Galicia, fixadas polos decretos 79/2009, do 19 de abril e 83/2009, do 21 de abril, aconsellan adaptar a composición da Comisión de Xogo ás novas circunstancias.

Co fin de adaptar a composición da Comisión de Xogo á nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

A Comisión de Xogo de Galicia configúrase como órgano de estudo, coordinación e asesoramento das actividades relacionadas coa práctica de xogos e apostas no territorio da Comunidade Autónoma.

Artigo 2º.-Composición.

1. A presidencia da Comisión de Xogo de Galicia correspóndelle á persoa titular da consellería con competencia en materia de xogo.

A vicepresidencia da Comisión de Xogo atribúese á persoa titular da dirección xeral competente en materia de xogo.

2. Vogais:

a) As persoas titulares dos departamentos con rango de dirección xeral competentes nas seguintes materias:

-Facenda.

-Traballo.

-Industria.

-Xuventude.

-Deportes.

b) Unha persoa en representación do sector de casinos.

c) Unha persoa en representación da Asociación Empresarial de Bingos.

c) Unha persoa en representación das asociacións empresariais de empresas operadoras de máquinas recreativas.

3. Unha persoa funcionaria co nivel orgánico mínimo de xefe/a de servizo, nomeado/a pola persoa titular da consellería con competencia en materia de xogo, exercerá a función de secretario/a e actuará con voz pero sen voto.

4. A composición e organización da Comisión de Xogo de Galicia rexerase polo principio de paridade e tratará de garantir unha representación proporcionada entre homes e mulleres.

Artigo 3º.-Nomeamento das persoas membros da comisión.

1. As persoas vogais serán nomeadas pola persoa titular da consellería con competencia en materia de xogo por proposta das diferentes consellerías e dos sectores ou organizacións empresariais de xogo de Galicia.

2. A persoa que exerza a presidencia da Comisión poderá convocar, para cuestións concretas, a expertos ou asesores/as técnicos e a representantes empresariais, sociais ou sindicais que poidan ter un interese nestas.

Artigo 4º.-Funcións.

Correspóndenlle á Comisión de Xogo de Galicia as seguintes funcións:

a) O informe preceptivo non vinculante, que se emitirá no prazo de 15 días desde que teña entrada na Secretaría da Comisión, sobre os asuntos seguintes:

-Disposicións de carácter xeral que se teñan que ditar en desenvolvemento da Lei 14/1985, do 23 de outubro, e do Catálogo de Xogos.

-Medidas de planificación do xogo en Galicia.

-Propostas de altas e baixas e modificación do Catálogo de Xogos en Galicia.

b) Informar sobre aquelas materias relacionadas coas actividades reguladas na Lei 14/1985, do 23 de outubro, que sexan competencia do Consello da Xunta de Galicia, e sobre aquelas nas que este ou a consellería con competencia en materia de xogo llo soliciten.

c) Evacuar as consultas que soliciten os órganos da Comunidade Autónoma respecto daquelas materias relacionadas coas actividades que se regulan na Lei de xogo de Galicia.

d) Calquera outra función que lle sexa atribuída polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 5º.-Funcionamento da Comisión.

O réxime de constitución, convocatoria, adopción de acordos e, en xeral, o funcionamento, como órgano colexiado, da Comisión de Xogo da Comunidade Autónoma rexerase polo disposto no capítulo II do título primeiro da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e polo que poidan dispoñer as normas de desenvolvemento deste decreto.

Artigo 6º.-Grupos de traballo.

1. A Comisión poderá acordar a creación no seu seo de grupos de traballo cuxa composición e funcionamento serán determinados pola propia Comisión.

2. A composición e organización dos grupos de traballo rexerase polo principio de paridade e tratará de garantir unha representación proporcionada entre homes e mulleres.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 192/1988, do 21 de xullo, polo que se regula a composición, organización e funcionamento da Comisión de Xogo de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería con competencia en materia de xogo para ditar cantas normas sexa preciso para desenvolver este decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza