DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 04 de decembro de 2009 Páx. 18.619

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 429/2009, do 3 de decembro, polo que se modifica o Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria.

O sistema de tarxeta sanitaria permite a acreditación e identificación da cidadanía galega para o acceso ás prestacións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia, ademais de facilitar os datos necesarios para a asistencia sanitaria.

O Decreto 177/1995, do 16 de xuño, regulou a tarxeta sanitaria sinalando que é o documento que identifica os cidadáns residentes en Galicia protexidos polo sistema sanitario público. Coa redacción actual, non se inclúen os galegos e as galegas que realicen estancias temporais en Galicia e residan no estranxeiro.

Por outra banda, o artigo 17 da Lei 40/2006, do 14 de decembro, que aprobou o estatuto da cidadanía española no exterior, recoñece o dereito á protección da saúde aos españois residentes no exterior, coa finalidade de acadar unha equiparación coas prestacións do Sistema Nacional de Saúde.

Ademais, o artigo 4.1º da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, determina que son titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia non só os que residan nos seus concellos, senón tamén os transeúntes na forma e nas condicións que estableza a lexislación vixente.

Tendo en conta o anterior, resulta necesario modificar o Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria, co obxecto de dar cobertura sanitaria aos cidadáns galegos que, residindo no estranxeiro, realicen estancias temporais na Comunidade Autónoma de Galicia e non teñan ningunha outra vía para recibir a atención sanitaria.

Esta cobertura formalizaríase mediante a expedición dunha tarxeta coa que os interesados puidesen acceder ás prestacións sanitarias, dentro dos límites determinados neste decreto e nas disposicións de desenvolvemento que para tal efecto se diten.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e segundo o disposto no artigo 37.1º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de decembro de dous mil nove

DISPÓN:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 1 do Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria, que quedará redactado como segue, engadíndolle un segundo parágrafo:

«Aos galegos e ás galegas de orixe ou ascendencia a que fai referencia o artigo 4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia que, residindo no estranxeiro, realicen estancias temporais na Comunidade Autónoma de Galicia e non teñan dereito á asistencia sanitaria de acordo coas disposicións vixentes en materia de Seguridade Social, as do Estado de procedencia e/ou os convenios internacionais establecidos para o efecto, expediráselles unha tarxeta sanitaria que garanta o seu acceso ás prestacións que se determinen neste decreto e nas disposicións que no seu desenvolvemento se diten».

Artigo 2º

Engádese un artigo 3 ao Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria, coa seguinte redacción:

«Artigo 3º

A tarxeta sanitaria a que se refire o artigo 1 parágrafo segundo dará acceso, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, á seguinte cobertura:

a) Son continxencias protexidas, exclusivamente, a enfermidade común, o accidente non laboral e a maternidade.

b) Para o caso de enfermidade común ou accidente non laboral, as prestacións que inclúe a cobertura son:

-Prestacións de medicina xeral, especialidades e tratamento médico, nas modalidades de urxencia e, de ser preciso, de hospitalización, coa excepción dos menores e as mulleres xestantes, aos que se lles garante a protección da saúde e a protección sanitaria, nos termos do artigo 4.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

-O tratamento cirúrxico unicamente na modalidade de urxencia. Quedan excluídas a cirurxía plástica e reparadora, a implantación de próteses de calquera tipo, así como os transplantes de órganos e tecidos.

-A prestación farmacéutica en internamento hospitalario. No resto dos supostos, a prestación farmacéutica prestarase nas mesmas condicións que aos traballadores en activo.

c) Para o caso de maternidade, as prestacións que inclúe a cobertura son:

-Asistencia médica no embarazo, parto e puerperio.

-A prestación farmacéutica en internamento hospitalario. No resto dos supostos, a prestación farmacéutica darase nas mesmas condicións que aos traballadores en activo».

Disposición adicional

As referencias á Consellería de Sanidade e Servizos Sociais contidas no Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria, entenderanse referidas á consellería con competencias en materia de sanidade.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de dous mil nove.

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente (Decreto 428/2009)

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade