DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 01 de decembro de 2009 Páx. 18.437

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 25 de novembro de 2009 de delegación de competencias no secretario xeral, nos directores xerais, nos xefes territoriais da Consellería do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

A actividade administrativa da Consellería do Mar leva consigo unha concentración de funcións no seu titular, cuxo volume aconsella naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal da conselleira, recorrer á delegación de competencias, co debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa, que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º, en prol dunha maior axilidade da actuación que beneficie a Administración como os administrados.

A Orde do 8 de maio de 2009, veu recoller de forma provisional o conxunto de delegacións de competencias por parte do titular da consellería nos distintos órganos desta, no entanto, visto o volume de actividade administrativa durante o seu período de vixencia, resulta necesario ampliar as competencias delegadas no secretario xeral e directores xerais, así como incluír nunha única disposición todas as competencias destes órganos evitando remisións a outras ordes xa derrogadas.

Regúlase tamén as delegacións competenciais en materia de portos, posibilitando ao presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia a actuación por delegación da conselleira do Mar naqueles asuntos de tramitación ordinaria que xa viña asumindo por delegación do titular da consellería da que dependía ata agora, antiga Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e do disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Delegacións no secretario xeral.

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos á titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da Consellería do Mar, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar da Consellería de Facenda a adecuación dos pagamentos correspondentes.

c) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente.

d) As facultades que lle corresponden á conselleira en materia de persoal da súa consellería, nos termos establecidos no artigo 14 do o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de función pública de Galicia, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquela.

e) Dispoñer canto concirne ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia da conselleira ou doutra dirección xeral.

f) Resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda ao titular da consellería.

g) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite, en virtude das facultades delegadas, así como os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas polos directores xerais en exercicio das facultades delegadas.

h) Resolver as solicitudes de revisión de oficio formuladas ao abeiro do previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992.

i) Resolver as reclamacións previas á vía civil e laboral, así como os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, incluíndo se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.

Artigo 2º.-Deléganse nos directores xerais as seguintes facultades.

a) Autorizar e dispoñer os gastos con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gastos dos orzamentos xerais asignadas ao seu centro directivo, que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) Recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos correspondentes aos créditos sinalados no punto anterior, cos límites igualmente indicados.

c) Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente.

d) No director xeral que corresponda por razón da materia de acordo co Decreto 312/2009, do 28 de maio, de estrutura orgánica da Consellería do Mar, as facultades que establece a Orde do 27 de decembro de 2005, pola que se delegan competencias en materia de acuicultura no director xeral de Recursos Mariños e nos delegados territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (DOG do 5 de xaneiro).

Artigo 3º.-Delegacións nos xefes territoriais.

Deléganse nos xefes territoriais as seguintes competencias:

a) Autorizar e dispoñer os gastos con cargo ás aplicacións orzamentarias do capítulo II do estado de gastos dos orzamentos xerais, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan distribuídos pola titular da consellería, que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) Recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos correspondentes aos créditos sinalados no punto anterior, cos límites igualmente indicados.

c) Respecto dos referidos créditos, as funcións que, como órgano de contratación lles son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente, así como a sinatura e formalización de convenios.

d) As que establece a Orde do 27 de decembro de 2005, pola que se delegan competencias en materia de acuicultura no director xeral de Recursos Mariños e nos delegados territoriais (asumidas polos xefes territoriais) da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (DOG do 5 de xaneiro).

Artigo 4º.-Delegacións no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia.

Deléganse no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia:

a) O exercicio da facultade de aprobar os plans de utilización dos espazos portuarios dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A competencia atribuída á conselleira para a imposición das sancións en materia de portos nos casos de infraccións graves previstas no artigo 39.1º c) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia, ditado en aplicación e desenvolvemento da Lei 5/1994, do 29 de novembro.

c) A competencia para resolver recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades delegadas.

d) Outorgar as concesións e autorizacións por ocupación de dominio público adscrito á comunidade autónoma dentro do recinto portuario e aplicar os correspondentes canons, sen prexuízo do disposto no artigo 3.3º da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Artigo 5º.-Réxime xurídico das delegacións.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

2. En calquera momento a conselleira poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

3. En caso de ausencia ou enfermidade do secretario xeral, as atribucións contidas nesta orde serán asumidas polos directores xerais, durante o tempo que persistan as devanditas causas e pola orde de prelación que vén establecida polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

En caso de vacante da Secretaría Xeral as súas funcións serán asumidas pola conselleira.

4. En caso de ausencia ou enfermidade dos directores xerais as atribucións contidas nesta orde serán asumidas, durante o tempo que persistan as devanditas causas, polos subdirectores xerais que deles dependan, segundo a orde que figura no Decreto 312/2009, do 28 de maio, de estrutura orgánica da Consellería do Mar.

En caso de vacante das direccións xerais as súas atribucións serán asumidas polo tempo que persista a devandita causa, polo secretario xeral.

5. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos xefes territoriais as súas funcións serán asumidas pola persoa que designe a conselleira.

6. As do presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia rexeranse polo disposto na normativa do citado ente público.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 8 de maio de 2009, sobre delegación de competencias no secretario xeral, nos directores xerais, nos xefes territoriais da Consellería do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2009.

Rosa Mª Quintana Carballo

Conselleira do Mar