DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 01 de decembro de 2009 Páx. 18.426

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2009, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se convoca o Premio Institucional Chano Piñeiro, no ámbito da promoción do sector audiovisual correspondente ao ano 2009, e se aproban as súas bases.

O fomento das actividades culturais e audiovisuais entendidas como servizo aos cidadáns supón unha das premisas da Secretaría Xeral de Medios. A convocatoria e correspondente concesión do Premio Chano Piñeiro do audiovisual constitúe un mecanismo importante para o cumprimento do mencionado obxectivo, e devolve o recoñecemento da sociedade ao labor de persoas ou institucións que, ben coas súas obras, ben a través da súa participación activa en diversos ámbitos de creación audiovisual, contribúen ao enriquecemento do patrimonio cultural e audiovisual galego.

Esta convocatoria pretende promover a colaboración de institucións e asociacións culturais e audiovisuais coa concesión dos premios Chano Piñeiro. Búscase con isto subliñar un labor que, malia desenvolverse nas competencias dun organismo administrativo, debe ser, por riba de todo, fiel reflexo das valoracións e sentimentos da sociedade, representada polos distintos actores do ámbito audiovisual.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Único.-Para o 2009, convócase o galardón Chano Piñeiro do audiovisual, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Convocatoria e modalidade do galardón.

Convócase o Premio Chano Piñeiro na modalidade: audiovisual galego.

Segunda.-Obxecto do premio.

1. O Premio Chano Piñeiro concederase como recompensa e recoñecemento do labor dos seleccionados, no seu ámbito correspondente, posto de manifesto a través dunha traxectoria relevante.

2. O premio outorgarase con base nas actividades de creación audiovisual realizadas por unha ou varias persoas físicas ou colectivos susceptibles de seren considerados creadores, aínda que carezan de personalidade xurídica.

3. Para a concesión do premio terase en conta a calidade das obras ou actividades recompensadas e a súa significación como achega sobresaínte ao audiovisual galego.

Terceira.-Dotación económica.

1. A dotación económica total da convocatoria será de 10.000 euros. Esta poderase repartir por igual entre varios galardoados, no caso de que o xurado decidise outorgar o premio ex aequo.

2. O xurado poderá conceder galardóns honoríficos sen dotación económica.

3. En ningún caso a concesión do premio suporá a cesión ou limitación dos dereitos de propiedade intelectual do seu autor.

Cuarta.-Xurado.

1. O premio será outorgado por un xurado coa seguinte composición:

a) Presidente: o secretario xeral de Medios, que poderá delegar en persoas que o representen.

b) Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Medios con voz e sen voto.

c) Vogais: un número non inferior a cinco nin superior a dez, que serán designados polo secretario xeral de Medios entre persoas de recoñecido prestixio no eido audiovisual, de forma que quede garantida ao máximo a idoneidade, competencia e independencia deles.

2. Ademais, poderán formar parte do xurado persoas que fosen premiadas na anterior convocatoria do premio ou, de ser o caso, un representante da persoa xurídica premiada, libremente designada por esta.

3. Os vogais terán dereito a percibir as gratificacións correspondentes ao seu traballo de asesoramento e, se é o caso, aos gastos de locomoción e aloxamento.

Quinta.-Proposta de candidatos e resolución.

Os candidatos serán presentados polos vogais do xurado ou polas entidades culturais ou profesionais vinculadas ao sector audiovisual mediante propostas dirixidas ao secretario xeral de Medios ou ao propio xurado unha vez constituído.

En caso de que se delegue a presidencia do xurado, a decisión elevarase ao secretario xeral de Medios a través do presidente.

A resolución pola que se outorgue o galardón publicarase inmediatamente no Diario Oficial de Galicia e notificarase oportunamente.

Sexta.-Acto público de entrega.

A entrega do premio efectuarase nun acto público convocado para o efecto coa transcendencia, solemnidade e publicidade axeitadas.

Disposición derradeira

Encoméndaselle ao secretario xeral de Medios, no ámbito das súas competencias, o desenvolvemento desta convocatoria.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2009.

Alfonso Cabaleiro Durán

Secretario xeral de Medios