DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 01 de decembro de 2009 Páx. 18.426

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 426/2009, do 19 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acceso oeste a Montecelo. Treito I: PO-223 á avenida de Bos Aires da Deputación Provincial de Pontevedra.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión do día trinta de novembro de dous mil sete, acordou aprobar inicialmente o proxecto acceso oeste a Montecelo. Tramo I: PO-223 á avenida de Bos Aires, procedendo á súa aprobación definitiva sesión do vinte e seis de xuño de dous mil nove. Así mesmo, na sesión do once de setembro de dous mil nove ratificouse a solicitude á Xunta de Galicia, da declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e que contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente se tratou na comisión de secretarios xerais previa a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, con este proxecto preténdese mellorar a deficiencia de accesibilidade ao complexo hospitalario de Montecelo e ao barrio de Monte Porreiro, núcleo de poboación en continuo crecemento, mediante a execución dunha nova vía na cal é necesaria a construción dunha ponte sobre o río Lérez. Con esta actuación evitaríase a conxestión viaria así como a degradación do tecido urbano, o que redundaría directamente na seguridade viaria da zona.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acceso oeste a Montecelo. Tramo I: PO-223 á avda. de Bos Aires da Deputación Provincial de Pontevedra, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezanove de novembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza