DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 27 de novembro de 2009 Páx. 18.340

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 10 de novembro de 2009 pola que se regulan e convocan para 2009 axudas de carácter extraordinario a traballadores e traballadoras afectados por situacións de especial dificultade como consecuencia de procesos de reestruturación de empresas da Comunidade Autónoma de Galicia que supoñan a extinción dos seus contratos.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, ten entre os seus compromisos o apoio a aqueles traballadores e traballadoras que procedan de sectores que sufran procesos industriais recesivos, e que leven consigo o efecto negativo na actividade produtiva e no emprego.

É por isto que entre as medidas que se van adoptar se pretende apoiar non só as empresas inmersas en procesos de reestruturación senón tamén os traballadores/as afectados.

Por esta razón, esta convocatoria ten por finalidade conceder determinadas axudas sociais a traballadoras e traballadores que despois de ver extinguidos os seus contratos de traballo con motivo de procesos de reconversión e/ou reestruturación de empresas debido á actual situación de crise, se atopan nunhas circunstancias nas que reincorporarse a un posto de traballo lles resulta moi difícil ou imposible.

É así que con esta orde se trata de dar publicidade, concorrencia e obxectividade ao conxunto das referidas axudas, así como determinar os supostos e condicións nas que procede a concesión destas, as cales se realizarán con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do correspondente exercicio orzamentario.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto outorgar axudas, en concorrencia competitiva, de carácter extraordinario en procesos de reestruturación de empresas da Comunidade Autónoma de Galicia que puidesen levar consigo o cesamento total ou parcial das súas actividades. A finalidade é axudar a traballadores e traballadoras destas empresas que, como consecuencia destes procesos, se atopan en situacións de urxencia e necesidade sociolaboral e, ao mesmo tempo, contribuír ao mantemento do emprego naqueles supostos en que sexa posible.

A extinción dos contratos de traballo dos posibles beneficiarios deben derivar de expedientes de regulación de emprego autorizados pola autoridade laboral competente ao abeiro do disposto no artigo 51 do Estatuto dos traballadores.

Trátase, polo tanto, de compensar economicamente as persoas traballadoras as que se fai referencia naquelas situacións nas que estean afectadas por procesos de reestruturación e non acaden niveis de cobertura adecuados, segundo as circunstancias concretas de cada caso, ben cando non acaden durante a situación de desemprego un nivel de cobertura mínimo, ben cando tivesen que soportar perdas de salarios ou ben, cando se atopen en calquera outra situación de desprotección derivada da crise da empresa que non fose susceptible de ser cuberta por ningún outro mecanismo de garantía.

Esta compensación levarase a cabo, ou ben complementando a prestación de desemprego, ou, se é o caso, o subsidio de desemprego, ou ben concedendo unha cobertura económica en tanto non accedan ás prestacións por xubilación na súa modalidade contributiva.

No caso de que a axuda solicitada non teña como finalidade a xubilación, e polo tanto, a retirada do mercado laboral das persoas beneficiarias, as medidas que se adoptarán deberán estar ligadas a un plan de recolocación, a un itinerario de inserción ou a unha estratexia similar dirixida a promover ou facilitar a reincorporación ao mercado laboral das persoas afectadas.

Artigo 2º.-Financiamento e criterios de concesión.

A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo á partida 48.03.324 A 480.2, do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para este exercicio, sendo o importe para 2009 de 125.360 euros. Este crédito poderá ser obxecto de ampliación dentro do mesmo exercicio orzamentario.

En todo caso, o outorgamento destas axudas quedará condicionado á dispoñibilidade orzamentaria, e concederanse, ata o esgotamento do crédito dispoñible.

Atenderanse, en primeiro lugar, aquelas solicitudes cuxa finalidade sexa a de dar unha resposta que poida resolver, de xeito definitivo, a situación das persoas beneficiarias, tanto por conseguir a súa reinserción no mercado laboral como por supoñer a saída permanente deste mediante xubilacións.

Artigo 3º.-Convocatoria e prazos.

Convócanse as axudas para o exercicio 2009, podendo presentar a solicitude as traballadoras e traballadores que reúnan os requisitos establecidos nesta orde, tendo o prazo dun mes desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Os prazos previstos nesta orde por meses, computaranse de data a data, comezando a contar desde o día seguinte da publicación no DOG e entendendo como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4º.-Persoas beneficiarias.

Serán beneficiarios os traballadores e traballadoras que reúnan os requisitos e obrigas establecidos nesta orde, e deberán cumprir, en todo caso, as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas nas que concorran algunha das prohibicións previstas no artigo 10, agás a 10.2º b), da referida Lei 9/2007. Estes compromisos quedarán reflectidos na declaración incluída no impreso de solicitude.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

As axudas poderán ser solicitadas, en nome das persoas beneficiarias, de forma conxunta pola empresa e os representantes das traballadoras e traballadores, ou directamente polos propios traballadores e traballadoras ou os seus representantes, tendo en conta que as persoas beneficiarias serán sempre os traballadores e traballadoras afectados.

A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir, de ser o caso, a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, segundo o establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, no Diario Oficial de Galicia, na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos, con expresión da persoa beneficiaria, a contía e a súa finalidade, na forma que determine o órgano competente, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos referidos datos, sempre con respecto ao establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Así mesmo, segundo o establecido no artigo 14.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas interesadas poderán consultar esta orde e obter os impresos necesarios desde a páxina web da Consellería de Traballo e Benestar (http://traballo.xunta.es).

Documentación que hai que achegar:

1. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

-De ser o caso, documento que acredite a representación da persoa que actúe en nome das persoas beneficiarias ou poder de representación da empresa, de ser esta a que presente a solicitude en nome das persoas beneficiarias.

-Memoria explicativa na que farán constar, de xeito detallado, os motivos polos que se solicitan as axudas, o número de traballadoras e traballadores beneficiarios, a cobertura solicitada e o custo económico individualizado desta, xuntándose a documentación xustificativa, especificándose se existe concesión ou previsión de concesión doutras axudas de carácter análogo por parte doutras administracións ou entidades públicas.

-Documentación acreditativa da extinción dos seus contratos e das condicións nas que se produciu.

-Acordos acadados coa empresa para levar a cabo a extinción dos contratos.

-Plan de prexubilacións, de ser o caso, segundo o indicado no artigo 1º.

-Plan de recolocación, itinerario de inserción ou similar, de ser o caso, segundo o indicado no artigo 1º.

-Documentación acreditativa das indemnizacións percibidas ou que se vaian percibir pola extinción dos contratos.

-Certificación do Servizo Público de Emprego, acreditativa da situación, cobertura e dereitos das traballadoras e traballadores respecto das prestacións por desemprego.

-Declaración das axudas solicitadas ou percibidas polo mesmo concepto segundo o anexo III.

-Se a axuda vai destinada directamente aos traballadores, ficha de terceiros da persoa beneficiaria segundo o anexo IV.

Artigo 6º.-Importe das axudas.

1. O importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde corresponderase, como mínimo, coa prestación que lle correspondería como subsidio de desemprego de ter dereito a este, e como máximo, co 25% do importe da capitalización, polo período de tempo total que se solicite, da prestación para a xubilación anticipada ou de desemprego que corresponda.

2. Á vista dos motivos alegados e dos informes achegados nas solicitudes presentadas, así como, aqueloutros que o órgano encargado da súa tramitación considere estritamente necesarios para poder resolver, a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais resolverá a concesión das axudas podendo estimar a solicitude formulada, total ou parcialmente.

3. Na resolución que se dite farase constar a cantidade a que ascenda a dita axuda, a forma de pagamento e a súa ulterior xustificación.

4. Poderán non concederse estas axudas cando se concedesen ou tivesen previsto conceder axudas de análoga natureza, salvo que no marco do correspondente plan de reestruturación se acordase a súa concesión simultánea, de conformidade co previsto no artigo 3.3º da Orde do 5 de abril de 1995 pola que se determinan as axudas que poderá conceder o Ministerio de Traballo e Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reconversión e/ou reestruturación de empresas (BOE do 19 de abril).

5. No caso de solicitarse axudas de xubilación anticipada, ou medidas de similar natureza, estas axudas poderán complementarse por distintas administracións do xeito que estas determinen e serán capitalizadas segundo o procedemento estipulado pola Administración do Estado para este tipo de xubilacións ou medidas. Así mesmo, as persoas beneficiarias que percibisen indemnizacións pola rescisión dos seus contratos, deberán capitalizar estas indemnizacións para este fin, minorando así o importe a achegar pola Administración.

6. As axudas aquí recollidas terán como límite os créditos orzamentarios establecidos para este exercicio e o importe total das axudas percibidas para a mesma causa non poderá superar o custo total da acción obxecto de subvención (artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Artigo 7º.-Instrución e valoración.

1. O órgano instrutor e avaliador dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais da Subdirección Xeral de Traballo, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e comprobación dos datos, en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

3. O órgano instrutor poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aquelas que, de acordo co artigo 35º f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Artigo 8º.-Resolución e recursos.

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta orde corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar por delegación do/a conselleiro/a de Traballo e Benestar.

2. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución que se lles notificará ás persoas interesadas.

3. O prazo para resolver e notificar a concesión de axudas será de dous meses. Transcorrido este sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Ordenación do pagamento e xustificación dos gastos.

Unha vez que se teña comprobada a corrección da documentación que se achegue coa solicitude da axuda e o cumprimento dos requisitos que exixe esta orde, xunto coa resolución de outorgamento da axuda, ordenarase o pagamento do 100% do importe das axudas concedidas.

Artigo 10º.-Aceptación e renuncia.

Segundo o establecido no artigo 21.5º da Lei 9/2007, as persoas beneficiarias das axudas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido ese prazo entenderanse tacitamente aceptadas. Nese mesmo prazo poderán renunciar de forma expresa, total ou parcialmente, á axuda outorgada. Para este efecto, o órgano responsable ditará a resolución correspondente.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

Segundo o establecido no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 12º.-Revogación e reintegro.

Para os efectos do establecido no artigo 14.1º m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de atribucións do/a conselleiro/a de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación do/a conselleiro/a.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar