DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 27 de novembro de 2009 Páx. 18.325

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 26 de novembro de 2009 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 280 millóns de euros.

Con base no artigo 32 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos.

Así mesmo, no artigo 33 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta, regulada polos decretos 79/2009, do 19 de abril, e 83/2009, do 21 de abril.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 30 de outubro de 2009 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 280 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigacións da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións en conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a seguir:

Importe: 280 millóns de euros.

Data de emisión: 30 de novembro de 2009.

Data de desembolso: 30 de novembro de 2009.

Prezo da emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.

Nominal das obrigas: 50.000 euros.

Subscrición: realizarana directamente as entidades financeiras aseguradoras da emisión, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 27 de noviembre de 2009.

Cupón: o cupón será anual e vencerá o día 30 de novembro de cada ano. Non obstante, cando estas datas teñan a consideración de inhábil no sistema Target2 ou aquel que poida substituílo no futuro, o pagamento dos cupóns e do reembolso pola amortización das obrigas efecturase o día hábil seguinte segundo o calendario do devandito sistema, salvo que coincida no mes seguinte; neste caso adiantarase ao primer día hábil anterior. O tedor dos valores non terá dereito a percibir xuros como consecuencia deste atraso.

Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia no día 18 de xuño de 2004.

Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública no mercado de débeda pública en anotacións (Iberclear) na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización: dunha soa vez á par, aos 10 anos da data de emisión.

Tipo de xuro: 4,205%.

Pagamento de xuros e amortización: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda serán realizados polo Banco de España, consonte o establecido no convenio marco, do 7 de novembro de 2005, sobre prestación do servizo de tesouraría e do servizo financeiro da débeda pública.

Liquidez: Caixa Galicia e Caixanova garanten durante a vida da emisión a liquidez das obrigas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2009.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda